lunes, 28 de septiembre de 2015

ASCÓN, un estaleiro tecnoloxicamente avanzado / por Xesús Cancelas Franco



Estaleiro de ASCÓN no lugar do Latón en Meira, anos 60.


No ano 1928 a empresa de Vigo Construcciones S.L., que traballaba nos peiraos do Berbés, construe un estaleiro para reparar a súa propia frota no Latón, en Meira, lugar de onde extraía pedra e posuía un polvorín. Nesa época o xerente era Santos Eraso. Nos anos 39 e 40 comezan a construir cascos e a partir desas datas van ampliando as instalacións e solicitando novas concesións ao Ministerio de Obras Públicas.

No ano 1958 xa botaran quince unidades, seguindo coa construción de novos barcos, entre eles unha serie de 29 metros e outra de 40 m. de eslora. Tanto se facían pesqueiros como mercantes ou vapores. No ano seguinte a empresa pasa a chamarse Astilleros Construcciones S.A., aínda que popularmente era coñecido polo topónimo do lugar onde estaba situado o estaleiro, “O Latón”.

Nunha época na que os armadores galegos necesitaban renovar a frota con barcos máis grandes e capaces de navegar a novos caladoiros hacia o sur, unha empresa constituida en 1960, PESCANOVA, faille un encargo novedoso. Tratábase do primeiro buque pesqueiro-conxelador do mundo. O 31 de xullo de 1961 Alejandro Barreras, director de ASCÓN, fai entrega a José López, presidente de Pescanova, do buque Lemos de 52 m. de eslora, 523 toneladas de rexistro bruto, con autonomía de dous meses sen tocar porto, capacidade para conxelar 20 Tm./día e que levaría unha dotación de 34 persoas. A construción desde a posta en grada da quilla ata a entrega ao armador fora de sete meses e estaba pensado para pescar en Anxentina, Uruguai e Brasil. Poucos meses máis tarde botaríase o Andrade para a mesma compañía e que pescaría en África. Na primeira viaxe tivo que vir de volta a Vigo antes do previsto porque encheu rapidamente as adegas en Namibia.

En maio de 1963 vai ser entregado outro conxelador, o Villalba, e en setembro o Vimianzo, que eran os dous primeiros pesqueiros de arrastre por popa da frota española. O estaleiro estaba nunha época de plena produción, as pequenas embarcacións non tardaban máis de nove días desde a posta da quilla á botadura e as grandes pasaban unha media de dous meses en grada. As instalacións ocupaban 75.000 metros cadrados e dispoñían de medios técnicos moi avanzados, ademáis de edificos de servizos con clínica sanitaria, vestiarios, salas de reunións, etc. O ritmo de saída dos barcos era rapidísimo e nas gradas sempre había dous barcos en construción, no molle de armamento outros dous e no carro outro.

A plantilla que en 1970 era de 781 operarios, aparte dos traballadores das empresas auxiliares, en 1978 chegou a 1889, dos que aproximadamente a metade eran da zona de Vigo e a outra parte do norte da ría. No 1977 houbo un cambio na propiedade que pasaría a ser de Astilleros del Atlántico e comeza a decadencia que poucos anos despois levaría a desaparición da empresa cunha forte repercusión social na comarca.

Memoria de Moaña

Asociación Cultural Nós

viernes, 25 de septiembre de 2015

A atractiva costa de Tirán / por Xesús Cancelas Franco



Casa e granxa da familia de Méndez Núñez, 1959.


Se observamos un mapa da ría de Vigo darémonos conta de seguida que o punto máis próximo á cidade olívica é a costa da parroquia de Tirán, o que a facía moi atractiva para moita xente foránea.

A finais do século XVIII José Fernández Guerra, un cántabro residente en Marín, bisavó do mariño Casto Méndez Núñez, adquiriu os terreos que conformarían A Granxa do Con hoxe coñecidos co nome de O Real. A finca foi pasando en herdanza familiar ata que no 2004 os derradeiros herdeiros venderon os 8.405 metros cadrados que lle quedaban dos 94.000 que tiña a propiedade orixinal. A Granxa ía desde o actual barrio do Vaticano ata o barrio do Con onde, na primeira década do s. XX, Fernando García Arenal comprou unha finca para construir un chalé, finca que a familia iría ampliando ata chegar aos 7.500 metros cadrados que no ano 2003 venderían.

No Con dúas familias tiñan propiedades de apreciables dimensións. Os Rubiños, propietarios do pazo de Paxarín, e os Martínez Villoc, conserveiros procedentes de Vigo. Dos primeiros quedaríanlle en herdanza á familia Vázquez Conde e os segundos venderían parte das fincas a Emilio Pena e os terreos e fábrica de conserva do Con a Ernesto Carballo, onde hoxe está a nave frigorífica de Pereira.

A mediados do s. XX o avogado de Moaña e residente en Vigo Roberto González Pastoriza, casado con Mª Luisa Sanjurjo, foi adquirindo fincas no monte do Con ata chegar a ter tres hectáreas que os seus fillos venderían a finais do século a Monte do Con Promotora. No remate da praia do Con o comerciante de Vigo José Porto construiu a comezos do século pasado unha pequena casa con acceso directo á praia que hoxe segue pertencendo á mesma familia.

Seguindo a liña de costa, e despois de pasar o núcleo do Igrexario, posuía unha finca dunha hectárea aproximadamente a familia Barreras González-Pastoriza que hoxe é propiedade dun veciño de Cangas. A continuación estaba a finca do Foxón que o crego Álvaro de Avalle constituira como morgado en 1629. A propiedade foi transmitíndose por herdanza familiar ata que no 1977 se venderon as cerca de catro hectáreas a dous propierarios de Moaña e a outro de Cangas, actual popietario do cámping de Tirán.

A continuación está a finca herdada por Francisca Bolívar Sequeiros, muller do escritor José Mª Castroviejo, da que son propietarios os seus fillos. E, por último, en 1961, Mª Rosario Sousa y Faro-Sanjurjo, muller de José Fernández López (fundador de Pescanova), inscribe como propias trinta e dúas fincas na parroquia de Tirán. As dez primeiras chamábanse Ramil, Niño do Corvo, Niño da Pomba, etc. e formaban parte do coto de Vilela, propiedade do mosteiro de Oia desde o s. XVI. En 1998 a finca do Ramil de 96.000 metros cadrados foi adquirida pola promotora Dismareate e nunha parte dela está construído o supermercado LIDL, case lindando co veciño concello de Cangas

Memoria de Moaña

Agrupación Cultural Nós

martes, 15 de septiembre de 2015

O comezo do curso escolar / por Manuel Méndez



Aula de Ricardo Símil Silva, no grupo escolar de Quintela en 1920

Nos primeiros días de setembro cando comeza o curso escolar nos primeiros niveis do ensino vennos á memoria unha imaxe do mestre Ricardo Símil Silva rodeado dos seus 58 alumnos no grupo escolar de Quintela no ano 1920 que nos lembra as nosas escolas públicas de comezos do século pasado, as súas dificultades por falta de medios e o abandonado que estaba o ensino primario. No citado grupo escolar había outra aula de nenas da que era titular a mestra Pura Pazo Prado. Grupo escolar de 1912 transformado hoxe no centro socio-cultural Daniel Castelao no que están ubicados un pequeno auditorio, a biblioteca municipal e a escola de música tradicional.

Móstrasenos aquí o mestre con 65 anos, pouco antes da súa xubilación, cun numeroso grupo de alumnos de entre os seis e os doce anos. A fotografía de autor descoñecido chegou ao arquivo da Agrupación Cultural Nós como un documento excepcional porque na súa parte posterior están relacionados os 58 alumnos e o nome do mestre escritos por el mesmo. A foto de tamaño relativamente grande, pegada sobre unha cartolina, consérvase en perfecto estado e foi cedida pola familia de Javier Soage Hermida, un dos alumnos que a puido comprar naquela época.

O Grupo escolar de Quintela era o único centro educativo existente na localidade con esas características e na parroquia moañesa de Domaio existía a “escola de fundación” do Panasco que mandara facer o emigrante en San Salvador de Guatemala Juan Antonio Rosales, no ano 1786, tema do que se pode un documentar no libro A Escola Pública en Moaña (1786-1970) editado pola A.C. Nós no ano 2012.

Uns anos antes, no 1916, despois dunha visita ás escolas de Moaña o inspector de primeira ensinanza Agustín de la Puente, afirma que quedou altamente satisfeito do resultado dos exames practicados nas mesmas, a pesares da gran concorrencia de alumnos que asisten a elas. El número de niños y niñas matriculados en el Grupo Escolar, requiere que estas se conviertan en graduadas, pues no es posible que con una asistencia media ordinaria de 86 alumnos como tiene cada una de aquellas, pueda ser la enseñanza tan completa como debiera, y máxime teniendo ínfimo material adecuado para ello. Lo mismo ocurre con las escuelas mixtas de Berducedo y Tirán, en las que existen matriculados más de 100 niños en cada una de ellas con una asistencia ordinaria de 80. A maioría das aulas estaban instaladas en baixos de vivendas particulares que non reunían as mínimas condicións hixiénicas nin pedagóxicas para impartir as clases e, desgraciadamente foi así ata finais do século pasado en moitos casos.

sábado, 5 de septiembre de 2015

Traiñeiras. Tirán campiona de España en 1961 (e II) / por Xosé Carlos Villaverde Román



Pé de foto: Armando Iglesias recollendo o trofeo do campionato de España en 1961 na Coruña. Arquivo da A.C. Nós

Despois de que a embarcación de Meira se alzara co Campionato de España de traiñeiras en 1960, resultou que ao ano seguinte volveu coincidir o mesmo campionato de España coa “Copa del Generalísimo” na cidade herculina. Nesta ocasión Moaña estivo representada, a través da Confraría de Pescadores e inscritas como Educación y Descanso de Vigo, polos remeiros de Meira que, co ánimo de revalidar o título, tripularon a embarcación “Virgen de la Peregrina" baixo a dirección de Jaime Rúa; pero tamén polos remeiros de Tirán, que retomaron as regatas coa lancha “Virgen del Carmen”, estreándose como patrón Armando Iglesias que reemprazaba aos célebres veteranos de Tirán como foran José González, Joaquín Parcero, Manuel Outeiral, Manuel Germade e, sobre todo, o gran patrón Francisco Fernández (Fanchuco), todo un símbolo para a parroquia.

Competiron naquela final de 1961 contra a favorita, Iberia de Sestao, e Marineda de Mera, que foron incapaces de superar ás moañesas que acadaron os dous primeiros postos, sendo Tirán a campiona e Meira, segunda, a tan só dous segundos, o que provocou unha euforia desbordante na vila organizándose unha nova festa e respectando todos os os protocolos que as autoridades solicitaban e a agardada recepción no Pósito, cara a presentar a bandeira e copa entregadas persoalmente por Franco no Náutico de A Coruña. Neste caso a copa quedou en propiedade por tela gañada por dous anos consecutivos a Confraría de Moaña.

Armando Iglesias recoñeceu que era a primeira vez que patroneaba unha traiñeira, aínda que xa coñecía a vitoria na Copa do Generalísimo como remeiro naquela selección de 1952. Os éxitos acadados nestes dous anos animaron a continuar nas competicións e no ano seguinte de 1962 a Confraría presenta unha selección de remeiros de Meira e Tirán en A Coruña con Armando á cabeza, pero atopáronse coa todopoderosa Jaizkibel (Guipuscoa) que se impuxo á Virgen del Carmen de Moaña por tan só oito décimas de segundo. Con ánimo de desquite, os moañeses atrevéronse a saír por vez primeira fóra de Galicia para participar no campionato de España a celebrar na Concha en San Sebastián. O resultado desta regata, a pesares dos contratempos da viaxe e dun mar con ondas diferentes ás das rías, foi máis que satisfactorio ao acadar un meritorio segundo posto, detrás de Pasajes e superando incluso a Iberia de Sestao.

Despois do campionato de España na Concha Armando estivo varios anos sen participar e Jaime Rúa asume, en 1963, as responsabilidades para voltar a participar na Copa del Generalísimo e disputarlle a Jaizkibel, do carismático Lujambio, a última Copa del Generalísimo depositada nas estanterías do Pósito de Moaña; porque despois os resultados dos anos seguintes amosaron un progresivo declive das nosas embarcacións, a pesares de teren conseguido varios segundos e terceiros postos.

Memoria de Moaña

Agrupación Cultural Nós