lunes, 25 de mayo de 2015

Os peiraos de madeira e de pedra en Moaña, por Xosé Carlos Villaverde Román

Porto de Moaña, 1930. Foto SARABIA. Arquivo da Autoridade Portuaria de Vigo

Está ben documentado que o actual casco urbano do concello de Moaña vaise desenvolvendo a mediados do s. XIX, e en especial a finais dese século, ao abrigo da arte da traíña, entre outras circunstancias. A proliferación desta arte na Praia de Moaña e o medre poboacional da costa conlevou a necesidade dunha delimitación marítimo-terrestre independente da regulada pola Axudantía de Cangas. En 1903 márcase un fito histórico e conséguese esa autonomía coa consecuencia inmediata de construír un peirao de mercadorías. Sobre o ano 1908, a sociedade El Progreso de Moaña asume a concesión dun peirao de madeira destinado ao servizo público, pero xa en 1914, debido ao deterioro, os veciños solicitan a construción doutro peirao de pedra cuxa execución foi paralizada por mor da I Guerra Mundial.

A partir de 1916, ante a insistencia da Corporación Municipal, o deputado Vicenti Reguera e o arquitecto, veraneante no Con, Fernando García Arenal, interceden no Ministerio de Transportes para reafirmarse no proxecto do peirao de pedra, que tivo a aprobación no ano 1922, pero houbo que agardar ata xullo de 1926 para colocar a primeira pedra. En 1932 o porto de pasaxe e mercadorías foi unha realidade, coas correspondentes ampliacións que nos chega ata o estado actual.

Dentro dos múltiples servizos que ao longo da vida tiveron estes dous peiraos, cabe destacar a acollida, que lle fixo o alcalde Ernesto Carballo no peirao de madeira en 1924 a Primo de Rivera, que en setembro de 1923 instaurara o réxime dictatorial que leva seu nome. A outra recepción destacable foi a Niceto Alcalá Zamora, presidente da II República, que en agosto de 1934, achegouse ata o peirao de madeira para saudar ao alcalde José Romero e ao pobo moañés.

Asociación Cultural Nós

miércoles, 20 de mayo de 2015

O “padre Seixas” no Ateneo de Moaña. : autor do libro 400 nomes galegos para homes e mulleres, por Manuel Méndez


O padre Seixas impartindo unha conferencia no Ateneo de Moaña. Arquivo da A.C. Nós

Cúmprese este ano o centenario do nacemento de Xaime Seixas Subirás (Santiago 1915-Valladolid 1994) máis coñecido como o “padre Seixas”, un activista a prol da galeguización da igrexa. O 25 de xullo de 1965 o cardeal Quiroga Palacios encargoulle dicir a primeira misa en galego co gallo da celebración en lembranza de Rosalía no panteón de galegos ilustres en San Domingos de Bonaval.

O “padre Seixas” foi un home vencellado ao movemento obreiro católico como a Vangarda Obreira Xuvenil ou a Vangarda Obreira Feminina e despois de exercer en Burdeos e como misioneiro na República Dominicana estableceuse en Vigo. Foi nesa época da súa estadía en Vigo cando impartíu dúas conferencias no Ateneo de Moaña. Na fotografía que ilustra este comentario vémolo acompañado de Gonzalo Riobó Costa e Jesús Moldes Monroy, ámbolos dous dinamizadores da vida cultural moañesa a finais dos anos 60 do pasado século.

O “padre Seixas” segue vivo na memoria de moitos vigueses, moañeses ou galegos polo seu traballo comprometido socialmente e polo seu labor a favor da liturxia en galego. Promoveu a publicación da Biblia no noso idioma e foi o autor do libro 400 nomes galegos pra homes e mulleres no 1977, todo un best seller da literatura da época. Un libro de cabeceira para moitos dos que procuramos difundir a idea de poñerlle os nomes en galego aos nosos fillos e fillas.

No Ateneo de Moaña, fundado no 1967, tiven a oportunidade de impulsar xunto coa directiva na que estaba integrado nos anos 1974 e seguintes diferentes actividades seguindo esta liña de galeguización anterior especialmente arredor do día das letras galegas. Actividades tales como recitales de poesía coa presencia de poetas como Manuel María ou grupo Rompente con Pexegueiro e Antón Reixa, entre outros. Organizáronse tamén ciclos de teatro no desaparecido cine Prado e no salón de actos do colexio de Reibón, houbo unha das primeiras actuacións do Mago Antón ou conferencias maxistrais que nos emocionaban como unha do doutor Teixeiro, psiquiatra que ademais era músico e artista e se despedíu de nós antes de emigrar a Canadá tocando o violín e a zanfoña.

Asociación Cultural NÓS

Filgueira Valverde no Ateneo de Moaña en febreiro de 1970, por Xosé Carlos Villaverde Román


Filgueira Valverde no Ateneo de Moaña, 1970. Foto: José Gayo Rouco


O Ateneo, durante pouco máis dunha década (1967-1978), deixou en Moaña unha impronta tan relevante que, aínda hoxe, as súas reminiscencias teñen influencias na vida societaria do concello.

O Ateneo de Moaña pasou por varias etapas e durante a primeira con moitas conferencias, como a dada por Filgueira Valverde en febreiro de 1970 que aparece na foto de José Gayo Rouco e a quen a Real Academia Galega (RAG) lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. José Filgueira Valverde e Alfredo García Alén publicaron “Materiales para la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra” (1954-1956) da que tanto se valeu a sección do Ateneo “Grupo Arqueolóxico do Morrazo”, fundado en 1972 e apadriñado polo insigne escritor vigués Xosé María Álvarez Blazquez.

Ademáis da arqueoloxía, o Ateneo contou con outras seccións como o xadrez, fútbol de praias, fútbol feminino, Coral Moañesa, teatro, teatro-forum, cine-forum, etc. A partir de 1971 o Ateneo vaise decantar por revalorizar e defender a propia cultura galega e en 1975 únese a varias asociacións culturais de Galicia para dedicarlle o Día das Letras Galegas ao poeta Ramón Cabanillas como contestación á Real Academia Galega que llo dedicaba a X. M. Pintos Villar creando unha grande polémica. A repercusión non oficial acadou tal magnitude, ata o punto de que a RAG viuse obrigada a concederlle ao ano seguinte o Día da Letras Galegas a Cabanillas. Lembrar que Ramón Cabanillas foi secretario do concello de Moaña no ano 1942.

A análise a posteriori do Ateneo, pódese dicir que ademais dunha entidade cultural, resultou ser enriquecedora para o devenir de Moaña. Daí saíron políticos (Sebastián Juncal, Xabier Abalo e Manuel A. Méndez), presidentes de comunidades de montes (Lolo Rodríguez Parada), propulsores das asociacións do pequeno comercio -hoxe FECIMO- (Gonzalo Riobó e Xan Cancelas), personaxes de teatro (Sito Parada), campións provinciais de xadrez (Paco Juncal e Benito Sánchez), sindicalistas (Lois Ríos e Manuel Currás Meira), dirixentes das asociacións veciñais (Luís Rúa), representantes da cultura (Manuel P. Rúa, Luís Pérez Rivas de Nacidas, Villa, Suso Cancelas Franco), animadores de corais (Manuel Nogueira, Suso Rúa, Manuel Iglesias, Juncal) e un longo etc. MEMORIA DE MOOAÑA. AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

lunes, 4 de mayo de 2015

Primeiras bateas en Galicia : celebración do gremio dos bateeiros en Moaña no 1º de maio de 1958



Celebración do 1º de maio no parque de Lestón, 1958. Foto José Gayo Rouco

Nada máis comezar o século XX instálanse os primeiros viveiros frotantes de mexillón en Tarragona (1901) e Barcelona (1909). Nesa época en Galicia non existía produción industrial do molusco. Vinte anos máis tarde as autoridades da mariña multaban aos que incumprían as vedas así como aos propietarios de barcos e fincas polo seu uso masivo para abono e non sería ata os anos trinta en que algúns técnicos alertan de que a cría de mexillón estase extraendo por toneladas para a Unión Mejillonera de Barcelona ademais de venderse para fabricantes foráneos e destacan a importancia e futuro do cultivo mexilloeiro e algúns propoñen incluílo no Estatuto de Galicia. No resume de vendas da lonxa do Berbés de 1931 relaciónase unha cantidade caseque insignificante de 536 kg de mexillón por 911 pesetas.

No ano seguinte e segundo publica Luis Mª Pérez instálase en Tirán a primeira batea de Galicia sendo o propietario Manuel Otero Moratinos que xunto con outro socio solicita autorización na Axudantía de Cangas (BOE 20/08/1932). O artefacto estaba construído utilizando como frotador un caixón de embalaxe dos coches que chegaban a Vigo, mercado por trescentas pesetas. Instalouse nun lugar próximo á igrexa de Tirán e quedou ao seu cargo Enrique Juncal, veciño da zona que morrería dunha pulmonía despois de tratar de salvar a batea nun temporal o 2 febreiro de 1933.

Entre 1945 e 1949 publícanse anuncios solicitando viveiros frotantes e no 1950 instálanse na dársena do Berbés catro plataformas que foran construídas no estaleiro de Ferradás de Domaio. Un ano despois Mejillonera Viguesa solicita permiso para un viveiro de 70x40 metros en Domaio e dez anos despois esta parroquia moañesa con 90 bateas na súa costa é a que ten máis viveiros na ría.

A finais de 1953 o sindicato provincial de pesca propón a creación do Grupo Sindical de propietarios de viveros flotantes de Mejillón. A fotografía representa unha festa do 1º de maio do dito gremio no parque de Lestón.

O mexillón de Galicia ten un crecemento óptimo, pois en oito ou nove meses ten talla comercial en tanto que noutros países tarda catro ou cinco anos. Esta vantaxe quedaba contrarrestada polos fortes temporais que destrozaban as bateas. En marzo de 1963 un veciño do Con morre tratando de salvar unha batea. En Moaña neses anos proliferan as concesións para bateas e cocedeiros e tamén se pon en marcha a fábrica de conservas La Guía no ano 1959 e en xullo de 1968 a fábrica dos “Brencas”.

Na nosa vila, a medida en que vai perdendo importancia a frota sardiñeira vai medrando con forza a industria derivada do mexillón.


Xesús Cancelas Franco, presidente da A.C. Nós