jueves, 30 de mayo de 2013

Iconografía da Virxe do Carme Mariñeira / Manuel Uxío García Barreiro





1º) PROCEDENCIA DA ADVOCACIÓN Á VIRXE DO CARME


Conforme amosa a tradición cristián, as orixes da nai de Deus, na súa advocación como Virxe do Carme, retrotraese á visión que tivo o profeta Elías, dende o cumio do israelita Monte Carmelo, dunha nube branca que emerxendo do mar elevábase  cara ao ceo, segundo está salientado na Biblia. Esta visión foi interpretada polos primitivos cristiáns como un compromiso divino vencellado a que Xesucristo ía nacer dunha muller sen pecado orixinal.

O topónimo Carmelo, procede da verba hebrea “karmel”  que significa “xardín”  e  neste monte, dende os comezos da cristiandade, xurdiron  monxes anacoretas que logo constituíron unha comunidade destinada, preferentemente, a darlle culto á Virxe María.

A citada comunidade foi o xermolo da orde do Carmelo, coñecida tamén por “orde carmelita” que no século XIII tivo un superior xeral chamado Simón Stock quen, despois de pasar seis anos nun mosteiro erguido nos arredores do monte israelita, elixiu volver á súa terra inglesa diante do perigo de que os mouros invadisen esa zona e destruísen o convento. Denantes de abandonar o lugar, o superior tivo a derradeira xuntanza cos frades para louvar á Virxe María, como “Estrela do Mar”, pola causa da salientada visión do profeta Elías.

De acordo tamén coa tradición cristián, estando Simón na súa terra británica, na data do 16 de xullo de 1.251, apareceulle a Virxe para doarlle un escapulario, baixo a promesa de que non irían ao inferno os crentes que o levasen posto no intre de morrer. O escapulario que deriva da verba latina “scapulae”, co significado de ombro, é unha especie de mandil, confeccionado con tela marrón, que dispón dunha abertura para que por ela entre a cabeza de cada monxe carmelita, que a partir dese ano íano vestir, cinguido ao peito e ás súas costas. Na parte dianteira leva gravado o escudo da orde do carmelo, formado por un monte rodeado de tres estrelas cunha cruz no cumio; o escudo tamén se grava nun segundo modelo, máis cativo, que se elabora con dous cadros de tela, unidos  por cordóns.

No 1.322, cando descorreran 71 anos dende a entrega do escapulario, o papa Xoán XXII, semella que tivo outra aparición da Virxe para facerlle a promesa de que todas as persoas que finasen co escapulario posto, ademais de non ir ao inferno, libraríanse do purgatorio no sábado seguinte ao día de morrer.

A orde monástica dos carmelitas foi a encargada de espallar por todo o mundo cristián as devanditas devocións e promesas marianas, conseguindo por medio de estampas, imaxes da Virxe do Carme e sermóns que o pobo, daquela moi crente, entregarase  a poñela en práctica co obxecto de ir ao ceo con facilidade, logo de rematar a vida terrea.

No século XV a orde carmelita partiuse en dúas, a chamada dos“carmelitas calzados” e a dos “carmelitas descalzos”; os impulsores desta última orde foron os grandes  místicos, Santa Teresa de Xesús e San Xoán da Cruz.  No XVI, o papa Pablo V, que por proceder da orde carmelita continuou vestindo hábitos brancos, dando orixe a que seus sucesores tamén os adoptaran, fixou a festa da Virxe do Carme na data do 16 de xullo, aniversario da súa aparición a San Simón Stock.



2º) PRIMEIRAS IMAXES DA VIRXE  


A orde carmelita deseñou unha iconografía da Virxe do Carme doándolle un escapulario ao seu santo, Simón Stock, e logo do Concilio de Trento, no século XVI, comezan a tallarse imaxes dela enriba dunha nube de onde emerxen tres anxos, representando a visión do profeta Elias; tamén se encontran nalgúns petos, ánimas ardendo no purgatorio que substitúen aos anxos e as nubes, baixo o obxectivo de lembrar que a misión mais importante dela, era a de baleirar ese lugar de tránsito cara ao ceo.





Imaxe da Virxe do Carme do século XVII, restaurada recentemente, que formou parte dun retablo da igrexa de San Martiño de Moaña,  adicado as “Animas do Purgatorio” o cal,  foi mandado desmontar polo párroco de entonces,  no ano  1952.
 



 A iconografía salientada, impúxose nas igrexas ao longo dese século e nos seguintes, debido á propaganda que dela facía a orde carmelita e logo a franciscana, moi devota das chamadas “Benditas Ánimas” que se tallaron nos petos; nalgúns deles esculpíanse tamén a citada Virxe do Carme, San Francisco (fundador da orde) e San Antonio. Complementábanse as esmolas dos petos das ánimas, coa venda dos hábitos franciscanos para amortallar os cadáveres das persoas podentes que deste xeito, acadaban moitas indulxencias.


 

 
Baixorrelevo do retablo no que se encontraba a imaxe anterior. Aparecen as tallas dun papa, bispo, crego, frade, home e muller entre lapas do purgatorio. Na actualidade descoñecese o seu paradoiro.
 





3) A VIRXE DO CARME VENCELLADA AOS HOMES DO MAR.

Dende os inicios do cristianismo, os principais protectores da xente do mar foron: San Pedro, San Telmo e a Virxe do Rosario; non obstante, en 1.784, o almirante que mandaba unha expedición organizada en Cartaxena para loitar contra os piratas alxerianos,  impulsou entre os seus mariñeiros o culto á  Virxe do Carme, lembrando os escritos de San Simón Stock que relacionaban o seu nome co  de “Estrela do Mar” e tendo en conta que os astros axudaban moito á navegación dese tempo.

A devandita devoción fíxose moi popular entre os mariños de guerra; tanto é así que o 19 de abril de 1.901, a raíña rexente, María Cristina, promulgou unha Real Orde proclamando á Virxe do Carme patroa da Mariña de Guerra e o 28 de xuño dese mesmo ano declarou o 16 de xullo día festivo para todas as xentes do mar.

Os mariños de guerra de toda España, con maioría de procedencia galega, tiñan a obriga de cantar nos citados barcos, a Salve Marinera composta nesa época; ao chegar eles ás súas parroquias costeiras, convertéronse nos máis fieis propagadores da devoción á Virxe do Carme. Deste xeito comezouse a honrala na dobre advocación de intercesora das ánimas e dos mariñeiros.



4) NOVA ICONOGRAFÍA DA VIRXE DO CARMEN, CREADA POLO IMAXINEIRO COMPOSTELÁN XOSÉ RIVAS RODRÍGUEZ" E CONTINUADA POLOS SEUS FILLOS.

Cos antecedentes expostos chégase á conclusión de que faltaba algún imaxineiro que dese forma a unha nova  iconografía mariana, destinada a relevar súa relación coa xente do  mar. Entón, aparece o gran tallista compostelán Xosé Rivas Rodríguez, nado en 1.885 e falecido no 1.950 aos 65 anos de idade, asociado en 1.916 co cura párroco de Santa María de Cedeira, cuxa maior obsesión era beneficiar ás familias de preto dun cento de mariñeiros, mortos nun horrible naufraxio.

Froito da devandita unión é a primeira imaxe mariñeira de Rivas, que realmente non representa á Virxe do Carme, posto que leva un hábito azul liso, sen escapularios; elo débese a que foi entronizada na Igrexa Parroquial de Santa María de Cedeira, para substituír a antiga talla da patroa, cuxa festa se celebraba  cada 15 de agosto.


 
  
 
Imaxe de Nosa Señora do Mar, entronizada en 1917 na igrexa parroquial de Cedeira.

  
O motivo de que dita Virxe, que logo se chamou Nosa Señora do Mar, se representase por vez primeira desta forma débese aos seguintes feitos:

  • Nos comezos do século XX saíron dende a ría de Cedeira, cara ao mar aberto, varias traiñeiras de remo e vela con sete mariñeiros en cada unha e cando chegaron  ao seu destino, levantouse unha forte tempestade que fíxoas mergullar a todas.

  • Como é lóxico, a traxedia cebouse nunha meirande parte das casas da parroquia e con ela, as conseguintes secuelas de pobreza e  fame.

  • Nese tempo rexía a freguesía de Cedeira un gran crego, chamado Don José, que empregou a súa vida e patrimonio na axuda dos pais, viúvas e orfos da pobre xente do mar e tan obsesionado estaba con eses mesteres que unha noite soñou que a Virxe María, baixaba do Ceo para recoller aos citados náufragos.

  • Ese soño conmocionouno de tal maneira que fixo unha viaxe, cara a Santiago, co obxecto de que un escultor da época, que comezaba a ser coñecido, puidese facer un bosquexo que dera lugar a unha nova imaxe mariana.  

  • É entón cando se encontra con Xosé Rivas Rodríguez, que aínda estaba na mocidade o cal, logo de escoitar con atención o seu relato, confeccionou un esbozo que foi do agrado do cura quen, pouco despois, asinou co escultor un contrato para construír en madeira unha Virxe con Neno, vestida toda de azul, con manto claro, camiñando sobre as augas embravecidas do mar aberto para recoller coa súa man dereita a un mariñeiro que, como todos desa época, ía equipado con traxe de augas de tela, impermeabilizada con aceite de liñaza, e levaba na cabeza un gorro ou "sueste" do mesmo material o cal, xunto con outros dous, tapados polas ondas estaban a punto de afogarse.

  • Esta nova imaxe foi transportada, no ano 1.917, dende Santiago ao porto da Coruña, onde estaba atracado un barco de vapor denominado Sotana; a bordo del navegou rumbo a Cedeira, na compaña doutros pesqueiros, nunha vistosa procesión marítima, preludio de moitas outras que continúan celebrándose nas costas galegas.

  • Ao chegar a Cedeira e non haber peirao daquela, o barco quedou varado na praia e alí mesmo, todo o pobo descalzo recolleuna para subila en procesión ata pousar na igrexa parroquial e presidir  o seu retablo maior.

Por facerse moi popular a devandita imaxe, outras parroquias costeiras de Galicia encargáronlle ao salientado imaxineiro outras parellas, pero xa na súa advocación de Virxe do Carme; é dicir, cambiando seu vestido azul polo hábito marrón das carmelitas, co escapulario, tamén marrón, no peito e o pequeno de cordóns nas mans do neno Deus.

Dez anos mais tarde, en 1.927, cando Xosé Rivas tiña 42 anos de idade, en plena madureza artística, remata as magníficas imaxes da Virxe do Carmen Mariñeira que lle encargaron dende as parroquias de Baiona e San Martiño de Moaña.

Estas dúas imaxes, aínda cando hai algunha diferenza entre elas, son especialmente esveltas e máis traballadas que a de Cedeira, sobre todo a de Moaña, onde o artista realizou un labor fino de policromía para que destaquen, sobre o escapulario grande e o hábito marrón,  filigranas estofadas enriba de láminas de ouro; logrou deste xeito que a imaxe presente unha beleza e elegancia clásica á que tamén contribúen as súas grandes dimensións, polo que se pode deducir que se trata dunha meirande obra de imaxinaría relixiosa do século XX.

  

 
Imaxe da Virxe do Carme Mariñeira que se venera na igrexa de San Martiño de Moaña dende o ano 1927.
 


 5) VIDA E DEMAIS OBRAS DE IMAXINARÍA REALIZADAS POR JOSÉ RIVAS E POLOS SEUS NOVE FILLOS.

O grande escultor, D. Xosé Rivas Rodríguez, estudou na Escola de Artes e Oficios de Santiago e no Taller de Escultura de D. Máximo Magariños e D. Ramón Nuñez e estableceuse pola súa conta no ano 1.909, con 24 anos de idade.

Seu primeiro taller montouno na Rua del Villar de Santiago e nel traballaron moitos discípulos que realizaron todo tipo de imaxes relixiosas e algunhas profanas para as igrexas de Santiago, Pontevedra, Vigo, etc.

En 1926 esculpiu as imaxes para o desencravo de orixe medieval que aínda se representa na citada igrexa matriz de Moaña: Cristo Articulado, Virxe Dolorosa e Urna. Por esa época tallou tamén a imaxe do patrón dela, San Martiño.

Os pasos de A Piedade, O Bico de Xudas e a Burriña Nazarena que saen en procesión durante a Semana Santa de Viveiro, así como o grupo do Calvario realizado no ano 1.943 para o devandito pobo, saíron do seu taller.Tamén realizou pasos da Oración do Horto para as Igrexas de San Nicolás da Coruña e Concatedral de Vigo. Recibiu igualmente encargos de fóra de Galicia, construíndo un Cristo Xacente con Urna elevada por dous anxos para Damiel, en Castela - A Mancha

No ano 1.934 trasladou o taller á rúa La Enseñanza 11 de Santiago, continuando o seu labor creativo en compañía dos seus fillos e discípulos e tallando máis timaxes da Virxe do Carme Mariñeira que alternaba con outras como o Cristo do Amor Fermoso de Vilagarcía, Grupo da Milagrosa e San Xoán Bosco de Bouzas, Virxe do Perpetuo Socorro para a Igrexa de Sta. María de Pontevedra, Paso da Caída do Señor e Ascensión da Virxe da Concatedral de Vigo, etc.

A partir do ano da súa morte (1.950), os seus nove fillos seguiron a tradición familiar, esculpindo máis imaxes do Carme coa mesma iconografía que deseñara o pai malia que, en ningún caso exactamente iguais e outras tallas.

Un exemplo de conxunto mariano moi elaborado e o de maior tamaño executado polos irmáns Rivas Varela, nos anos 50 do pasado século, foi o que se venera na Igrexa de Foz; nel, un dos tres mariñeiros emerxe totalmente do mar, axudado pola Virxe.
  


Virxe do Carme Mariñeira da igrexa de Foz, tallada polos fillos de Xosé Rivas en 1950.

 


 En Galicia, outros imaxineiros imitaron aos da familia Rivas, creando imaxes do mesmo estilo, polo que é común encontrar a iconografía da Virxe do Carmen Mariñeira nun grande numero de freguesías da costa galega, fenómeno que non existe en ningún outro lugar de España.


Moaña, 15 de maio de 2.013
Manuel Uxío. García Barreiro




O autor destas liñas quere agradecer profundamente ao menor dos irmáns Rivas Varela, hoxe defunto, e ao fotógrafo de Cedeira D. Luís Barge Díaz, toda a información que lle facilitaron sen a cal, non podería executar este traballo.



.