miércoles, 29 de abril de 2015

Celebración franquista do 18 de xullo en Moaña, por Xosé Carlos Villaverde Román



No parque de Lestón en Moaña, 1967. Foto: José Gayo Rouco. Arquivo da A.C. Nós


Dentro do réxime franquista, había dúas efemérides que se celebraban con énfase especial, como eran o primeiro de maio (Día do Traballo) e o 18 de xullo (Día do Alzamiento Nacional). En Moaña, ámbolos dous acontecementos eran celebrados con indénticos actos: Misa, xantar e actuación dun grupo folclórico, tal como se reflicte na fotografía de 1967, tirada no parque do baile de Lestón por José Gayo Rouco, aínda que o grupo de baile que se ve na foto xa non pertencía á Coros y Danzas da Sección Femenina, como parece indicar.

Coros y Danzas da Sección Femenina, fundado en 1939, dedicouse a recuperar o folclore por todo país, e en 1949 organizaron uns cursos en Rande, onde participou unha delegación moañesa representada por Maruja de Claudino, Maruja Rodríguez A Japonesa e Cándida Vidal. Estas tres comisionadas formaron o primeiro grupo folclórico da Sección Femenina en Moaña que se estructuraba, de menor a maior, nas categorías de Margaritas, Flechas e Flechas Azules.

Cada ano celebrábase no teatro García Barbón de Vigo, un concurso de baile foclórico, no que competían diferentes representacións da provincia a mediados dos anos sesenta e foi alí onde a representación moañesa gañou varios anos con jotas e muiñeiras moi movidas, sendo o único grupo que se acompañaba con castañuelas nos seus bailes. Se ben improvisaban algúns puntos da coreografía, a maior parte estaban recollidas de bailes que se facían antigamente en Verducedo, ou dos que lles ensinaba o barbeiro de Quintela, Pepe Coloret.

O mestre gaiteiro Budiño, estivo case sempre representando a parte musical, acompañado na percusión polo seu fillo Pepe e Cándido Lucha, e outras veces nas gaitas por Celso Pidre ou Jaime de Soledá.

martes, 21 de abril de 2015

Moaña, 1914 : palmeando os aparellos na Praia de Moaña



Esta fotografía de Jaime Pacheco é probablemente a máis representativa de todas as que temos no arquivo histórico-fotográfico de Moaña. Móstranos un grupo de mariñeiros coas súas familias, incluso nenas e nenos palmeando aparellos mentras os máis cativos xogan na area. Dunha das embarcacións descargan materiais de construción nunha época de gran crecemento urbanístico na Praia de Moaña.

Gran parte da poboación levaba anos desprazándose do Cruceiro e Abelendo, previo paso por Quintela, á beiramar. Tamén se poden observar varios tipos de embarcacións, aparellos e pezas de roupa colgados e secándose. A praia tiña uns usos moi diferentes dos actuais.

O alcalde observa desde o malecón recién feito os traballos xusto no lugar que hoxe ocupan o Pósito e a Praza de Abastos. Trátase de José Parada Costa que chega á alcaldía en 1913 como concelleiro “adicto” da man de Antonio Pazos Fontenla, presidente da Deputación. Nesa época da restauración borbónica dominaba o espazo político provincial Eduardo Vicenti do Partido Liberal Democrático e, sobre todo, o seu sogro Eugenio Montero Ríos ao que moitos consideraban prototipo de cacique.

En 1913 sendo aínda tenente-alcalde, Parada, que tiña un café en Quintela, promove a sociedade “Los hijos del mar” para organizar en xullo as festas do Carme que se celebrarían en parte no novo malecón con regatas de traiñeiras de vinte e dous tripulantes, botes de catro remeiros, cucañas, foguetes de artificio, música e bailes. Un acto da regata de traiñeiras, así como un retrato do alcalde e unha escea de pesca foron publicados na revista Vida Gallega nº 50 de 1914 e días antes do San Martiño dese ano fundaríase o Moaña Foot Ball Club e no ano seguinte inauguraríase o campo da Xunqueira

No mandato de Parada houbo unha forte contestación e el mesmo denunciou por inxurias graves aos responsables do periódico quincenal de Moaña “La Razón” que tiveron que disculparse nun acto de conciliación. A oposición máis dura exercíanna Eusebio Alonso “O Chaval”, compostelán afincado en Moaña e promotor das Sociedades Agrarias e José Trigo, que acusaban ao alcalde, Vicenti, Pazos, etc. de caciques en distintos medios de comunicación, ademais de organizar mitins e protestas en Moaña e Pontevedra contra o reparto de consumos (impostos) e poñían en dúbida os resultados electorais por diferentes chanchullos.

En xaneiro de 1916 Parada sería substituído por Manuel Pereira do mesmo partido


Xesús Cancelas Franco, Presidente da Agrupación Cultural Nós

lunes, 13 de abril de 2015

José Fandiño Pidre, o último alcalde republicano de Moaña (Comentario de Xesús Cancelas Franco, presidente da Agrupación Cultural Nós, publicado na VOZ DE GALICIA)



Tal día coma hoxe, o domingo 12 de abril de 1931, celebráronse en todo o territorio español eleccións municipais que traerían un cambio histórico e a nosa vila non foi allea a aquela situación. Os gañadores foron as forzas republicanas que en Moaña tiñan como líderes máis activos a José Romero e ao mestre José Corbacho. O resultado foi contundente: catorce electos polos republicanos, se ben é certo que tiñan distintas tendencias ideolóxicas, a maioría radicais, pero tamén agrarios, socialistas e independentes, mentres que os monárquicos obtiveron dúas actas.

Dous días despois, o 14 de abril proclámase a República entre mostras de euforia por parte da maioría da poboación en toda España, pero non así en Moaña porque un grave suceso acaecido o luns, día 13, trouxo o loito ao movemento republicano e á familia de Cándida Lago que caíra ferida mortalmente despois de que un grupo armado disparara máis de cuarenta tiros de arma curta contra o mestre José Corbacho, que resultaría ileso. Por estes feitos foron procesados o alcalde saínte Ernesto Carballo, o seu irmán Ramón e oito persoas máis, con veredicto de inculpabilidade.

José Romero, que viña de presidir o sindicato “Solidaridad Marinera” e que era o líder do Partido Radical de Moaña, sería elexido alcalde. O día 16 de febreiro de 1936 celébranse eleccións xerais e gaña o Frente Popular ao que non apoiaba o Partido Radical, suspéndense as eleccións municipais previstas e o novo gobernador civil cesa ao alcalde José Romero o 20 de marzo e nomea unha xestora que dous días despois en sesión plenaria elixe alcalde a José Fandiño Pidre, un emigrante que retornara un ano antes para montar un café económico. Tiña un amplo apoio popular por ser considerado boa persoa, honesto e conciliador e nada máis tomar posesión ponse mans á obra e comeza importantes proxectos como o cemiterio municipal, o arranxo da Canexa, etc.

Como consecuencia do golpe de estado de Fancisco Franco contra a República, o alcalde Fandiño é detido e acusado de rebelión como a grande maioría dos alcaldes da provincia e nun xuízo militar celebrado en Vigo o 12 de decembro de 1936 sería condeado a morte por masón, actividade que non se lle coñecía. Fusiláronno xunto con outros dous veciños o 31 de decembro de 1936, deixando viúva e dous fillos menores.

A illa de san Bartolomeu en Meira : unha marabilla do noso pasado que agora é unha península, por Manuel Méndez. A.C. Nós



A fotografía de Pacheco forma parte dun conxunto das mellores fotos da paisaxe do concello de Moaña de hai algo máis de cen anos que foron encargadas pola corporación segundo un acordo do pleno do 15 de marzo de 1914 que transcribo literalmente:

Solicitud de remisión de fotografías a Londres. Dada cuenta asimismo de otra carta del Presidente del Comité Ejecutivo de la Exposición de Turismo en Londres rogando se le envíen fotografías de vistas, sitios importantes, cuadros históricos, etc., se acordó autorizar al Presidente don José Parada para que en nombre de la corporación las adquiera y las envíe a dicho comité.

Efectivamente, o alcalde José Parada Costa encargou ao estudo fotográfico de Pacheco unha colección de fotografías de diferentes lugares de Moaña (igrexa de San Martiño, ponte de río de Meira, o Pontillón, a capela do pazo do Real, esta da illa de San Bartolomeu, A praia da Xunqueira, etc.) para a enviar á exposición internacional citada e que chegaron ao arquivo da agrupación cultural Nós da man de Isabel Parada -filla do alcalde- hai uns trinta anos. Doazón que para os membros da A.C. Nós foi moi importante e que nos animou a continuar ampliando o arquivo fotográfico da localidade.

Na illa observamos unhas casas encaladas ao norte, situadas na entrada, que se facía a pé coa marea baixa tal como se recolle nesta imaxe e no alto a capela de san Bartolomeu, arredor da que se celebra aínda hoxe unha boa festa no verán. A illa transformouse en península no comezo dos anos 60 do pasado século, edificouse algo máis, fíxose un porto, unha pequena lonxa, un clube de remo e, nos últimos anos, recreouse un museo ao aire libre das “Carreiras”, industrias de facer cordas para barcos como as que houbo na illa na primeira metade do s. XX e un edificio multiusos para os xubilados da parroquia a escasos metros do mar construído por Portos de Galicia.