jueves, 13 de junio de 2013

Moaña no camiño do mar (VII), por Manuel Uxío García Barreiro



7 . CAMBIO DE DEVOCIÓNS RELIXIOSAS, INCLUÍNDO A SUSPENSIÓN DAS FESTAS DE SAN MARTIÑO EN 1.956, POLO NAUFRAXIO DO “AVE DEL MAR"



Cando o barco de pesca de baixura “Ave del Mar” puxo rumbo cara ás zonas onde abondaban as sardiñas, a tarde do 9 de novembro de 1.956, estaban en pleno auxe os preparativos das festas patronais, cuxo inicio prevíase que tivese lugar ás doce do mediodía da seguinte xornada, sábado, por medio dun repenique das dúas campás do templo parroquial de Moaña e dunha tirada de foguetes. 

Así se iniciaban as festas patronais nas catro parroquias moañesas, dúas das cales, as que sempre estiveron máis volcadas cara á ría, Domaio e Tirán, se encontran baixo a advocación de santos relacionados coas augas: a primeira ten como patrón a San Pedro, santo protector dos pescadores, e a segunda está consagrada a San Xoán, que foi o que batizou a Cristo no río Xordán. Iso denota a antigüidade destas dúas parroquias e a súa vella relación coas augas, a pesar de que a actual igrexa de Domaio sexa barroca do século XVIII e a de Tirán, románica do século XIII. 

A parroquia de Meira ten como patrona a Santa Olalla, que sufriu martirio durante os primerios séculos da cristiandade, polo que tamén revela os moitos séculos que o cristianismo leva introducido na parroquia, aínda que esta mártir non teña ningunha relación coñecida cos mares. 

O padroado máis moderno das catro é o de San Martiño de Tours, baixo cuxa advocación se consagrou a igrexa da antiga freguesía de Moaña no último cuartel do século XII. Este foi o primeiro representante do santoral cristián que non foi apóstol, discípulo, mártir... Canonizouse soamente por ter sido un home que levou unha vida de santidade e que morreu de morte natural na súa ancianidade.

Do anteriormente exposto dedúcese que os santos patronos de Moaña e Meira non tiñan relación coñecida co mar, pero a partir do século XVI foise impondo en todas as parroquias a devoción á Virxe do Rosario, “A Galeona”, cuxa imaxe se levaba nos barcos de vela ata datas relativamente recentes, e que aínda se embarca en Cádiz a bordo do buque-escola da Mariña de Guerra “Juan Sebastián Elcano” para dar con ela a volta ao mundo. 


A fins do século XIX, e sobre todo a partir do ano 1.901 en que por Real Orde da raíña rexente Dona María Cristina, se nomea patroa da Mariña de Guerra á Virxe do Carme e se declara festivo para toda a xente do mar o 16 de xullo, esta advocación faise moi popular nas catro parroquias e as imaxes do século XVIII que estaban nas súas igrexas en calidade de avogadas das ánimas do purgatorio pasan a ser tamén protectoras dos mariñeiros. 

No ano 1.926 os mariñeiros de Moaña nomearon unha comisión presidida por D. José Costa Paredes para celebrar a primeira festa do Carme arredor do mar e conseguiron a mediación do Axundante de Mariña de Cangas para que todas as embarcacións sufragasen semanalmente unha cantidade monetaria para as festas. Isto supúxolle un serio contratempo ao Pósito de Pescadores, segundo relata José Costa Alonso nas súas memorias, posto que os armadores aproveitaron a conxuntura para deixar de pagar o 0,5% das súas ganancias á Sociedade.

A festa celebrouse con toda a brillantez, facéndoa coincidir coa colocación da primeira pedra do peirán que ía substituír ao de madeira, segundo se pode comprobar na foto que se inserta nesta páxina, onde tamén se observa o estandarte e a cruz da entón igrexa parroquial de Moaña que van na procesión. A Virxe tamén proviña da Igrexa de San Martiño, aínda que un pouco máis tarde lla deron ao imaxineiro José Rivas Rodríguez como troco pola nova imaxe que construíu e que chegou por mar a Moaña na data de San Martiño do ano seguinte. 

Como consecuencia da reviravolta que se produciu na freguesía de Moaña pola transformación de moitos dos seus agricultores en mariñeiros, sobre todo a partir do ano 1.902 en que se legalizou a pesca á ardora; tendo en conta ademais que se cambiou a clásica iconografía da Virxe do Carme por outra na que se representaba recollendo náufragos, popularizada polo citado imaxineiro compostelán, José Rivas Rodríguez, a partir de 1.917, ano en que chegou á igrexa de Cedeira a súa primeira imaxe con esas características, os traballadores dos dous gremios, agricultores e mariñeiros, encargaron a ese escultor unha nova imaxe para a igrexa de San Martiño e nela se encontra desde o 11 de novembro de 1.927.

Para completar a lista dos principais conflitos sociais acaecidos en Moaña na súa aproximación ao mar, sinálase un máis, este de ámbito relixioso, que aconteceu na freguesía con motivo da adquisición de dita imaxe, e para describilo coma máxima obxectividade nada mellor que a cita textual que se recolle nas memorias do patrón maior do Pósito de Pescadores D. José Costa Alonso referidas ao ano 1.927:

Aquel año, los pescadores de los barrios de arriba de Moaña y mas los agricultores, pero preferentemente aquellos, adquirieron por suscripción una preciosa imagen de Nuestra Señora del Carmen, a la que le pusieron en el pedestal este letrero: “Donada por los agricultores”. La trajeron en barco desde Vigo el día 11 de noviembre, festividad del patrón de la villa, san Martiño y la desembarcaron en la playa del Con, barrio apartado del centro. 
Todo esto fue considerado como un desprecio por los marineros, que se creían ultrajados después de haber contribuido más que nadie para la adquisición de la imagen. Su indignación dio lugar a ruidosas protestas. Tanto que se propusieron aquel mismo día, 11 de noviembre, hacer fracasar la fiesta del día siguiente, que en honra de Nuestra Señora del Carmen se iba a celebrar en el atrio parroquial. Para eso, acordaron celebrar otra fiesta en el barrio de la Playa, de mucha más foliada que la deatrio. Se formaron dos comisiones –de una de ellas formé yo parte-, que se encargaron de recaudar fondos para tal fin. Respondieron los vecinos de tal forma, que en medos de dos horas hubo dinero para contratar a la banda de música del regimiento de Murcia, la banda popular de Cangas, así como para luz y cohetes.
Aquella fiesta tuvo gran importancia y se celebró con gran brillantez. Los principales organizadores fueron los componentes del Recreo Marítimo Obrero, aun cuando para mi, todo aquello, por infinidad de motivos, todos muy lamentables, fue causa de gran tristeza, a pesar de tener que aparentar lo contrario

Consultados vellos mariñeiros e agricultores, as opinións non son de todo coincidentes, pois a maioría sinala que os segundos aportaron maior cantidade de diñeiro ca os primeiros. Non obstante, esa polémica carece de interés nos tempos presentes e só representa unha anécdota máis, relacionada cos citados conflitos acaecidos no concello durante o seu camiño desde o agro cara ao mar. 

No ano 1.934 foi entronizada no templo de Meira unha nova imaxe da Virxe do Carme, tamén con iconografía mariñeira. Desta maneira continuábase coa moda de ir enchendo as igrexas do litoral galego con estas populares representacións da Virxe. 

No ano 1.947, cando a poboación dos barrios máis próximos ao mar xa era abondo numerosa, o citado patrón maior do Pósito D. José Costa, despois de máis de cinco anos de chamar a moitas portas, logrou unha doazón oficial de 400.000 pesetas para construír un novo templo na Praia de Moaña. 

Nese ano era párroco D. Enrique Rubido de la Gándara, que foi o encargado de realizar os trámites necesarios para que se celebrara unha misa de campaña no solar adquirido para a súa construción o día que alí se colocou a primeira pedra. 

Durante a homilía desa celebración eucarística, un frade franciscano, fillo de Moaña, D. Hipólito Piñeiro Costa,  pronunciou unhas palabras coas que agradeceu a contribución das autoridades invitadas (alcalde, gobernador civil, presidente da Deputación, Organización Sindical, etc.) e deixou de lado ao auténtico responsábel da doazón, D. José Costa, o cal  escribiu nas súas memorias, con moita amargura, o seguinte:

¡Que pensaría en la Gloria Celestial San Francisco de Asís de las palabras injustas de su hijo Hipólito, pronunciadas solo para alabar! ¡Así se escribe la Historia! Ni siquiera tuvieron la delicadeza de llamarme para que firmase el acta que se puso debajo de la primera piedra dentro de un cofre: Lo digo sin soberbia, pero quiero expresar de alguna manera la ingratitud que conmigo se cometió, porque fui el único que estuvo luchando durante años por esa primera piedra. Lo perdonaré para que Dios me perdone. 

Esta igrexa foi cabeza da nova parroquia segregada da de San Martiño e consagrouse baixo o padroado da Virxe do Carme a comezos dos anos sesenta do pasado século, sendo o seu primeiro párroco D. Donato Bernárdez Sotelo, anterior reitor da freguesía matriz desde o ano 1.950 en que morreu o seu anterior titular, o recordado D. Enrique Rubido. 

Para esta igrexa encargouse aos fillos do citado imaxineiro D. José Rivas Rodríguez a construción dunha nova talla da Virxe do Carme, a imaxe e semellanza da que seu pai executou para a de San Martiño en 1.927, e da que representa unha boa copia. 

Coas imaxes da Virxe de todas as parroquias celebráronse procesións marítimas nos anos anteriores. Actualmente esa tradición continúa na nova parroquia do Carme, onde o 16 de xullo de cada ano se embarca a citada talla e co acompañamento de varios barcos, case todos de aceiro, en contraposición cos de madeira da época dourada da pesca á ardora, efectúase un magno desfile pola zona media da ría de Vigo. 

As festas patronais da antiga freguesía de San Martiño de Moaña tiñan unha longa tradición que se remontaba ata fins do século XII, e cada ano o 11 de novembro era honrado no interior da súa igrexa cunha misa gregoriana, cantada en latín polos moitos sacerdotes que eran invitados polo seu párroco, a cal finalizaba cunha procesión que discorría arredor da igrexa, acompañada pola banda de música de Moaña desde que a fins do século XIX fose fundada pola familia dos “Bichucos”. Dita banda substituíu neses actos ao gaiteiro que era contratado desde tempos inmemoriais e que foi rexistrado no citado catastro do Marqués de la Ensenada. 

Durante esa data do ano 1.956, que coincidía en domingo, estaba previsto que despois da actuación vespertina da citada banda de música, se efectuara o seu relevo por dúas bandas foráneas, a denominada “Unión de Lantaño” e a da Estrada, celebrando así o que naqueles tempos se denominaban “vésperas do Carme”. Iso era debido a que o patrón da parroquia non era un santo dos denominados “sanadores” e polo tanto o seu festexo era máis eclesiástico que popular. 

Na xornada seguinte, luns, pretendíase loar por todo o alto á Virxe do Carme, advocación da nai de Xesuscristo moi festexada en Moaña desde comezos do século XX, como xa se dixo, pois o inicio da pesca á ardora en todo o concello coincidiu co decreto real do seu nomeamento como avogada dos homes do mar, suplantando nesa función aos antigos intercesores, San Pedro, San Telmo e a Virxe do Rosario. 

A citada imaxe da Virxe do Carme de José Rivas tén todo o dramatismo que este lle infundiu como consecuencia do relato dunha horríbel traxedia marítima ocorrida en Cedeira a principios do século XX que lle fixo o cura desa parroquia mariñeira e que deu orixe á construción da primeira talla dunha Virxe, que se entronizou alí no ano 1.917 e a esta outra moi similar tallada polo mesmo imaxineiro no citado ano 1.927. 

A esta nova imaxe encomendábanse os mariñeiros e o resto da poboación de Moaña para que os librase dos accidentes marítimos e estaban dispostos a enaltecela con toda solemnidade o día 12, tamén cunha misa solemne, acompañada dun grupo musical de corda e voces, e a posterior procesión ata o Cruceiro, coas dúas bandas de música sinaladas. 

Era tamén costume que na casa de cada mariñeiro do “Ave del Mar” e no resto das de Moaña, ao finalizar os concertos das bandas de música e as visitas aos “furanchos”, se efectuase unha comida compartida con amigos e familiares chegados doutras parroquias, para saborear un prato de cocido galego, “o caldo de San Martiño”, ao que non lle podían faltar todos os ingredientes necesarios para que fose o mellor do ano, a saber, anacos do porco recén sacrificado, galiña vella, terneira, patacas, verzas, feixóns, e por suposto a correspondente porción de unto ou manteiga de porco que tan saboroso facía o cocido en si e a sopa que se amañaba coa súa salsa e servía como primeiro prato. 

E aínda que neses anos de posguerra non abondaban os alimentos, a maioría das familias procuraban que ademais da sopa e o cocido galego, non faltasen estofados de carneiro ou de chibo, todo ben regado con viño tinto, recén abillado, procedente das viñas de Moaña. 

Xa pola noite, esperábase que o día grande das festas chegase á súa fin cun grande baile a celebrar no denominado “adro de abaixo” amenizado polas dúas bandas de música citadas. 

Todo este programa que tan ilusionadas tiña ás xentes de Moaña desa época e para o cal entregaran moitos centos de espigas de millo, varios cabazos de viño, ademais dalgún diñeiro, en moitos casos froito dunha “parte” que lle facían os tripulantes de cada barco pesqueiro, viuse truncado pola tráxica noticia que a mediodía do venres dez de novembro foi pregoada pola tripulación do pesqueiro “Quintín”, e que chegou a oídos da Comisión de Festas cando xa comezara o lanzamento dos foguetes ao aire, despois do repenique de campás posterío ao Angelus das 12 horas. 

Inmediatamente, os membros da Comisión de Festas, cuxo presidente era Juanito do Outeiro, lanzáronse a avisar aos responsábeis das dúas bandas de música foráneas para que non se trasladasen a Moaña, así como ao grupo que ía acompañar a misa do Carme en latín desde a tribuna da igrexa cos seus violíns, violas, violoncelos e voces mixtas. 

Por desgraza para todo o concello de Moaña, no lugar e na hora en que se ía celebrar a misa solemne do día do Carme tivo lugar un funeral polas vinteseis vítimas do “Ave del Mar”, e os rostros da maioría dos veciños da freguesía, que se prevían cheas de satisfacción polas festas, truncáronse en tristes e amargas, sobre todo cando o cardeal de Santiago, D. Fernando Quiroga Palacios, pronunciou na súa homilía as seguintes palabras: 

Mis queridos hijos de Moaña, porque vuestro dolor es nuestro dolor y vuestra tragedia es nuestra, hemos venido aquí para estar con vosotros. Han venido las primeiras autoridades con representación nacional y ha venido el Cardenal de Santiago, porque sois nuestros hijos y sentimos en nuestro corazón el dolor que os aflige en estos momentos. 

Así de tráxicos resultaron os días que se esperaba que fosen de festa; traxes e vestidos novos, sorrisos, cantos e bailes convertéronse en loito, prantos e desgarros polos vinteseis náufragos en enguliu o mar, xustamente cando ían comezar as festas patronais dese ano 1.956.

Moaña no camiño do mar (VI), por Manuel Uxío García Barreiro


         

6 . TRAXEDIAS NO MAR 




Nunha entrevista realizada ao Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Moaña, D. José Costa Alonso, e que se publicou no semanario de sucesos El Caso o 17 de novembro de 1.956, o entrevistado sinala que ata esa data, e sen contabilizar as vítimas do “Ave del Mar”, eran 87 o número de náufragos que estaban inscritos nunha cruz hoxe inexistente e que foi levantada no exterior do antigo edificio do Pósito en memoria dos náufragos do concello. 

Segundo as investigacións do recordado sr. Costa Alonso, a catástrofe marítima máis importante acaecida con anterioridade ao citado ano 1.956 tivo lugar o 13 de novembro de 1.838, cando unha embarcación de remos e vela que facía habitualmente a travesía a Vigo con carga e pasaxe volcou á altura do Con, perecendo os seus 14 ocupantes, entre eles dúas mulleres. Sete deles eran da parroquia de San Martiño e tres da de Tirán, de acordo co rexistrado nos libros de defuntos parroquiais, faltando por identificar os catro restantes, probabelmente por ser menores ou veciños doutras parroquias.



Para recordar este feito luctuoso aínda segue en pé unha cruz que os familiares do náufrago José Ramón González erixiron na súa memoria no barrio do Con. 

Na mesma entrevista, Costa Alonso dá conta da mala sorte que os días das festas patronais en honor de San Martiño trouxeron para os homes do mar, pois o 11 de novembro de 1.945 faleceron seis tripulantes do “Nueva Rosita” do armador Antonio Gestido, de Berducedo, á altura da illa de Sálvora. 

Nun relato sobre naufraxios escrito en xullo do ano 2.000 polo membro da Asociación Cultural “Nós” Xosé Carlos Villaverde Román, cítanse as seguintes catástrofes marítimas en barcos relacionados co concello de Moaña:

-“Viuda”, de Domaio, lancha de pasaxe, con 9 persoas afogadas o 19 de xuño de 1.875. 

-“A Enviada”, de Moaña, bote de vela, cun matrimonio afogado o 24 de xaneiro de 1.910. 

-“Filomena”, traíña de Moaña, cunha persoa afogada o 21 de setembro de 1.911. 

-“Blanca”, traíña igualmente moañesa que volcou, aínda que por sorte se salvaron os seus 23 mariñeiros o 4 de abril de 1.913. 

-“Francisquito”, vapor pesqueiro de Moaña que chocou con outro barco, salvándose tamén os seus 30 tripulantes o 21 de novembro de 1.922. 

-“Cuatro hermanos”, pesqueiro a motor de Guixar con 6 persoas afogadas o 10

de decembro de 1.934, unha delas de Moaña. 

-Un bote dedicado á pesca coa arte do boliche, de Moaña, que afundiu, afogando dúas persoas das seis que o tripulaban, o 27 de xuño de 1.937. 

-“Nuevo Rosita”, pesqueiro a motor de Moaña que naufragou á entrada da ría da Arousa o 5 de setembro de 1.945, con seis moañeses afogados. 

-“Ave del Mar”, pesqueiro de Moaña, con 26 persoas afogadas o 10 de novembro de 1.956, o máis tráxico de todos e ao que se dedican varios capítulos deste libro. 

-Unha motora pequena que chocou cunha rocha perto de Arcade cando ían de excursión, perecendo dúas mulleres das oito persoas que ían a bordo o 13 de xullo de 1.960. 

-“Aferrón”, pesqueiro do Con, que chocou cun barco de Bouzas perto de Cabo Silleiro, perecendo tres dos seus vintecinco tripulantes o 8 de decembro de 1.962. 

Un dos afogados era de Tirán, outro de Moaña e o terceiro de Coiro. 

-“O Centoleira”, pesqueiro do Con, con 17 persoas afogadas da súa tripulación de 22 o 5 de xaneiro de 1.964, sendo o segundo naufraxio máis tráxico dos ocorridos en barcos relacionados co concello de Moaña. 

- “Ángel”, pesqueiro de Meira con 6 persoas afogadas dunha tripulación de 7 o 9 de setembro de 1968. Dúas delas non foron recuperadas. 

-“Perla das Cíes”, barco de Moaña de 12 metros de eslora desaparecido o 29 de marzo de 1.985 con catro persoas a bordo, cando se dirixía ao peirán do Con desde as illas Cíes. Só apareceu o corpo de Teresa Viñas flotando nunha praia de Ogrobe. 

Tal e como se expuxo na relación, o segundo naufraxio máis tráxico no que respecta ao número de persoas afogadas foi o do “Centoleira”, barco de pesca de madeira de 57 toneladas de rexistro bruto, 11 metros de eslora e con propulsión a motor, dedicado á ardora. Fora construído nun estaleiro de Bueu para o armador Cándido Pena e comprado de segunda man polos armadores do Con Jesús e José Fernández Vilariño.

Eran pouco máis das dúas da mañanciña do domingo 5 de xaneiro de 1.964 cando a tripulación deste barco terminara de cear unha caldeirada en terra, despois de descargaren no Berbés seis cestas de sardiña que pescaran ao anoitecer. Dispúñanse a tomar novo rumbo cara aos bancos de pesca coa maioría dos mariñeiros amoreados nas súas “panas”, tratando de durmir un pouco, agás Arturo Jalda, que procuraba conciliar o sono dentro da chalana. Todos estaban á espera de que o patrón de pesca dese de novo a orde de botala ao mar e desa forma continuar a pesca.

Na ponte de mando, gobernando o buque, ían os dous armadores sinalados, un no posto de patrón de costa e o outro de pesca, e na máquina estaba o motorista Leonardo González Durán, cando a uns 50 metros da boia de Bouzas, o bo “Puente San Andrés” embestiuno pola popa, abríndolle unha grande brecha de máis dun metro cadrado que tivo a tráxica consecuencia de afundilo en poucos segundos.

A partir de aí, gritos e chamadas de auxilio desde o mar dos cinco supervivintes da traxedia, pois os outros dezasete baixaron ao fondo directamente, a maior parte deles dentro das caixas onde durmían. De maneira instantánea, o propio bou causante do afundimento prestoulles auxilio, o mesmo que fixeron outras embarcacións que estaban perto e se aproximaron, como o “Massó 18” e o “Nueva Flor de María”.

É de destacar que un dos supervivintes, o armador e patrón de pesca José Fernández, apareceu morto na súa casa ao día seguinte do naufraxio, consecuencia sen dúbida do golpe que deu na ponte, e que o citado mariñeiro Arturo Jalda salvou a vida polo medo que tiña a durmir cos seus compañeiros nas panas das caixas, polo que quedou flotando dentro da chalana mentres o pesqueiro afundía. Este home viviu toda a súa vida coa pena de non poder axudar a que se salvaran outros tripulantes, sumíndose nunha forte depresión ata a súa morte. 

Tamén cabe sinalar que os doce náufragos encontrados na caixa de popa apareceron abrazados entre si. Ao motorista achárono afogado dentro da sala de máquinas, abrazado a unha pequena talla da Virxe do Carme, e na caixa de proa o mariñeiro Luciano, un dos supervivintes, logrou agarrar ao rapaz de a bordo, Pedro Nogueira, e subilo a flote, manobra que non pudio facer co outro rapaz, fillo seu, polo que o trauma que lle supuxo este feito levouno ata o suicidio anos máis tarde.

O día seguinte, festividade dos Reis Magos, xa non se celebrou coa alegría acostumada, pois os fillos dos náufragos perderon a ilusión polos pobres agasallos que neses anos viñan de Oriente. Igual lles sucedeu aos damnificados do “Ave del Mar” e doutros barcos que naufragaron durante as festas patronais de San Martiño, polo que é de enfatizar o feito de que moitos días festivos se tornaron tráxicos para os poboadores de todo o concello de Moaña. 

Ao tratarse do segundo naufraxio con maior número de afogados dos acaecidos en Moaña, a continuación relaciónanse os dezasete falecidos entre os vintedous tripulantes que o sábado 4 de xaneiro pola tarde embarcaron no peirán do Con:

-José Nogueira Collazo. 

-Manuel Carlos Lorenzo Alonso. 

-Leonardo González Durán. 

-Eliseo Molanes Germade. 

-Julio Collazo Gil. 

-Gabriel Paredes Martínez. 

-Salvador Costa Juncal. 

-Antonio Pena Pastoriza. 

-Ángel Antonio Fernández Martínez. -Balbino Rivas Durán. 

-José Fernández Vilariño. 

-Manuel Paredes Barreiro. 

-José Gil Vidal. 

-Francisco Ríos del Río. 

-Daniel Iglesias Chapela. 

-Manuel Ríos del Río. 

-José Iglesias Malvido. 

Por desgraza, as citadas traxedias significaron un elevado tributo que esta sufrida vila mariñeira tivo que pagar pola súa relación co mar, ao que hai que engadir os moitos mariñeiros que desapareceron nos caladoiros do Gran Sole, costa de Portugal, Terranova, etc., ademais dos que pereceron en naufraxios de barcos mercantes. Vaia como homenaxe a todos eles a fotografía que cerra este capítulo, co mar cheo de flores lanzadas á ría durante unha procesión marítima. 



Moaña no camiño do mar (V), por Manuel Uxío García Barreiro



5 . AS CORDELERÍAS DE MEIRA



O catastro do Marques de la Ensenada, que tantas veces se citou en anteriores capítulos, detalla que no ano 1.750 o número de tecedores da parroquia de Moaña era de 13; en Domaio había 5; en Tirán ningún e en Meira, 24. Esta desproporción con respecto ao número de habitantes remóntanos aos traballos de artesanía destinados á confección de cordas que desde tempo inmemorial se desenvolveu nesta última parroquia. 

De acordo co que se expón no Museo das Carreiras instalado na illa de Samertolameu, confeccionábanse cabos para os barcos de remos e velas, así como cordeis e cordas para a agricultura nos baixos e nos quinteiros das casas antigas, empregando para iso fibras vexetais como as follas das canas, as de millo, bimbios, cebolas, silvas e sobre todo xuncos, ademais de produtos animais como crinas de cabalos, tripas de porcos e tamén de vacas, etc.. 

Ao pertencer a esta parroquia a ampla zona da Xunqueira, nesa época totalmente cuberta de xuncos, a materia prima para a elaboración de todo tipo de cordas tíñana moi a man, polo que non é de estrañar que se localizasen tantos tecedores censados e que os produtos que manufacturaban gozasen de ampla fama en todas as poboacións do contorno. 

Tamén se cultivaba o liño en moitas fincas desta parroquia e das colindantes, planta moi solicitada para elaborar un tipo de fío moi adecuado para a confección de prendas finas de vestir e de cama. 

O equipamento tradicional que se utilizaba para trenzar ditas fibras era moi rudimentario. Consistía nunha táboa provista de varios ganchos nun extremo que se facían xirar e nos cales enganchaban as fibras, que suxeitas no outro extremo entrelazábanse entre elas pasando polo medio da guía ou cabría. Canto máis se entrelazaban, máis se acurtaban, polo que os ganchos que xiraban ían montados enriba dun carro que se deslizaba lonxitudinalmente. A este sistema de trenzar denominóuselle tradicionalmente “carreira” e esta palabra quedou unida para sempre a esta manufactura, de modo que as cordelerías coñécense popularmente con este nome.

Ante o maior aproveitamento das riquezas mariñas que se ían impondo a partir da chegada dos fomentadores cataláns a Galiza, facíase necesario desenvolver máis esta confección artesanal de cabos, xa que aumentaba considerabelmente o número de botes, traíñas e barcos de pesca que se construían en todo o litoral galego. Desta forma naceu a industria das cordelerías. 

O seu impulsor foi un andaluz chamado Alejandro Castilla Castaño, que naceu no Puerto de Santa María no ano 1.851 e que emigrou a Cataluña, onde chegou ao posto de encargado dunha industria téxtil. Este home trasladouse a Meira a fins do século XIX e puxo en marcha o proceso industrial de confección de cabos e cordas, dando lugar ao florecemento das famosas cordelerías ou carreiras. 


Nos edificios longos e estreitos dedicados este fin, instalábanse varias rodas. En cada unha delas empregábanse catro mulleres: unha que se dedicaba a xirala manualmente e as outras tres que ían fiando e trenzando unha fibra vexetal denominada “cánabo” que procedía de Callosa de Segura, en Alacante, aínda que durante a guerra civil tamén se Carreira, reconstrución de Diego S. Seixo importou de Castela-León e de Aragón.

O cánabo transportábase en monllos ata as carreiras. Ao chegar a elas restrelábase para eliminarlle as súas impurezas e almacenábase, existindo unha persoa dedicada a pór nas proximidades da roda a cantidade desa materia prima que se estimaba necesaria para elaborar as cordas durante un día de traballo. Dita cantidade debía ser respectada ao máximo: algunha mulleres maiores que traballaron durante a mocidade nas cordelerías recordan como tiveran que soportar algunha que outra reprimenda cando non era así, pois iso significaba que a densidade das cordas elaboradas ese día non estaba de todo conforme cos estándares establecidos.

O cánabo era enrolado á cintura das tres fiadoras e atado ás garruchas de cada roda. Cando a cuarta muller a facía rodar, tamén xiraban ditas garruchas a moita maior velocidade. Desta forma daba

comezo o labor do fiado, coas tres citadas fiadoras andando cara atrás, saíndo das mans de cada unha delas un fío fino, de igual maneira que se se tratase dunha roca con fuso. 

Ao chegaren a unha marca previamente establecida, daba comezo a etapa do trenzado dos tres fíos, que se xuntaban estando a roda parada.Esta volvía a xirar para que unha das citadas fiadoras se desprazara tamén coa cabría nas mans, á que ían entrelazados ditos fíos, agora de cara á roda, mentres as dúas compañeiras sostiñan o extremo. Esta etapa de formación da corda denominábase “encallado”.

A última fase consistía en dar xiro outra vez á roda para que as fiadoras deixasen apertados e igualados os tres fíos que se entrelazaron. Denominábase “colchado” e con ela conseguíase manufacturar un tipo de corda moi solicitada non só en Galiza, senón tamén nos portos do Cantábrico.

No ano 1.943 unha guía informativa cita que esta industria empregaba a perto de mil traballadores, na súa meirande parte mulleres, o que dá conta da enorme importancia que tivo para a parroquia de Meira, onde se seguiron confeccionando cordas a plena produción na seguinte década dos cincuenta debido ao auxe da pesca á ardora e á forte demanda creada polas bateas. É xa a fins dos sesenta cando a enorme competencia das fibras sintéticas e a mecanización acabaron coas carreiras. 

Como recordo de todas as naves cubertas, de pedras ou ladrillos, longas e estreitas, que inundaban a paisaxe de Meira, en cuxo interior chegaron a estar en activo ata doce rodas por edificio e eran divisadas dende a lonxanía, aínda permanece unha delas, a de Jaime Nogueira, no Caeiro. Claro que agora non dispón nin sequera dunha soa de ditas rodas; a última que lle quedou é a que se mostra neste capítulo, e foi doada ao Museo das Carreiras.

Esta actividade desapareceu hoxe en día, posto que as cordas de cánabo reemprazáronse polas sintéticas e a mecanización substituíu a maior parte da man de obra, perdéndose así outro dos sinais de identidade das parroquias moañesas no seu percorrido cara ao mar, neste caso limitada de maneira exclusiva á parroquia de Meira. 

Na citada cordelería do Caeiro, de estrutura tradicional, aínda se seguen confeccionando cordas para as bateas, agora con materiais sintéticos e usando unha garrucha movida mediante un motor eléctrico, polo que só da emprego a dúas persoas como máximo.

Hai outras dúas empresas máis que seguen producindo cordas a base de materiais sintéticos en factorías modernas, cun alto grao de mecanización; por iso a súa man de obra é tamén escasísima. Trátase da cordelería de María José Martínez, na illa de Samertolameu, e a cordelería Hilosmar, na Porta do Sol. 

Por último, tamén se debe subliñar que as novas xeracións poden acudir ás demostracións que en días sinalados se realizan no Museo das Carreiras. Nelas podemos observar como tres mulleres de idade, antigas empregadas das cordelerías, amarran de novo á cintura os monllos de cánabo e abrollan outra vez nas súas mans novas cordas. Úsase para iso a citada roda instalada no museo ao aire libre da illa de Samertolameu e que é xirada pola cuarta compañeira. 

Retrotráense estas señoras aos seus anos de mocidade e era moito o disfrute dos espectadores ao observar nunha das citadas demostracións con que facilidade saían dos seus labios as palabras do argot técnico, que recordaban integramente á vez que ían realizando os labores de fiado, trenzado e colchado. 

Tampouco faltaban as pequenas críticas doutras antigas compañeiras presentes, por usar máis cánabo do necesario, pois confirmaban que cando estaban en activo non podían sobrepasar as cantidades de dita fibra que eran adxudicadas a cada equipo para consumirse nun día de traballo, sendo agora elas as que substituían aos encargados nas súas “reprimendas”. Claro que desta vez facíano entre risos.

Moaña no camiño do mar (IV), por Manuel Uxío García Barreiro

            4 . A CONSTRUCIÓN NAVAL NO CONCELLO DE MOAÑA

 Para tratar da evolución de Moaña en todo o que atinxe á construción naval, outra vez hai que recorrer ao catastro publicado en 1.752. Nel encóntranse censados un total de dezaseis carpinteiros, oito en Moaña, cinco en Meira, dous en Domaio e un só en Tirán. O curioso é que na lista non aparece mención ningunha sobre a existencia de carpinteiros de ribeira, polo que cabe supór que algún dos dezaseis complementaba os seus traballos na construción de vivendas, cadras, móbeis, etc., coa montaxe das dornas que si están rexistradas no citado catastro.
            Outro feito a destacar, é que eran as parroquias máis próximas ao mar, Domaio e Tirán, as que menos carpinteiros tiñan, o que concorda pouco co que sinalan os mariñeiros máis anciáns, que se refiren á construción de pequenos botes, dornas e gamelas desde tempos inmemoriais en quinteiros dalgunhas casas de Vilela e Domaio.
            Para efectuar ditos traballos de carpintería, empregábanse preferentemente vigas, pontóns e táboas dos carballos e piñeiros destes montes, serrados por cortadores de taboleiros, dos que só aparecen censados dous, ambos na parroquia de Moaña, polo que, se os datos do catastro son verdadeiros, era necesario que se desprazasen cortadores doutros lugares para esta misión.
            Os datos escritos sobre o impacto que tivo na construción naval moañesa o aumento da pesca a partir do ano 1.756, pola implantación da técnica denominada “xávega”, importada polos fomentadores cataláns, son moi escasos, o que leva a sospeitar que non foi moi grande o crecemento da construción de botes ou dornas que se empregaron para faenar con esta arte e coas técnicas tradicionais, ata fins do século XIX.
         
             
     Os estaleiros de Verdeal e Ferradás en Domaio e outros de Meira xa estaban activos nas últimas décadas de dito século, construíndo dornas e gamelas para a pesca de baixura que empregaban como artes o xeito, a xávega, o bou, o boliche, etc., supóndose que o máis antigo que se levantou foi o de Benito González, aproveitando unha antiga fábrica de salgadura que xa existía no século XVII cando os turcos asaltaron Cangas e Domaio, segundo sinala Luis Chapela nun artigo publicado en Diario de Pontevedra o 22 de abril de 2.005.
            O verdadeiro auxe da construción naval deu comezo en todo o concello de Moaña cando foi autorizada de maneira definitiva a pesca da ardora no ano 1.902. Para usar esta nova técnica era necesario dispór de embarcacións abondo máis grandes que as  que se empregaban anteriormente, e con este fin, tomando como modelos as que xa faenaban no Cantábrico, os carpinteiros de ribeira moañeses empezaron a construír as famosas traíñas.
            Moi a finais do século XIX, o carpinteiro de ribeira José Riobó Rúa solicitou unha concesión para efectuar o primeiro aterrado que despois foi executado na praia de Moaña, no lugar denominado “As Pillas da Leña”, e sobre el levantou un estaleiro que foi pasto das chamas no ano 1.941, sendo substituído por outro novo, edificado noutro aterrado próximo, o cal aínda segue en pé dedicado ao comercio da madeira. Este home emprendedor construíra dornas e gamelas anteriormente en pequenos estaleiros de Domaio e Meira.
            Aínda que se puxo en funcionamento este estaleiro moañés cando xa se construían embarcacións noutras factorías das citadas parroquias de Meira e Domaio, isto non debe sorprender, posto que ata esa época os seus habitantes vivían máis ben alonxados do mar, contrariamente ao que sucedía cos das demais parroquias do concello. Por iso tamén chama a atención que ata a década dos corenta do século XX non se construíra en Tirán ningún estaleiro. Este foi edificado por Marcelino Cancelas Vázquez no lugar que ocupaba unha antiga fábrica de salgadura do barrio do Con.
            De acordo co exposto no citado artigo de Luis Chapela Bermúdez, nos anos cincuenta do século XX estaban en plena produción sete estaleiros na parroquia de Domaio, nun dos cales, o de Ferradás, que contaba con tres naves, dábase emprego a máis de cen carpinteiros de ribeira.
            En Meira funcionaban catro estaleiros: os de Cabanelas, Casás, Piñeiro e Rouco. Nestes dous últimos construíronse varias bateas mexilloeiras, continuando Rouco con elas e fabricándose aínda pequenas lanchas pesqueiras no de Casás.
            Na parroquia de Moaña alzáronse no século XX dous estaleiros máis, o de Eusebio e o de Calrajo, situados nas proximidades do primeiro que se sinalou, e que rexentou, ata que se puxo fin á construción de barcos e bateas, o seu propietario, o carpinteiro de ribeira Pedro Riobó Casqueiro.
            De todo iso dedúcese que na década dos anos cincuenta do século XX, máis dunha ducia de estaleiros encontrábanse a pleno rendemento nas catro parroquias do concello, e neles botábanse ao mar de maneira exclusiva embarcacións pesqueiras de madeira de todos os tamaños e barcos de pasaxe para o transporte de viaxeiros entre ambas as beiras das rías, ata que a fins desa década empezáronse a construír plataformas mariñas para criar mexillóns, denominadas bateas.
            A construción naval, no que se refire á carpintería de ribeira, tivo o seu punto álxido a mediados dos citados anos cincuenta do século XX, cando Moaña era o grande porto de baixura español, con máis de 100 motopesqueiros en activo, que substituíron os vapores a partir de 1.912, e estes as xa citadas traíñas.
          

  O único que na actualidade produce en Domaio embarcacións de madeira de forma exclusiva é o de Vicente Ferradás, recaíndo tamén nesta persoa o mérito de ser un dos últimos carpinteiros de ribeira que está en activo, construíndo pequenos barcos, ata un total de sete que se botaron nel desde o ano 2.000 ata o ano 2.005, con esloras comprendidas entre os nove e os catorce metros.
    
            As embarcacións de todo tipo que saían de ditos estaleiros construíanse de maneira totalmente artesá, empregando exclusivamente madeira dos montes próximos e ferramentas de man. O seu proceso comezaba co trazado na sala de gálibos de cada un dos esquemas e maquetas, segundo técnicas que os responsábeis aprenderan dos seus antigos mestres, e en poucas ocasións seguindo os planos dalgunha oficina técnica naval. No Museo Massó de Bueu expóñense varios tipos de ditas ferramentas.
            As maquetas que se manufacturaban nesas salas estaban formadas por varias táboas do mesmo espesor, unidas firmemente por medio duns espigos de madeira, ata formar a escala un medio casco do barco que se pretendía construír.
            Esta maqueta era lixada e puída ata que coincidía coas liñas mestras suxeridas polo armador que contrataba a embarcación. Despois trazábanse na parte plana da maqueta as cadernas e demais elementos do esqueleto do barco.
            Seguidamente, asumindo que a outra metade do buque representado tiña que ser totalmente simétrica, pasábase a efectuar a medición das pezas esenciais, para sacar patróns a tamaño real con materiais lixeiros e desbotábeis, a partir dos cales os carpinteiros construirían as pezas definitivas.
            O seguinte paso era o da selección de carballos apropiados nos montes do actual concello, os cales, despois da súa compra, eran totalmente desenterrados durante o outono e o inverno, cando a saiva baixava ata as raíces, para transportalos despois en carros de bois aos estaleiros. Con eles contruíanse as cadernas.
            O resto da madeira a empregar ao principio era só de piñeiro; non obstante, ao proliferaren os eucaliptos nestas latitudes, tamén se recorreu a eles desde os anos corenta. Estas dúas especies arbóreas, taladas igual que os carballos en outono e inverno, empezáronse a serrar no propio monte, de xeito manual polos serradores contratados que empregaban “serras de aire” movidas por profesionais. Cando se puideron usar serras mecánica eléctricas, ata os locais onde estaban instaladas chegaban as árbores que despois eran reconvertidas en pezas de construción naval.
            Ao darse por finalizada a etapa de construción de cada barco no interior do estaleiro, procedíase á súa botadura ao mar durante a maré alta, facendo uso tamén de técnicas manuais, coa axuda de gatos, calzas e anguías por onde se deslizaba a quilla, previamente enxabroadas e ensebadas as madeiras para facilitar o deslizamento. Todo iso acompañado do esforzo físico dos traballadores que empurraban a embarcación directamente ou tirando dunha corda pasada pola proa da mesma.
            O momento da botadura de cada barco significaba un día de festa para o estaleiro, e no caso concreto do de Marcelino Cancelas, un espectáculo para todo o barrio do Con, pois tiñan que cortar a estrada para que a atravesara a embarcación no seu camiño cara ao mar, con moitísimas persoas mirando o seu deslizamento, que comezaba na grada onde se construíra.
            Xa co barco enriba da auga, este era remolcado e trasladado a Vigo para efectuar a operación da “montura” do seu motor, quedando seguidamente preparado para embarcar as redes e dedicarse á pesca.
            Outro caso curioso foi o aportado por Vicente Ferradás, que segundo lle comentou a Luis Chapela, na década dos sesenta do século pasado construíu a súa primeira chalana no quinteiro dos seus pais, en Domaio, transportándoa despois cara ao mar nun carro de bois entre camiños e terras de labor. Desta maneira imitaba os seus antepasados, as casas dos cales estaban alonxadas da beira do mar, ata que a demanda de traíñas, barcos de vapor e motonaves fixeron imprescindíbel que se edificasen o máis preto posíbel do mar factorías cubertas, dedicadas exclusivamente á carpintería de ribeira.
            Do estaleiro de Pedro Riobó Casqueiro saíu o “Ave del Mar”, cuxo contrato de construción foi asinado por Eduardo Pérez Calvar e o citado Pedro Riobó o 19 de novembro de 1.944, expondo textualmente nel que se pretendía obter unha embarcación de “rabo de galo”, de 11 mts. de eslora, 3.30 de manga e 1,90 de puntal por un prezo de 16.000 ptas. a pagar nalgúns prazos, e a curiosidade de estar anotada unha propina de 500 ptas. A súa botadura foi executada o 21 de abril de 1.945, polo que no verán dese ano empezou a dedicarse á pesca, empregando a arte da ardora.
            Ademais dos barcos que se construían para o porto de Moaña, do resto do litoral español chegaron pedidos, citando por exemplo o dun cargueiro de 30 metros para A Coruña, unha parella de barcos para a pesca do bacallau nos mares de Terranova, outros para pescar no Gran Sole e Canarias. Tamén se executaron solicitudes de barcos para destinalos a portos de Asturias e Andalucía.
            Cabe destacar igualmente a construción de tres barcos de pasaxe para facer a liña de Moaña a Vigo e viceversa, cuxo armador foi o recordado Pepe “O Fungón”: dous armáronse no estaleiro de Marcelino Cancelas, o “Gladiador”, botado en 1.953, e o “Competidor”, que quedou listo para navegar uns anos máis tarde, e o terceiro, que foi o batizado “Buenos Días”, construíuse no estaleiro do Regueiriño de Domaio.
            Ao ir desaparecendo paseniño a pesca da ardora en Moaña, os pedidos de barcos de madeira diminuíron de forma considerábel, conseguindo algúns estaleiros permanecer en activo dedicados exclusivamente á construción de balsas flotantes, formadas por un entramado de madeira da que colgan cabos nos que se crían mexillóns e nalgúns casos ostras.
            Estas balsas flotantes, como xa se dixo, teñen a denominación de bateas, e despois da súa botadura no mar son levadas aos polígonos de cría do marisco, nos que permanecen fixadas ao fondo por unha ou dúas cadeas de aceiro e un peso de 20 toneladas.
            Estes polígonos ocupan franxas do litoral próximos á costa, perto dos lugares onde antano fondeaban os barcos da ardora, conseguindo cambiar totalmente a paisaxe, primeiramente coa súa ordenación un pouco anárquica, e na actualidade perfectamente aliñadas, seguindo as directrices marcadas polos técnicos da Consellería de Pesca e Marisqueo da Xunta de Galicia.
            O relevo da carpintería de ribeira tomouno a construción naval mecánica, sendo o grande estaleiro do Latón en Meira o que empregou a moitas persoas de Moaña e doutros lugares da ría de Vigo, para conseguir que desde as súas gradas se deslizasen ata o mar grandes barcos de pesca de aceiro, contratados por armadores de toda España.
            Ao cesar a actividade do citado estaleiro, denominado “ASCON”, por entrar en crise a construción naval a fins da década dos setenta do século XX, e con iso perderse moitos dos postos de traballo no concello moañés, edificáronse outros novos, máis pequenos, en Meira, dedicados á construción de buques de aceiro e poliéster. Os seus nomes son: “Montajes Cancelas”, que emprega na actualidade a 128 traballadores na Borna; “Rodman Polyships S.A.”, que ocupa o lugar onde se unicaba ASCON e dá traballo a 45 persoas; “Astilleros Piñeiro” e “Astilleros Parcero” no Cocho e “Industrias Navales La Moa”, tamén na Borna.

            Para terminar este capítulo, hai que consignar a importancia que a construción naval tivo, e aínda conserva, no traxecto percorrido polo concello de Moaña cara ao mar, primeiro coa carpintería de ribeira que deu emprego a unha maioría dos habitantes da parroquia de Domaio e a máis dun cento de homes das outras tres parroquias na primeira metade do século XX, e despois, cos novos estaleiros de Meira que fabricaban barcos de pesca e deportivos, en aceiro e en poliéster. 

Moaña no camiño do mar (III), por Manuel Uxío García Barreiro



3 . O GRAN DESENVOLVEMENTO DA PESCA DE BAIXURA EN MOAÑA



De acordo co descrito en anteriores capítulos, os fomentadores cataláns, pouco despois da súa chegada a Galiza en 1.756, impuxeron en Moaña e nunha grande parte do litoral galego unha nova arte de pesca para capturar o maior número de peixes posíbel, a chamada “xávega”, que por esta zona os mariñeiros denominaban “arte”. 

Esta técnica, moi empregada desde tempos remotos noutras latitudes, supuxo unha auténtica revolución en terras galegas, pois os traballadores do mar estaban afeitos a utilizar maioritariamente a arte do xeito, que consistía en despregar á deriva unha rede coa malla adecuada ao tamaño dos peixes; estes ao introducírense nela non podían saír, polo que en expresión popular quedaban enmallados. 

Para pescar desta maneira empregábanse botes xeiteiros, de arredor de 9 metros de eslora por 3 metros de manga e 0,9 de puntal, que podían despregar remos e velas. 

A pesca por este e outros sistemas tradicionais está documentada en Galiza desde o século XI, en que aparecen os gremios de mareantes, que mostran unha grade actividade no século XVI e que desaparecen coa chegada dos fomentadores cataláns. 

Ao resultar relativamente baratas as redes que se manexaban, estas técnicas de pesca empregaban un escaso número de habitantes das catro antigas parroquias, os cales tripulaban pequenas embarcacións. Iso confírmase no seguinte cadro, publicado en 1.987 polo xa citado José C. Villaverde Román, a partir dos datos do catastro do Marqués de la Ensenada, expostos no ano 1.752: 


Parroquia                    Mariñeiros con dorna                       Mariñeiros sen dorna            Nº de dornas

Tirán                                     -                                                       17                                      2

Domaio                               16                                                        7                                       -

Moaña                                 2                                                         -                                       3

Meira                                   6                                                         -                                       -

Estas dornas que pescaban varias especies, especialmente sardiñas e polbos, eran tripuladas por menos de 4 persoas e nelas rexía o sistema de quiñóns para repartir o produto das capturas. 

No que atinxe á técnica da xávega, esta consiste en lanzar redes de grandes dimensións por medio dunha dorna ou bote, similar á xeiteira, pero con tres ou catro remos por banda, deixando un cabo en terra e describindo unha elipse que rodeaba parte da costa. O cabo deixado na praia e o outro que estaba dentro do bote, e que regresaba tamén á terra despois do lanzamento da rede, eran de grandes dimensións, e por eles tiraban homes, mulleres e nenos ata que chegaba o copo da rede cos peixes que quedaban varados na area. Estas faenas executábanse ao anoitecer (axexo) e ao mencer (manexo). 

Hai aínda moi poucos anos este sistema de pesca era utilizado na praia de Barra (O Hío), e nas de Aveiro (Portugal) aínda poden verse tractores tirando das redes, substituíndo desa forma os bois, que en expresión popular “araban o mar” en grandes areais, arrastando os peixes cara á area. 

Arte similar, aínda que empregada soamente en botes que faenan de forma exclusiva enriba do mar, é o “boliche”, que aínda se emprega, e o bou. A pesca por estas e outras técnicas pouco invasivas denomínase de maneira común oficios baixos”. 

Case todos os cambios importantes dan lugar a conflitos e así sucedeu durante o ano 1.765, cando mariñeiros do Con e de Meira se enfrontaron cos fomentadores recén apousentados e que trouxeron por estes lares as novas técnicas de pesca, moito máis competitivas que as tradicionais, chegando por iso a queimar algunhas das súas naves e a destrozarlles os sequeiros de peixe que tiñan na Xunqueira. 

Desas loitas contra a arte da xávega, nas que tivo que intervir o Poder Público auxiliado por algúns paisanos para o restablecemento da orde, proveñen as seguintes coplas recollidas no libro de José Costa Alonso "Memorias de mi vida societaria":


Del Con fueron al Real y al Latón también han ido
Y en estos sitios echaron piedras para hacer un castillo. 



Salió la disposición de los más fuertes de Vigo, 
Salió Francisco Soaje, con valor inaudito. 
También salió Juan de Lagos, con unos hombres de brío.


Non obstante, o progreso foi impondo esta e outras novas técnicas pesqueiras, por medio das cales se abastecían de peixe os almacéns de salgadura, empregándose de forma intensiva ata fins do século XIX. Neste século, a maior necesidade de peixe para exportar en fresco a través das liñas de ferrocarril recén
inauguradas e a demanda de materia prima das novas conserveiras trouxeron consigo a introdución en mares moañeses da novidosa arte do cerco-xareta, tamén chamado “pesca da ardora”. 

Este sistema de pescar, importado da costa cantábrica, era moito máis efectivo que os que se usaban anteriormente. Por iso, outra vez surxiron grandes conflitos en Moaña e noutros portos galegos, cando as traíñas recén construídas viñan cargadas de sardiñas procedentes do interior da ría ou dos arredores das illas Cíes, sendo de tal magnitude as protestas que o Ministerio de Marina ditou en xullo de 1.900 unha Real Orde nos seguintes termos:


Queda suspendida la matrícula de traineras o cercos de jareta en los puertos del litoral comprendidos entre el cabo Finisterre y el río Miño y en el distrito de Sada y prohibida la pesca con dichas artes en las zonas marítimas, mares territoriales o aguas jurisdiccionales del litoral mencionado (...) Que se proceda a constituir una comisión especial, que se determinará (...) a fin de que, en unión de las juntas de pesca de las provincias marítimas de Galicia y departamento de Ferrol, reúna los datos necesarios para establecer una regulación orgánica y definitiva de la pesca de la sardina en las costas a la que se refiere esta Real Orden (...). 

Outra vez, o avanzo dos tempos logrou que esta nova técnica de pesca se legalice dous anos máis tarde, e por iso en Moaña chegaron a estar matriculados un total de 111 barcos de diversos tamaños en 1.949, que deron emprego a máis de 3.500 persoas, o que representou un enorme logro para o pobo, por conseguir dar emprego directo á maioría dos seus homes, e indirecto a outras moitas persoas, homes, mulleres e aínda nenos, ata ben entrados os anos 60 do século pasado. Cada barco necesitaba entre 15 e 40 tripulantes, de acordo co seu tamaño, posto que aínda non se descubriran as novas técnicas de elevado dos aparellos a bordo por medios mecánicos, que na actualidade reducen considerabelmente as tripulacións dos buques. 

No cadro nomeado “Moaña en 1943”, do lembrado mestre de Moaña Don Santiago Barreiro, relaciónanse os barcos pesqueiros xunto co nome dos seus armadores e as matrículas dos mesmos. 

Tanta importancia tivo en Moaña a pesca da ardora que moitos mariñeiros e armadores coordenados polo recordado José Costa Alonso, no ano 1.921 integráronse nunha sociedade que se implantara noutros moitos portos do litoral español, denominada Pósito de Pescadores, cuxo fin era a defensa dos intereses pesqueiros, protección social dos mariñeiros, instrución dos nenos e mozos por medio de ensinanzas de orientación marítima e pesqueira, etc.. 

A vida societaria do Pósito, que o 13 de novembro de 1.939 inaugurou o local aínda hoxe existente e que en principio se denominou “Casa del Pescador”, pasou por moitas vicisitudes, segundo se relata nas Memorias de mi vida societaria de José Costa Alonso, constituíndo as de máis impacto social as súas disputas coa “Alianza Marinera” desde o mesmo instante da súa constitución, o intento de disolvelo por marinos de guerra de Marín nos comezos da guerra civil, a súa conversión en “Cofradía de Pescadores” no
ano 1.944 e outras. 

A arte do cerco-xareta, denominada comunmente “ardora”, componse dun gran pano de rede de forma rectangular cunha dimensión variábel desde 250 ata 1.000 metros de lonxitude e uns 40 metros de profundidade, segundo o barco para o que sexa deseñado. Dispón na parte superior do número adecuado de flotadores que a manteñan en posición vertical cando é lanzada á auga, e no inferior dos chumbos necesarios para iso, contando ademais nesta parte baixa cunha serie de argolas polas que pasa un cabo resistente denominado “xareta”, que é o encargado de cerrala polo seu fondo e así deixar atrapado o cardume ou asociación de peixes nadando xuntos. 

Estes tipos de panos de redes construíanse con fibras naturais, preferentemente de algodón, e eran introducidas en caldeiras de auga con cascas de piñeiro e outros produtos para facelas resistentes e ao mesmo tempo darlles a súa cor castaña característica, operación que se realizaba a miúdo en talleres de Moaña e que se denominaba “casca”. 

Para que as redes non pudrisen despois de mollarse no mar, había que estendelas nos denominados “tendais” instalados con postes de pedra e traveseiros de madeira na prada da Xunqueira. Estes eran públicos, aínda que existían tamén algúns de propiedade privada. 

O traslado das artes de pesca desde o peirán cara aos tendais, a súa colocación nos mesmos para que secasen e o seu posterior regreso, era realizado polos propios mariñeiros de cada embarcación por medio de carros movidos por gando vacún ou por eles mesmos. 

Arredor das cinco da tarde, os barcos da ardona saían do peirán cos seus aparellos de pesca secos e cargados a bordo, pondo rumbo cara ao bando de pesca que a cada patrón lle parecía máis apropiado, chegando a eles na noite cun mínimo resplandor de luar. Por iso cada período de pesca denominábano familiarmente “escuro”. 

Cando os barcos chegaban a ditos bancos, o patrón de pesca de cada un deles instalábase na zona de proa coa vista cravada na auga, que era axitada pola embarcación ao navegar lentamente. Isto facíase coa fin de observar o brillo, fosforescencia ou burbulleo que producen os peixes preto da superficie, impresión moi semellante á do mar ardendo ou ardente en noite escura. De aí o nome de “ardora”. 

Ao estimar o patrón de pesca que a intensidade do mar ardendo tiña a suficiente entidade para realizar unha segunda comprobación, daba orde para que o mariñeiro de garda que se encontraba ao seu lado lanzase á auga un cabo no extremo do cal ía atada unha pedra redonda ou “pandullo” e que caía na “mareta”, o inicio da pequena oleaxe que produce a roda en contacto coa auga. Desta maneira os peixes que están a media auga soben e aumenta o “ardente” do mar. 

Se o  patrón, despois de obter os sinais indicados, e nalgúns casos despois de lanzar algunhas pedras á auga en varias direccións, consideraba que merecía a pena efectuar un “lance”, procedíase a arroxar o bote ou chalana ao mar, con dous mariñeiros no seu interior provistos dos pertinentes remos. 

Nesta chalana instalábase un chicote ou extremo da arte de pesca, quedando o outro extremo no barco que se vai alonxando dela formando un círculo, mentres os outros mariñeiros van largando o resto do pano da rede. 

Cando a operación terminaba, o chicote da chalana era izado de novo ao barco e alí, os mariñeiros tiraban de cada un dos extremos da “xareta”, pechando desta maneira a parte inferior da arte de pesca e deixando atrapado o cardume. 

A continuación, desde a chalana íase separando o pano de rede do barco e alí tirando por el na zona dos flotadores, ao obxecto de que non se enredase na hélice, mentres os mariñeiros desde o costado da embarcación tiraban ou “halaban” o pano, metendo a bordo en primeiro lugar a zona do calón, ocupándose un deles, se fose preciso, de separar a nave das redes co manexo do denominado “remo da pica”. 

Cando xa se recollera a maioría do “pano”, nun espazo mínimo do mesmo chamado “enxauga” cuxa rede estaba reforzada, aparecían os peixes que eran izados a bordo do barco por medio de “trueis” que os trasegaban ata as caixas ou adegas da embarcación, onde eran almacenados para a posterior venda. 

Finalizado o lance, a chalana era izada de novo a bordo e outra vez se volvía a empezar o labor descrito anteriormente de observación da auga para iniciar outros intentos de aumentar a pesca. 

Antes do amencer, os barcos da ardora de Moaña puñan rumbo ao Berbés de Vigo para levar a pesca á poxa na lonxa; noutras ocasións ían descargalo directamente ás fabricas de conserva. 

As descargas efectuábanse en caixóns de 50 kilos, dous dos cales completaban unha “cesta”, que era a medida que se empregaba para coñecer o volume de pesca que se sacara do mar en cada barco por noite de escuro. 

Durante o ano que se afundiu o barco da ardora “Ave del Mar” todos os barcos que empregaban esta arte eran de motor e non dispuñan de aparatos electrónicos para localizar os bancos de peixes. A súa tripulación estaba formada por un patrón de costa, un motorista, un patrón de pesca, de 12 a 30 mariñeiros aproximadamente e de un a tres “rapaces de a bordo”. 

O patrón de costa era o máximo responsábel do barco e o que o dirixía aos bancos de peixes de acordo coas directrices do de pesca. O motorista dedicábase ao mantemento de toda a maquinaria e a manobrar o motor que o propulsaba. No que atinxe ao patrón de pesca, xa se especificou que era o encargado de
localizar o cardume e dar orde de efectuar os lances que consideraba oportunos para almacenar a maior cantidade posíbel de peixe. Os mariñeiros efectuaban todas as operacións de arriado e izado das redes, recollían os peixes cos trueis, cargaban as redes nos carros para levalas aos sequeiros, peirán enriba dos citados carros e despois metíanas a bordo. Tamén se dedicaban a cargar os caixóns de peixe entre dúas persoas para trasladalo ao peirán da lonxa ou ás fábricas conserveiras. 

Mención á parte merecen os denominados “rapaces de a bordo”, nenos de catorce a dezaseis anos na década dos cincuenta do pasado século, aínda que anteriormente era de aproximadamente once, segundo relatan aínda algúns anciáns mariñeiros. Estes rapaces efectuaban unha grande cantidade de tarefas, todas elas moi importantes para o bo funcionamento dos barcos pesqueiros da ardora. 

Eles eran os que tiñan que acudir á Praia, unha hora antes da saída do barco, a recoller as pedras que o patrón de pesca mandaba tirar á auga, para a localización dos bancos de peixe, enchían tamén o barril con auga potábel e metían ditos obxectos na chalana. 

Nesta chalana efectuaban tamén o traslado do patrón de costa e do motorista, e con eles, ao final do traxecto, introducíanse a bordo da embarcación que estaba fondeada, a cal se enfilaba cara ao peirán, despois de pór en marcha o seu motor. 

Relatan os vellos mariñeiros que, algunhas veces, estes dous técnicos non levaban botas de auga, e ao obxecto de evitar as molladuras, subíanse ás costas dos rapaces para embarcarse na chalana. 

Mentres se navegaba con rumbo cara ao peirán para recoller os aparellos e o resto da tripulación, os rapaces arranxaban as xaretas que estaban tendidas para secar e colocaban no seu sitio as panas das adegas. 

Durante os lances, eles eran os que recollían os cabos das redes para estibalos, e os que enchían os baldes, atados aos seus cabos, con auga mariña que despois lanzaban ás caixas onde se almacenaba o peixe. 

Tamén tiñan o cometido de baldear toda a embarcación, cando xa se efectuara a descarga dos peixes. 

Finalizada a xornada de pesca e xa co peixe vendido, cada barco dirixíase ao peirán, a botar á terra as redes molladas e transportalas aos tendidos para secar, non sen antes encher ás “patelas” cos quiñóns de peixe que cada tripulante levaba para o seu fogar, mentres o patrón, o motorista e os rapaces seguían a bordo con rumbo ao fondeadoiro e desde alí montaban de novo na chalana para deixala na area e irse cada un ao seu domicilio. 

O reparto de peixe a todos os tripulantes, o “quiñón”, era unha reminiscencia do antigo sistema de reparto de lotes de peixes á tripulación, que se executaba desde tempos ancestrais e que os fomentadores cataláns foron minimizando ao impoñer o sistema capitalista de empresarios e asalariados. 

Outro sistema de cobro, tamén tradicional, era o denominado “changueo” ou “changüí”, que consistía en repartir o diñeiro producido pola venda de dúas ou tres cestas do peixe obtido por noite de traballo entre o armador (a metade) e o resto da tripulación. 

Por último, o salario de verdade obtíñano os tripulantes ao finalizar cada “escuro”, sendo este variábel por estar en función do volume da pesca e do seu prezo na lonxa ou nas conserveiras, levando o armador aproximadamente a metade do diñeiro conseguido. 

A pesca de baixura foi diminuíndo progresivamente a partir da década dos sesenta do século XX, ao abrirse novos mercados de traballo, primeiro en buques de altura de Vigo, despois en trasatlánticos coma o Montserrat, o Begoña e outros, e seguidamente en buques mercantes holandeses, alemáns e de bandeiras de conveniencia. 

Tamén se dedicaron moitos moañeses á pesca de gran altura en barcos de aceiro conxeladores, que realizaban longas travesías, e a tripular plataformas petrolíferas no Mar do Norte e outras latitudes, quedando en Moaña só pequenos barcos de baixura, a maioría deles no porto de Meira. 

Outra actividade que se desenvolveu moito en Moaña no seu camiño cara ao mar foi o fondeado de bateas para a cría de mexillón e ostras. Tanto é así que unha grande parte dos barcos que teñen base hoxe en día no seu porto están dedicados ao servizo destes cultivos, actividade esta de moita importancia de cara ao futuro, en que debe seguir extendéndose a outras especies mariñas criadas en catividade. 

No peirán de Meira, ubicado na illa de Samertolameu, é onde se desprega unha certa actividade pesqueira, moi por enriba da que se desenvolve nos demais do concello. Está enfocada principalmente á captura de marisco por medio das “nasas”. Actualmente, os “naseiros” desta parroquia, conxuntamente cos poucos pescadores que quedan nas outras, son os auténticos herdeiros dos sufridos homes do mar que conseguiron que Moaña ocupase o primeiro posto entre os portos de baixura de España. 

Débese sinalar tamén o auxe do deporte do remo, relacionado coas traíñas. Os mozos de hoxe en día que reman nas de Meira e Tirán son os herdeiros daqueles mariñeiros que empezaron coa técnica do cerco-xareta de maneira legal no ano 1.902 e seguiron remando e pescando de forma masiva ata que chegaron os barcos de vapor e de motor. 

As competicións que aqueles mariñeiros facían para seren os primeiros en chegar á lonxa de Vigo co peixe a bordo, e desta forma poder vendelo ao mellor prezo posíbel, son na actualidade rememoradas en moitas regatas que se celebran para que rivalicen con outros remeiros do resto do litoral galego e do Cantábrico. 
Desta forma teñen a opción de conseguir grandes éxitos deportivos estes mozos que agora desempeñan profesións diferentes ás dos seus ancestros. 

Non se debe finalizar este capítulo sen facer aínda máis fincapé na enorme importancia que tivo para todo o pobo de Moaña a pesca de baixura, ata ben entrados os anos sesenta do pasado século. Esta tiña como símbolo unha cesta de láminas de castaño denominada “patela”, onde cabían ata dez quilos de peixe. Cada tripulante levábaa consigo ao barco para trasladar a súa roupa de augas e o bocadillo, coa esperanza de regresar con ela á súa casa ao día seguinte cargada cun quiñón de peixe, que era moi necesario para dar de comer á súa familia nunha época de economía de subsistencia. 

Tanto significaba este pequeno recipiente, que por aqueles anos de auxe pesqueiro os mariñeiros eran coñecidos como “os homes da patela”, e cando se pretendía que os fillos das familias con algúns recursos aspirasen a traballos menos penosos e mellor remunerados, os seus pais expresábanse dicindo: “non quero que meu fillo vaia ao mar coa patela”. Ou o que as nais dicían ás súas fillas en privado, de forma un tanto discriminatoria, pero que hai que encadrar dentro das penurias económicas deses anos: “Rapaciñas, non consintades ser noivas de ningún pateleiro, que desa maneira non pasaredes calamidades durante toda a vida”. 



Moaña no camiño do mar (II), por Manuel Uxío García Barreiro

2 . IRRUPCIÓN NO LITORAL GALEGO DOS FOMENTADORES CATALÁNS EN 1756. A CONSERVACIÓN DO PEIXE. 


Desde tempos inmemoriais e ata a invención na Franza durante o ano de 1.820 do cerramento hermético para caixas de folla de lata con peixe no seu interior, só existían catro procedementos para conservalo: o afumado, o escabechado, o secado e a salgadura. Este último, que era o máis frecuente, consistía en descabezar, eviscerar e limpar a especie máis común, que era a sardiña (e en moita menor escala, outros peixes azuis), ao obxecto de salgalos e almacenalos en recipientes de madeira.

Esta actividade, complementaria da pesca e que se denominaba “escochado”, era realizada preferentemente por familiares dos mariñeiros de todas as parroquias do Concello de Moaña nas súas mesmas vivendas, coincidindo coas épocas de abundancia de peixe, dando lugar a que as súas adegas almacenasen barrís cheos de proteínas coas que facer fronte ás duras tempadas de escaseza de peixe, mal tempo e amarre da flota, permitindo incluso a súa venda en feiras e mercados próximos.

Os fomentadores cataláns chegados nunha primeira vaga a estas terras durante o ano de 1.756, con fortes axudas do goberno de entón, construíron grandes almacéns ou factorías de salgadura, onde as sardiñas eran procesadas en lotes, mesturando o sal coa axuda de pas e efectuando a súa inmersión en salmoira dentro de píos de cantería cuxa cabida era moi superior á dos recipientes de madeira que se usaban con anterioridade nas citadas adegas das vivendas.

A única innovación tecnolóxica que trouxeron a Galiza foi a do uso dunha prensa de madeira, denominada “prensa de machos”, que extraía a graxa das sardiñas colocadas unhas enriba das outras, prensándoas durante unhas doce horas e deixando que esta saíse lentamente e se deslizase por unha rede de canles cara a un pozo de almacenamento. A graxa recollida vendíase para que con ela se curtisen peles e se preparasen pinturas.

Para facer fronte á maior captura de sardiñas, necesarias para procesar nos seus almacéns de salgadura, os cataláns impuxeron unha novidosa arte do cerco denominada “xávega”, coñecida polos nosos mariñeiros simplemente como “arte” e que será tratada con detalle noutro capítulo.

A fins do século XIX, Juan Vázquez Conde, alcumado “o Catalán”, chegou a Moaña procedente de Marín, para dedicarse á salgadura do peixe no almacén que xa existía, e do que aínda quedan en pé, nos baixos da edificación do século XVIII correspondente ao Pazo do Real, todos os píos de cantería. Estes restos, que aínda se encontran en bo estado de conservación, representan a memoria viva da historia de Moaña nos prolegómenos da súa senda cara ao mar.

Juan Vázquez fixou a súa estancia nunha vivenda que se lle concedeu dentro do propio pazo, facéndose cargo máis tarde doutro almacén de salgadura ubicado na zona do Con, que tamén funcionaba con anterioridade e cuxo propietario era o dono do Pazo de Paxarín. Neste almacén, que despois pasou a ser seu, estívose salgando peixe ata que se converteu en estaleiro na década dos corenta do século XX.

Tamén se dedicou á salgadura a que despois se converteu en fábrica de conservas herméticas que pertenceu á familia dos Alfageme e que aínda está en pé en dito barrio do Con, aínda que dedicada á conxelación de peixe.

Ademais destes tres almacéns de salgadura, hai constancia de que existían outros en Meira e Domaio, sendo quizais o máis antigo de todos o que se encontraba no lugar desta última parroquia, onde máis tarde se ubicou o estaleiro de Benito González.

Despois da guerra contra os franceses (1.808), unha segunda vaga de fomentadores cataláns chegou a Galiza, e con eles multiplicáronse as fábricas de salgadura e a pesca de baixura, ata chegar a un máximo de 250 almacéns e de 17.000 toneladas obtidas no ano 1.828 en todo o país.




Por medio dos métodos sinalados, estes industriais foráneos intensificaron a exportación do peixe salgado ao mercado español, sobre todo ao de Levante, pois tratábase dunha fonte de proteínas máis barata que a dos produtos cárnicos. Iso orixinou o incremento de botes de pesca en Moaña e, conseguintemente, a reconversión dalgúns labradores en pescadores e de mulleres en traballadoras de factorías de salgadura.

Como ronsel da citada invención en terras galas do sistema de conservación do peixe en caixas herméticas de folla de lata no ano de 1.820, ao pouco tempo empezaron a procesarse os produtos do mar con esta nova técnica, en pequenos talleres de Vigo e doutras grandes vilas, ata que en 1.879 o catalán Manuel Godoy construíu na Illa da Arousa a primeira fábrica galega, con tecnoloxía francesa.

Ante o éxito desta pioneira instalación conserveira, instaláronse outras moitas por toda a franxa do noso litoral, chegando a ser máis de 100 as que estaban en pleno funcionamento durante o ano 1.907, dúas das cales ubicáronse en Meira e en Tirán, en época máis serodia, e non puido construírse outra de grandes dimensións na zona do Real por non chegarse a un acordo de compra de terras entre un fomentador catalán e o propietario das mesmas.

Na proliferación de fábricas de conservas herméticas de peixe, tivo unha enorme importancia a ausencia de sardiñas das costas galas, desde o ano 1.880 ata o 1.887, o que orixinou a creba das que se construíran na Bretaña francesa. Por iso, os seus donos formaron sociedade cos cataláns para construílas no litoral galego, empregando man de obra feminina e materia prima propia, pero con tecnoloxía e man de obra masculina de alén-Pirineos.

Exemplo típico do descrito no párrafo anterior é a inauguración o 14 de xullo de 1.883 dunha fábrica de conservas en Bueu, propiedade de dúas empresas: S. Massó e fillos a primeira, e Felix R. Domingo de Bayonne, a segunda.

Despois, a mesma sociedade de Massó construíu outra gran fábrica en Cangas, e xa no ano 1.952 os fillos de Darío Martín Alfageme, que procedían de Marín, alugaron a Ernesto Carballo, antigo alcalde de Moaña, e posteriormente compraron á súa viúva, a citada factoría de salgadura de sardiñas e secadeiro de ovas de pescada situada no barrio do Con.

Esta fábrica, que chegou a empregar a perto de cen traballadores, funcionou a pleno rendemento desde dito ano de 1.952 ata 1.986, baixo a dirección dos mesmos donos, Miguel, Antonio e Darío Martín Vega; a partir dese ano volveuse a vender e na actualidade está o edificio lixeiramente modificado e con nova maquinaria para a conservación de produtos mariños conxelados.

No barrio de A Serval de Meira, no ano 1.942, empezaron a levantarse paredes de pedra, con obxecto de edificar unha nova fábrica conserveira, pero un gran temporal as derrubou, polo que se interromperon as obras ata o ano 1.957, en que de novo se continuaron os traballos de edificación, que remataron felizmente no ano 1.958.

Desde ese ano ata o 2 de xaneiro de 1.981 en que se produce o peche, a fábrica de “La Guía”, como así se denominaba por estar ubicada xusto por fronte do montículo de Vigo que leva ese nome, chegou a dar traballo ata un máximo de 500 mulleres.

A primeira especialidade que saíu desa factoría, propiedade de Enrique Lorenzo Docampo, foi a denominada “Sardinillas del Arroaz”, e a última “Calamares en su tinta”. Este home, fundador e impulsor da idea de crear a fábrica, chegou a ser presidente da Deputación Provincial de Pontevedra e faleceu xustamente durante o ano do seu peche.

Da importancia que tivo esta gran fábrica, non só a nivel local, pois os seus produtos foron aprezados en toda Europa, dá conta o cambio de nome do barrio de A Serval, que pasou a denominarse popularmente barrio da Guía, en honor desa fábrica cuxas estruturas aínda seguen en pé.

O enraizamento do topónimo tradicional para os que poboaban Meira antes da construción da fábrica recóllese nestes versos, transcritos por Geno Piñeiro no seu caderno “Conservas La Guía, unha industria que mudou o nome de todo un barrio”:

Viva Meira porque ten
Samertolameu na illa
Santa Eulalia de Patrona
e na CERVAL a Peregrina.

A maior parte do pesonal que empregaban todas as fábricas de conserva era feminino e de baixo custe laboral; por iso obtidas por este medio eran moi competitivas tanto no mercado español como no de toda Europa e Oriente Medio.

Os enlaces ferroviarios da Coruña e Vigo con Madrid nos anos 1.883 e 1.885 tamén colaboraron no auxe desta nova industria ao facilitar a exportación do peixe a ditos mercados, polo que ao necesitarse grandes cantidades para abastecelos era preciso dispór de moitos barcos de pesca, provistos de novas artes de cerco –xareta.

Consecuencia deste femnómeno foi a construción intensiva de buques en Moaña, empezando polas traíñas que desde 1.898 aproximadamente comezaron a empregar esta técnica, seguindo logo con vapores e motores, ata un máximo de 111 barcos de propulsión mecánica que se encontraban en activo no ano 1.949. 
Estes barcos daban traballo de maneira directa a máis de dous mil cincocentos homes, e de modo indirecto, por medio das fábricas de conservas, estaleiros, reparación de redes, talleres mecánicos, cordelerías, etc., a máis doutras mil cincocentas persoas de ambos sexos de todo o concello.

Por todo iso, esta gran industria que veu do mar, baixo o impulso dos fomentadores cataláns, supuxo que nunha primeira fase, a que vai desde 1.756 a 1.902, en Moaña aumentase o número de persoas dedicadas á pesca e á salgadura do peixe, e que a partir deste último ano, en que se permitiu a nova técnica da ardora, a proliferación das citada fábricas conserveiras e a exportación en fresco desde a lonxa do Berbés de Vigo, os traballos relacionados coa actividade pesqueira ocupasen a unha inmensa maioría de habitantes do concello moañés, desprazando así a agricultura e a gandería como primeiras fontes de emprego.

Relacionado con esta implantación en Moaña do sistema capitalista e da discriminación feminina, hai que destacar o que se observa en varias fotos antigas de conserveiras: os homes aparecen calzados e dedicados a labores técnicos de certa cualificación, en contraste coas mulleres, descalzas e ocupadas na realización de traballos de maior esforzo físico, sendo os  seus salarios moi inferiores aos dos seus compañeiros masculinos.

Tamén é de subliñar o feito de que a terminoloxía empregada para nomear as diferentes fases do proceso de conservación está formada por palabras francesas, traídas polos homes desa nacionalidade que se dedicaban aos traballos de soldadura de latas e ao mantemento das máquinas durante a primeira fase de construción das conserveiras, segundo se pode comprobar visitando o Museo Massó de Bueu.

O relevo das dúas grandes fábricas de Moaña (A Guía e O Con), ambas sen actividade conserveira tradicional na actualidade, tomárona as seguintes empresas:

-Cafemar S.L., con 11 traballadores.

-Cruz Pérez Hermanos S.A, con 31 traballadores.

-Fandicosta S.A., con 65 traballadores.

-Pesquerías del Atlántico e Industrias, 11 traballadores.

Por desgraza, nesta industria tan importante na marcha do concello de Moaña cara ao mar perdéronse moitos centos de postos de traballo, sobre todo femininos, xa que as mulleres constituían a man de obra máis numerosa das citadas fábricas de Tirán e Meira, desprazándose outras moitas a Vigo, en barcos de pasaxe para traballar nas súas grandes factorías de conservas herméticas de peixe.

Esta actividade tradicional foise reconvertendo desde os inicios da década dos oitenta do século XX, traendo consigo a desaparición de moitas factorías e non só en Moaña, xa que sucedeu o mesmo en Cangas e en Bueu, quedando Vigo con algunhas, onde as novas tecnoloxías desprazaron a gran masa de mulleres de Moaña, que tiveron que ir incrementando pouco a pouco as listas do desemprego feminino.