miércoles, 25 de marzo de 2015

A feira de Moaña, por Xosé Carlos Villaverde Román. Asociación Cultural NÓS

A Feira de Abelendo, 1960. J. Gayo Rouco.

Contaban os avós de Bouzafigueira, Pepe e María, nacidos dentro do primeiro lustro do século XX, que cando necesitaban un becerro, erguíanse ás tres da mañá para ir ao Feirón a Pontevedra, a máis de 20 quilómetros por camiños e pistas forestais, pois daquela aínda non se fixera o ramal de Marín a O Con, e co medo de chegar ao cruce da Maceira para que non lle roubaran os cartos camuflados entre as cestas de bimbias e de carachas.

Cando precisaban un porco ían á feira de Bueu, pois o gando maior aínda non se comercializaba na feira de Abelendo, ata que a partir do primeiro cuarto do século pasado, acadou tanto auxe, que se convertiu nunha das máis importantes da bisbarra. Triquillóns, adiviñadores, porcóns, capadores, leiteiras, peixeiras, tratantes, titiriteiros, cegos coas súas coplas e medio cento máis de persoeiros daban vida a unha economía rural e mariñeira de subsistencia.

A Feira de Abelendo foi concedida en xullo de 1839 pola Deputación pontevedresa, previa autorización da raíña Isabel II e a instancia do axuntamento de Meira, para celebrala tódolos terceiros días de cada mes. Vinte e pico de anos máis tarde, en xaneiro de 1867, outro alcalde do mesmo concello consegue da Deputación que a Feira se amplie un día máis ao mes, elexindo o día 19, o que suporía que a festividade de san Xosé se convertira na efeméride máis celebrada en Moaña; daí a tradición das corais dos “Pepes”.

Na medida en que o barrio da Praia ía consolidándose nun centro urbán, houbo, polo menos dúas tentativas de trasladar a feira para a mesma Praia ou para A Xunqueira, en especial no ano 1924, sendo alcalde Ernesto Carballo coa casa consistorial en Quintela. Isto propiciou un gran desorde público, tendo que recuar a pretensión e voltar a celebrar as feiras no lugar tradicional de Abelendo, ata que co paso do tempo se cambiasen os hábitos da economía e desaparecera a finais da pasada década dos anos 60.

As canteiras do Latón e da Borna, por Manuel Méndez. Agrupación Cultural NÓS

Foto: José Gil, 1908. Arquivo da Agrupación cultural Nós.

Moito granito das canteiras situadas na costa de Meira e Domaio foi utilizado na construción do porto de Vigo

A fotografía de J. Gil chama a nosa atención porque esta canteira e outras ubicadas no norte da ría de Vigo están descritas polo director de Obras do Porto de Vigo Eduardo Cabello nas Memorias do Porto de Vigo precisamente nese mesmo ano de 1908 e seguintes.

A fotografía chegou ao arquivo da A. C. Nós por pura casualidade despois dos traballos de limpeza nalgunha casa da parroquia de Meira. Hai algo máis de cen anos traballaban nas canteiras mulleres e homes -moitos deles portugueses- para cargar a pedra nas vagonetas e nas gabarras con destino á construción dos peiraos de Vigo, segundo os primeiros proxectos do enxeñeiro Fernando García Arenal, director de Obras do Porto de Vigo entre 1890 e 1908.

Fernando García Arenal era fillo da ilustre Concepción Arenal e construíu un chalé no Con, parroquia de Tirán - Moaña, na propiedade que leva o seu nome. Ámbolos dous, nai e fillo teñen dúas rúas cos seus nomes en Moaña.

A Fernando sucedeulle o tamén enxeñeiro de camiños Eduardo Cabello Ebrenz que como apuntaba antes describe deste xeito as canteiras: Toda la piedra que se utiliza en las obras se extrae de las canteras denominadas Louridal y Latón, situadas en la costa norte da bahía. Son de granito de grano grueso y entrefino y su capacidad es más que suficiente para abastecer la obra. Se explotan, inteligentemente, por la contrata, desmontándose a cielo abierto y conduciendo los productos por vías portátiles a los muelles, construidos al objeto para su embarque en gabarras; empleándose para esta operación grúas de vapor, así como para a carga en vagonetas.

El tren de transporte lo forman doce de aquellas embarcaciones y dos vapores para el remolque, pudiéndose transportar diariamente de 800 a 900 metros cúbicos de piedra.
Moitos dos portugueses que traballaron nas canteiras asentáronse en Meira, casaron aquí e algúns transformaron os seus apelidos pasando de Alves a Álvarez ou conservaron os propios como Barbosa, Leites ou Dacunha.

Neste lugar da canteira da Borna instalouse anos máis tarde o estaleiro de ASCÓN e na actualidade está RODMAN - POLYSHIPS.

Traiñeiras na Xunqueira de Moaña, por Xesús Cancelas Franco, presidente da A.C. NÓS.

Foto: Pacheco, 1914. Arquivo da A.C. NÓS
Traiñeiras na Xunqueira

Nesta magnífica estampa da Xunqueira de Moaña, encargada polo alcalde José Parada Costa ao fotógrafo Jaime PACHECO, máis alá de que se aprecia no alto o grupo escolar de Quintela recién feito, o peirao de madeira tamén novo e lateralmente a estrada Cangas-Vilaboa enlace con Pontevedra-Camposancos, evócasenos a través das embarcacións varadas nas dunas da praia unha época importante no noso municipio

No último cuarto do s. XIX a pesca comeza a ter unha importancia capital na economía e na vida da nosa vila, secularmente ligada á produción agrícola. Os fomentadores cataláns que tiñan chegado un século antes para instalar industrias da salgadura que logo transformarían en fábricas de conserva, trouxeron tamén novas embarcacións e artes de pesca como a xábega e máis tarde tamén impulsaron xunto con outros armadores a traiñeira que levaba máis e vinte mariñeiros e a arte de pesca chamada traíña ou cerco de xareta, legalizadas no Cantábrico desde 1883

Na nosa ría vaise introducindo pouco a pouco e provocou grandes protestas por parte dos xeiteiros que pescaban con dornas, botes e outras embarcacións de cinco ou seis mariñeiros. O día 5 de maio de 1891 un grande número de mariñeiros de Tirán, Moaña e Cangas desembarcaron acompañados das súas mulleres e fillos na Ribeira do Berbés e manifestáronse ata a comandancia de mariña en contra do uso do trabuquete que era unha das novas artes e dicían que dañaba a pesca.

Nos anos seguintes hai numerosas protestas e enfrontamentos. Suliñamos algúns: o día 26 de outubro de 1900 foron dinamitadas en Moaña sete traiñeiras, a maioría de armadores vigueses aínda que as tripulacións eran de Moaña. Por estes feitos detiveron días despois a José Vidal de Tirán e José Tenorio, patrón dun boliche de Moaña.

O sábado 5 de outubro de 1901 durante a visita do Ministro de Mariña a Cangas unha representación de dez armadores e patróns de Moaña presentados polo exalcalde Eugenio Sequeiros din estar dispostos a desfacerse das traiñeiras e comprar xeitos se se suprimen para todos. Na saída do acto o Ministro foi vitoreado e moitas mulleres axeonllábanse ao seu paso pedíndolle axuda para o xeito.

No ano 1902 xa hai constancia da convivencia das dúas formas de pesca en Moaña. O 4 de novembro celébrase en Vigo unha manifestación a favor da traíña e súmanse apoios de todas as parroquias. De Meira e do Con saen dous vapores remolcando trinta traiñeiras coas súas tripulacións para asistir á dita manifestación que sumou cinco ou seis mil persoas e que apoiaban tamén a Liga de Agricultores e a Liga de Contribuintes de Moaña

No 1911 o conflito xa estaba decantado a favor da traíña e o estudoso da pesca Benigno Rodríguez Santamaría publica o “Diccionario ilustrado, descriptivo...” no que se afirmaba que un porto de pouca importancia como Moaña prosperou moitísimo por admitir os cercos; en cambio Cangas sufríu considerables perxuicios por non admitilos. Nesta época o conflito xeito-traíña estaba de remate e o chamado da ardora estaba comezando.

Os conflitos da pesca foron abundantes e por distintos motivos, como o uso da traíña, do embalo, o pistón, a dinamita, pola ardora, o abuso no prezo da raba para o caldeo, o baixo prezo da sardiña, o da maquiniña, o da póliza da mutualidade de accidentes de traballo e outros. A defensa dos distintos intereses facía que os conflitos foran transversais: mariñeiros de Moaña contra os de Cangas, mariñeiros contra armadores, mariñeiros e armadores contra os conserveiros, etc.

A día de hoxe persisten os conflitos e os debates na pesca e no marisqueo.

Praia de Moaña, 1905. Foto: Pedro Ferrer. Arquivo do CEGAI. por Xosé Carlos Villaverde Román. Agrupación Cultural Nós



¡Imos á Praia!. Era e é unha expresión que aínda hoxe seguen utilizando os nosos maiores de Meira, Abelendo ou Tirán. En Domaio especificaban á Praia de Moaña. Non hai máis que fixarse na foto de Pedro Ferrer (cedida polo arquivo do CGAI) tirada en 1905, onde se contempla unha incipiente congregación de vivendas na beiramar sen planificación algunha, aproveitando o sinuoso perfil que definían os areeiros, que extreman coas rochas das costaneiras faldras dos montes Gagán, Agudelo e Paralaia.

A primeira vez que atopamos publicada esta excelente fotografía, foi na Geografía de Galicia (Pontevedra) de Gerardo Álvarez Limeses de 1910, e os detalles nos describen a emerxente vila mariñeira, tomada dende A Gorita ou Vaticano como se rebautizou na II República. Se observamos coidadosamente a imaxe podemos entresacar numerosas conclusións, tales como a proliferación das traiñeiras ou pancas en convivencia coas dornas dedicadas ao xeito, ou as ausencias dos grandes viais terrestres como posteriormente foron as estradas de Arriba (Ramón Cabanillas) e de Abaixo (Concepción Arenal), finalizadas simultaneamente entre 1913 e 1914, que acabaron co aillamento da zona, entre Cangas e Pontevedra. Tampouco había un porto, a pesares que, no ano da foto 1905, xa estaba autorizada a construción dun peirao de madeira, polo que houbo que agardar ansiosamente tres anos para a súa inauguración.

Cando xurdiu o conflito, a finais do s. XIX, entre a recén chegada arte da traíña e o tradicional xeito, as vilas de Bouzas e Moaña, apostaron pola primeira, e para o barrio da Praia significou un gran adianto na economía doméstica e o desenvolvemento considerable da construción. Isto pódese constatar co censo do ano 1860, onde non aparece o lugar da Praia pero sí o da Martinga con 18 edificios e o da Seara con 24. Corenta anos despois, en 1900, xa aparece definido A Praia con 44 edificacións, absorvendo á Martinga e a Seara con 74 (contando os da Miranda, Xeira e A Gándara). Isto vén a constatar que o actual casco urbano de Moaña, é moderno, con pouco máis dun século e que os núcleos de poboacións anteriores, como os de Verducedo, Couso, Pazorredondo, Domaio e Abelendo, quedaron estancados, a pesar de que Abelendo era o centro económico debido ás feiras que se celebraban os días 3 e 19 de cada mes.

O entroido histórico de Moaña II, por Manuel Méndez. Agrupación Cultural NÓS



A recuperación da festa do Entroido, coas comparsas e co enterro da sardiña tivo lugar en Moaña nos anos 1980, 1981, 1982 e seguintes. Vai ser a Asociación de Veciños Breogán de Moaña a que organizou o 8 de marzo de 1981, domingo de Piñata, o primeiro Enterro da Sardiña pedindo a colaboración da asociación Santa Cecilia de Marín e da histórica comparsa marinense Xarángallo Mángallo que estaba en activo desde 1963. Foi un éxito de participación e de público este enterro que tivo a saída da praza de abastos e despois de percorrer as rúas de Concepción Arenal, Ramón Cabanillas e Méndez Núñez volveu á praza para rematar cun discurso do “alcalde” e o rezo da letanía da sardiña importada dunha tradición marinense de 1895.

Como non habia “sardiña” alguén pensou en lembrar o enterro do Momo e da praza saíu un mozo metido nunha caixa de defuntos como se fose o tal Momo que acababa de morrer e poñía o punto e final ao Entroido dese ano. Unha cantiga moi antiga facía referencia a ese feito:

Adeus, adeus querido Momo
que xa morreu o carnaval
e hoxe os fillos deste pobo
van celebrar o teu funeral.
Canto lacón, poidas comer
leña con el e despois chorar...

Ao ano seguinte, 1982, volveuse a organizar o enterro con saída da praza e despois de percorrer Concepción Arenal e Ramón Cabanillas baixou ata o Con e rematou tamén na praza. Apareceron catro comparsas de Moaña: Renovación de Abelendo, A Santa Sede, Tinta Femia e As criadas de servir que logo serían As vinte en Rosa. Houbo tamén discurso do “alcalde” e letanía da sardiña para rematar. A partires deste ano vense celebrando ininterrompidamente cun grande éxito de participación en número de comparsas moañesas e dos arredores como Coiro, Aldán, Vigo ou incluso do concello de Oleiros viñeron varios anos Os Parados de Mera ofrecendo varias actuacións pola mañán e sumándose logo ao enterro pola tarde. O público pode calcularse en varios milleiros de persoas todos os anos.

No tríptico editado pola organización do enterro no ano 1982 anunciábase o percorrido cun plano e publicáronse catro cantigas anónimas que foron un claro precedente das que farían as comparsas nos anos posteriores. Títulos como A XESTIÓN MUNICIPAL, A VEDA DO CROQUE, HISTORIA DUN MANGANTE e MOAÑA, SEDE DO MUNDIAL, dos que extraemos algunhas estrofas:

Cantos pisos sen licencia
xa non quero nin contalos
e agora dame a risa
cando din que van tiralos.

Vindo da Porta do Cego
polo camiño da Xeira
todo está cheo de lama
que parece unha esterqueira.

Non abrían a ribeira
disque hai contaminación,
pra despois pagar o croque
a duas mil o caixón.

Houbo quen colleu os croques
levounos á COFRADÍA,
se os levara ao REGEIRO
moito mellor lle sería.

Nos anos seguintes o incremento do número de comparsas foi espectacular, chegando a contabilizarse vinte e sete no ano 1986. Será difícil non esquecer a ningunha nesta relación: A Santa Sede, Renovación de Abelendo, As vinte en Rosa, Os da Taza, As Putifarras de Meira, As Trapeleiras de Domaio, Os Primeiros do Con, A banda de gaitas Semente Nova, Contar con Nós de Verducedo, Os Moañeses con Xil Ríos, A Nosa Terra, A Asociación de Mulleres, Tinta Femia, Os que Faltaban, Os Calcarrúas, Os Combois, Iso, Iso, Iso Domaio ri, Orquesta Cacharro, Foche á Bodeja, Vaille Dando, Madamas e Galáns de Meira, Animodo de Domaio, Os da Cunca, Cada un que se safe, Nin Chica de Jasto e para este ano 2015 agardamos tamén A Esmorga, D´Elas, Follas Novas e Tarde Mal e Arrastro.

A maioría delas editan un cancioneiro cunha media de catro temas diferentes, moi críticos e practicamente todos en galego, aínda que non coiden moito as letras, nin a ortografía, nin as normativas do idioma porque estamos en tempos de moito rebumbio e festa rachada.

Arredor do Entroido no que colabora o concello facendo a Sardiña, encargando os foguetes, as megafonías e a carpa, a participación dos nenos e nenas foi tan grande que houbo que planificar un Enterro da Xoubiña para eles desde o ano 2002 e que se realiza o sábado anterior ao domingo de Piñata desde O Con ata o palco da música, Enterro da Xoubiña no que colaboran todos os colexios do concello e os centros de Educación Infantil.

No apartado gastronómico a Asociación de Mulleres de Moaña ofrece unha degustación de orellas e filloas o día do pregón. Logo será cada comparsa ou os grupos que se organizan para ir ao enterro os que levarán todo tipo de productos para ir cociñando, asando, comendo e bebendo durante a tarde.

Cómpre sinalar que desde a Asociación Meiramar Axóuxeres se recuperou o entroido tradicional de Meira coas Madamas e Galáns, Os Fedellosos, Homes do saco e Curruvellos recollendo datos do arquivo sonoro do concello e, sobre todo, de Genoveva Corrales Martínez, Modesta Calvar Rodríguez e José del Río José de Chiscorio.

As fotografías que acompañan este traballo e outras moitas do Entroido moañés están recollidas no tomo IV de MOAÑA, HISTORIA FOTOGRÁFICA editado pola Agrupación Cultural Nós no mes de decembro pasado. Comparsas históricas, disfraces individuais e grupos que aparecen no enterro da Sardiña dos últimos anos forman parte xa da nosa historia.

Un entroido histórico I, por Manuel Méndez.Agrupación Cultural NÓS



O entroido en Moaña e no Morrazo conta cunha tradición centenaria como o demostra a foto da comparsa LOS DUENDES de 1913 que se publica nesta mesma páxina e da que conservamos tamén o seu cancioneiro orixinal editado na imprenta. Era a festa máis importante do ano a comezos do século XX e durante a segunda República, é dicir, ata a súa prohibición despois de 1936 co inicio da ditadura de Franco. Non temos documentos fotográficos anteriores pero está constatada a súa importancia polos xornais da época en todos os concellos da bisbarra.
Da recuperación do entroido despois de 1981 damos conta no tomo IV do libro MOAÑA, HISTORIA FOTOGRÁFICA editado no pasado mes de decembro no que se recollen tanto as fotos históricas do entroido moañés como a maioría das comparsas actuais e moitas xentes que se suman ás festas do entroido de maneira individual ou en grupos organizados. Algo máis dun cento de fotografías que enchen de colorido a publicación e que nos confirman o éxito da festa do entroido asi como a participación tan numerosa da mocidade, dos grupos infantís no enterro da Xoubiña e dos espectadores.
O número de comparsas existentes antes de 1936 é moi importante para un pobo como Moaña e certamente algunhas delas ían a Vigo onde eran recibidas con moita ledicia. Podemos nomear algunhas das que nos chegaron letras e músicas que fomos recollendo oralmente como Os Cazadores, Os Labregos, Os Mariñeiros - Náufragos, Los Villanos, Os Curiosos, Os Contrarrilleiros, Os Gatos, Os Reflectores, Os Verdadeiros Humoristas, Los Jóvenes Libertarios, Los Deportistas, Los Apaches, Os Trovadores ou Os Limpiabotas.
As comparsas eran elementos importantísimos dentro da festa. Todas elas tiñan o seu director musical e ás veces encargaban as letras e músicas a compositores moañeses ou de Cangas como foron os casos de Arturo Piñeiro Iglesias Chaplín e Tenreiro, respectivamente. Tamén tiñan o costume de nomear madriña, normalmente á filla dunha casa que tivera certo poderío económico para que puideran ir cantarlle alí e seren convidados a unha boa merenda.
Noutros casos, como foi o da comparsa Los Duendes, reproducimos unha pequena crónica publicada no FARO DE VIGO o día 6 de febreiro de 1913: El Carnaval en Moaña. La comparsa Los Duendes. La notable agrupación que presidida por D. Tomás Pérez entusiasta industrial de esta villa, fué a esa ciudad en la tarde del martes de Carnaval, regresó satisfechísima a Moaña por las atenciones de que fué objeto en Vigo. La bella señorita Máxima Pujol, presidenta honoraria de la agrupación, además de los obsequios de que hizo a los individuos de la comparsa -champaña y habanos- regaló a la bandera una preciosa corbata bordada en oro con la siguiente dedicatoria: Su presidenta a Los Duendes de la villa de Moaña, carnaval de 1913. La Sociedad Recreativa de esta villa celebró anoche un baile en el grupo escolar. La fiesta estuvo concurridísima. Asistió a ella la comparsa que había ido a Vigo. La animación no decayó un momento desde las nueve de la noche hasta las cuatro de la madrugada. No hubo el más ligero incidente. El corresponsal.

JOTA
El alcalde de esta villa
tiene ahora tratamiento;
también debía tener
otra casa-ayuntamiento.
A la jota jota
del señor alcalde
porque ha conseguido
“Usía” de balde.
Lo que debe ahora
es de trabajar
porque se dé clase
en el Grupo Escolar.
Dicen que pronto un mercado
en Moaña van hacer;
dígame señor alcalde
si mis nietos lo han de ver.
A la jota jota
por ese mercado
que tendrá a la puerta
un... farol colgado.
Causará Moaña
gran admiración
con ese... mercado
y el malecón...

Terían que pasar moitos anos, desde 1936 a 1980 para que o entroido volvera a recuperar a forza que tivera antes do franquismo e se renovara definitivamente. Durante aqueles anos escuros somente se permitían os bailes de entroido e podían saír os Curruvellos vestidos con roupas vellas e a cara tapada meténdose coa xente. A Agrupación Cultural NÓS organizou concursos infantís e cros de Curruvellos, A Casa da Mocidade co seu grupo de teatro, A Santa Sede que foi a primeira comparsa e a Asociación de Veciños Breogán que planificou os primeiros enterros da Sardiña coa colaboración da comparsa marinense Xarangallo Mángallo a partires de 1981 coincidindo co domingo de Piñata foise recuperando a festa.
A partir desa data irán nacendo moitísimas comparsas, entre elas OS DA TAZA que tiveron un percorrido de vinte anos desde o 1982 que se xuntaron ata o 2002 no que puxeron o seu punto e final con moitas cintas gravadas e cinco CDs editados nos que se recollen máis dun cento de cancións orixinais de todo tipo con músicas variadísimas e moitas delas recuperadas do entroido moañés de hai cen anos, grazas ao traballo dos directores musicais Luis Riobó e ao profesor de música Jorge Blanco