viernes, 24 de julio de 2015

Federico Cantero Villamil, enxeñeiro e inventor (1874-1946) / por Manuel Méndez



Federico Cantero Villamil e Concepción García-Arenal Winter no chalé do Con en Moaña, ca 1920

Federico Cantero Villamil, Crónica de una voluntad. El hombre, el inventor é o título do libro publicado pola súa neta Isabel Díaz de Aguilar Cantero no ano 2006 no que reivindica a súa figura achegando moitos datos da súa biografía que para moitos de nós eran descoñecidos.

A Agrupación Cultural Nós recibiu dos seus herdeiros e familiares interesantes fotografías realizadas por el mesmo na costa do Con e na ría de Vigo e tamén negativos en placas de diferentes formatos, algunhas estereoscópicas e que reproducimos nos primeiros tomos de Moaña, Historia Fotográfica. Fotografías con escenas familiares, de nenas e nenos, de mariñeiros, barcos, etc., nas dúas primeiras décadas do século pasado que teñen un valor extraordinario. Era un bo fotógrafo que documentou coa súa cámara tamén moitas das obras que proxectou na súa traxectoria como enxeñeiro de camiños, canales e portos.

No ano 1896 finaliza os seus estudos co número un da súa promoción e no 1899 funda a sociedade El Porvenir de Zamora coa intención de explotar a presa de San Román coa construción dun salto de auga que se convirte no primeiro de España. Proxectou varias presas ao longo do río Douro e patentou un novo tipo de esclusas hidráulicas accionadas pola auga do canal ou do propio encoro onde estivesen instaladas. Desde o ano 1897 compaxina as súas viaxes de estudo ás máis importantes explotacións hidroeléctricas de Europa coa explotación de varios saltos de auga entre Zamora, a súa residencia habitual, e a fronteira portuguesa.

No 1905 casa con Tránsito Cid Ruiz-Zorrilla coa que ten dous fillos e no 1909 queda viúvo aos 35 anos. No 1912 casa con Concepción García-Arenal Winter, filla do tamén enxeñeiro Fernando García Arenal e neta da ilustre Concepción Arenal. Deste novo matrimonio nacerán seis fillos.

No 1913 realiza un proxecto para a nova estación de Ferrocarril de Zamora e outro para unir as cidades de Zamora e Ourense sendo unha obra moi complicada porque implicaba a construción de 95 túneles, entre eles, o do Padornelo de seis quilómetros de lonxitude. Unha obra na que traballaron 15.000 persoas e que se realizou entre 1921 e 1957 debido ás dificultades económicas polas que pasaba o país. Precisamente a deputación de Zamora editou un libro no ano 2013 para conmemorar o centenario do proxecto titulado “100 años en línea. Un viaje apasionante sobre el proyecto de Ferrocarril entre Zamora y Ourense”.

Outro dos campos dos seus proxectos foi o da aeronáutica no que chegou a rexistrar 23 patentes, sendo a última a do helicóptero denominado “La libélula española” que comezou a construír no 1935 e co que realizou as probas de voo no 1939 e que por diferentes motivos quedou esquecido.

A súa relación con Moaña viña dada polo casamento con Concepción García-Arenal e pola recomendación médica que lle indicaba precisamente á súa muller alternar a residencia de verán entre La Granja de San Idelfonso en Segovia e a beiramar do Con en Moaña onde tiña a casa a familia de Fernando García Arenal.

lunes, 20 de julio de 2015

As primerias festas do Carme en 1913, por Xosé Carlos Villaverde Román



Procesión do Carme en San Martiño, Moaña,1949

Aínda que a primeira efeméride de nomear a virxe do Carme como patroa da mariña de guerra española e, por extensión, de todos os mariñeiros españois, data de principios do s. XX, en Moaña temos constancia, por investigacións de Manuel Uxío García Barreiro, de que esa advocación xa procede do ano 1672 cando a imaxe da virxe era venerada nunha casa en Broullón, onde se facía misa dominical, ata que retornou á igrexa de San Martiño ben entrado o s. XX. Pero antes, moito antes de que as autoridades eclesiásticas dividiran a freguesía de san Martiño, en 1961, nas de san Martiño e a Virxe do Carme, as autoridades locais conseguiron trasladar os festexos ao emerxente barrio da Praia, dominado precisamente polo gran aumento de mariñeiros, armadores e pescadores.

Efectivamente, a puxanza comercial do barrio de A Praia, na medida que ía incrementándose en núcleo poboacional, ía demandando melloras en todos os sentidos; así no relixioso, o tenente alcade José Parada (Pepe de Serafín), posteriormente alcalde, foi un dos primeiros propulsores en organizar en 1913 as festas do Carme na Praia de Moaña. Para iso contou coa colaboración do comercial e industrial Ventura Pérez, que se encargou de montar un restaurante de comidas e bebidas para todos.

Nese ano as bandas de música municipais de Vilagarcía e a Popular de Vigo encargáronse de animar os barrios de A Praia, Quintela, Abelendo, O Casal e O Cruceiro, para rematar en sendos concertos no recheo da Praia. O tal recheo acabouse de facer en 1914, chamado por entón o malecón, unía o Pontillón e a Gorita (hoxe Vaticano).

Nesa efeméride en 1913 houbo unha sesión fotográfica, hoxe desaparecida, dos tripulantes mariñeiros das embarcacións máis distinguidas. Non obstante, si que conservamos imaxes das regatas de traiñeiras de 22 tripulantes que participaron no evento e da finalización da carreteira de abaixo (malecón).

Os festexos, organizados pola asociación Los Hijos del Mar e José Parada, que ostentaba unha cafetería en Quintela, celebrábanse partir do 25 de xullo, e a verbena, na Praia, que somente duraba ata as doce ou unha da madrugada, estaba ambientada por unha iluminación á veneciana (farolillos de acetileno). Lembrar que a luz eléctrica chegou a Moaña en 1925.

No adro da parroquial San Martiño soltouse un globo xigante anunciando as festas e pola tarde, no recheo da Praia, houbo máis globos gotescos e foguetes voadores. Organizábanse tamén merendas e cucañas amenizadas por gaiteiros e organillos.

A procesión do Carme do día 26 de xullo tivo lugar a partir do mediodía, a lombo dos mariñeiros e polos lugares de costume (sen especificar cales eran) e de unha a dúas da tarde había concerto no adro parroquial. A partir das cinco os festexos continuarían na Praia.

miércoles, 15 de julio de 2015

Árbores e bosques do Morrazo

ÁRBORES E BOSQUES DO MORRAZO Ano 2009

Textos:
Juan A. Tomé Cruz
Miguel Veiga Pérez
Fco. Xosé Bernardez Solla
Candido Martinez Rodriguez
X.Miguel González Santos
Xurxo García Avendaño

Debuxos:
Miguel Veiga Pérez, excepto Ailanthus altissima,Acacia longifolia, Paraserianthes lophantna, e Acacia mearnsii realizados por Sofía Leis

Fotos : Juan A. Tomé Cruz

Retoque dixital:
Juan Cancelas Tomé

Revisión ortogáfica e corrección Lingúistica dos textos:
Paula Soto, do SNL do Concello de Moaña

Expresar o noso agradecemento a:
Ricardo Sánchez,José A. de Saa Cordeiro, Graciela, Xurxo Mouriño, Ezequiel Martinez, Xabier Blanco, Xaime Estevez,David Graña, Alberto Pastoriza, Javier Santiago Díaz e a todas e todos os que comparten con nos a admiración e respeto polo noso patrimonio natural

Editan:
Colectivo Ecoloxista Luita Verde
Federación Ecoloxista Galega

Coa colaboración económica de: Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras




LIMIAR

Teño un bo amigo, o Tomas, andarín acasional de natural curioso e preguntón que me comenta no café: “ estiven no monte antonte; poucas sensacións comparables co camiñar pola carballeira un serán de outono, o sol aínda quenta, o vento é doce e agarima fresquiño na punta do nariz, subes pola congostra que vai de Ermelo ao alto do Xestoso e o chan é unha alfombra de follas que xa cheira a inverno e trisca dabaixo dos pés. Aínda non se espiron a maioria das árbores, cada recuncho é unha festa de cor: verdes, marelos, pardos, ocres, non hai fotografía que lle faga xustiza á gama de cores do bosque noso nesta época do ano; se non miras, naturalmente, cara a esas especies introducidas que todo o tempo, así sexa verán ou inverno, teñen o mesmo aspecto, a mesmiña cor da cinza e nin se molestan en deixar caer a folla para alimentar o chan ¡ librenos o senso común de nefandas repoboacións !

“Mais o caso é que eu apenas coñezo o nome de catro ou cinco árbores, se me quitas do carballo ou o salgueiro estou perdido, gustariame saber máis”

Entón faleille a Tomas da guía que agora tendes nas mans, unha aproximación ás especies arbóreas do Morrazo, traballo modesto pero rigoroso, moi ben documentado con información axeitada de características usos e distribución, práctica e ideal para achegarnos non só ao máis coñecido , do castiñeiro ao freixo pasando polo amieiro , senón tamén as menos habituais, como a sobreira e as foraneas, aquelas que, nisto concordo totalmente co Tomás, políticas forestais irresponsabeis converten nun autentico cancro para os nosos montes.

Coñecer é valorar un chisco máis o noso, descubrir, agora máis que nunca co cambio climático apretando, que unha cultura está morta se non protexe os seus bosques

ÁMBITO XEOGRÁFICO



A península do Morrazo entendida como unidade xeográfica delimita ao norte coa ría de Pontevedra, ao sur coa ría de Vigo, ao leste coa depresión meridiana pola que discorre a estrada N-550 Vigo Pontevedra e ao oeste co océano atlántico.

Ocupa unha superficie aproximada de 17.875,55 Hectáreas cunha lonxitude de 25 km e unha media de 10 km de ancho. Trátase dun territorio densamente poboado,aproximadamente 90.000 habitantes, con máis de 220 núcleos de poboación concentrada principalmente nas vilas do litoral, e unha densidade de 507 hab./km2.

Forman a península os concellos de Cangas, Moaña, Bueu, Marín e a maior parte do territorio do de Vilaboa así como o das parroquias de Lourizán e Salcedo do Concello de Pontevedra.



CLIMA

O Morrazo entra no dominio do clima oceánico húmido con forte tendencia a aridez estival caracterizado por un réxime de temperaturas suaves, 15ºC de media anual e febles oscilacións térmicas, cunha media entorno aos 10ºC no inverno. A temperatura máxima absoluta é de 33,8ºC e a mínima -2,3ºC para os 400 m de altitude.

Debido á exposición favorable aos ventos húmidos do atlántico, as precipitacións son abondosas principalmente no outono e inverno cunha variación que oscila entre os 2.000 mm anuais nos cumios dos montes e os 1.600 mm nas zonas baixas. Chove unha media de 140 días ao ano.

A suavidade térmica xunto coa pluviosidade elevada converten as Rías Baixas nunha das zonas de maior produtividade forestal da península ibérica, o período de actividade vexetativa é de case 12 meses.



XEOLOXÍA

O Morrazo é un hosrt (elevación do terreo) granítico do terciario que se ergue debido ao afundimento dos bloques que hoxe forman as rias de Vigo e Pontevedra. Segue unha dirección SSO-NNL, con todo as principais liñas montañosas dispóñense de xeito perpendicular en dirección N-S.

Este hosrt presenta varias fracturas e basculamentos que, xunto cos materiais xeolóxicos e outros condicionantes, van configurar unha variada orografía territorial.

Atopamos dous tipos de litoloxías: rochas igneas son as máis abundantes en todo o territorio, predominan granitos de dúas micas e granodioritas da era hercínica, e rochas metamorficas entre as que podemos diferenciar dous subcomplexos.

1. Complexo Vigo-Pontevedra: aflora na parte media -interior da península con abundancia de gneises de plaxioclasa e biotita e micaxistos en menor proporción.
2. Complexo Cabo Home- ALanzada: na parte máis occidental, predominan os xistos de duas micas con intercalacións de cuarcitas. Os materiais do cuaternario son areas de praias e depósitos coluviais nos vales.



XEOMORFOLOXÍA

A península ofrece un aspecto montañoso con numerosos outeiros, depresións e vales que configuran unha orografía moi variada. No litoral, as múltiples enseadas dan lugar a unha costa sinuosa con abondosos areais. Todo isto confire un carácter propio ao territorio e crea pequenos microclimas locais que inflúen na distribución da vexetación.

a metade oriental da península predominan as cotas comprendidas entre os 400-600 m. acadando o punto máis elevado no Coto do Home (624 m, segundo o mapa topográfico nacional do IGM).

A medida que nos diriximos a oriente, as cotas dominantes descenden a pouco máis de 400m.; falamos dos montes que rodean o pobo de Ermelo. Seguindo cara ao océano, descenden ata os 300m. na serra da Magdalena en Cangas. Despois da fractura que dá lugar a subpenínsula do Hío, os montes chegan a acadar os 200m para morrer nos cantís oceánicos da costa da Vela onde o monte Facho, con 184 m, e punto máis elevado do cantil.

Dende os cumios centrais nos lindes dos concellos de Moaña e Marín podemos diferenciar dúas vertentes, a norte que cae cara á ría de Pontevedra ofrece pendentes máis suaves que a Sur, moito máis pronunciada onde se chegan a salvar distancias de 600 m ata a beiramar da ría de Vigo en tan só 3 Km.



EDAFOLOXÍA

O solo fórmase ao longo do tempo pola interacción de varios factores: natureza da rocha nai, clima, relevo e seres vivos, incluída a propia vexetación que inflúe nas propiedades químicas e físicas deste. Calcúlase que un solo orgánico tarda en formarse entre 20-30 anos e un verdadeiro solo profundo con horizontes ben diferenciados pode tardar en formarse máis de 3.000 anos.

A perda de solo supón un problema de primeira magnitude, precisamente polo tempo que se precisa para a súa formación. Isto vai influír no tipo de cuberta vexetal que se vai establecer e na calidade dela, moitas especies arbóreas precisan dun bo solo para medrar adecuadamente, tanto mellor se o que se busca é a produción de madeira de boa calidade. Hoxe en día as principais causas de perda de solo son a deforestación provocada polos lumes forestais, e as malas prácticas silvícolas que deixan o solo exposto a factores climáticos que provocan unha erosión de difícil restauración, sobre todo en relevos de pendente acusada.

Brevemente describimos os principais tipos de solos que se poden atopar no Morrazo.

- Leptosol úmbrico (antes Ranker húmido): trátase dun solo pouco evolucionado con dous horizontes, desenvólvese sobre rochas silíceas, ocupa os cumios e ladeiras montañosas. De profundidade escasa cando se forma sobre a rocha nai e maior cando a rocha está alterada. Este tipo de solos fórmanse baixo clima atlántico con precipitacións superiores aos 800 mm. e teñen perfil A/C pouco diferenciado. O horizonte A orgánico está composto por restos vexetais sen descompoñer de espesura variable, que se asenta sobre o horizonte C que mantén a textura da rocha nai alterada e fácil de penetrar polas raíces.

- Cambisol húmico (antes terras pardas húmidas). É un tipo de solo máis evolucionado que o anterior, aparece en ladeiras de pendente suave. Posúe un horizonte (A) rico en materia orgánica con máis de 30 cm de profundidade, no que se poden distinguir varios subhorizontes, que descansa sobre un horizonte (B) formado por alteración da rocha nai de cor escura ou ocre dependendo do contido e características dos óxidos de ferro. Un terceiro horizonte C está formado pola rocha nai. En xeral trátase dun solo ben estruturado, aireado, fresco e non encharcadizo. Máis da metade dos solos do Morrazo correspóndense con este tipo.

As mellores terras foron dende sempre aproveitadas para os cultivos Na imaxe paisaxe agricola en Marín. As sebes de árbores e arbustos entre as fincas dan lugar a un ecosistema de elevado valor ecolóxico



HIDROGRAFÍA

O Morrazo non forma unha cunca hidrográfica propiamente dita, tratase máis ben dun espazo sucado por abundantes e pequenos ríos ou regatos de pouco caudal que non adoitan pasar dos 3 Km de longo, que recollen as augas de drenaxe e seguen fundamentalmente unha dirección N-S, a mesma ca das fracturas do territorio e verten as augas na ría de Pontevedra e Vigo.

O río da Fraga ou dos Ladróns en Moaña, é o de máis longo percorrido da comarca, nace no Coto do Home e, logo de case 7 Km, desemboca na praia da Xunqueira, aquí desemboca tamén o río do Pontillón.

Na parroquia de Domaio descenden dende o alto os ríos da Freixa e Livón que tributa ao da Miñouba, este dá lugar a unha espectacular fervenza.

No concello de Cangas, os máis caudalosos son o río Bouzós, o Saíñas, que desembocan na ría de Vigo, e os de Vilanova e Orxás, que verten na ría de Aldán.

No concello de Bueu destacan os ríos Frade, Bispo, Inferno e o da Pena. Entre os de Marín, hai que destacar o río das Gorgadas, o arroio de Miñán e o regato de Silvestre, que tributan as augas ao río Loira. O rego de Castiñeiras e o de Agrelo verten as augas no pequeno río da lameira que pasa polo centro de Marín.

No concello de Vilaboa, o río Maior é o de máis entidade, nace en Cotorredondo e recolle as augas dos regos do Portiño, Campolongo e Asubións, que descenden cara ao val de Sta. Cristina de Cobres. Nas salinas do Ulló desemboca o río Tuimil que recolle as augas do rego das Covas, que nace preto da Chan de Armada, as do rego das Veigas e o de Sidral. Na parroquia de Lourizán (concello de Pontevedra) destacamos o rego de Louriñas que, preto do poboado de celulosas, dá lugar á valiosa zona húmida. Dende os altos de Figueirido, descenden cara á depresión meridiana varios regos que tributan no río Tomeza, que logo pasa a chamarse río Gafos que non incluímos no espazo que abarca esta guía.

O río da Fraga en Moaña e o máis longo da comarca



SUCESIÓN ECOLÓXICA E VEXETACIÓN CLÍMAX

O termo sucesión ecolóxica refírese, sobre todo, as especies vexetais. Se partimos dun solo espido onde aflora a rocha nai, co paso do tempo, centos ou milleiros de anos, van acontecer unha serie de cambios onde o solo vai ser progresivamente ocupado por distintas comunidades vexetais que, interactuando co medio, van acadar unha situación de máxima estabilidade formando a vexetación clímax ou cumio do proceso, este proceso coñecese como sucesión primaria.

A vexetación resultante, que denominamos clímax, climácica ou climática acada teoricamente un estado de perfecto equilibrio co medio; solo, posición topográfica, clima, etc, e de non sufrir a interferencia do home esta é a situación de maior estabilidade posible.

Na maior parte da nosa comarca, esta correspóndese coas carballeiras, os bosques de ribeira nos cursos de auga, os matos dos cantís mariños e os dunares.

Asecuencia sucesional para as nosas carballeiras é a seguinte:

matos baixos – matos altos – xesteiras – silveiras – carballeiras

Falamos de sucesión secundaria cando a vexetación existente no territorio foi degradada e o proceso cara á vexetación clímax acontece de novo, partindo dunhas condicións distintas ás da sucesión primaria. A sucesión secundaria comeza no estado no que quedou o medio tras a perturbación.

Sucesión secundaria na Cruz do Xestoso (Moaña).O abandono do aproveitamento do toxo da paso a matos altos de xestas.Os que xa foron abandoados hai tempo forman carballeiras novas( ó fondo da imaxe)

BIOXEOGRAFÍA


A bioxeografía trata da distribución dos seres vivos no planeta dividindo este de xeito xerárquico en reinos, rexións, provincias e sectores tratando de matizar as características de cada territorio en función de criterios da florísticos, fitosocioloxícos, climáticos, edáficos, altitudinais, etc..

O territorio galego participa de dúas rexións do reino holártico: a eurosiberiana de carácter máis temperado e a mediterránea. Arexión eurosiberiana está representada pola provincia atlánticoeuropea e dentro desta na subprovincia cántabro-atlántica que abrangue dende Normandía, en Francia, ata Aveiro, en Portugal, marcada pola influencia oceánica. Esta, á súa vez, divídese en tres sectores: galaico-asturiano, xuresiano e galaico-portugués que abrangue a maior parte do territorio galego, no cal se diferencian varios subsectores correspondendo ao Morrazo co subsector miñense que é o territorio das carballeiras colinas que teñen como elementos florísticos diferenciadores a xilbarbeira, loureiro e uvas de can entre outros.

Segundo a clasificación de Rivas Martínez e col. 2002, a península do Morrazo encádrase dentro das seguintes unidades bioxeográficas:

–reino holártico
-rexión eurosiberiana,
–subrexión atlántico-central europea,
–provincia atlántico-europea,
–subprovincia cántabro-atlántica,
–sector galaico-portugués,
–subsector miñense.
MAPA DA VEXETACIÓN POTENCIAL DE GALICIA



SUPERFICIE FORESTAL DO MORRAZO

Non é doado nun territorio de características como o Morrazo establecer con exactitude que superficie é estritamente forestal. Intentaremos facer un esbozo do repartimento, usos e propiedade do monte. Neste senso, hai que dicir que aínda existen conflitos de deslindes, moitos deles arrástranse dende antigo, entre comunidades de montes e destas con particulares sobre a propiedade das terras.

En canto ao réxime da propiedade no conxunto da península, predomina a superficie forestal particular (55%) fronte á de montes veciñais (45%) se ben o repartimento por concellos é moi variable, así en Marín e Moaña a superficie de montes veciñais é maior que a privada. No concello de Bueu, os montes veciñais representan tan só un 12% da superficie forestal; no polo oposto sitúase Moaña cun 67% de superficie forestal veciñal. As propiedades forestais públicas son escasas e pertencen aos concellos. Malia isto, a Administración autonómica xestiona os montes mediante convenios e consorcios coas comunidades de montes. Existen tamén convenios e cesións das comunidades con entidades privadas.



UN POUCO DE HISTORIA

Os estudos polínicos realizados permiten facernos unha idea da vexetación que cubriu a superficie do territorio galego en distintos períodos. O actual bosque clímax galego e, polo tanto, o da nosa comarca, comezou a xestarse despois da última glaciación. Coa retirada dos xeos estableceuse un tapiz de gramíneas tipo estepario que foron ocupando bosques de ameneiros e piñeiros. Fai aproximadamente 10.000 anos, no período preboreal, a vexetación estaría formada por bosques de bidueiras, piñeiro silvestre, piñeiro negro e pinabete. No período boreal, fai 8.000 anos, os carballos e abelairas comezan a ocupar o territorio. No período atlántico, fai 7.000 anos, o clima tornase máis cálido e húmido, consolídanse os bosques de caducifolias semellantes aos da actualidade que acadarían a máxima expansión ata 3.000 anos antes do presente. O establecemento destes bosques foi practicamente parello á ocupación do territorio por parte da humanidade, polo tanto a nosa especie aparece coma un elemento fundamental de intervención no ecosistema e na paisaxe.

Se cadra a interferencia máis perturbadora no ecosistema acontece coa deforestación. Con respecto a isto, podemos establecer varias etapas ou períodos.

No Paleolítico, a especie humana era nómade, tratábase dunha sociedade recolectora-cazadora que empregaba o lume como ferrament fundamental para crear espazos abertos nos que poder cazar grandes presas de xeito máis doado, comezou así a deforestación do bosque.

No Neolítico, o home e a muller fanse sedentarios creando unha sociedade que baseaba a súa economía na agricultura e a gandaría. O incremento da poboación foi considerable. O sistema empregado na agricultura era o de rozas que consistía en queimar unha superficie ocupada pola vexetación para instalar un cultivo que había de producir durante 3-4 anos ata que se esgotaba a fertilidade do solo e comezaba o proceso noutra area. A vexetación que medraba despois de abandonar o terreo de cultivo posiblemente servise de pasto para o gando.

Neste período a redución da superficie arborada foi considerable.

Na Romanización mantense o sistema de rozas, perfecciónanse os métodos de explotación forestal, mellóranse as técnicas agrícolas dedicando as terras máis fértiles dos vales para os cultivos, poténciase a plantación de especies como o castiñeiro, a nogueira e a figueira. A poboación aumentou exercendo unha maior presión sobre o medio: maior superficie agraria e gandeira e aproveitamento da madeira para a construción.

Durante a Idade Media seguiu a empregarse o lume como ferramenta para conseguir superficie para a agricultura e gandaría. Increméntase ademais a demanda de madeira para construír casas, igrexas, mosteiros e pazos. Apartir do século VIII moitos soutos de castiñeiros son transformados en viñedo. Deste xeito a degradación do medio faise notable como testemuñan varios escritos do século XII onde se contempla como delituoso usar o lume no monte. A pesar do deterioro ao que se veu sometido o territorio galego, aínda mantiña unha boa superficie arborada como se recoñece nalgún escrito do século XVI que fala de Galicia como unha terra de onde se obtén madeira para navíos e exporta para moitas partes.

Na Idade Moderna a deforestación dos montes galegos tornase moi preocupante.

Intensifícase o aproveitamento da madeira para a construción naval, construción, carbón vexetal nas ferrarías e tamén se descortizaban moitas árbores para as tinguiduras.

Por outra parte, o campesiñado saca máis proveito das matogueiras que do arborado, xa que das primeiras obtén zonas de cultivo, e cama para o gando que servirá de esterco e, sobre todo, no monte común, zonas de pastoreo extensivo.

A desalentadora situación dos bosques é reflectida no catastro do Marques de la Ensenada onde se comenta que no ano 1752 só o 5% da provincia de Pontevedra está cuberta por bosques. No catastro fai referencia ao monte de Meira como un pedregal.

Despois desta desastrosa situación a superficie arborada incrementouse froito das repoboacións levadas a cabo principalmente con especies de alóctonas de crecemento rápido principalmente piñeiro (Pinus pinaster) e, posteriormente, eucalipto (Eucaliptus globulus).

Dende o século XVII leváronse a cabo distintos plans de reforestación polas distintas administracións do estado, nas que xa se facía patente a preocupación pola desastrosa situación do arboredo dos nosos montes.

As cifras do terceiro inventario forestal(2002) para a provincia de Pontevedra dan unha superficie forestal do 67%, da que o 61,5% é monte arborizado (186 .000 ha aprox.).

Por especies temos 50.000 ha de Pinus pinaster, 44.000 ha de masas mixtas de Pinus pinaster e Eucaliptus globulus, 40.000 ha de Eucaliptus globulus e 34.000 ha de masas mixtas das dúas especies anteriores con Quercus robur. A especie autóctona máis frecuente é o Quercus robur, do que a provincia posúe o 16% dos pés maiores, que representan o 18% do volume existente en Galicia.

Tala de eucalitos no monte Gagán tras a vaga de lumes do ano 2006



BOSQUES DE RIBEIRA

Cos nomes de bosque de ribeira, bosque de galería, ripisilva ou bosque aluvial coñecemos as formacións vexetais que medran nas ribeiras dos ríos e zonas asolagadas.

Son os ameneirais. Os da nosa comarca clasifícanse dende o punto de vista fitosociolóxico na asociación Senecioni bayonensis-Alnetum glutinosae.

Potencialmente estes bosques están formados por un dosel arbóreo dominado polo ameneiro (Alnus glutinosa) acompañado do freixo mediterráneo (Fraxinus angustifolia), salgueiro (Salix atrocinerea), bidueira (Betula alba ssp. celtibérica) que aparecen de xeito minoritario. Entre os arbustos podemos atopar abelairas (Corylus avellana), sabugueiro (Sambucus nigra), pereira brava (Pyrus cordata), estripeiro (Crataegus monogyna) e sanguiños (Frangula alnus). No Morrazo, porén, non está presente o Senecio nemorensis ssp. Bayonensis, a outra especie que nomea a asociación.

No estrato herbáceo abundan fentos de diversas especies, plantas anuais e herbáceas de porte alto: adoitan estar presentes o fento macho, fento femia, senecio, herba salgueira, eupatorio, narcisos, violetas, carex, sp., etc.

Hai unha presenza notable de lianas como a hedra, silveira (Rubus ulmifolius), chuchamel (Lonicera periclyneum), e outras plantas ruderais, pois este tipo de bosques estivo dende antigo moi intervido pola acción da man humana que sempre aproveitou a boa fertilidade dos solos nos que se asenta este tipo de vexetación para as actividades agrícolas.

Os bosques de galería do Morrazo non acadan a dimensión doutros lugares con ríos de maior caudal pero cumpren igualmente varias funcións entre as que cabe o seu valor como refuxio da biodiversidade local e corredor natural que comunica diversos espazos.

Outro tipo de ameneiral é o que medra sobre augas estancadas, sobre solos anegados e enchoupadizos, aquí a composición florística cambia de xeito substancioso e inclúense na asociación Carici laevigatae-Alnetum glutinosae. Un bo exemplo deste tipo de bosques témolo nas salinas do Ulló, en Vilaboa, onde forma unha das masas de maior entidade da provincia. De menor extensión son os de Limés, en Cangas, e os da Ponte do Campo no val do río Loira en Marín. Estes ameneirais asociados ás chairas húmidas presumimos que deberon ser abondosos na comarca, mais sufriron dende sempre unha acciónantrópica que mermou a súa superficie. Lembramos os ameneirais das Raíñas e do Rosal en Moaña como exemplo recente dadestrución deste tipo de ecosistemas.

Bosque aluvial nas Salinas do Ulló Vilaboa, un dos maior impotanciada provincia de Pontevedra



CARBALLEIRAS


Potencialmente a maior parte do territorio do Morrazo estaría poboado de bosques onde o carballo sería a especie dominante. Seguindo as series de vexetación de Rivas-Martínez, estes bosques correspóndense cunha carballeira climácica, termófila, colina galaico-portuguesa (Rusco aculeati-Quercetum robori) sendo o principal elemento diferenciador desta asociación a presenza da xilbarbeira (Ruscus aculeatus). No estrato arbustivo aparecen acivros (Ilex aquifolium), érbedos (Arbutus unedo), loureiros (Laurus nobilis), pereira bravas (Pyrus cordata), sanguiños (Frangula alnus) segundo a exposición, as características particulares do medio e o estado evolutivo, pois moitas das masas son carballeiras en rexeneración.

Como dixemos nestas forestas dominaría o carballo (Quecus robur) acompañado puntualmente doutras árbores como cerdeiras (Prunus avium), castiñeiro (Castanea sativa), cerquiño (Quercus pyrenaica) e sobreira (Quercus suber) elemento este último que, asociado a presenza de plantas como o trobisco e a carpaza, delata dende o punto de vista fitosociolóxico a presenza dunha carballeira-sobreira (Rusco aculeati-Quercetum roboris subasociación Quecetosum suberis), que posiblemente dominaría nas zonas que lle son máis propicias como puidera ser Domaio no concello de Moaña. En calquera caso, a distinción entre estes dous tipos de carballeiras alí onde ambas as dúas medran resulta difusa.

Maila a intervención das persoas, que vai parella co establecemento da actual vexetación climácica, o Morrazo conserva boas mostras de carballeiras. Isto resulta importante se temos en conta o valor ecolóxico e a escaseza deste tipo de formacións no litoral. Posiblemente estamos a falar cualitativa e cuantitativamente das mellores carballeiras do litoral pontevedrés.

Referímonos ao conxunto de masas que vai máis alá do espazo recoñecido como carballal de Coiro, e que forma un mosaico ou teselas de bosque autóctono que se espalla con certa continuidade dende o val do río Loira, ao rego das Gorgadas, Allariz no concello de Marín, percorrendo os montes de Cela, Meiro e Ermelo no concello de Bueu en exposición norte e conecta coa parte medio alta do río da Fraga, montes de Broullón, A Paralaia e O Xestoso no concello de Moaña, a serra de Coiro e val do río Bouzós no concello de Cangas.

Carballeira en Cela (Bueu)



BOSQUES DE REPOBOACIÓN

En realidade, máis que de bosques, podemos falar de cultivos forestais ou masas que se asentan onde a vexetación autóctona sufriu o impacto da actividade humana: lumes forestais, cortas e outros tipos de aproveitamentos que agreden ao medio e que as especies oportunistas aproveitan para instalarse con máis facilidade que o bosque autóctono.

As grandes repoboación comezan sobre 1920; daquela, os enxeñeiros forestais xa viñan valorando a importancia dos montes como produtores de madeira. Na provincia de Pontevedra, o primeiro gran plan repoboador corre a cargo do enxeñeiro de montes Rafael Areses, nativo de Tui, que resaltaba os enormes beneficios que representan para a economía das arcas públicas e a poboación un monte repoboado e ben xestionado. O piñeiro bravo é a especie elixida para repoboar os montes e en menor medida o castiñeiro e o carballo, que son superiores en canto á calidade da madeira e do froito, se ben as doenzas da tinta e o oidiun respectivamente que afectaban a estas poñían en perigo o éxito das repoboación. Malia isto, recoñece a importancia do emprego destas especies que forman masas mixtas debido ao maior beneficio que achega este tipo de formacións ao solo e ao propio cultivo fronte as adversidades.

No proxecto elaborado no ano 1926 para a Deputación provincial, o Morrazo aparece como a zona núm. 1 integrada por 51 montes repartidos entre 19 parroquias, cunha extensión de 3.559 has das que 559 se reparten en pequenos predios e entre terreos e “deben abandonarse para el pastoreo, aprovechamiento de canteras y demás usos a que hoy se destinan” 1.500 hectáreas “al aprovechamiento de leñas y, especialmente, de pastos” e as restantes 1.500 hectáreas “ a las que habrán de extenderse los beneficios de la replobación”. Describe tamén o aspecto que amosan os nosos montes “Aunque la mayor parte del terreno está cubierto de tojos, se encuentran en ciertas partes, como en Vilaboa y Moaña algunos rodales de pinos que aminoran los gastos de cultivo.”

Monocultivo de (Pinus pinaster)en Cabo Home (Cangas)

Así o Piñeiro bravo (Pinus pinaster) comezou a dominar a paisaxe forestal dos nosos montes, pero a partir dos anos 50 esta situación vai trocar en favor do Eucalipto (Eucaliptus globulus) para abastecer de materia prima a fabrica de celulosas que a empresa ENCE instala en Lourizán. Esta situación mantense a día de hoxe, aínda que se detecta un cambio de cultivo necesario tras os lumes forestais e a praga do gonipterus que mermou boa parte das masas de eucaliptos sobre todo en solos pobres onde a árbore e máis sensible.

O piñeiro bravo cobra importancia nas novas repoboacións. En menor medida tamén se empregan o piñeiro americano (Pinus radiata) e algunhas frondosas alóctonas e autóctonas como o carballo americano, cerdeiras, freixos, chopos, etc.

Segundo temos observado, baixo a cuberta de moitas plantacións, principalmente de eucaliptos, medra unha carballeira incipiente que espera a oportunidade para instalarse nun espazo que lle corresponde.

Estes monocultivos minguan a biodiversidade local, deterioran o ecosistema e teñen un forte impacto no valor da nosa paisaxe.

Ante o actual estado dos nosos montes, faise imprescindible unha ordenación forestal sensata que contemple os diversos usos e aproveitamentos do monte e os beneficios ecolóxicos e sociais que supoñen as masas autóctonas. Estas forestas manteñen a biodiversidade local, melloran os solos, son excelentes captadores de auga, revalorizan a paisaxe... en definitiva, configuran ecosistemas de elevado valor que achegan numerosos recursos ademais dos relacionados coa madeira.

Unha ordenación forestal adecuada debe apostar por conservar e potenciar as masas de bosque autóctono.Na imaxe unha carballeira nova medrando en Bueu.



OS MATOS

Son formacións arbustivas dominadas principalmente polo toxo (Ulex sp.)e a carrascas (Ericasp.).


Forman comunidades climácicas alí onde as características do medio impide o establecemento do bosque. Deste xeito, medran nos cantís da Costa da Vela as matogueiras secas con notable presenza de especies termófilas e haliófilas que constitúen hábitat de interese comunitario adscritas á asociación Ulici europaei-Ericetum cineraceae dominadas polo toxo (Ulex europaeus subsp. latebracteus) acompañado de carrascas ou queirugas (Erica ciliaris, Erica umbellata), carpazas (Halimium lisianthum subsp. Alyssoides, Cistus salviifolium, Cistus psilosepalus, Tuberaria guttata) abrótegas (Asphodelus lusitanicus), con presenza puntual da xesta (Genista triacanthos) e algunhas gramíneas.


Tamén son climácicos os matos dunares onde atopamos distintas asociacións segundo nos desprazamos dende as dunas primarias ata a zona de transdunas que representa a transición entre as dunas terciarias e a zona de monte hoxe alterada polas cultivos de viñedos e piñeiros.

Nos montes da comarca é habitual atopar grandes superficies de matogueiras que se corresponden con etapas de substitución ou degradación onde os bosques foron eliminados. Estas formacións deixadas evolucionar libremente darían paso ao bosque nun proceso que se coñece como sucesión secundaria.

A maior parte son uceiras secas que obedecen ás asociacións Ulici europaei-Ericetum cinereae e Ulici europaei-Ericetum umbellatae.

Malia ser de orixe antrópica, no monte Cernello e no outeiro de Campolongo, espazo coñecido habitualmente como Chans de Pastoriza en Marín, atopamos un mato de uceiras húmidas atlánticas, considerado hábitat de interese prioritario, pertencen á asociación Circio filipenduli-Ericetum ciliaris. Trátase de matos hidrófilos que medran sobre chans encharcadizos e sustentan unha gran biodiversidade e ocupan unha superficie aproximada de 83 Ha.

Temos observado que, cando as matogueiras de substitución, é dicir, as que ocupan lugares que lle corresponde ao bosque, deixan de ser aproveitadas pola xente acontece con relativa rapidez un proceso de sucesión secundaria que vai dar como resultado a consolidación dunha nova carballeira. Isto podémolo constatar nos últimos vinte anos no monte da Cruz do Xestoso e na Paralaia, onde hoxe en día é posible observar distintas etapas desta sucesión.

Matogueira de orixe antrópica en monte Cernello Matos climácicos na Costa da Vela



AS ÁRBORES

Describimos aquí as principais especies arbóreas que podemos atopar nos montes da comarca e que forman parte das masas forestais. Recollemos todas as árbores autóctonas e as máis abondosas ou empregadas como cultivos forestais, tamén as que sen chegar a cultivarse entran na foresta polo seu comportamento invasor. Obviamos as plantadas en áreas recreativas forestais e as plantadas con fins ornamentais que se poden atopar puntualmente preto das aldeas, nas beiras das pistas ou en determinadas parcelas do monte.

Incluímos tamén os arbustos máis frecuentes que podemos atopar formando parte do bosque autóctono, pero non describimos os que forman os matos: toxos, ericas, xestas... nin os arbustos exclusivamente dunares.


PIÑEIRO BRAVO Familia: Pináceas (Pinus pinasterAit.)


PORTE: árbore perennifolia de ata 30 m en boas condicións de crecemento, tronco dereito, copa piramidal cando é nova e máis redondeada, irregular e tupida nos exemplares vellos. Casca grosa rachada, pardo-vermella. Pode superar os 200 anos de lonxevidade.
FOLLAS: acículas de 10-25 cm de longo dispostas en grupos de dúas por cada vaina, teñen a sección semicircular e as beiras serradas.
FLORES: é unha árbore monoica, e dicir, ten flores unisexuais no mesmo pé. As masculinas, en inflorescencias con forma de espiga, as femininas aparecen nas piñas.
FLORACIÓN: abril – maio.
FROITOS: piñas ou estróbilos, maduran a finais do verán do segundo ano diseminando os piñóns ao terceiro ano.
ECOLOXÍA: especie de luz, acepta calquera exposición, vive sobre solos pobres e incluso areosos; prefire os silíceos.
DISTRIBUCIÓN: España, Portugal, sudoeste de Francia, Córsega, Italia e norte de África. Os bosques que existen no parque nacional da Peneda-Gerês, en Portugal, considéranse a poboación autóctona máis próxima,. Parece ser que dende este país se trouxeron as primeiras plantas para a repoboación forestal en Galicia. Sobre o carácter autóctono dos piñeiros hai distintas opinións: mentres algúns autores sosteñen que esta especie foi introducida no S. XVII, outros consideran que sempre estivo presente no país formando pequenos rodais nas zonas costeiras, sobre solos areosos e pobres. Moi empregado en cultivos forestais dende hai séculos.
PRESENZANO MORRAZO: abunda en toda a comarca.
USOS: a madeira emprégase para fabricar mobles, caixas, taboleiros, produción de papeis e cartón. Acasca, para curtir e coa resina obtéñense varios produtos químicos entre eles o coñecido augarrás. Tradicionalmente, as acículas formaban parte do estrume para cama do gando e as piñas para prender lume.


PIÑEIRO AMERICANO Famila: Pináceas (Pinus radiata D.Don)


PORTE: árbore perennifolia de bo porte; en condicións adecuadas, pode acadar os 30 m. de crecemento rápido.
FOLLAS: Acículas flexibles de entre 7-15 cm de lonxitude, en grupos de tres por vaíña. De cor verde-escura brillante.
FLOR: árbore monoica, as flores masculinas en inflorescencias de cor amarela; as femininas, en conos de cor morada. Florece na primavera.
FROITOS: as piñas son asimétricas de escamas redondeadas, de 7-15 cm. Aparecen en grupos e poden permanecer varios anos na árbore.
SISTEMA RADICAL: en xeral, pouco desenvolvido con raíz principal pouco profunda e secundarias superficiais.
ECOLOXÍA: indiferente á natureza do substrato, prefire solos frescos e lixeiros. Especie de media luz; durante os primeiros anos soporta cubertas arbóreas ou de matos, logo require luz. Aguanta un amplo rango de temperaturas, ambientes húmidos, xeadas ocasionais e períodos curtos de seca.
DISTRIBUCIÓN: procede da zona de Monterrei na costa de California (USA) de onde se levou para moitos lugares do globo como Australia, América do Sur e África. Na península ibérica foi introducido a mediados do século XVIII en Biscaia; logo espallouse pola cornixa cantábrica.
PRESENZANO MORRAZO: moi empregado en repoboacións forestais, pero en menor medida que o piñeiro bravo. Podemos atopalo por toda a comarca.
APROVEITAMENTOS: a madeira emprégase en serradoiros, para elaborar taboleiros e sobre todo na produción de pasta de papel.


O PIÑEIRO MANSO (Pinus pinea L)


Medra abondoso nas dunas de Nerga-Barra froito dunha repoboación que se levou a cabo ao redor do ao ano 1950 para fixar a area das dunas. Polo seu carácter ornamental, tense empregado en axardinamentos. Son moi representativos os dous pés que medran na capela de san Roque de Darbo, en Cangas. Distínguese moi ben pola súa copa aparasolada, as acículas dispóñense en grupos de dúas por vaina. É unha especie de grande interese comercial que se cultiva nalgunhas zonas de Castela para aproveitar os piñóns que son comestibles.

Outra conífera que temos atopado nalgún cultivo puntual e o PIÑEIRO DE OREGÓN ou ABETO DE DOUGLAS (Pseudotsuga menziesii Mirbel). Tamén atopamos outras especies de coníferas plantadas no monte de xeito localizado pero que carecen de relevancia forestal na nosa comarca. Familia: Pinaceas


FAMILIA FAGÁCEAS (Fagaceae)

Familia de árbores e algúns arbustos. Nas nosas latitudes está integrada por 3 xéneros (Fagus, Castanea e Quercus). No Morrazo medran de xeito natural Quercus robur, Quercus pyrenaica, Quercus ilex e Castanea sativa. Cultívanse forestalmente Quecus rubra de orixe americana e empréganse en xardinaría outras especies de fagáceas.

XÉNERO QUERCUS

Xénero da familia das fagáceas con máis de 300 especies propias do hemisferio norte, a maioría distribuídas por América do Norte; na península ibérica recoñécense 14 especies autóctonas que constitúen a vexetación climácica ou potencial de aproximadamente o 85% do territorio, 7 das cales están presentes en Galicia.
Taxonomicamente é un xénero de identificación dificultosa debido á facilidade de hibridación entre as distintas especies, fenómeno que acontece de maneira fácil cando distintas especies de quercus coexisten nun bosque ou area determinada. As hibridacións entre especies do mesmo xénero é algo habitual nas plantas e parece responder a unha estratexia de espallamento que permite expandirse e colonizar novas zonas as especies que se hibridan. Dentro da mesma especie e da mesma planta podemos atoparnos cunha gran variedade na morfoloxía da folla, que vai supor problema á hora de identificar a especie, agás no caso dos híbridos que ás veces se torna imposible, pero isto non é o habitual para a nosa comarca, na cal temos constancia de hibridacións, aínda pendentes de determinar polo miúdo.
De xeito espontáneo atopamos no Morrazo tres especies de quercus: o carballo (Quercus robur L.), o cerquiño (Quercus pyrenaicaWilld.), e a sobreira (Quercus suber L.).
Entre as especies alóctonas, ou sexa, traídas de fóra, atopamos o CARBALLO AMERICANO (Quercus rubra L.) procedente do leste de USA, empregada en repoboacións forestais e como ornamental. Diferénciase moi ben do noso carballo polas follas habitualmente de maior tamaño terminadas en punta, lobuladas e con dentes agudos; semellante a esta especie son Quercus palustris L. e Quercus coccinea Muenchh., empregados en xardinaría.

A ACIÑEIRA (Quercus ilex L.) atopámola en axardinamentos e algún pé plantado nos montes.

Detalle das follas do carballo Americano (Quercus rubra L.). Esta specie emprégase en xardinería e repoboacións forestais.


SOBREIRA Familia: Pináceas (Quercus suberL.)


PORTE: árbore que pode acadar os 15 m, habitualmente está entre os 6-10 m; tronco curto, groso e xeralmente algo inclinado; copa amplamente espallada. Crecemento medio. Pode vivir 400-500 anos.
FOLLAS: de 3-8 cm de lonxitude, oblongas ou elípticas, coa beira do limbo case enteira e o ápice puntiagudo, habitualmente coa marxe algo arqueada, lixeiramente dentada e espiñenta, 5-6 dentes espiñentos a cada lado, son duras, coriáceas, lustrosas, verde escuro na cara superior e cun tomento branco no envés.

FLORES: as masculinas son amarelas, están reunidas en amentos que penduran das pólas do mesmo ano, as femininas colgan dun pequeno pedúnculo e aparecen illadas ou en pequenos grupos. A floración acontece en maio-xuño, o froito madura en setembro – febreiro.

FROITOS: landras duns 3 cm de lonxitude. Colgan dun pedúnculo curto ou son subsésiles, alongadas, cubertas ata a metade pola cúpula ou casquete.

ECOLOXÍA: calgifua (non soporta os substratos básicos), medra sobre solos acedos, soltos, areosos de certa profundidade que drenen ben a auga, baixo clima suave con boa humidade ambiental; non atura os fríos intensos.

DISTRIBUCIÓN: especie do mediterráneo occidental que se espallou ata Francia e NO de Iugoslavia; en Galicia, a súa área máis norteña situase nas fragas do Eume, na Coruña.

PRESENZA NO MORRAZO: esparéxese puntualmente por toda a comarca en calquera exposición, mellor nas soleadas; malia non ser as condicións ideais, soporta as pendentes pronunciadas e medra en solos de escasa profundidade (témola visto medrar entre as fendas das rochas) ata o máis fértil dos pequenos vales fluviais.
Destacamos a súa presenza en tres localidades: en Domaio (Moaña), no lugar de Palmás, atopamos pés de porte considerable medrando a escasos metros do mar; en San Lourenzo atopamos maior número de pés illados e formando pequenos grupos; na estrada que baixa dende o pobo ata Rande pódense ver medrando a ambos lados en ladeira de forte pendente e solo pobre.
Nos arredores do castro de Montealegre, medran pés de considerable porte e sobre o mesmo castro localízase un rodal de sobreiras relativamente novas.
En Sobreira, na parroquia de Sta. Cristina de cobres, concello de Vilaboa, esta árbore dá nome ao pobo, este é o lugar onde maior número de pés atopamos espallados polos montes mesturados con carballos, eucaliptos e piñeiros na serra de Domego e tamén formando os rodais máis extensos de toda a comarca, no monte das Barreiras e A Pereiriña.
Outra localización onde destaca a súa presenza é o monte das Cavadas e O Pereiriño entre AGraña e Postemirón (Vilaboa), varios destes exemplares pódense observar dende a estrada que baixa do lago Castiñeiras ata Figueirido (Marín).

APROVEITAMENTOS: o principal aproveitamento da sobreira é a cortiza que se extrae cada 8-10 anos baixo un sistema de aproveitamento sostible que deu lugar a unha importante industria da cortiza utilizada principalmente para elaborar tapóns para o envasado das botellas.
Foi na segunda metade do S. XVII cando Perignon, un monxe francés, se decatou das calidades da cortiza para envasar o viño de xeito seguro e perdurable o que facilitaba o seu transporte. Tamén se emprega como como material illante e decorativo.
Tradicionalmente se empregou para construír os cortizos das abellas e curtir o coiro. As landras serven de alimento para o gando. A madeira é dura e resistente. É a especie de quercus de maior importancia económica nos lugares onde se extrae a cortiza. En Portugal, a cortiza é o primeiro produto de exportación e unha das primeiras fontes de emprego.


CARBALLO Familia: Fagáceas (Quercus roburL.)


PORTE: árbore de porte maxestosa, pode acadar os 50 m, xeralmente menor (30-35 m), copa ampla e globosa. Nos exemplares novos a casca é lisa, agrisada e esbrancuxada, coa idade tórnase apardazada con gretas lonxitudinais profundas de cor alaranxada nas zonas onde acada o seu límite de altitude sobre 1.850 m. Medra como un arbusto formando matos. Especie lonxeva, pode superar os 1.000 anos.
FOLLAS: alternas, simples, caducas, membranáceas, glabras, de cor verde escura na cara superior e verde claro no envés. Obovadas ou oblongo-obovadas, pinnatilobuladas a pinatífidas, 4-7 pares de lóbulos redondeados e irregulares máis ancho no terzo superior, cordadas na base. Pecíolo corto glabro, semicilíndrico e canaliculado na base.
FLORES: as masculinas en amentos de 5-13 cm con 5-8 estames e perigonio de 5-6 divisións, as femininas en grupos de dúas ou tres no extremo de longos pedúnculos de 3-8 cm, con tres estilos soldados na base, curtos e vermellos. Florece en marzo-abril ao mesmo tempo que brotan as follas.
FROITOS: landras obovado-oblongas de ata 3,5 cm; colgan dun pedúnculo de ata 10 cm. Maduran en setembro.
SISTEMA RADICAL: profundo, raíz pivotante grosa e as secundarias fortes e estendidas.
ECOLOXÍA: especie eurosiberiana de clima temperado preferentemente sen período de seca estival, ou con este moi curto, especie de luz ou media luz, precisa sombra nos primeiros anos de crecemento, gusta dos solos frescos, profundos e soltos, mellor con pH acedo, soporta certo grao de enchoupamento temporal.
DISTRIBUCIÓN: rexión eurosiberiana ata o Cáucaso; NW da península ibérica e cornixa cantábrica, menos estendido e máis puntual noutras rexións da metade norte peninsular, polo sur chega ata a serra de Sintra, en Portugal; en Galicia está presente en todo o país, agás nas zonas máis mediterráneas de Ourense onde é substituído polo cerquiño.
PRESENZA NO MORRAZO: toda a comarca, dende a beira do mar ata as zonas máis elevadas, atopámola formando parte de bosques de ribeira, sebes e soutos entre zonas de cultivos, bosques mixtos con piñeiros, eucaliptos e masas puras de grande valor ecolóxico e paisaxístico. No Morrazo temos, probablemente, as mellores carballeiras da franxa litoral da provincia. Podemos falar dunha gran extensión con certa continuidade, a xeito de mosaico ou teselas de masas puras de carballos interrompida por cultivos de eucaliptos e piñeiros, ou masas mixtas de eucaliptos, piñeiros e carballos con predominancia alterna destes que medran dende a baixa serra de Coiro (Cangas), ascendendo polo río Bouzós ata Esperón, Ermelo (Bueu), dende aquí continúan ata Meiro e Cela (Bueu), soben ata a Cruz do Xestoso e o monte da Paralaia (Moaña), mantén a continuidade por Broullón ata as chans de Cela, estendéndose ata Pastoriza e Miñán (Marín).
Estupendas masas medran tamén no río da Fraga (Moaña), val do río Orxás (Cangas), río Maior, Sobreira e a Graña (Vilaboa). As diversas funcións ecolóxicas, o valor que teñen como bosques captadores e reservorios de auga, protección contra a erosión, resistencia fronte aos lumes forestais, e a paisaxe son incalculables.
Desgraciadamente, no día de hoxe, a piques de finalizar a primeira década do século XXI, ningunha masa de bosque autóctono dos nosos montes dispón dunha figura de protección efectiva que procure a súa conservación e moito menos a súa mellora.
Nos últimos vinte anos levamos observado como as nosas mellores carballeiras sofren impunemente o efecto das talas, vertidos de lixo, terra e entullos, trazados de liñas eléctricas, e “autopistas” forestais e actividades deportivas pouco respectuosas co seu contorno.
Cando noutros países tratan como ouro en pano este tipo de bosques, a nosa administración aínda hoxe non é quen de valorar este patrimonio, nin tan sequera de facer que a gardaría forestal ao seu servizo aplique a escasa normativa existente para frear o seu deterioro. Soamente os movementos ecoloxistas veñen dende longo divulgando, sensibilizando e denunciando esta situación.

APROVEITAMENTOS: a súa madeira é dura, pesada, elástica e resiste a podremia, a de mellor calidade emprégase en ebanistaría, decoración, tornaría, moi apreciada para bocois de viño e licores; foi unha das madeiras tradicionalmente máis empregadas na construción de grandes edificacións (mosteiros, igrexas etc..), carpintaría e construción naval, pola súa resistencia para as travesas de ferrocarril e para pivotar as contraccións sobre a auga. A leña e carbón de carballo son de moi boa calidade. Empregouse moito na industria e como combustible doméstico.
As landras formaron parte da alimentación do gando.
A casca, moi rica en taninos, empregouse para curtir peles, ten propiedades calmantes e antiinflamatorias, o té da casca de carballo empregouse para interromper a diarrea; a inmersión dos pés e mans en té de casca de carballo axuda a evitar os danos por conxelación. Logo de facer unha decocción, facíanse apósitos para aplicar fronte ás inflamación dos ollos, queimaduras, eccemas húmidos e úlceras infecciosas das articulacións inferiores.

CERQUIÑO , CERQUEIRO Familia: Fagáceas (Quercus pyrenaica Willd.)


PORTE: árbore de folla marcescente (mantéñense secas na árbore durante o inverno). Porte menor có carballo, pode acadar os 30 m de altura, pero o habitual é que teña unha talla moito menor.
FOLLAS: membranáceas, fondamente lobuladas, cando son novas teñen o pecíolo e ambas caras do limbo cubertas por unha pelosidade branca, densa e áspera ao tacto que logo desaparece na cara superior da folla pero que se mantén no envés conferíndolle un aspecto cincento. Estes peliños axúdanlle á árbore a aturar as altas temperaturas.
FLORES: as masculinas dispostas en amentos de 5-10 cm co raque tomentoso; florece en maio, máis tarde cá do carballo .
FROITOS: landras inxeridas sobre un pequeno pedúnculo ou sésiles; maduran en outono-novembro.
SISTEMA RADICAL: forte, en condicións desfavorables ou tras as talas e incendios é capaz de producir brotes en abundancia que dan lugar a longas varas que configuran formación arbustivas de cerquiños. Isto confírelle un importante papel na conservación, formación e mellora dos solos.
ECOLOXÍA: especie acidófila, medra ben sobre solos pobres en nutrientes sempre que sexan de textura areosa, profundos e soltos; resiste o frío e a seca estival. O curto período vexetativo faino resistente á continentalidade e facilita que medre dende o nivel do mar ata máis de 1.600 m de altitude.
DISTRIBUCIÓN: mediterránea, dende Marrocos ata Francia, presente en boa parte de Galicia, onde é a especie dominante nalgunhas zonas da provincia de Ourense e sur de Lugo.
PRESENZA NO MORRAZO: espontáneo, preséntase puntualmente por toda a comarca, pés illados ou pequenos grupos, atopámola tamén plantada en diversos lugares. O grupo de árbores de máis idade que coñecemos medra sobre o talude da praia de Temperáns (Cangas). Nos anos oitenta aquí recolleitouse moita semente que logo se plantou nas illas Cíes para axudar a restaurar a vexetación autóctona. Distribúese de xeito disperso pero con certa continuidade no treito litoral dende a praia de Arneles ata punta Couso, medrando a maior parte das veces en forma de arbusto estolonífero. Atopámolo tamén medrando deste xeito entre as praias de Mourisca e Tuia en Beluso (Bueu).
APROVEITAMENTOS: os usos do cerquiño son similares aos do carballo; a madeira está considerada de menor calidade por ser máis inestable e propensa á deformación e gretado durante o secado. Os fustes son curtos e nodosos. Aleña e o carbón son de boa calidade.

CASTIÑEIRO Familia: Fagáceas(Castanea sativa Miller.)


PORTE: árbore de ata 30 m, tronco groso e porte recto se medra de xeito natural, habitualmente atopase co tronco retorcido con ramas máis novas en relación a este debido o sistema de cultivo.
FOLLAS: grandes 10-30 cm, oblongolanceoladas co ápice agudo, aserradas, nervios laterais acabados en dentes que apuntan hacia adiante.
FLORES:as masculinas están dispostas en longos amentos de ata 30 cm, as femeninas situanse na base do amento en grupos de 3-5, florece en maioxuño, madurando o froito en setembro-novembro
FROITOS: aquenios (castañas) en número de 1-3 dentro dunha cúpula espiñenta (ourizo), maduran no outono.
SISTEMA RADICAL: potente, profundo
ECOLOXÍA: solos soltos e profundos,non soporta os asulagados clima temperado con certa húmidade en exposicións frescas e sombrias, quentes no verán.
DISTRIBUCIÓN: a area natural do castiñeiro abrange os paises da europa mediterranea ata o caucaso, e algunha cadea montañosa do norte de Alxelia e Marrocos. Distribuese por toda Galicia, principalmente na parte oriental onde se atopan os mellores soutos. Tense especulado moito sobre o carácter autóctono desta árbore, hoxendía en base os estudos polinoloxicos aceptase este se ben foi coa romanización cando comezou a empregarse como cultivo polo aproveitamento dos seus froitos, técnica da que os romanos xa eran expertos coñecedores e mesmo tiñan variedades máis productivas.
Calculase o 75% dos castiñeiros existentes en Galicia hai un século desapereceron debido a doenza da tinta producida polos fungos Phytophtora cambivorae Phytophtora cinamomi, que tivo especial relevancia nos soutos do litoral debido a que as condicións de temperatura e húmidade desta area son máis favorables para o desarrollo do fungo. Para loitar contra a tinta recuriuse hibridar o castiñeiro do pais coas especies resistentes a enfermidade procedentes do Xapón e a china Castanea crenata e Castanea mollisima. Outra doenza que está ameazando os nosos castiñeiros e o chancro producido polo fungo Endothia parasitica contra a que se están a emprender estratexias de loita bioloxica.
PRESENZA NO MORRAZO: espallado por toda a comarca de xeito espontaneo e cultivado. Atopamos explendidos exemplares medrando nas carballeiras mellor conservadas da comarca, donde na actualidade atopamos, como nunca dende hai vinte anos, gran número de exemplares tumbados dende a raiz polo mal da tinta.
APROVEITAMENTOS: A madeira do castiñeiro e pardo-amarela, de media densidade, elastica, flexible, menos resistente ca do carballo pero máis estable e doada de traballar, pola sú resistrencia a humidade e a intemperie empregase en exteriores. Tense usado en constrúción naval, constúcción de estructuras , en cuberta de edificacións. Como chapa ou madeira maciza empragase en carpintería, ebanistería, e solos de madeira; usase en tonelería por ser pouco porosa. Aleña ten pouco poder calorífico e afumea moito produce moita cinza e o carbón vexetal é de mala calidade.
Ata a chegada da pataca a castaña cumpriu un importante papel alimenticio como fonte de hidratos de carbono. As follas cocidas teñense usado contra a tos e as inflamacións de garganta. Acortiza e en menor medida as follas son astrinxentes, empregaronse contra a disentería e diarrea.

LOUREIRO Familia: Lauráceas (Laurus nobilis L.)


PORTE: Árbusto ou árbore de ata 15m de altura, perennifolio, tronco dereito de cortiza fina e de cor gris ou parda.
FOLLAS: oblongo-lanceoladas, de marxe enteiro e algo ondulado,sinselas, alternas, lampiñas e coriaceas, dun lustroso verde escuro pola face e máis palidas polo enves, con limbo de 6-12 x 2-4cm
FLORES: especie dioica, flores unisexuais en pes distintos, ambas son semellantes e aparecen en grupos de 4 -6 en umbelas axilares. Afloación acontece de febreiro a abril
FROITO: é unha drupa ovoide, verde ó comezo e negro lustrosa ó madurar, cunha soa semente no interior. Madura en outono
ECOLOXÍA: Especie caracteristica da rexión mediterranea, mesturase con carballos, sobreiras e castiñeiros en exposicións soleadas con elevada húmidade ambiental, non soporta os solos encharcadizos prefire os areentos
DISTRIBUCIÓN: Ó tratarse dunha especie cultivada dende antigo non é doado saber a area orixinal, mesmo se dubida do caracter atóctono en Galicia. Na illa de Cortegada medra o bosque de loureiros máis extenso de galicia que se considera un relicto de épocas pasadas cando este tipo de vexetación era habitual nestas latitudes.
PRESENZA NO MORRAZO: Medra por toda a comarca, moi asociado as carballeiras, tamén en bordes de camiños e lugares incultos.
APROVEITAMENTOS: As follas son moi apreciadas como condimento aromatico. Empregase como planta ornamental por soportar moi ben a poda.

BIDUEIRA Familia: Betuláceas (Betula alba L. var. Celtiberica (Rothm.& Vasc.)


PORTE: árbore caducifolia, pode acadar os 20 m de altura. Distínguese moi ben pola casca lisa e esbrancuxada que adoita rachar na base do tronco e tórnase dunha cor amarelada nas ramiñas, e nos exemplares novos é de cor parda-avermellada.
FOLLAS: simples, alternas, algo coriáceas, romboides ou triangulares co bordo serrado e acabadas en punta.
FLORES: as masculinas en amentos situados a finais das ramiñas en grupos de ata 3; fórmanse no outono, moito antes de que broten as follas. As femininas, en amentos solitarios no mesmo pé. Florece en abrilmaio; os froitos maduran a finais do verán.
FROITOS: unha minúscula noz lenticular provista de ás.
ECOLOXÍA: especie característica do clima atlántico, prefire os chans ácedos sobre granitos e xistos. Precisa de luz polo que non soporta vivir baixo outras árbores; instalase con rapidez sobre terreos descubertos cando se dan boas condicións, polo que en determinadas estacións vese beneficiada polo lume. É especie pioneira, pirófita, colonizadora de espazos degradados, edificadora que prepara o espazo para que se instalen comunidades próximas ao clímax. A presenza de rodais de bidueiras adoita delatar que houbo unha alteración do ecosistema. En Galicia forma os bosques capaces de medrar a maior altitude.
DISTRIBUCIÓN: rexión eurosiberiana, metade norte da península ibérica e montañas centrais. A variedade celtibérica, considerada coma especie por algúns autores, é autóctona, distínguese de outras bidueiras por ter unha pilosidade persistente nas follas vellas e ramiñas novas que acostuman estar cubertas de pequenas vesículas resinosas. O carácter diferenciador máis importante son as escamas que cobren os froitos que teñen lóbulos laterais anchos, case horizontais e forma subfalciforme. Na variedade carpática son alongados, estreitos e dirixidos cara a arriba. Outra especie é Betula pendula de ramiños colgantes e sen pelosidade. As follas son tamén lampiñas. Distribúese polos Pirineos e algunhas zonas da serra de Segura e Serra Nevada. Nas zonas onde conviven as dúas especies aparecen poboacións intermedias; algún autores teñen suxerido que se poderían considerar as poboacións da península ibérica coma unha soa especie.
PRESENZA NO MORRAZO: presente en toda a comarca en menor proporción que noutros lugares de Galicia, preferiblemente en zonas frescas como acompañante da vexetación de ribeira dos ríos e humidais. Preto das Chans de Cela (Bueu) existen pequenos rodais sobre brañas onde se abandonou o aproveitamento da vexetación arbustiva, preparando o terreo cara á vexetación climácica de ameneiros.
APROVEITAMENTOS: a madeira é lixeira, branda, elástica e tenaz, é bo combustible, tradicionalmente empregouse para elaborar mangos de ferramentas, pequenos utensilios e zocos. Co zume elabóranse cervexa, viños caseiros, xampús e locións. Apólas empregábanse en cestaría e para facer vasoiras. Debido ao seu carácter de especie pioneira, crecemento, produción e calidade da madeira, presenta grandes posibilidades como especie para empregar nas repoboacións forestais. Á bidueira é unha especie de grande interese paisaxístico; a Betula pendula var. Meridionalis emprégase en repoboacións forestais e xardinaría.

AMENEIRO, AMIEIRO Familia:Betuláceas (Alnus glutinosa Gaertn.)


PORTE : árbore caducifolia que pode acadar os 25 m. Copa ovalada, tronco dereito, ásveces varios no mesmo p é . Cortiza pardoagrisada, lisa cando nova, enrugada e fendida co tempo. FOLLAS : caducas, simples, alternas, redondeadas, obovadas ou elípticas, de bordo sinuoso dobremente dentado de punta roma, normalmenteescotada.
FLORES: especie monoica; as flores masculinas en amentos cilíndricos, ao principio erguidos, logo colgantes de 5-12 cm de longo. As femininas, en amentos erguidos ovoides en grupos de 3 a 6. Florece no inverno.
FROITOS: leñoso ovoide de cor pardo escura, estrobiliforme, semella unha pequena piña de 1 a 3 cm; madura no outono.
SISTEMA RADICAL: raíz principal practicamente inexistente, raíces secundarias superficiais das que saen raíces terciarias que se ancoran fortemente no chan. Estas desenvolven nódulos nos que viven fungos actinomicetos que fixan o nitróxeno atmosférico.
ECOLOXÍA: Prefire solos frescos e húmidos, silíceos, tamén soporta os turbosos, resiste un amplo rango de temperaturas. Medra rápido, reprodúcese ben por semente e brota con vigor de cepa.
DISTRIBUCIÓN: Eurasia e África do norte, presente en toda a península ibérica.
PRESENZA NO MORRAZO: Presente en toda a comarca principalmente na beira dos ríos e zonas húmidas onde forma masas monoespecíficas acompañado de salgueiros como sucede na zona húmida de Liméns, en Cangas, e nalgunhas chairas do río Loira en Marín. Nas antigas salinas do Ulló, en Vilaboa, medra o ameneiral de maior dimensión da comarca.
APROVEITAMENTOS: madeira lixeira, de grao fino, pouco dura, de cor clara ao cortar a árbore; logo tórnase pardo-laranxada. Podrece facilmente ao aire, pero é duradeira cando está somerxida, por iso tense empregado para postes nas obras hidráulicas, para elaborar zocas e madreñas por ser lixeira e illante. O seu carbón é un dos mellores para fabricar pólvora. As follas e teñen propiedades medicinais como astrinxentes.

ABELAIRA Familia: Betuláceas (Corylus avellana L.)


PORTE: arbusto ou arboriña caducifolia, de ata 8 m de altura, de copa ampla, ramifícase dende a base con pólas estendidas, ascendentes, robustas e lustrosas. Cortiza lisa, con rachas superficiais pálidas, de cor gris-parda e algo lustrosa.
FOLLAS: alternas, redondeadas, de base en forma de corazón e ápice acuminado, marxe dobremente serrado, de 4-13 cm de longas. Teñen pilosidade permanente no envés que as fai ásperas ao tacto.
FLORES: monoicas, distribuidas en amentos ? colgantes e con escamas que tapan unha flor, inflorescencia ? nunha xema escamosa en grupos de ate 5, por onde asoman os estigmas avermellados. A floración ten cabida nos meses de inverno denantes de saír a folla.
FROITO: é unha noz (abelá) que se xunta en grupos globosos. A noz aparece rodeada dun involucro foliáceo e a semente que aloxa no seu interior é comestible e rica en aceites. Os froitos están maduros no outono.
ECOLOXÍA: arboriña de zona sombrías, precisa de solos ricos, fértiles e soltos, con boa humidade ambiente. Preséntase dende a beira do mar até os 1600 m, xa en plena montaña. Mestúrase ben con outras especies de fronde.
DISTRIBUCIÓN: esténdese por toda Europa e Asia menor. Na península foi amplamente cultivado.
En Galicia preséntase de dúas maneiras, ben en pés illados como é o caso do Morrazo e, en xeral, o resto da franxa costeira galega, ou formando mato ou bosque nas zonas montañosas, como é o caso nas serras do nordeste galego; é un bosque moi rico en flora e fauna. USOS: cultívase principalmente pola súa semente e os seus derivados. Algunhas variedades teñen valor ornamental. A madeira é dura e ten calidade pero non é rendible a súa explotación. Popularmente úsanse as varas de abelaira para facer aguilladas de afalar os bois. Posúe moitas aplicacións medicinais.


XÉNERO POPULUS

O xénero populus forma parte da familia das salicáceas, o mesmo cós salgueiros.
Parece ser que o nome xenérico populus provén do latín arbor populi: árbore do pobo, pois era habitual plantalo nas prazas onde se reunía a xente.
Segundo a bibliografía consultada, ningunha especie deste xénero ten carácter autóctono na nosa comarca. Todas as especies que podemos atopar proceden de cultivos forestais e plantas empregadas en axardinamentos. Os chopos cultívanse dende moi antigo e, ás veces, é difícil precisar se é espontáneo ou se foi introducido. Considéranse espontáneas en Galicia tres especies, máis frecuentes na parte oriental, o chopo negro (Populus nigra L.), chopo branco (Populus alba L.) e, de area máis reducida, o trémulo (Populus tremula L.). Os chopos son plantas que presentan múltiples variedades, que algúns autores elevaron á categoría de especie. Son frecuentes tamén as hibridacións mesmo con outros chopos americanos que se teñen empregado en Europa. En xardinaría empregase moito o chopo negro, variedade pyramidalis que acada gran porte piramidal.
A finais do século XVII introduciuse en Francia o chopo americano (Populus deltoides Marsh.). O cruzamento desta especie co chopo negro deu lugar a múltiples híbridos e retrocruzamentos que dificultaron o seguimento xenealóxico e optouse por nomealos a todos eles chopo canadiensis (Populus x canadensis Moench.) para, posteriormente, subdividilos en distintas especies segundo os caracteres. Pero a confusión que provocaban estes híbridos xunto cos novos que ían aparecendo fixo que no ano 1950, ao abeiro do congreso internacional de botánica de Estocolmo, se optase por denominar a todos Populus x euroamericana (DODE) Gunier, seguido do nome dado ao cultivar.
Pese a todo, na bibliografía actual atopamos habitualmente a denominación de Populus x canadensis inicial. Son árbores dioicas, de porte alto, crecemento rápido e vida curta, raramente superan o século. En xeral, son especies de luz que viven en climas temperados e fríos, tanto húmidos como secos pero sempre con humidade no solo, e soportan certo grao de salinidade.

CHOPO BRANCO(Populus alba L.)

CHOPO NEGRO Familia: Salicáceas (Populus nigra L.)


PORTE: árbore de ata 30 m, casca lisa e abrancazada cando nova, gretada con fendas mouras cando xa acada un bo porte. Presenta copa aberta ampla pero de sombra escasa; a variedade itálica, chopo lombardo, presenta copa estreita fastixiada de porte columnar. Cando é vello amosa no tronco uns avultamentos característicos do que brotan varios gromos.
FOLLAS: romboidais, ovado-romboidais ou ovado-triangulares, alternas, caducas, co pecíolo comprimido lateralmente.
FLORES: en amentos, unisexuais, hai pés masculinos e femininos. Florece a finais do inverno.
FROITOS: froito en amentos de ata 15 cm; é unha cápsula que se abre en dúas valvas e libera unha semente escura cuberta dunha abundante pelosidade branca. Os froitos disemínanse en abril-maio.
SISTEMA RADICAL: a raíz principal está pouco desenvolvida; as secundarias son superficiais e delas agroman novos pés. ECOLOXÍA: indiferente á natureza do substrato sempre que teña certa humidade; prefire pH neutro ou acedo. Soporta un amplo rango de temperaturas que poden variar dende -15º ata 40º.
DISTRIBUCIÓN: amplamente distribuído por Eurasia e norte de África, chegando ata o sur de Marrocos. Frecuente na península ibérica, en Galicia abunda máis na metade oriental.
PRESENZA NO MORRAZO: espállase puntualmente por toda a comarca, máis frecuente en zonas de solos húmidos, beiras dos ríos e humidais. En zonas axardinadas podemos atopar distintos cultivares e posiblemente híbridos e cultivares destes.
Outro chopo que podemos atopar na comarca principalmente en axardinamentos é o CHOPO BRANCO (Populus alba L.) de características ecolóxicas, produtivas e crecemento moi similar ao anterior. Distínguese polas follas verde escuras e lampiñas na face e branco tomentosas no envés. Presenta un gran polimorfismo foliar: as dos brotes longos poden ser palmeadas con varios lóbulos, ovais ou deltoideas; as dos brotes curtos, elípticas aovado-triangulares ou aovado.orbiculares. Existen diferentes variedades que poden dar lugar a confusión con outras especies e híbridos. Populus x canescensé un hibrido de Populus alba con Populus tremula.

XÉNERO SALIX

Plantas do xénero Salix, termo que deriva do celta SAL: próximo e LIS: auga, debido a que son plantas que medran preferentemente nas proximidades de cursos de auga e zonas húmidas. Son un compoñente fundamental do bosque de ribeira.
Árbores ou arboriñas caducifolias cas ramas xeralmente flexibles, son especies dioicas, e dicir, teñen flores masculinas e femininas situadas en pés distintos. As flores son pouco vistosas pois carecen de cáliz e corola, agrúpanse en amentos que se observan con facilidade, tanto máis se temos en conta que nas especies da nosa zona a floración e frutificación se adiantan á saída da follaxe.
Existe unha gran variabilidade morfolóxica dentro de cada especie. Isto, unido á facilidade de hibridación entre as distintas especies, pode dificultar a identificación do exemplar. Emprégase dende hai tempo en xardinaría, tanto especies alóctonas como do país ou híbridos destas. Son moi comúns o salgueiro chorón (Salix babylonica L.), o Salix matsudama “tortuosa”, Salix alba “vitellina” e híbridos deste con S. Babylonica.
Debido á facilidade de reprodución vexetativa por varas, na actualidade estanse empregando salgueiros autóctonos na restauración das cuncas fluviais.
Dende antigo, o principal aproveitamento foron as ramas longas e flexibles para a cestaría e para a fabricación de mobles lixeiros.
A cortiza empregouse tradicionalmente como antiinflamatorio. Ten propiedades antipiréticas, antirreumáticas e analxésica polo que se extraia a salicina para producir ácido acetilsalicílico, a famosa aspirina, que hoxe é sintetizada quimicamente no laboratorio. VIMBIEIRO (Salix viminalis L.)


SALGUEIRO BRANCO Familia: Salicáceas (Salix alba L. subsp. vitellina)


PORTE: árbore que pode acadar os25 m. Tronco dereito, casca gris verdosa nos exemplares novos, pardo-agrisada e gretada lonxitudinalmente co paso dos anos. Copa alongada, irregular con ramas longas e flexibles; as máis novas, algo caídas e provistos de pelosidade esbrancuxada que perde pronto.
FOLLAS: simples, enteiras, de 10 x 1-2.5 cm de lonxitude, lanceoladas ou oblongo-lanceoladas de marxe finamente serrado. Ao nacer están cubertas dunha pelosidade sedosa esbrancuxada, que lle confire un aspecto prateado; despois, mantense no envés.
FLORES: especie dioica, flores masculinas e femininas en pés distintos sen pétalos nin sépalos, dispostas en amentos ergueitos. Brotan cando as follas, en marzo-maio.
FROITO: é unha cápsula que se abre en dúas valvas lampiñas cunha semente cuberta de pelos.
ECOLOXÍA: especie asociada a solos húmidos ricos en nutrientes, prefire os calcarios.
DISTRIBUCIÓN: distribúese por case toda Europa, incluída Galicia, onde se cultivou.
PRESENZA NO MORRAZO: atopámolo asociado a outras especies de ribeira no estremo oeste da praia de Barra en Cangas.
APROVEITAMENTOS: comparte os usos típicos de todos os salgueiros: as pólas ou vimias úsanse en cestaría e para atar os feixes nas tarefas do campo. En medicina popular empregouse, sobre todo, a codia ou cortiza polas propiedades da salicina, compoñente básico da coñecida aspirina.
Atopamos tamén un só pé arbustivo de Salix repens no dunar de Nerga en Cangas. Outro salgueiro de aspecto similar é o VIMBIEIRO (Salix viminalis L.), orixinario dos países nórdicos, que se cultivou por toda Europa e outros continentes. Aínda que está en desuso, e abondoso e frecuente por toda a comarca na beira de regatos que sucan as terras agrícolas. As ponliñas úsanse para atar as viñas. Na xardinaría emprégase principalmente o SALGUEIRO CHORÓN (Salix babylonica) de ramiñas moi péndulas que chegan case ata o chan e o Salix matsudana Koidz. cv. Tortuosa, de ramaxe moi retorcida e péndula, ambas orixinarias do norte de China.

SALGUEIRO Familia :Salicaceas (Salix atrocinerea L.)


PORTE: arbusto ou pequena árbore de ata 12 m, ramas pelosas cando novass, lampiñas e lustrosas cando superan o ano. Casca pardo-agrisada ou pardo-escura.
FOLLAS: ofrece un gran polimorfismo foliar, de 2-10 x 1-2 cm, elípticas, lanceoladas, oblongotransovadas, transovado-elípticas, coa base redondeada ou cuneiforme e o ápice agudo ou obtuso, enteiras ou con dentes grosos pouco marcados e nervación prominente no envés, marxe revoluta. Ao nacer ten pelos de cor ferruxinosa polas dúas caras; logo, aínda que os van perdendo, poden persistir no envés.
FLORES: as masculinas en amentos sésiles ou con pequeno pedúnculo, aovados con brácteas foliáceas na base; as brácteas florais son moi pelosas con dous estames longos e un nectario. As femininas, en amentos cilíndricos, cada unha cun pistilo tomentoso sobre un pedicelo claramente máis longo có nectario, estilo curto, estigmas enteiros ou bífidos. florece en pleno inverno ata marzo antes de que broten as follas. Amediados de xaneiro é posible ver salgueiros brotando na comarca.
FROITOS: é unha cápsula tomentosa, coas sementes rodeadas de pelos brancos.
ECOLOXÍA: require solos húmidos, preferentemente acedos sobre calquera tipo de rocha. Vive dende o nivel do mar ata os 1500 m.
DISTRIBUCIÓN: Europa occidental e norte de África.
PRESENZA NO MORRAZO: toda a comarca, preferentemente nos cursos de auga e zonas húmidas, case sempre acompañando o amieiro. Un bo exemplo de salgueiral témolo na lagoa de Vilariño en Aldán.
USOS: ao contrario que outros salgueiros, este non se emprega para cestaría, debido a pouca flexibilidade das ponliñas.

ÉRBEDO Familia: Ericáceas (Arbutus unedo L.)


PORTE arbusto ou arboriña perennifolia de ata 10 m de altura. Acasca é de cor pardo-vermella, escamosa, despréndese en tiras nos exemplares maduros, as ponliñas son de cor máis clara.
FOLLAS: simples, alternas, oblongo-lanceoladas, de marxe aserrado, coriáceas e lustrosas, de cor verde escuro, de 4-10 cm de longo.
FLORES: hermafroditas, en acios terminais colgantes de cor branca ou branco-rosada. Florecen no outono mentres maduran os froitos do ano anterior.
FROITOS: en forma de baga esférica duns 2 cm de diámetro, de superficie granulosa, verde primeiro e vermella cando madura.
ECOLOXÍA: indiferente á natureza do substrato, prefire solos frescos, soltos e fondos, en climas libres de xeadas fortes, ten unha actividade de mellora da fertilidade do solo.
DISTRIBUCIÓN: especie de orixe mediterránea que se espalla polo atlántico até Irlanda, resiste os invernos continentais. Na península ibérica é máis abundoso na metade sur; en Galicia é máis frecuente na provincia de Lugo, no resto aparece de xeito máis illado.
PRESENZA NO MORRAZO: a zona onde atopamos maior número de exemplares arbustivos é a das serras de nacente e poñente en Darbo, Cangas, no resto do territorio algúns pes illados; é frecuente en axardinamentos.
APROVEITAMENTOS: madeira dura, pesada, de gran poder calorífico, foi moi empregada en ferrarías e fornos cerámicos como o de Sargadelos onde se cultivaba. O froito emprégase en repostaría e para facer licores; consumido en grandes cantidades emborracha. Planta de grande uso ornamental empregada en xardinaría.

URCE BRANCA Familia: Ericáceas (Erica arborea L.)


PORTE: arbusto perennifolio que pode superar os 5 m de altura, pero xeralmente non chega aos 3 m. Con moita ramaxe, coas poliñas novas cubertas de pilosidade abrancazada.
FOLLAS: en forma de agullas, case aciculares, e coa marxe revirada cara ao envés, de 3-5 mm de lonxitude e agrupadas en verticilos de 3 ou 4.
FLORES: hermafroditas, pequenas e acampanadas, brancas ou rosadas e moi olorosas, agrupadas en longas panículas terminais con forma piramidal de ata 40 cm de lonxitude. Afloración pode acontecer dende febreiro ata agosto.
FROITO: o froito é unha especie de cápsula que se abre por 4 valvas e que é un froito seco.
ECOLOXÍA: ten marcada preferencia polos solos silíceos, mellor se son frescos e húmidos, como nas sombrizas dos montes, nas turbeiras e preto dos regatos; ás veces, tópase nos sitios secos, como entre as rochas ou mesturado con outros matos. Desenvólvese dende o nivel do mar ata a montaña, preto dos 2000 m; ao igual có érbedo, forma micorrizas nas súas raíces.
DISTRIBUCIÓN: estendida por Eurasia e África; presente en case todas as rexións peninsulares; en Galicia, máis común nas rexións orientais.
PRESENZA NO MORRAZO: atopámola dende a beiramar ata os cumios máis altos do monte Faro de Domaio. Abunda nas ladeiras da parte alta do río da Fraga en Moaña.
APROVEITAMENTOS: a madeira é dura, moi densa, empregouse nas ferrarías, pois proporcionaba un carbón enerxético e de calidade; con ela fabrícanse, ademais, as mellores pipas de fumar. Na medicina tradicional, o extracto resultante da cocción das flores é aplicado como antidiarreico ecomo antiséptico das vías urinarias. É unha especie de interese melífero.

ESTRIPEIRO Familia: Rosáceas (Crataegus monogyna Jacq.)


PORTE: arbusto ou arboriña caducifolia que non adoita pasar dos 4 m de altura, pero nalgúns casos pode acadar os 10 m. De lento medrar, pode chegar a vivir ata 500 anos. Tronco curto e ramificado, cortiza pardo-avermellada, gretada e escamosa. As pólas teñen espiñas e forman unha maraña en conxunto. As raíces acadan boa fondura.
FOLLAS: alternas, de formas variables, polo xeral ovais e lobuladas, con 3-7 lóbulos recortados fondamente, de marxe enteira ou irregularmente dentada, lampiñas.
FLORES: hermafroditas, dispostas en corimbos ben nutridos, pequenas, longamente pedunculadas, aromáticas e brancas. Afloración ten cabida entre abril e maio.
FROITO: é un pomo oval, carnoso, de cor vermella lustrosa que contén unha soa semente. O froito madura de setembro ata outubro.
ECOLOXÍA: en canto ao solo non ten preferencias marcadas, poden ser dende algo secos a frescos, danse mellor nos soltos e areosos que nos compactos. Mesturado con outras árbores en bosques autóctonos ou tamén en piñeirais, montes baixos, beiras dos camiños, etc. Preséntase dende o nive do mar ata os 1800 m de altitude.
DISTRIBUCIÓN: Europa, norte de África, Asia menor. Esténdese por case toda a península e Baleares. En Galicia abunda máis na metade sur e no litoral occidental. No Morrazo aparece adoito tanto nas carballeiras coma formando matogueiras, como ocorre no complexo dunar de Nerga-Barra.
APROVEITAMENTOS: empregase como patrón para enxertar froiteiras da mesma familia, as rosáceas, por ser unha especie que soporta moi ben o recorte e a poda. Polas súas rechamantes flores e froitos emprégase tamén como ornamental ou mesmo é moi boa para formar sebes. Como medicinal son coñecidas as súas propiedades como tónico do corazón.

CERDEIRA BRAVA Familia: Rosáceas (Prunus avium L.)


PORTE: árbore caducifolia que medra ata os 20-25 m de altura, copa longa ou redonda. Pode ser curto ou máis longo, pero sempre ben feito. A súa cortiza é lisa, de grisagris-vermella, e desprendese en finas láminas horizontais que forman uns aneis escuros. As pólas son longas e non teñen espiñas.
FOLLAS: alternas, agrupadas en fascículos, obovadas ou elípticas, de marxe serrado e ápice acuminado, envés piloso, de 8-15 cm de longo. Entre o pecíolo e a base do limbo teñen xeralmente dúas glándulas vermellas.
FLORES: hermafroditas, grandes e longamente pedunculadas, agrupadas en umbelas, pétalos libres e brancos. Afloración prodúcese na primavera.
FROITO: é unha drupa globosa (a cereixa), de cor vermella escura e lustrosa cando está madura, de sabor algo acedo e doce, de 1-1’5 cm de longo. Aparece agrupado nas pólas e madura ao comezar o verán, contén unha semente ou carabuña dura e de cor clara.
ECOLOXÍA: ten preferencia polos solos fondos, húmidos e ricos en sustancias nutritivas, aínda que se acostuma ben se no lle falla a auga; precisa de moita luz pero resiste ben o frío. Aparece adoito mesturado con outras árbores de fronde, formando bosques mixtos, tamén aparece en beiras de camiños e leiras.
DISTRIBUCIÓN: por mor do seu cultivo, que foi amplo e longo, non se sabe con certeza de onde é orixinaria. Hoxe en día esténdese por Europa, Asia e o norte de África. Na península ibérica foi cultivada dende antigo, particularmente na súa parte norte. En Galicia abunda na parte oriental onde forma parte das súas fragas.
PRESENZA NO MORRAZO: atopámolo puntualmente por toda a comarca formando parte do bosque autóctono, tamén nos quinteiros de moitas casas para aproveitar o seu froito; probablemente foi máis común noutros tempos.
APROVEITAMENTOS: cultívase polo seu froito e pola súa madeira, densa, dura e de cor avermellada, moi apreciada en ebanistaría e tornaría. Árbore de elevado valor ecolóxico, debíase fomentar a súa repoboación. En Beade-Vigo, hai unha importante zona produtiva, onde traballan distintas variedades de froito moitas delas importadas de Francia.

BRUÑEIRO Familia: Rosáceas (Prunus spinosa L.)


PORTE: arbusto caducifolio que non acostuma pasar dos 2 m de altura, aínda que pode medrar máis. Con ramificación abondosa, diverxente e intricada. Amaioría das pólas teñen ramiñas de crecemento limitado, rematadas en agudas espiñas.
FOLLAS: elípticas ou lanceoladas, de curto pecíolo, de marxe finamente serrado, lampiñas e pequenas, de 3 cm de longo.
FLORES: hermafroditas, distribuídas abundantemente nas pólas, xeralmente solitarias, de cor branca e pequenas. Afloración acontece antes da foliación, ao comezar a primavera.
FROITO: é unha drupa globosa ou esférica, de 1-1’5 cm de diámetro, carnosa e de amargo sabor, de cor negra-azulada e recuberta por unha fina capa de cera abrancazada. O froito madura no outono.
ECOLOXÍA: tanto lle ten a natureza mineralóxica do substrato; brota abondosa e doadamente de raíz formando matogueiras nos claros dos bosques, ladeiras rochosas, beiras dos cultivos, etc. Non é unha especie de grandes alturas, aínda que pode aparecer ata os 1500 m de altitude.
DISTRIBUCIÓN: rexións de temperadas a frías de Europa, Asia occidental e norte de África. Na península ibérica distribúese máis ben polo norte e centro. En Galicia tópase adoito na paisaxe, e no Morrazo aparece moito preto da costa, ás veces mesmo enriba da praia formando matogueiras baixas.
APROVEITAMENTOS: a madeira do bruñeiro é moi dura e doada de pulir, polo que se ten empregado para facer mangos de ferramentas. Aprovéitase máis que nada polo seu froito nas rexións do norte peninsular, onde fermentado produce unha bebida alcohólica de característico sabor, o chamado pacharán. Tamén se ten cultivado para formar sebes, xa que resiste ben a poda. Ten propiedades medicinais.

PEREIRA BRAVA Familia: Rosáceas (Pyrus cordata Desv.)


PORTE: Arbusto ou arboriña caducifolia que raramente acada a talla dunha árbore, de 8-15 m de altura. De cortiza avermellada ou purpúrea, fendida ao longo, e ramaxe abondosa con espiñas (que non teñen as especies cultivadas).
FOLLAS: alternas e fasciculadas, acuminadas e algo acorazoadas, co marxe lixeiramente dentado, face verde e lustrosa, pecíolos longos e finos, de 2-8 cm de lonxitude.
FLORES: hermafroditas, dispostas en corimbos, brancas, con estames avermellados, de 1-1,8 cm de diámetro e longamente pedunculadas. Florece de abril a maio.
FROITO: é un pomo de 0’8-1’5 cm de diámetro (a pera), globoso e máis estreito na base, dunha cor parda-vermella con lenticelas cando está madura, e suxeita por un cadillo longo e delgado. Os froitos maduran a finais do verán.
ECOLOXÍA: ten preferencia polos terreos silíceos e frescos, pode medrar en case calquera tipo de bosque, monte baixo, lindes das leiras e tamén formando sebes. Non hai que confundir esta especie con outra moi similar, a Pyrus pyraster, que cruzada con outras especies asiáticas resultou nas variedades de pereiras cultivadas. Preséntase dende a beira do mar ata os 800 m de altitude.
DISTRIBUCIÓN: Europa e Asia occidental. Na península ibérica aparece maiormente no norte e noroeste e dentro de Galicia abunda máis na metade norte. No Morrazo atopámola sobretodo formando parte do sotobosque e matos no litoral.
APROVEITAMENTOS: emprégase principalmente como patrón para enxertar pereiras de cultivo, facéndoas máis resistentes e adaptadas ao noso clima. Asúa madeira non é rendible para explotar comercialmente. Apera é pequena e amarga.

MIMOSA Familia: Leguminosas (Acacia dealbata Link.)


PORTE: árbore perennifolia que acada os 20m de altura, de copa amplia a miúdo algo torto, de cortiza marrón escura e lisa.As pólas novas están cobertas por unha pruína azulada.
FOLLAS: alternas e bipinnadas, ergueitas, verde-azuladas, de 8-14cm de longas. Aparecen formando de 8- 20 pares pinnados, cada unha de estas pinnas están compostas a súa vez por ata 30 pares de foliolos pequenos, oblongos e con certo reflexo prateado.
FLORES: agrupadas en capítulos pequenos e globulares, que se dispoñen a súa vez en acios ou panículas de cor amarela intensa, moi aromáticas.Afloración ocupa os comezos da primavera.
FROITO: legume comprimído, pardo-avermellado, de 4-10cm de longo.O froito madura ó escomenzar o verán.
ECOLOXÍA: ten preferencia polos chans algo ácedos e de certa fondura, en lugares onde poida captar ben a luz e non haxa outras árbores que lle podan chegar a dar sombra, resiste moi mal o frío e o temporal de vento ou neve. Tampouco se adapta as alturas, presentándose dende o nivel do mar ata menos de 1000m altitude.
DISTRIBUCIÓN: especie oriunda de Tasmania e surleste de Australia.Esta é outra especie invasora, que se introducíu como ornamental.En Galicia estendéuse de seguido ocupando zonas baixas e medias ata os 600m de altitude. No Morrazo é unha árbore común, que non soe aparecer sóa ou aillada, senon máis ben en pequenos grupos homoxéneos. Aínda que houbo plantacións de esta especie noutros tempos na comarca, hoxe en día non é unha árbore que se cultive como a mimosa moura ou o eucalipto, polo que máis ben medrará e se espallará pola súa conta, especialmente tra-los incendios.
APROVEITAMENTOS: a casca úsase para curtir, por ser rica en taninos.A madeira e de mala calidade, empregándose somentes as varas para atar as viñas. Moi semellante a esta especie é a (Acacia mearnsii) que na comarca atopase en pleno proceso de expansión ocupando unha ampla superficie da Serra da Magdalena e no val do río Bouzos en Cangas así como nas veiras e taludes do corredor de alta capacidade do Morrazo. Diferenciase da anterior pola follaxe de cor máis escura, as flores son dun amarelo dourado e ter duas glandulas entre cada par de foliolos e non un como (A. Dealbata)

Acacia mearnsii

MIMOSA MOURA, AUSTRALIA Familia: Leguminosas (Acacia melanoxylon R. BR. In Aiton)


PORTE: árbore perennifolia de ata 30m de altura. Tronco recto e longo, glabro, de cortiza marrón escura.
FOLLAS: oblongo –lanceoladasou lanceoladas, o ápice pode aparecer de agudo a obtuso, verde escuras, con veas lonxitudinais que se notan, de 6-13cm de longas. Nos exemplares novos aparecen comunmente as follas dobremente compostas ou bipinnadas, distribuíndose logo en folíolos.
FLORES: grupos numerosos de flores formando capítulos globosos que a súa vez xúntanse en acios terminais.As flores en si son pequeniñas e de cor abrancazada ou crema. A floración prodúcese na primavera.
FROITO: é un legume de 0`7-1`2cm de lonxitude, de cor marrón avermellado, aplanado e revirado.O froito madurece no verán.
ECOLOXÍA: ten preferencia polos terreos silíceos e de certa fondura, precisa de boa luz e medra axeitadamente por baixo dos 500m de altitude.O igual co eucalipto, é unha árbore de carácter invasor, medrando axiña e reproducíndose doadamente.
DISTRIBUCIÓN: é orixinaria do surleste de Australia e Tasmania.En Galicia as maiores plantacións atópanse nas provincias de Pontevedra e a Coruña. É unha árbore que unha vez instaurada vólvese complicada de eliminar.
PRESENZA NO MORRAZO: distribuese por toda a comarca, é unha especie moi invasora que chega a desplazar as demais especies debido as sustancias alelopáticas das suas follas. Un bo exemplo do anterior é a parte medio-alta do rio da Fraga en Moaña onde ocupa o lugar do bosque de ribeira.
APROVEITAMENTOS: aínda que comenzóu a cultivarse como árbore ornamental, o seu principal uso é a producción de madeira para carpintería, construcción etc.Asúa madeira, de cor moura, soporta moi ben a humidade.
Semellante a esta é (Acacia longifolia (Andrews) Willd.) que ten as flores en espigas amarelas, é de menor talla, medra como invasora, con númerosos pes arbustivos nos areais do litoral como o dunar de Nerga, donde está sendo eliminada.

Acacia longifolia

FALSA ACACIA Familia: Leguminosas (Robinia pseudoacacia L).


PORTE: árbore caducifolia que pode chegar aos 25 m de altura; copa pouco densa, pero ampla. Dereito e robusto, cortiza grosa e sucada por fondas fisuras que lle dan un aspecto reticulado, de cor parda-grisou parda-avermellada. Raíces longas e pivotantes; pólas estendidas e angulosas; poliñas con estípulas que van formando as espiñas.
FOLLAS: alternas, compostas, formando pinnatifolios impares de 20-30 cm de longo, con 9-19 folíolos e redondeados tanto no ápice como na base, lampiñas, de 3-5 cm de longo e con 2 vigorosas espiñas na base foliar.
FLORES: hermafroditas, con forma de bolboreta, brancas, de intenso e agradable aroma, dispostas en acios péndulos e densos de 10-20 cm de longo. As flores desta árbore son bo pasto para as abellas, pois son moi ricas en néctar. Afloración prodúcese nos meses de maio e xuño, ao mesmo tempo que saen as follas.
FROITO. Legumes moi aplanados e coriáceos, pardo-avermellados, de 5-11 cm de longos, que conteñen sementes escuras e brillosas. O froito madurece a finais do verán.
ECOLOXÍA: pouco ou nada esixente co tipo de terreo, que tanto pode ser rico e fresco como pobre e seco, aínda que con certa preferencia polos solos silíceos; tópase adoito en plantacións ou ben formando pequenas fragas nas beiras dos camiños, terreos baldíos, etc; a súas raíces esténdense afirmándose a calquera accidente do terreo, facendo posible que esta árbore poida establecerse en terreos moi accidentados ou incluso areais. De carácter invasor por estenderse e medrar axiña, considérase enriquecedora do solo por conservar, nas súas raíces, bacterias fixadoras do nitróxeno atmosférico.
DISTRIBUCIÓN: a area natural é a zona atlántica de USA. Na actualidade está presente en todos os continentes; en Europa cultivase dende o século XVIII.
PRESENZA NO MORRAZO: Distribuída por toda a comarca, moitas veces forma masas como as da baixa serra de Coiro, en Cangas. Ten comportamento invasor moi agresivo pola facilidade de emitir brotes radicais polo que tamén é moi difícil de eliminar nas zonas onde se asenta.
APROVEITAMENTOS: a madeira é dura, pesada e moi resistente á intemperie. Emprégase como ornamental en xardinaría. Existen varios cultivares con distintas cores de flor. Amaioría das partes da árbore son tóxicas.

EUCALIPTO Familia: Mirtáceas (Eucaliptus globulus Labill.)


PORTE: árbore perennifolia que acada doadamente os 60 m de altitude, de copa globosa e solta. Dereito e longo, de rápido crecemento, sen pólas na meirande parte dende a base; de cortiza lisa, que se descasca en grandes bandas ou tiras que caen nos exemplares de idade; de cor variable, pardo abrancazada, agrisada ou azulada.
FOLLAS: son de dous tipos distintos, as follas novas son opostas, ovadas, sésiles, pruinosas, de marxe enteira, de cor verdiazul abrancazadas, de 8-15 cm de longo. As follas que saen despois son alternas, coriáceas, lanceoladas, acuminadas, de marxe enteiro e de cor verde escura algo lustrosas, pecioladas e colgantes, de 10-30 cm de longo; ao secar adquiren coloracións diversas.
FLORES: dispostas nas axilas das follas, solitarias ou en grupos de 2-3. As xemas florais están cubertas dunha resina branca (a pruína) e teñen unha especie de tapa (opérculo) que abre e cae, ceibando unha morea de estames brancos ou lixeiramente avermellados. Floración no outono e no inverno.
FROITOS: cápsula piramidal leñosa e rugosa, de ata 3 cm, que contén sementes pequenas, redondas e negras. Tanto as follas coma as flores e o froito recenden un forte aroma por fricción.
ECOLOXÍA: non é esixente no tipo ou riqueza do solo, precisa moita auga na fase de crecemento, se non a topa, o seu potente sistema radical amplíase e medra, fendendo as rochas ao seu paso.Non aguanta o frío de seguido. Especie de carácter agresivo, que se propaga rapidamente tras os incendios.
DISTRIBUCIÓN é orixinaria do sueste de Australia e Tasmania. Hoxe cultívase en grandes áreas do globo. En Galicia localízase na franxa costeira, sempre por debaixo dos 700 m; a zona peninsular é óptima para a súa produción. Acomarca do Morrazo entra de pleno nesta zona. A doenza producida polo gonípterus mermou moitas plantacións.
PRESENZA NO MORRAZO: é a segunda especie en número de hectáreas ocupadas nos nosos montes e a que, a simple vista, domina a paisaxe forestal.
APROVEITAMENTOS: emprégase pola súa madeira para producir pasta de papel, carpintaría, construción naval, etc. Tamén se obtén o aceite de eucalipto, de moitas aplicacións medicinais.

SANGUIÑO Familia: Rhamnáceas (Frangula alnus Miller)


PORTE: arbusto de ata 5 m, moi ramificada dende a base; a casca do tronco é pardo-moura; a das pólas, vermellas, de aí os nomes galegos referentes a cor sanguínea.
FOLLAS: simples, alternas, ovaladas ou obovadas, co borde enteiro levemente sinuoso acabado en punta. De cor verde lustrosa pola face e lixeiramente pubescente no envés. Pecíolo longo.
FLORES: hermafroditas, dispostas en grupos axilares en número de 2-10; cáliz verdoso con 5 sépalos soldados, corola con 5 pétalos ovalados de cor esbrancuxada, algo maiores có cáliz, cada un envolve un estame. Ovario cun só estilo. Florece na primavera e pode mprolongarse ata finais do verán.
FROITOS: unha drupa de 6-10 mm, primeiro verde, logo vermella e finalmente negra con 2-3 sementes. Maduran a finais do verán.
ECOLOXÍA: planta de clima atlántico, prefire solos húmidos e algo profundos e exposicións sombrizas.
DISTRIBUCIÓN: Europa, oeste de Asia e norte de África. Está presente en toda Galicia.
PRESENZA NO MORRAZO: atopámolo espallado por toda a comarca, formando parte do bosque de ribeira, sotobosque das carballeiras; tamén é frecuente en matos como nos das Chans de Pastoriza e Cela onde abunda xunto con toxos e carrascas.
APROVEITAMENTOS: a casca en verde é purgante e seca, laxante; empregouse tamén para curtir coiro e dela extraese un corante vermello. Os froitos tamén se empregaron para tinguir pois dan unha cor verde. A madeira tense usado en tornaría, é dunha cor amarela rechamante, produce bo carbón para fabricar pólvora.

ACIVRO Familia: Aquifoliáceas (Ilex aquifolium L.)


PORTE: arbusto ou arboriña perennifolia que non acostuma exceder os 5 m de altura, pero que pode chegar aos 10 m, de copa alongada e coniforme. Ten a casca lisa e delgada de cor grisprata a gris escura; as pólas son de cor verdosa.
FOLLAS: alternas, coriáceas, de forma xeral oval ou elíptica, agudas, de marxe moi variable, xeralmente con dentes espiñosos, punzantes e irregulares,aínda que tamén pode ser enteira, de cor verde escura, moi lustrosas e glabras, de 3-12 cm de longo.
FLORES: especie dioica, flores dispostas en acios axilares, pequenas e abrancazadas, de pedúnculo curto. A floración prodúcese na primavera. FROITO: é unha drupa globular ou esférica, de cor vermella brillante, tóxica en grandes doses, con 4 sementes no interior. Os froitos adoitan madurecer dun ano para outro xa que pasan na árbore o inverno.
ECOLOXÍA: aparece adoito nos terreos silíceos, precisa de certa humidade no solo e non soporta as secas longas, aguantando moi ben o frío. Aparece no estrato arbustivo dos bosques autóctonos, carballeiras e bidueirais, especialmente na montaña onde chega a formar acevedos. Preséntase dende o nivel do mar ata os 1800 m de altitude. É unha especie hoxe en día protexida e de alto valor ecolóxico, xa que algunhas especies animais, como a pita do monte, dependen do seu froito para sobrevivir ao inverno.
DISTRIBUCIÓN: Eurasia e norte de África. Na península ibérica esténdese maiormente polas zonas montañosas; á máis abundosa na metade norte. En Galicia distribúese maiormente pola parte oriental, formando importantes masas nas serras dos Ancares-O Courel e Manzaneda- Invernadoiro.
PRESENZA NO MORRAZO: presente pero escaso en diversos puntos da comarca. O maior número de pés e os mellores exemplares atopámolos acompañando as carballeiras nos montes de Pastoriza e Miñán, Allariz, Santo Tomé de Piñeiro no concello de Marín, na Graña, concello de Vilaboa. Algúns pés de escaso porte no val do río Orxás, en Aldán, Cangas, onde xa foi máis abundoso e se recollía para realizar adornos no Nadal.
APROVEITAMENTOS: a madeira é densa, dura e resistente, empregouse para fabricar mangos de ferramenta e aguilladas. O emprego das ramas como adornos no Nadal mermou as poboacións da especie polo que tivo que protexerse. Da casca extraese unha especie de bisgo para cazar paxaros. O froito, tóxico para o home, é sustento de moitos animais no inverno.

FREIXO Familia: Oleáceas (Fraxinus angustifolia Vahl.)


PORTE: árbore caducifolia que medra ata os 20 m de altura, de copa redondeada ou ovalada. Recto e longo, de cortiza gris ou parda-gris, densamente gretada. Xemas de cor marrón escura, tomentosas.
FOLLAS: compostas, imparipinnadase opostas, con 5-11 folíolos lanceolados, de marxe serrado, glabros de 3-9 cm de longo.
FLORES: especie polígama, flores hermafroditas ou unisexuais, agrupadas en panículas axilares curtas, pequenas e sen cáliz nin corola. Florece de febreiro a marzo, antes da foliación. FROITO: en sámara alongada, acuminada no ápice, verdes ao primeiro, amareladas cando están maduras. As sámaras aparecen dispostas en panículas péndulas e en forma de acio. O froito madura a finais do verán. ECOLOXÍA: árbore que se relaciona a miúdo co bosque de ribeira, pois aparece maiormente á beira dos ríos e regatos, aínda que tamén aparece nos avesedos frescos, mesturándose ben con outras especies de fronde nos bosques mixtos. É indiferente á natureza do substrato aínda que prefire, iso si, terreos fértiles, fondos e con certo grao de humidade. Sitúase dende a beira do mar ata superar os 1000 m de altitude. DISTRIBUCIÓN: é un freixo de carácter mediterráneo, ao contrario có seu curmán o freixo eurosiberiano (Fraxinus excelsior), espállase principalmente pola península ibérica e o norte de África. En Galicia abunda na parte do sur, especialmente na provincia de Pontevedra, onde o verán é mais caloroso, e é substituído na parte norte pola outra especie de freixo. PRESENZANO MORRAZO: na comarca do Morrazo é o freixo que mais aparece, aínda que non é tan abondosa coma outras árbores de ribeira. APROVEITAMENTOS: ten unha madeira dura, resistente aos golpes e elástica, apreciada en ebanistaría e na fabricación de mangos para ferramenta. Popularmente se empregaba para facer os eixes dos carros. Tamén é moi usada polas súas aplicacións como menciña. En xardinaría emprégase varias especies como ornamentais; a máis común é o FREIXO DE FLOR (Fraxinus ornus L.) de floración en vistosas panículas brancas.

SABUGUEIRO Familia: Caprifoliáceas (Sambucus nigra L. )


PORTE: Arbusto ou arboriña caducifolia que chega a acadar os 10 m de altura, xeralmente menos, de copa ampla e densa. Acostuma medrar encurvándose, de cortiza suberosa, fendida irregularmente ao longo e de cor parda-gris, máis ben pálida. As pólas son acombadas e péndulas e posúen médula branca.
FOLLAS: compostas, opostas, pinnatifolias, impares de 30 cm de longo, con 5-7 folíolos elípticos ou oval-lanceolados, acuminados e coa beira serrada, de 5-12 cm de longo. As follas despiden un forte cheiro cando se trituran.
FLORES: hermafroditas, pentámeras, brancas, pequenas e aromáticas, dispostas en corimbos terminais.Afloración prodúcese ao final da primavera, despois de saír as follas.
FROITOS: son bagas globosas, negras e lustrosas cando están maduras, substanciosas e comestibles, conteñen de 3-5 sementes. O froito madura a finais do verán.
ECOLOXÍA: solos frescos, fondos e ricos en sustancias nutritivas, con moito humus, tanto acedos como alcalinos. Beiras dos bosques, beiras de camiños e regatos, terreos incultos e húmidos, etc. Aparece entre o nivel do mar e os 1200 m de altitude.
DISTRIBUCIÓN: esténdese por case toda Europa, Asia, e norte de África. Na península ibérica é abundante,tamén en Galicia.
PRESENZA NO MORRAZO: distribuida por toda a comarca no bosques de ribeira, zonas ruderais etc.. chegou a empregarse moito para cercar as veigas, quinteiros e viñas formando sebes por mor da súa doada propagación vexetativa a partir mesmo das estacas.
APROVEITAMENTOS: a súa madeira e de mala calidade e non serve, pero esta árbore foi cultivada moito tempo polas importantes e diversas aplicacións medicinais que teñen as súas flores e bagas. Estas serven, ademais, para escurecer o viño.

NOGUEIRA Familia: Juglandáceas (Juglans regia L.)


PORTE: árbore caducifolia, corpulenta, de copa e raíces ben desenvoltas, acada os 25 m de alto. Groso, con moitas ramificacións principais, a casca é gris prateada, lisa ao comezo, fendida coa idade. As pólas son vigorosas e de cor máis verdosa.
FOLLAS: compostas, alternas, imparipinnadas e grandes, de 20-45 cm de longo. Os folíolos, en número de 5-9 son elípticos, enteiros e glabros, de marxe enteira e de 6-15 cm de longo. O folíolo terminal adoita ser de maior tamaño. Forman unha follaxe densa.
FLORES: especie monoica, flores ? dispostas en amentos vigorosos, colgantes, de cor verdosa, que saen das terminais dos gromos do ano anterior. As flores ? , moi pequenas, tópanse illadas ou en grupos de 2-3 na punta dos gromos novos, con 2 estigmas cada unha, de cor xeralmente branca. A floración acontece na primavera, ao tempo de saír as follas ou mesmo antes.
FROITOS: son drupas globulares e ovales, de 4-5 cm de longo, e dentro, protexidas por un mesocarpo carnoso, están as noces. Esta drupa de cor verde no comezo, vólvese parda escura ao madurar, fendéndose e deixando saír as noces dentro das cales, protexidas pola dura casca, tópanse as sementes, que é o que se come. Maduran a finais do verán.
ECOLOXÍA: non é moi esixente coa natureza do solo, aínda que se adapta mellor nos soltos, fondos e frescos, fuxindo dos compactos e dos enchoupados. É unha árbore que se cultivou dabondo dende antigo, polo que hoxe en día aparece asilvestrado e ben mesturado con outras árbores caducifolias, especialmente coas autóctonas, en bosques mixtos. Non é árbore de grandes altitudes, pero pode chegar aos 1000 m.
DISTRIBUCIÓN: considérase oriúnda do sueste de Europa e oeste de Asia. Pénsase que puido introducirse coa romanización, se ben nas análises de polen detéctase dende moito antes. No caso de chegar a Galicia como cultivo, isto puido acontecer cos pobos prerromanos. Hoxe en día cultívase en case todas as rexións temperadas. En Galicia cultivouse moito no pasado e coñécense variedades locais que non están tipificadas e nos viveiros atópanse variedades francesas e de California.
APROVEITAMENTOS: a madeira é dura e homoxénea, posúe un fermoso listado, de aí que sexa tan apreciado en ebanistaría. Anoz, ademais de consumirse directamente, serve para obter aceite para pinturas, vernices e xabón. Ten importantes aplicacións medicinais.

XILBARBEIRA Familia: Liliáceas (Ruscus aculeatus L.)


PORTE: arbusto pequeno ou mata perenne que produce tallos a partir dun rizoma subterráneo e que chega a acadar 1 m de altura, de cor verde escura e con estrías ao longo.
FOLLAS: o que parecen follas non o son, senón talos moi aplanados que imitan as follas e se chaman cladodios; son ovais, duros e coriáceos, de marxe enteiro e ápice espiñoso, de cor verde escura e lustrosa, que se dispoñen de maneira alterna ao longo das pólas. As follas reais son pequenas brácteas, lanceoladas e membranosas, que non se perciben a primeira vista.
FLORES: especie dioica; as flores unisexuais e pequenas dispóñense solitarias ou en grupos de 2-3 sobre a superficie media dos cladodios, teñen 3pétalos de cor branca-verdosa e 3 sépalos; as flores ? e as ? aparecen en distintos pés. A floración prodúcese na primavera e no verán.
FROITOS: son bagas esféricas que miden 1’5 cm de diámetro, de intensa cor vermella cando maduras, que penden dos cladodios e conteñen dúas sementes de cor amarela. Os froitos maduran no outono.
ECOLOXÍA: sobre calquera tipo de substrato en solos frescos e ricos en sustancias nutritivas; en carballeiras, soutos, aciñais e reboleiras; case sempre no interior dos bosques e nos avesedos dos montes baixos, dende o nivel do mar ata sempre por debaixo dos 1000 m de altitude.
DISTRIBUCIÓN: atópase dispersa por gran parte de Europa, maiormente nas rexións mediterráneas. Está presente nas catro provincias galegas.
PRESENZA NO MORRAZO: toda a comarca, forma parte característica das carballeiras coas que se asocia é serve de elemento diferenciador que define a asociación Ruscu aculeati- Quercetum roboris; hoxe en día está en evidente regresión.
APROVEITAMENTOS: ten moitas aplicacións na medicina popular, pero hai que andarse con ollo, pois as bagas son tóxicas e non se deben inxerir. Outro uso popular deste arbusto foi a fabricación de vasoiras e tamén como elemento decorativo por mor da robustez, firmeza e bonita cor amarelada que toma esta planta ao quedar seca. Aconsellamos non recoller esta especie, xa que está preta a desaparecer para sempre das nosas fragas, se a vedes ¡respectádea!

AILANTO, ÁRBORE DO CEO Familia: Simaroubáceas (Ailanthus altissima Mill. Swingle)

PORTE: árbore caducifolia, de fuste recto espido e gran porte, pode acadar 25 m de altura. Casca lisa, cando novo; de cor agrisado e gretada nos exemplares adultos. Son características as pólas espidas cun penacho de follas no extremo.
FOLLAS: grandes, paripinnadas de ata 70 cm, con 13-25 folíolos lanceolados dentados na base.
FLORES: flores masculinas e femininas en pés distintos de cor amarelo-verdosa dispostas en panículas de 10-30 cm.
FROITO: é unha sámara de cor vermella que se dispersa polo vento e polas aves que se alimentan dela. Especie de crecemento rápido e vida curta.
ECOLOXÍA: especie colonizadora e agresiva coa vexetación autóctona; produce toxinas que inducen un fenómeno alelopático que inhibe o crecemento doutra vexetación. Reprodúcese sexual e vexetativamente por rebrote, o que facilita a súa dispersión e a convirte nunha especie invasora que se instala ben en zonas alteradas, aínda que ten especial preferencia por lugares con certa humidade como as beiras dos ríos e regatos.
DISTRIBUCIÓN: procede de China central e Taiwán. Dende antigo empregouse en todo o mundo en xardinaría. En Galicia citouse naturalizada por primeira vez no ano 1986.
PRESENZA NO MORRAZO: pode verse en moitos xardíns da comarca. Atopámolo asilvestrado no monte do Castro en San Martiño, no rego de Rialdarca (Moaña), nas praias do Canaval e Rodeira (Cangas ), no río Orxás ao seu paso polo predio do conde en Aldán donde se atopa en plena expansión.
APROVEITAMENTOS: As follas úsanse para tinguir a la e producir papel, e tamén como alimento para algunha especie de verme da seda. Folla de Ailanto Folla e froitos de Nogueira Americana

Familia: leguminosas (Paraserianthes lophanta(Willd.) I.C. Nielsen)

PORTE: pequena árbore perenne de ata 8 m, xeralmente arbusto. Familia: leguminosas
FOLLAS: follas bipinnadas, 8-10 pares de pinnas e 20-40 pares de folíolos de entre 6-8 mm, máis longos có das mimosas (A. dealbata e A. Mearnsii ), o que permite diferenciala facilmente. Flores amarelo-cremoso, pediceladas dispostas en acios densos, cilíndricos, axilares curtamente pedunculados de 5-8 cm que a distinguen a simple vista das demais mimosas da nosa zona.
FLOR: a floración acontece entre decembro e abril.
FROITO: o froito é un legume pardo-avermellado, aplanado, recto ou algo curvado, comprimido entre as sementes.
DISTRIBUCIÓN: orixinaria do sudoeste de Australia; emprégase en xardinaría. Especie moi agresiva, compórtase como unha invasora; é habitual atopar numerosos pés arbustivos xuntos.
PRESENZA NO MORRAZO: localizamos varios grupos de pés arbustivos na baixada á praia de Temperáns á beira do camiño baixo eucaliptal; de igual xeito medra na baixada á praia de Liméns colonizando parte do dunar da propia praia baixo o pinar. Está presente no monte do Con (Moaña) onde foi abundante tras o abandono do predio que hoxe está sendo urbanizado; tamén preto da Cerradiña, en Domaio. Cremos que é unha especie en expansión na comarca posiblemente beneficiada polos vertidos de terras e restos de xardíns que levan a semente da planta.


OS LUMES FORESTAIS

O lume forestal existiu dende sempre de xeito natural(lóstregos, volcáns…) cunha periodicidade moi variable dunhas zonas a outras do planeta en función das súascondicións ambientais.

Os efectos dos lumes forestais varían segundo a intensidade(se afonda, non só queima as sementes e as raíces), frecuencia (non é igual un lume cada 30 anos que cada 2) e tamaño (unha ou dúas has son recolonizadas rapidamente pola fauna e as sementes procedentes das zonas sen arder do seu redor; en cambio, recolonizar un gran lume de 10.000 has. leva moitos anos. Tamén inflúen as características da zona, vexetación, climatoloxía, edafoloxía, orografía. Os incendios forestais afectan a todo o conxunto do ecosistema, flora, fauna, solo, aire, augas, paisaxe, clima, etc.

Cando suceden con frecuencia, como ocorre en moitas zonas de Galicia, os seus efectos destrutivos provocan fortes erosións e avanzan os factores desertizantes, convertendo moitas zonas arborizadas ou ocupadas polo mato en pedregais, como o monte Faro de Domaio ou A serra da Magdalena en Cangas.

Os incendios forestais liberan subitamente enerxía, gases (N, CO2) e nutrientes en forma de cinza. Calcúlase que cada tm de combustible queimado, ademais de gases e vapor de auga, desprende de 825 a 1450 Kg de anhídrido carbónico (o 25% das emisións mundiais son debidas aos lumes forestais), de 15 a 330 Kg de monóxido de carbono, óxidos de xofre e de nitróxeno e uns 90 kg de cinza, contaminando ademais o aire con millóns de partículas microscópicas e empobrecendo a súa calidade.

Nun ecosistema estruturado como o bosque, a auga da choiva, tras caer sobre as árbores e gotear sobre o matos, herbas e carrizas, remata por enchoupar o solo e filtrarse lentamente nel abastecendo os mananciais. Discorre limpa entre a vexetación, que a frea e aguanta o solo, cara ao ríos. Pola contra, nun terreo incendiado, as gotas golpean o solo nu con forza escavando nel e provocando erosión; non se filtra e pérdese polo efecto da escorrentía gañando velocidade sen nada que a free, o que dá lugar a fortes arrastres e nula infiltración. Así ocorreron as inundacións tras os lumes do 2006, os mananciais non se recargan.

Ese lavado das cinzas, que no monte serían nutrientes, van parar aos cursos de auga onde provocan alteracións químicas e físicas, afectan á súa calidade para o consumo humano e á vida de todos os organismos que viven nela. No Morrazo, eses arrastres van parar á rías de Vigo e Pontevedra acelerando a súa acumulación e contaminado.

Os lumes forestais liberan subitamente enerxía,gases e nutrintes en forma de cinza

Nun terreo incendiado aumenta a iluminación, a amplitude térmica (vai máis frío e máis calor), a velocidade do aire, a evaporación e desecación da superficie e baixa a humidade do solo. As partículas en suspensión inciden no efecto invernadoiro, ao igual que na perda de grandes superficies verdes que regulan a humidade, suavizan o clima actuando de colchón térmico. Altérase así o microclima característico de cada zona.

A fauna sofre o forte impacto do lume e isto crea un baleiro biolóxico; parte da fauna morre e parte emigra, segundo a capacidade de mobilidade de cada especie. Anfibios, insectos non voadores, micromamíferos, réptiles e crías de moitas especies morren en maior medida, mentres que grandes mamíferos e aves adultas foxen con maior facilidade.

Nos días posteriores a un lume, comeza a recolonización do terreo. Os primeiros en chegar ao escenario son os insectos comedores de madeira, xilófagos, que son voadores, e os saltóns. Logo chegan os seus parasitos e os seus predadores, os paxaros insectívoros. Algunhas aves, como os gaios, axudan espallando sementes (fan celeiros para o inverno), moitas das cales non comen e chegan a xerminar. O vento transporta sementes de gramíneas e outras plantas que, cando xerminan, serven de pasto a herbívoros como o coello. Tamén, se o lume non foi moi intenso e non afondou queimando o solo, toxos e urces brotan das súas cepas e xerminan as sementes, que sobreviviron ao lume, enterradas no solo. Por sorte, son raros os solos “cocidos” xa que a temperatura diminúe rapidamente coa profundidade. Normalmente, os efectos máis destrutivos cínguense aos primeiros 5 cm do solo.

Imaxinemos que nun lugar ocorre un incendio forestal por causas naturais (en Galicia, unicamente o raio nas tormentas secas de verán son causa natural) cunha periodicidade de 40 anos, a vexetación e o ecosistema estarán adaptados a isto, adaptación que durou centos de anos e as especies de árbores existentes serán as que poidan producir sementes antes dos 40 anos de idade, etc.

Imaxinemos agora que o número de incendios se incrementa até ter unha frecuencia dun lume cada dous anos. Non hai que imaxinar moito, é a realidade de moitas partes de Galicia, facendo que a presión destes sobre os ecosistemas non permita que se recuperen e entren en regresión; produciríase unha especie de sucesión ecolóxica á inversa que faría que retrocedese o ecosistema de bosque a mato, logo a pasto e por último a rocha núa ou con liquens.

Así, canto maior é a frecuencia de lumes, a diversidade de especies diminúe, só quedan as adaptadas, varía a idade e talla destas, pasamos de arbores a arbustos, e diminúe a súa complexidade e estabilidade. En cambio, aumenta a velocidade de crecemento xa que as especies de crecemento lento morren por efecto do lume antes de chegar a adultas sobrevivindo só as de crecemento rápido, o solo é cada vez menos húmido e só sobreviven as plantas adaptadas a ambientes secos.

Algunhas plantas poden ter un o máis mecanismos de defensa fronte aos lumes: capacidade de rebrote, fácil dispersión da semente, crecemento rápido, raíces fondas, capacidade de colonización, cortiza grosa, etc. para a súa protección fronte ao lume. A periodicidade excesiva e antinatural dos lumes cambian a composición da flora dun lugar converténdose nun factor limitante de primeira orde, a vexetación adapta a súa composición a unha estrutura en equilibrio coa intensidade e frecuencia dos incendios favorecendo as máis adaptadas que, ao mesmo tempo, adoitan ser máis pirófitas xa que se benefician do lume.

As especies de sombra son máis sensibles ao lume e facilmente desprazables polas pirófitas coas que non poden competir nunha zona con abundante frecuencia destas.

É habitual que o lume se provoque para eliminar o mato e limpar a tomada, e o que se consegue co lume é que este mato cada vez se estenda máis, pasando a ocupar terreo que, por evolución natural (o mato é unha etapa cara ao bosque) seria arborizado. Unha forma de eliminar o mato é plantar árbores, mellor se son autóctonas non pirófitas. Por outra parte, o mato fai tamén excelentes funcións no monte para manter a biodiversidade, dar acubillo á fauna, protexer o solo alí onde non medrarían as arbores (bos estariamos en Galicia sen o toxo, teriamos miles de has máis de pedregal e moitas máis inundacións) e mantén o réxime hidrolóxico. Se acaso é necesario, nós propomos o seu tratamento por manchas ou franxas a xeito de mosaico na paisaxe, non a súa eliminación.

Os matos dominan gran parte da paisaxe que por natureza lle corresponde ao bosque

Así os lumes son, en gran medida, responsables da monótona paisaxe de matos de toxo e carrasco ao verse estas especies favorecidas xa que rebrotan enseguida.

Os efectos máis preocupantes que provocan os lumes forestais acontecen no solo, alteran o pH, o contido en nutrientes, a cantidade de materia orgánica e a composición química e biolóxica. Provoca cambios físicos na súa estrutura; pero, a peor consecuencia é a erosión. Na maior parte dos incendios a erosión supera o tolerable polo ecosistema (11 tm de terra por ha e ano, cando o natural é de 0,8 a 1,6, xa que logo, prodúcese unha perda de 30 a 100 tm por ha no primeiro ano; no 25% dos incendios supera esas 100), isto elimina a capa fértil do solo, reduce a profundidades deste sendo un factor importantísimo de empobrecemento e perda de capacidade produtiva. Fagamos cálculos das miles de ha que arden en Galicia anualmente e calculemos canta terra vai parar nos ríos, embalses e nas rías onde provocan acumulacións e contaminan.

Cando a erosión é mais rápida que a colonización, prodúcese un fenómeno de autoaceleración por repetición. Cantos máis procesos de erosión sufra un solo, maior efecto terá o seguinte proceso erosivo, o solo é mais débil e desagregado e con menos raíces que o sustenten.

A perda de solo é unha das consecuencias máis graves dos lumes forestais



AS ESPECIES ALÓCTONAS INVASORAS

Nos últimos tempos está a cobrar importancia no ámbito global a repercusión da introdución de especies foráneas en ecosistemas que non lle son propios.

Amellora das comunicacións entre lugares do planeta moi distantes entre si facilitan que as persoas, directa ou indirectamente, actúen como axentes propagadores de especies dende a súa area nativa ata zonas ás que xamais chegarían mediante migracións naturais.

No caso dos vexetais, as vías de entrada poden ser varias: cultivos alimenticios e forestais, usos ornamentais, técnicas de revexetación, etc.

Non todas as especies que se introducen teñen o potencial de invadir un novo ecosistema pero, as que o conseguen, adoitan facelo dun xeito agresivo que mingua a biodiversidade e altera os novos ecosistemas onde se establecen, o cal cobra especial importancia nos espazos naturais mellor conservados onde a súa eliminación supón elevados custos económicos e grandes problemas técnicos.

Considéranse especies invasoras aquelas procedentes doutras areas xeográficas que conseguen establecerse no novo territorio en áreas naturais ou seminaturais de xeito estable, forman poboacións autosuficientes, dominantes ou que alteran os novos hábitats, teñen gran capacidade de expansión e modificación do medio para o seu beneficio.

Recoñécense varias fases neste proceso colonizador, que podemos sintetizar do seguinte xeito: nunha primeira fase, a especie é traída polas persoas; na segunda fase, aclimátase ao novo espazo sen chegar a expandirse; na terceira e última fase, expándese e coloniza o novo espazo.

O período de tempo no que ocorre este proceso é impredecible e distinto segundo a especie. En Alemaña (Kowarik,1995) calculou unha media de 147 anos a partir da primeira introdución para as especies leñosas. Nas especies arbóreas é máis prolongado que nas arbustivas.

Nos montes do Morrazo atopamos cada vez máis especies de plantas alóctonas leñosas, semileñosas ou herbáceas de comportamento invasor.

Entre as diversas causas da introducción destas especies están os verquidos de restos de xardinería, cantullos e terras, as revexetacións de taludes das infraestrúturas viarias e a plantación de especies ornamentais de comportamento invasor en zonas forestais. Entre as últimas introduccións importantes cabe destacar a presenza da Acacia mearnsii e a herba da pampa (Cortaderia selloana ) nas marxes do corredor de alta capacidade do Morrazo.

Paraserianthes lophanta medrando no dunar de Liméns

Ailanto na praia do Canabal entre Moaña e Cangas

GLOSARIO: A

Acicula: folla longa e delagada en forma de agulla
Acio: flores ou froitos dispostos ó longo dun eixo
Acorazonado: forma que semella un corazón
Acuminado: que remata en forma de punta aguda
Alóctona: planta introducida dende outra zona
Alternas: follas dispostas unha en cada nó
Amento: inflorescencia con flores unisexuais, en forma de espiga colgante
Aquenio: noz cunha soa semente
Aovados: ver ovados
Ápice: vértice libre da folla,extremo oposto á base
Autóctono: especie propia dunha zona, que nace de xeito espontáneo
Axilar: que está situado na axila, que é donde se une unha pola co tronco, unha folla coa pola, ou mesmo é o ángulo formado por un gromo

B

Baga: froito pequeno, carnoso e xugoso, de cuberta fina, con numerosas sementes
Bipinnada: dobremente pinnada, ver pinnada
Bráctea: órgano parecido á folla, e que sexarlmente aparece formando á base dunha flor

C

Caducifolio: planta que perde a folla a finais da época de crecemento, xeraalmente no outono
Calcario: solos ricos en carbonato cálcico, alcalinos, con pH maior de 7
Cápsula: froito seco, dehiscente, con varias sementes
Casca: conxunto de capas máis externas das árbores, sementes e froitos
Cima:inflorescencia constituida por flores dispostas en varios eixes
Compostas: follas divididas en varios foliolos
Coníferas:plantas portadoras de conos, pertencentes ás ximnospermas, de semente non protexida polo carpelo, como o piñeiro
Coniforme: que semella ou ten forma de cono
Cordada: folla coa base en forma de corazón
Coriácea: de consistencia rexa pero flexible, parecido ó coiro
Corimbo: un dos tipos de disposicións florais nas que as flores terminan ó mesmo nivel partindo do eixe central a distintas alturas

D

Defoliante: axente que provoca a caida prematura das follas
Dehiscente: que se abre de forma natural
Deltoidea: de forma triangular ou de delta (letra Grega)
Dentado: con dentes agudos na marxe
Dioica:planta con flores unisexuais, aparecendo as masculinas e femininas en distintos pés
Drupa: froito carnoso que posue unha soa semente moi dura no seu interior

E

Edáfico: relativo ó chan
Elíptico: en forma de elípse
Endémico: orixinario ou exclusivo dunha zona, rexión ou pais
Envés: parte inferior do limbo foliar
Estigma: extremo superior do pistilo que recibe o polen Estrobiliforme:que ten forma de estróbilo ou piña. Fascículos (florais): flores agrupadas en forma de pequenos feixes.

F

Face: parte superior do limbo foliar
Falciforme: en forma de fouce
Fasciculo: en forma de feixe
Fendida: dividida en lóbulos
Festonado: folla coa marxe ondulada
Filodio: falsa folla constituída do peciolo aplanado e modificado
Foliolo: cada unha das folliñas que forman unha folla composta

G

Glabra : que non ten pilosidade, lampiña ou case.
Glomérulo: xuntanza compacta e irregular de flores ou froitos.
Globular: que ten forma semellante a un globo, globoso.

H

Halófila: planta “ amante do sal”
Herbacea: planta de talo blando e carnoso, non leñoso
Hermafroditas: flores que posúen órganos reproductivos femininos e masculinos, ou sexa, que son bisexuais

I

Indivisas: que non están divididas en partes
Inflorescencia: parte da planta que porta a flor ou flores
Infrutescencia: parte da planta que porta o froito ou froitos
Imparipinnado: folla composta pinnada con un número impar de folíolos
Involucro: conxunto de brácteas que envolven á flor ou flores

L

Lacinias: segmento xeralmente estreito, fondo e de ápice agudo dun órgano en forma de lámina
Lampiña: completamente desprovista de pelos
Lanceolada: folla con forma de lanza
Laxa: referente á copa das árbores, quere dicir que as pólas que a forman distribúense aleatoriamente e sen rixidez ou tensión aparente, trátase dunha copa distendida, ampla e dilatada
Leñoso: que ten a mesma consistencia ou natureza ca madeira
Limbo: parte ensanchada ou aplanada das follas
Lineal: folla estreita e de lados paralelos
Lóbulo: parte dun órgano que sobresae, limitado por formas redondeadas, senos ou escotas

M

Médula: tecido central do talo das plantas non leñosas
Micorriza: asociación entre un fungo e as raíces dunha planta
Monoica: planta que ten flores unisexuais, aparecendo as ? e as ? no mesmo pé

O

Oblongo: que ten forma alongada, máis longa que ancha
Obovadas: que son oblongo-ovadas
Ovada: que ten forma semellante a un ovo, sendo a parte máis ancha a inferior

P

Panícula: inflorescencia en forma de acio
Papirácea: de aspecto e consistencia parecida ó papel
Peciolo: rabiño que xunta unha folla cun talo ou cunha póla
Pedúnculo: eixe ou rabiño que conecta unha flor ou froito co talo
Perennifolios: árbores de folla que persiste ó longo do ano; aínda cas follas teñen vida limitada, non se renovan ó mesmo tempo
Perennes. Referido ás follas que pernanecen na árbore todo o ano
Perigonio: envoltura floral formada con pezas semellantes, sen distinción entre o cáliz e a corola.Pentámero: órgano formado por cinco pezas
Pentagular: órgano que forma cinco vértices ou ángulos
Pilosidade: pelos que recobren as follas, talos, pólas, froitos, etc
Pinnado: folla composta na que os folíolos se dispoñen lateralmente ó longo dun eixe
Piramidal: que semella a forma dunha pirámide
Piriforme: que ten forma de per ou parecida
Pirófita: planta que se ve favorecida polo lume
Pivotante: referíndose ás raíces, é cando estas xiran en torno para afirmarse ó terreo
Polígama: especie que presenta en cada pé flores ? , ? e hermafroditas
Pomo: froito carnoso, redondeado e con varias sementes no interior, do tipo da mazá ou a pera
Pruinosa: recuberto dunha fina capa de cera ou resina (pruína) abrancazada
Pubescente: recuberto de pilosidade branda
Pulposa: cando a froita ten moita polpa, é carnosa e xeralmente sen oso interior

R

Receptáculo: ápice dilatado do pedúnculo floral, sobre o que se dispoñen as distintas partes da flor e máis tarde do froito
Reticulado: que ten semellanza cunha rede, formada por innumerábeis retículas
Rizoma: talo horizontal e subterráneo, productor de raíces e renovos que se van estendendo arredor do talo principal
Romboidal: que ten máis ou menos a forma dun rombo

S

Sámara: froito seco provisto de ás membranosas que facilitan a súa dispersión polo vento
Sésil: cando a folla non posúe pecíolo, polo que está directamente fixada ó talo ou póla
Silíceos: terreos ricos en sílice, polo xeral acedos
Sistema radical: é o sistema formado polas raíces, principais, secundarias, etc
Suberosa: que ten consistencia de cortizo
Substrato: o solo, o chan no que se desenvolve a árbore

T

Tanino: sustancia que se atopa en distintas partes dos vexetais, como na casca dos salgueiros, carballos, etc. Úsase para curtir peles e fabricar tinta de escribir
Terminais: que están situados nun extremo ou ápice
Termófila: planta“amante do calor”
Teselas: pezas nas que se atopa dividida a casca de certas árbores, como os piñeiros, tamén se poden referir ás manchas formadas polo tapiz vexetal
Tomentosa: cuberta de pelos grosos e brandos
Trasovado: con forma de ovo, sendo a parte máis ancha a correspondente á máis afastada da base
Trifoliadas: follas compostas por tres folíolos

U

Umbela: inflorescencia na que todos os pedúnculos parten dun mesmo punto e teñen a mesma lonxitude
Unisexual: flor dun só sexo, masculino ou femenino

V

Valva: unha das partes que abren a cápsula que contén as sementes
Ventureiro: casual, que aparece espontáneo e medra
Verticilo: conxunto de tres ou máis órganos que xorden do mesmo punto do talo.
Vexetación potencial: a que se instalaría nun territorio si este non está influenciado polo home


BIBLIOGRAFÍA:


Allen J. 1992. Manual de interpretación de árboles. Omega. Barcelona
Bellot F. 1966. La vegetación de Galicia. Anales. Instituto Botánico Cavanilles 24:3-206
Castro M., Prunell A. e Blanco-Dios J. Guía das árbores autóctonas e ornamentais de Galicia.Xerais. Vigo
Castroviejo S. e cols. 1986- 2005. Flora Ibérica, I,-VIII. CSIC. Madrid
Ferreras Chasco C., Arozena Concepción M. E. 1987. Guía física de España, Los Bosques. Alianza Editorial.Madrid
García, X.R. 2009. Guía das plantas con flores de Galicia. Xerais de Galicia.Vigo
Lopez Gonzalez G. 1982. La guía de incafo de los árboles y arbustos de la península ibérica. INCAFO.Madrid.
Lage Picos X. A. 2003.Bosques,sociedad y cultura forestal en Galicia. Universidade de Vigo.Vigo
Manuel Valdés C., Gil Sanchez L.2002.Tercer Inventario Forestal Nacional. La transformación histórica del paisaje forestal en Galicia.Ministerio de Medio Ambiente.Madrid.
Mouriño J., Otero X. L., Salvadores R., Alonso P., Sierra-Abrain F., Arcos Fernandez F.,2004 Os Espazos Naturais de Galicia. NIGRATREA. Vigo
Merino,B. 1980 (Reimpresión) Flora descriptiva e ilustrada de Galicia. 3 Vols. La Voz de Galicia. A Coruña.
Niño Ricoi H., Silvar C. 1997. Guía das árbores de Galicia. Bahía Edicións. A Coruña
Rivas-Martinez S. 1987. Memoria del mapa de las series de vegetación de España. Serie técnica ICONA. Madrid.
Rico Boquete E.1999. Pensamento forestal no século XX. Xunta de Galicia.
Rodriguez Ferreiro H.2003. A xurisdicción do Morrazo S. XVII-XVIII. Tomos I-III.Diputación Provincial de Pontevedra.
Ruiz de la Torre J. 1979. Árboles y arbustos de la España peninsular. Escuela Técnica Superior de Ingenieros de Montes. Madrid
Silva-Pando, J. E Rigueiro Rodriguez,A. 1992 Guía das árbores e bosques de Galicia. Galaxia. Vigo
Xunta de Galicia. Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural. 2001. O monte galego en cifras. Xunta de Galicia.
Villanueva Aranguren J.A.e cols.2002.Tercer Inventario Forestal Nacional. Ministerio de Medio Ambiente.Madrid