viernes, 28 de agosto de 2015

Traiñeiras. Meira campiona de España en 1960 (I) / por Xosé Carlos Villaverde Román



Jaime Rúa, patrón de Meira, recolle a “copa del Generalísimo” e do campionato de España, 1960

Dous anos despois de rematada a Guerra Civil o ditador Francisco Franco decide veranear en A Coruña e por tal motivo as autoridades locais crean na súa honra a competición de traiñeiras denominada “Copa del Generalísimo” que en principio estaba limitada á representación de embarcacións do Exército, Mariña e Sindicato da Falanxe.

En 1939 restablécense en Vigo as regatas para conmemorar “El día de la Victoria” e as festas patronais de agosto onde as embarcacións moañesas de Tirán e Meira, de moita sona, seguían acadando os primeiros postos.

O Club Náutico de Vigo encargouse de organizar as regatas das festas a partir de 1946, tempo de esplendor para as embarcacións moañesas, o que motivou que no ano 1949 foran convidadas a participar por primeira vez na “Copa del Generalísimo”. Esta invitación veu a través da organización franquista de “Educación y Descanso” de Vigo que, a través do seu secretario provincial De Lis Fontanes, inscribiu as lanchas da Confraría de Pescadores de Moaña. E así, naquela competición de 1949, xa sen participación militar, as traiñeiras moañesas de Meira e Tirán acadaron os meritorios terceiro e cuarto posto, sempre detrás do famoso patrón Varela de As Xubias, intratable dende 1947 ata 1951, porque en 1952, unha selección de remeiros de Meira e Tirán, en representación do Pósito e patroneados por Jesús Fervenza de Meira, logrou traer para Moaña a “Copa del Generalísimo”.

A partir de 1950 houbo representación da cornisa cántabra, como Castro Urdiales ou Pedreña e xa en 1953/4 o patrón Arráiz de Iberia repite trunfo con poucos segundos de vantaxe sobre Meira. Logo no trienio 1957-1959 aparece a figura de Lujambio, famoso patrón de Pasaia de San Juan (Guipúscoa), incontestable en tódalas regatas ata que en setembro de 1960, o xove de Meira, Jaime Rúa, patroneando a lancha “Virgen de la Peregrina”, con grande sorpresa para todos, deixa pola popa a Iberia e tamén ao famoso Lujambio. Déronse nese ano de 1960, as circunstancias de que Tirán renunciara a participar, si ben algúns remeiros se integraron nas lanchas moañesas e que a “XX Copa del Generalísimo” coincidira co “XIII Campeonato de España de Traineras”.

¡Que honra, que orgullo, que satisfación! Os nomes de Meira e Moaña eran victoreados por todos medios de comunicación, incluído o NO-DO, e a recepción multitudinaria agardaba entusiasta a chegada daquel camión do peixe, acondicionado para transportar a traiñeira cuns bancos improvisados para acomadar aos remeiros e gardarse da chuva.

No Pósito de pescadores agardáballes outra recepción con todas as autoridades provinciais e diante da Praza de Abastos organizouse unha festa. No “Hogar del Productor” de Vigo, tamén foron agasallados polas autoridades do Sindicato e Obra Social por conseguir o primeiro campionato de España de Traíñas para Galicia, entregado persoalmente por Franco no Náutico de A Coruña, como se recolle na foto que hoxe presentamos.

MEMORIA DE MOAÑA

Agrupación Cultural Nós

jueves, 27 de agosto de 2015

San Bartolomeu / por Xosé Carlos Villaverde Román



“O Grolo” na billa de San Bartolomeu en Meira, 1961. Foto J. Gayo Rouco

Co paso do tempo vemos o costoso que é manter unha festa, de aí a desaparición das tradicionais como foron a de san Roque, san Isidro ou san Antón na parroquia de San Martiño, a de san Xoán en Tirán ou a de santa Eulalia (Baia-Olaia) en Meira, incluso a patroa de Moaña adicada a virxe do Carme pasou por momentos moi críticos a punto de non celebrarse. Actualmente están consolidadas as patronais da virxe do Carme, san Martiño e a de san Bartolomeu, que durante os últimos anos mantén un programa de gran calidade e coa consideración de seguir sendo a festa dos rapaces.

En canto a orixe desta festa de san Bartolomeu, conta unha lenda popular que estaban uns mariñeiros a pescar arredor da illa de Toralla cando, de súpeto, lle apareceu un mociño a bordo. O cociñeiro da embarcación ao velo cheo de frío achegoulle a vela da embarcación para abrigalo. Dalí a pouco a vela desapareceu e o patrón preguntou por ela. O cociñeiro explicou o que pasara, entón o patrón amarrou ao mozo ao pao do veleiro que empezou a navegar máis rápido que nunca. Cando chegaron á illa de San Bartolomeu o rapaz desapereceu, pero atopáronno máis tarde na praia e puideron comprobar que era o mesmo San Bartolomeu.

í Esta simple lenda que achegamos apenas aporta referencias que nos poidan dicir sobre a orixe do nome da illa, Si sabemos polo profesor Vázquez Marinelli e por Manuel Uxío García, que arredor de 1671 o abade Juan del Puerto creara a primeira confraría dedicada a Santa Guadalupe e en 1730, o relixioso Juan Antonio de la Peña fundou a confraría de San Bartolomeu. A partir de entón a festa celebrouse sempre nestas datas de agosto e despois do inicio do s. XX, cumplimentouse coa celebración da festividado do Carme. Esta histórica ermida foi trasladada e reconstruída a uns poucos metros en 1973.

A nosa avoa, María García de Bouzafigueira, tennos comentado de que en agosto tense dado anos de vendimar unha caste de uva, de nome esquecido, para vender nestas festas. Independentemente da caste, polo san Bartolomeu, sempre se vendeu viño tal coma se pode ver nesta “billa” que se montou en 1961, inmortalizada polo noso fotógrafo moañés José Gayo Rouco, que nos legou esta preciosa imaxe constumbrista daquela época.

A illa que podemos contemplar hoxe dista moito daquela paisaxe nostálxica que memorizamos na nenez. Aínda que lle seguimos chamando illa, na realidade é unha península convertida, sobre todo por interereses económicos. De feito se partimos do ano 1860 onde só había dous edificios vemos como trinta anos máis tarde aparece unha cordoería con almacén incluído, propiedade do comercial Alejandro Castilla, e entre 1926 e 1932 xa se construen as primeiras casas modernas. Durante moitos anos déronse intentos de comunicar a illa coa zona da Ribeira, pero houbo que agardar ata 1981 para iniciar un aterrado valéndose das obras de Autopistas del Atlántico. Esta obra deulle moito pulo ao peirao rematado en 1938 e ampliado varias veces, sobre todo a última de 1991, onde tamén se ampliou a lonxa que databa de 1982. Ademais destas edificacións públicas, en San Bartolomeu fixéronse unha rambla (1994), casetes para alugar aos mariñeiros (1998), instalacións deportivas (1992) e o museo das Carreiras (2012) entre outras

Memoria de Moaña
Asociación Cultural Nós

domingo, 16 de agosto de 2015

O veraneo no Con / por Xesús Cancelas Franco



Na praia do Con, Moaña, con Antonio Sanjurjo, Paz e Tránsito Cid, ca 1908. F. Cantero


A finais dos anos 60 do século pasado a miña familia vivía na Ribeira do Con e eu correteaba por alí alleo ás persoas ás que chamaban señoritos e non eran outros que os veraneantes. Unha parella atraía a miña atención, sempre paseando de ganchete, os dous moi elegantes e a ela todos lle chamaban Miss España. Moitos anos despois a curiosidade fixo que indagase de quen se trataba e foi doado descubrilo. Era Emilia Docet Ríos, elexida Miss España en febreiro de 1933 e que a dicir dalgúns convertírase na musa do Partido Galeguista. Participou no famoso mitin das Arengas na praza da Quintana o 25 de xullo de 1934 xunto con Castelao, Bóveda, Otero Pedraio, Paz Andrade e Suárez Picallo. As crónicas da época din que pronunciou un discurso bello y sólido. Era unha persoa de gran implicación social na defensa dos desfavorecidos e representaba un novo modelo de muller polos seus estudos de peritaxe, pola súa vestimenta, era cosmopolita e practicaba varios deportes. A guerra e o franquismo cambiaron a súa vida e a de todos.

Co tempo seguín curioseando na historia dos veraneantes do Con e descubrín por un relato de 1874 de Ramón García Vicetto que había unha magnífica Quinta no Con e que a súa envidiable posición a facía morada predilecta do varias veces ministro José Elduayen, antes de ter comprado o castelo de Monterreal en Baiona. A súa muller, a Marquesa del Pazo de la Merced, seguiu visitando a finca propiedade de Francisco Martínez Villoch, dono da fábrica de conserva do Con.

A principios do s. XX era frecuente atopar anuncios na prensa de aluguer de casas de veraneo, ademais de que o transporte de Ría tiña unha parada fixa na nosa praia e en 1909 a Gaceta de Madrid (BOE) publicaba a autorización para a construción dun balneario na praia solicitado por Balbino Rodríguez Pombo en nome da sociedade El Progreso de Moaña. Non hai constancia da súa construción.

Os marqueses de Méndez Núñez que vivían en Pontevedra, Vigo e Madrid tiñan fixada a residencia de verán na súa Granxa do Con (O Real) e cada ano a prensa anunciaba a súa presencia. Na primeira metade do s. XX o número de familias que veraneaban na zona era abundante, desde o xeneral Burguete, Director General da Garda Civil, ata a familia de Antonio Sanjurjo Badía que no día do Carme de 1924 organizou unha verbena na praia pra celebrar a onomástica da neta Carmencita.

En 1943, o mestre Santiago Barreiro, nun folleto publicado analizando a vida local de Moaña di que O Con é a estación veraniega por excelencia poboada de chalés, palacetes e mansións señoriais. Mención aparte merecen os descendentes de Concepción Arenal que desde hai máis dun século veñen veraneando no Con, dándose o caso de que en 1936 parte da familia que se atopaba no seu chalé tivo que quedar durante os anos da guerra residindo en Moaña e aillada do resto da familia que estaba en Madrid.

sábado, 15 de agosto de 2015

As vellas festas da Peregrina en Meira / por Xesús Cancelas Franco



Barrio da Peregrina coa recén construida Fábrica de conservas La Guía, 1959. Arquivo da A.C. Nós


O sábado 2 e hoxe, domingo día 3 de agosto, estanse a celebrar as festas na honra da Virxe Peregrina e Virxe do Luján no lugar que actualmente chamamos A Guía, na parroquia de Meira.

Tal día coma hoxe, o domingo 9 de agosto de 1903, celebrouse a primeira festa promovida por dous indianos, Juan Piñeiro e José Currás, propietarios dunha finca con casa e unha capela con adro na que se fixera a primeira función relixiosa en 1895. Constituiron unha fundación e querían facer misa maior e procesión por fóra do adro para o que recollerían limosnas. Os organizadores conseguiron permiso do arcebispo pero Domingo Antonio Freijomil, párroco de Meira, non estaba de acordo porque lle ocultaron algunhas cousas e dicía que se valeran del para conseguir o decreto do arcebispo, ademáis de que practicaban un catolicismo enxebre, facían da capela unha praza de touros en miniatura e non lle pagaban ao sacristán.

A festa celebrouse sen misa nen procesión a pesar de que a organización intentou traer un cura de Vigo ao que o párroco prohibiulle dicir misa. Moitos romeiros da zona e incluso de Vigo acabaron facendo unha manifestación e pola tarde conminaron á banda de música a tocar a Marsellesa dándolle vivas á República e a Salmerón, protestando contra o párroco e o clericalismo. Días despois produciuse un gran debate con descalificacións incluidas na prensa da época entre os donos da capela e o párroco, uns en medios republicanos e o outro en diarios católicos. Os primeiros dicían que todo obedecía ao enfrontamento entre a sociedade Unión Agrícola -da que o cura era o dirixente- e a Liga de Contribuintes.

O 25 de outubro de 1903 o cardeal de Santiago dispuxo a suspensión da festa e que no futuro os organizadores se limitaran a programar dúas misas rezadas. Días antes estoupara un cartucho na casa de Juan Piñeiro e José Currás provocando danos materiais.

En 1925 compra a finca da Peregrina José Campos Blanco, conserveiro e sogro do alcalde Ernesto Carballo, ese ano faríase a festa os días 14 e 15 de agosto. No ano 1928 celébranse grandes festas os días 11, 12 e 13 de agosto. O domingo, día 12, inaugúrase o campo de fútbol do Cocho do que foi promotor e alma máter do Meira F. C. Emilio Gramary. Exerce de madriña Maruja Carballo que entregaría unha copa de prata aos gañadores do partido entre o Comercial e o Español, ambos da serie B de Vigo. As fotos de Pacheco dese acto foron publicadas na prensa local, en Vida Gallega e en Mundo Gráfico para toda España. Pola mañá celebrárase unha procesión na finca da peregrina na que levou o estandarte Ernesto Carballo, xenro da propietaria e excalde. O luns, día 13, celébranse dous combates de boxeo a catro rounds. No primeiro José Lorenzo gañou a Evaristo Boubeta e exerceron de masaxistas José Paz e Domingo Mateo, os catro do Moaña F.C. O segundo combate, entre Avelino Rodríguez de Vigo e Barral do Meira F.C., foi declarado nulo polo árbitro Ramón Carballo. O ring improvisado era no adro e a festa rematou con baile campestre e fogos de artificio traídos de Barcelona.

lunes, 3 de agosto de 2015

As festas : tempo de orquestras / por Xosé Carlos Villaverde Román



Orquestra Danubio con Nucho Juncal “Xeniño” ao acordeón



Estamos no estío, tempo de festas e romarías maioritariamente dedicadas ás devocións das santas e santos que tamén se celebran no resto das estacións anuais. Co paso do tempo moitas desas celebracións foron desaparecendo; aínda que nos gostaría saber a orixe exacta desta tradición que parece apuntar a que se remonta ao século XVI, cando en decembro de 1563 durante a celebración da sesión XXV do concilio de Trento quedou aprobada a adoración, veneración e conservación de imaxes e reliquias de santos e santas como exemplo de vida cristián. Isto en Galicia quedou patente nas parroquias, de aí que as procesións das festividades dos santos foran acompañadas por un gaiteiro. En Moaña foron moitas confrarías e outros santos e santas as que festexaban as onomásticas, non só coas procesións, senón que tocaban tamén nas vésperas e no propio día arredor dos adros das igrexas, capelas ou ermidas.

Un traballo de investigación do profesor Vázquez Marinelli revélanos que entre 1826 e 1833 a festividade de Nª Srª Dos Remedios era cada vez máis concorrida, transformándose en romaría popular, perdendo devoción relixiosa e xa os músicos substituíran aos tradicionais gaiteiros. Por outra parte, Manuel Uxío García apunta que en 1874 unha banda de música toca por vez primeira na procesión de Corpus Christi en San Martiño e tamén está datado que en 1880, Fernando Costa funda a primeira banda de música de Moaña, coñecida popularmente polos Bichucos, berce e canteira de grandes e futuros profesionais que poideron vivir da súa afección.

En 1920 aparece a Orquesta Laureada de Moaña. Posiblemente fora un rexurdimento da vella banda de música feito por Fernando Costa (fillo) e dirixida polo seu curmán de Coiro, Ismael Costa. Estas bandas xa reemprazaran aos gaiteiros nas vésperas e no día da efémeride tocando ata a medianoite, valéndose de farois de acetileno.

Coa chegada da electricidade a Moaña (1925), as verbenas alargáronse nas horas nocturnas, en tanto que a aceptación polas orquestras era cada vez maior, o que deu lugar a un trasvase de músicos das bandas cara as orquestras. Así vemos como exemplo a moañesa Orquesta Danubio (traída a este comentario pola calidade fotográfica de autor descoñecido) fundada por Nucho Juncal Xeniño a mediados dos anos 50 do pasado século, que contou, ademais de dous vigueses, cos moañeses Manuel Ares, Javier, Antonio Fandiño e José Ríos, case todos discípulos de Ricardo Costa, director da banda Airiños do Morrazo entre 1942 e 1955 aproximadamente.

Nucho Juncal, vai herdar da familia dos Xeniños a arte de manexar coma ninguén os teclados dos acordeóns, herdanza do seu pai Eugenio e sensibilidades dos seus tíos que tocaban no Baile de Abelendo. O seu curmán Manuel Juncal que acadou proxección internacional, tamén chegou a ser un virtuoso do violín.

Durante os pasados anos sesenta, a tecnificación perfeccionaba a calidade das orquestras, cada vez máis profesionais e demandadas nas festas, relegando ás bandas de música ás procesións e concertos antes das verbenas. De todas as orquestras coñecidas en Moaña, sen dúbida a máis embaixadora e que deu a volta ao mundo foi a denominada Magos de España, pero o seu currículo merece un capítulo aparte.