sábado, 31 de octubre de 2015

O camposanto do Cruceiro / por Xosé Carlos Villaverde Román



Manuel Paz no cemiterio vello de San Martiño, anos 40. Legado Xaquín Lorenzo. Museo do Pobo Galego.


O costume católico en España ata finais do s. XVIII era de que os fregueses foran soterrados no interior dos templos, agás os que non recibían últimos sacramentos por vontade propia e que eran enterrados no exterior das igrexas, mosteiros ou catedrais. Coa cédula de Carlos III en 1787 comezáronse a construír cemiterios distantes da igrexas e das casas dos veciños. Pero na parroquia de Moaña houbo que agardar case sesenta anos máis, segundo as investigacións de Manuel Uxío García Barreiro, para construír o cemiterio do Cruceiro previa compra dunha casa e quinteiro, próximo ao adro de arriba.

O tipo de construcións e estruturas no cemiterio vello foi obxecto de moitos estudos tratados por varios observadores da antropoloxía galaico-portuguesa. De feito Otero Pedrayo o menciona no seu primeiro volume da Historia de Galicia e o arqueólogo francés Emile Linckenheld publicou un estudo deste camposanto e o de Tirán nas facultades de letras de Strabour, París e Oxford. O tamén arqueólogo portugués Mario Cardozo observou en 1934 que as estelas en forma de casa tiñan certa semellanza coa pedra Formosa do castro de Briteiros en Guimaraes, cousa na que coincide con Xesús Taboada Chivite ao consideralo coma unha reminiscencia mitolóxica que se remonta ao período castrexo e como vivendas post-morten.

Xaquín Lorenzo Fernández (Xocas), que donou o seu legado ao Museo do Pobo Galego e nos deixou a imaxe que reproducimos, publicou nos Cuadernos de Estudos Galegos (1948), un traballo onde sintetiza que as sepulturas deste camposanto, adornadas con estelas en formas de casas, feitas de ladrillos, madeiras ou mármores, significaban máis ben de que os mortos tiveran unha representación das súas vivendas e non unha relación directa cos monumentos funerarios antigos.

Entendemos que a discrepancia de Xaquín Lorenzo en contra da observación anacrónica dos estudosos anteriores, está mellor argumentada, xa que non atopou lóxica entre os vínculos dos rituais funerarios do século XIX e os dos prehistóricos como os documentados na mámoa da Chan da Arquiña (Megalítico), fosas do Casal (Bronce) ou da tumba infantil da Devesa de Abaixo en Domaio (Bronce); todos eles no concello de Moaña.

O Día de Defuntos na Igrexa Católica ten arraigo universal dende a Idade Media, pois foi a partir do ano 1239, onde o concilio de Florencia avaliou o purgatorio coma un lugar de penitencia para liberar as penas humanas mediante sacrificios, misas, oracións, esmolas, responsos, ofrendas, mortallas, indulxencias, bulas e outros oficios de piedade que permitisen o tránsito das ánimas dos finados ata alcanzar a vida eterna. Crenzas que aínda se conservan na actualidade.

Case un século despois da construción do camposanto do Cruceiro inaugurouse o novo cemiterio municipal en Trigás, concretamente en setembro de 1942; se ben os enterramentos no vello seguiron durante, polo menos, unha década máis.

Memoria de Moaña

Asociación Cultural Nós

viernes, 30 de octubre de 2015

Couto de Meira: a demanda dun concello propio / por Jacinto García Piñeiro*




Coa nova entrada en vigor da Constitución de Cádiz durante o trienio 1820-1823 e a lexislación xurdida ó seu achego, os concellos adquiren maior protagonismo. Na provincia de Vigo, nacida trala división provincial de Galicia en 1822, existían en outubro dese mesmo ano 153 concellos, segundo estudos de Xosé Fariña Jamardo; entre eles o concello de Meira. Todos foron defenestrados polo Decreto de 1 de outubro de 1823, que restablece unha vez máis o sistema de organización territorial do Antigo Réxime de coutos e xurisdiccións como formas de goberno local.

Os concellos, da forma que hoxe os coñecemos, teñen a súa orixe na Constitución de 1812, e máis concretamente nos seus artigos 309 e 310; falábase daquela de arranxar o goberno interior das poboacións "generalizando los Ayuntamientos en toda la extensión de la Monarquía bajo reglas fijas y uniformes..." Porén, as circunstancias políticas vividas en España durante o reinado de Fernando VII impediron o desenvolvemento e a aplicación dos preceptos establecidos polo texto de Cádiz, que supoñían unha nova organización dos gobernos locais e dos seus territorios. Os concellos constitucionais que se foron deliñando case non tiveron tempo de se instalar, pois o R.D. de 4 de maio de 1814, declarando "nula y sin ningún valor" a Constitución de 1812 supuxo a volta na orde territorial ó Antigo Réxime e ós dereitos señoriais.

Coa nova entrada en vigor da Constitución de Cádiz durante o trienio 1820-1823 e a lexislación xurdida ó seu achego, os concellos adquiren maior protagonismo. Na provincia de Vigo, nacida trala división provincial de Galicia en 1822, existían en outubro dese mesmo ano 153 concellos, segundo estudos de Xosé Fariña Jamardo; entre eles o concello de Meira. Todos foron defenestrados polo Decreto de 1 de outubro de 1823, que restablece unha vez máis o sistema de organización territorial do Antigo Réxime de coutos e xurisdiccións como formas de goberno local.

A publicación do R.D. de 23 de xullo de 1835, "para el arreglo provisional de los Ayuntamientos del reino", abre o camiño definitivo para os concellos constitucionais que, pese á súa curta vixencia nos dous períodos liberais 1812-1814 e 1820-1823, deixaron a súa pegada na sociedade galega. As exposicións e pedimentos dos pobos da agora provincia de Pontevedra, demandando concello propio, non se fan esperar. Os veciños da parroquia de Santa Eulalia, do couto de Meira, que xa tiñan vivido tal experiencia, reivindican a renovación do seu concello; dereito que lles é denegado polo xuíz de Cangas. Ante esta prohibición reúnense co escribán e tres testemuñas, o día 28 de outubro de 1835, para formalizaren a petición en demanda de concello propio, conforme ó disposto no R.D. antes mencionado. Os alí presentes, 55 veciños de Meira, coas autoridades do couto á fronte, asinan un documento outorgando un poder mediante o cal se autoriza a José da Costa e Francisco Nogueira Riobó para que, en nome e representación do pobo de Meira, "soliciten la formación de Ayuntamiento propio en este antiguo Coto, como es la voluntad general de sus vecinos". Os nomeados para esta xestión han dirixir a solicitude ó Sr. Gobernador Civil da provincia no termo do presente mes de outubro. Con este documento, que xustifica a vontade xeral dos veciños de Meira de constituírense en concello e mais a designación dos dous representantes, ós que se habilita para que "practiquen todas las diligencias judiciales y extrajudiciales que se requieran y sean precisas haciendo voz y acción de la población", cumpríanse os requisitos expostos no Boletín nº 81 do Goberno Civil (BOPP de 10 de outubro de 1835) sobre a formalización das peticións en demanda de concello propio, en relación co disposto no artigo 4º do R.D. de 23 de xullo de 1835. Pero aínda que os veciños de Meira baseaban a súa demanda no disposto polo citado Decreto, "que dispensa a los pueblos que lleguen a cien vecinos la formación de Ayuntamiento, compuesto de un Alcalde, dos Regidores y un Procurador del Común", non só fundamentaban tal petición na graza concedida por esta resolución ditada polo Goberno, "sino en las sólidas razones que amparan a este vecindario, compuesto de muy cerca de doscientos vecinos, que desde tiempo inmemorial conservaron Jurisdicción insolidum y Ayuntamiento en las dos épocas del sistema constitucional". Argumentan, así mesmo, a súa oposición á pretensión do xuíz de Cangas de querer a incorporación desta parroquia a aquel concello.

Así se fai constar no "Poder de los vecinos de Meira en solicitud de Ayuntamiento en dicho Pueblo", que outorgan e asinan ante o escribán Juan Antonio Carrera, actuando como testemuñas Francisco Vilariño, de Moaña, Benito Alonso, de San Miguel de Oia e Juan Benito Bouzón, de San Pedro de Cesantes. Nunha relación datada o 1º de abril de 1836, que o Gobernador Civil de Pontevedra, D. Miguel del Pino, lle envía ó Contador Principal de Propios figura o concello de Meira. Vai figurar igualmente o concello de Meira, composto polas parroquias de Meira, Domaio, Moaña e Tirán, na "Nueva Planta de los Ayuntamientos constitucionales de esta provincia", publicada no BOPP de 30 de novembro de 1836, cuxa aprobación pola Raíña Gobernadora queda confirmada pola R.O. de 8 de febreiro de 1837. Sábese que a súa sede estivo en Pazorredondo (O Pombal). En novembro de 1874 decídese o seu traslado a Moaña.

*Profesor de Historia e veciño de Meira

lunes, 26 de octubre de 2015

A Xunqueira e a baía de Moaña como refuxio (II) / por Xesús Cancelas Franco



A Xunqueira co secadoiro de redes e Vigo ao fondo. Anos 60. Foto: Josip Ciganovic.


As condicións naturais da baía de Moaña e da praia da Xunqueira fannas ideais para o salvamento e rescate de embarcacións que por distintos motivos tiñan problemas como vías de auga, incendios, etc. O día 29 de maio de 1940 o petroleiro inglés Telena foi atacado con proxectís de artillería polo submariño alemán U-37 a sete millas de Sálvora. Varios pesqueiros que faenaban na zona auxiliaron aos náufragos e o San Ignacio de Vigo e Buena Esperanza de Bouzas remolcaron o barco incendiado ata as illas Cíes. Ao día seguinte leváronno para a praia da Xunqueira quedando varado e a salvo unha boa parte do combustible. Cando se procedía ao trasvase do gasoil e do fuel durante a noite e polo uso neglixente dun farol de carburo provocouse unha nova explosión e un novo incendio co resultado de varios mortos e queimados. Mariñeiros, médicos e veciños de Moaña axudaron nos labores de rescate e da extinción do incendio. O 17 de agosto o petroleiro sería remolcado a Sestao para a súa reparación e cambio de nome que pasaría a chamarse Gerona.

O 8 de xaneiro de 1944 durante a madrugada declárase un incendio no vapor Castillo de Andrade cando facía manobras de carga e descarga no fondeadeiro do Arenal en Vigo e acudiron a apagalo os servizos de bombeiros da cidade, mariñeiros do cruceiro Navarra e dous alxibes, o Hidria e o Alberto. A carga de carburo de calcio que traía era moi perigosa e as autoridades de mariña mandaron levar o barco para a costa cercana a Moaña. Ás oito da mañá producíuse unha grande explosión e o vapor afundiuse a 14 metros de profundidade. Un ano máis tarde o barco sería refrotado e levado á Xunqueira e despois ao peirao do Arenal para descargar catro mil toneladas de mercancía que permanecía nas súa bodegas. En xullo de 1947 o barco chegaría a Sestao polos seus propios medios e no ano seguinte despois dunha grande reparación voltaría a navegar co nome de Antártico.

O 27 de xaneiro de 1951, durante un forte temporal, o petroleiro Janko rompeuse en dous nas proximidades de Cabo Vilán. O remolcador inglés Bustler dedicado ao rescate e presa de barcos accidentados remolca a popa, que era a parte máis valiosa, ata a praia de Moaña a onde chega tres días despois. Mentras descargaban os tanques levantouse un temporal e tivo que ser remolcado e posto á capa na ría. A finais do mes de febreiro o mesmo remolcador levaría a popa con destino a Inglaterra.

O 13 de xuño de 1956 entra de arribada na ría o vapor español Monte Oiz que procedía de Marrocos con destino a Inglaterra. Tiña unha gran vía de auga e o capitán dirixíu a manobra a toda máquina para embarrancalo intencionadamente na praia da Xunqueira porque xa lle chegaba a auga á liña de cuberta. Un mes despois e feitas as primeiras reparacións conseguen poñelo a frote para levalo a reparar á E. N. Bazán do Ferrol.

O 19 de novembro de 1959 o motoveleiro Faro de Cullera que estaba fondeado en Bouzas rompeu amarras durante un temporal e encallou nos petóns da illa dos Ratos. Encargouse do seu refrotamento a empresa ASCÓN S.A. levándoo ao muelle Transversal para desgüace. Durante os traballos declarouse un incendio fortuito e as autoridades de mariña ordearon traelo para Moaña, onde se desgüazaría unha boa parte quedando a quilla e parte das cadernas na praia durante moitos anos.

Nos anos 60 do século pasado a nosa baía foi sendo ocupada por bateas e na praia da Xunqueira instalouse un secadoiro de redes que impedirían a súa utilización como zona de salvamento.

Memoria de Moaña

Asociación Cultural Nós

martes, 20 de octubre de 2015

O románico en Moaña : a igrexa de San Xoán de Tirán / por Xacinto García Piñeiro



A igrexa de San Xoán de Tirán é descoñecida ou ignorada pola gran maioría dos estudiosos desta etapa en Galicia



Ó igual que acontece no estudo doutros vestixios do pasado, o coñecemento das igrexas románicas de Moaña vainos permitir conectar coa sociedade dos séculos XII e XIII que as fixo posibles, pois entre os moitos cometidos da arte figura o de dar resposta ás necesidades dunha comunidade, eminentemente rural neste caso, dunha ideoloxía, marcada polo espírito relixioso, dun modo de vida en definitiva. Neste senso, as igrexas de San Martiño de Moaña e San Xoán de Tirán poden ser consideradas como auténticas testemuñas " vivas" do noso pasado.

Da igrexa de San Martiño abundan referencias en catálogos, inventarios, estudos diversos e ata algunha tese doutoral. É, sen dúbida, unha das igrexas máis interesantes do grupo románico do Morrazo. Aínda que a limitación de espazo non permite unha descrición detallada da mesma, recordaremos que foi construída no século XII sendo sometida a unha modificación no século XVIII que afectou á cabeceira da mesma con desaparición da ábsida orixinal. No seu lugar levantáronse unhas capelas rectangulares con bóveda de casetóns, máis propia de templos barrocos. Da súa traza románica queda a nave con pequenas aberturas nos muros laterais (saeteiras de derrame interno na linguaxe artística) polas que pasa a luz ó interior do edificio. Conserva, así mesmo, unha colección de canzorros historiados de extraordinaria variedade, todos eles portadores de simboloxía, nas cornixas das fachadas laterais e no tornachoivas da principal. Tamén conserva a fermosa portada abucinada da fachada principal, con dous pares de columnas que rematan en capiteis decorados sobre os que descansan arcos de medio punto e un tímpano con cinco imaxes esculpidas entre as que destaca a figura central de San Martiño, de pé, con túnica longa, tiara báculo. Bordeando o tímpano aparece unha inscrición coa seguinte lectura: "SANCTI EMILIANI, SANCTUS MARTINUS EPISCOPUS, SANCTI BRICII EPISCOPI, ARIAS FECIT", que nos dá a coñecer a identidade dos personaxes centrais.

Porén, San Xoán de Tirán é unha igrexa descoñecida ou ignorada pola gran maioría dos estudiosos do románico galego. Rafael Fontoira Surís ("Descubrir el Románico, Pontevedra 1991") defínea como igrexa románica "bibliográficamente inédita". Construída acorde coas directrices da arquitectura románica, presenta algúns aspectos que revelan unha época tardía deste estilo, xa entrado o século XIII. Por outra parte, a pobreza decorativa desta igrexa, sen apenas adornos escultóricos na súa portada e no interior, recórdanos o modelo de igrexa cisterciense ( Sábese que esta igrexa estivo baixo a xurisdicción do mosteiro cisterciense de Oia.) que marcou a transición do estilo románico ó gótico: severidade no estilo, austeridade na ornamentación e simplicidade na construcción, son notas a resaltar en San Xoán de Tirán. Trátase dunha igrexa de nave única, rectangular, cunha ábsida igualmente rectangular. Está orientada cara ó leste.

No seu exterior destaca a fachada occidental alzada sobre un muro saínte inferior, con portada abucinada e arco de directriz apuntada composto por tres arquivoltas en aresta viva, que descansan en tres pares de columnas, con basas de perfil ático, fuste liso e capiteis pouco elaborados, decorados a base de motivos vexetais. O ábaco con moldura prolóngase polo muro, a modo de imposta, máis alá dos límites da portada. A portada de San Xoán debeu contar cun tímpano liso, unha mostra máis da austera decoración desta igrexa, que agora se atopa recortado pola parte inferior, tal vez para gañar altura na porta; o resultado é un arco que non garda as mesmas características nin tampouco o perfil e as proporcións das arquivoltas desa portada. A parte interior da porta amosa un arco, igualmente apuntado, que se apoia sobre unha liña de imposta que se estende por todo o muro. No muro desta fachada occidental, sobre a portada, ábrense dúas xanelas rectangularizadas, unha delas resto do que foi unha saeteira románica. No ápice érguese unha espadana moderna, froito de intervencións posteriores nesta igrexa.

Na fachada norte da nave sobresae a cornixa sostida por canzorros de proa, frecuentes nas construcións cistercienses da época. Dúas saeteiras tipicamente románicas furan o muro para dar un pouco de luz ó interior.

A fachada sur amosa unha colección de canzorros, de temática variada, que serven de apoio á cornixa; algúns en mal estado de conservación. Abundan os canzorros de proa, pero tamén hai con cabezas de animais e non faltan os de rolo. Todos eles no máis puro estilo románico e semellantes ós doutras igrexas do Morrazo, polo que a súa realización puido ser anterior á construción da portada. O muro desta fachada aparece perforado por dúas saeteiras de derrame interno, xa rectangularizadas, e unha porta adintelada, rematada esta por un arco de directriz apuntada que sobresae do paramento. Un contraforte escalonado remata esta fachada contra o leste.

No muro testeiro da nave ábrese unha saeteira de derrame interno. No ápice do mesmo aparece unha cruz calada, tamén de estilo románico.

A ábsida é dunha época posterior á nave, segundo se pode apreciar no paramento empregado na súa construcción, así como na ventá do muro sur e na cornixa. Tamén é moderna a cruz situada no ápice do testeiro da ábsida. No seu interior sitúase o altar maior da igrexa, ó que se accede mediante un arco triunfal apuntado con arquivolta en aresta viva e lisa, similar ás da portada principal. Sérvenlle de soporte dúas columnas entregas de diferente factura (tambores en lugar de fustes monolíticos), con capiteis tamén diferentes: volutas e un personaxe no da esquerda, e volutas e decoración vexetal no da dereita.

Unha tribuna e a cuberta, ámbalas dúas de formigón, desentoan co resto da igrexa. Curiosidade a destacar no piso desta igrexa é a existencia de tres lousas que chaman a atención dos visitantes: dúas con forma de coroa circular, con oco central, e unha terceira que leva gravada unha machada coa inscripción S XI.

viernes, 16 de octubre de 2015

A Xunqueira e a baía de Moaña como refuxio (I) / por Xesús Cancelas Franco


A praia da Xunqueira e Meira ao fondo, 1929. Foto PACHECO.


O día 16 de outubro de 1927 os espectadores que saían dun partido do Celta no campo de Coia víronse sorprendidos polo voo dun hidroavión que entraba pola boca norte da ría en dirección ao Castro e que despois dun amplo viraxe e debido ao forte vento amarou na baía de Moaña. Tratábase dun aparato alemán HEINKEL D-1220, monoplano construído en madeira e tea cun só motor de 800 CV e de quince metros de envergadura pilotado por Horst Mertz e acompañado por un radiotelegrafista e un mecánico. Saíra o día 12 de Warnemunde (Alemania) para Amsterdam e tiña intención de viaxar vía Lisboa, Azores e Terranova a New York.

A chegada a Moaña foi casual pois unha avaría por perda de aceite provocou a amaraxe de emerxencia. O alcalde de Vigo, sorprendido pola nova manda un telefonema ao de Cangas pensando que se atopaba alí o hidroavión e este desprázase en coche a Moaña acompañado da garda civil. Despois de ter constancia de que non había feridos o citado aparato quedou amarrado e custodiado por unha parella da garda civil e os tripulantes despois de recibir a un grupo de xornalistas que se desprazaran ata alí nunha lancha gasolineira presentáronse na comandancia de mariña de Vigo.

O martes 18 pola tarde sairía para Lisboa coa idea de seguir rumbo ás Azores aínda que permaneceu na capital lusa ata o 4 de novembro por avaría. Ese mesmo día recala en Azores e o día 14, cando intentaba saír para Terranova afundiuse, salvándose a tripulación. Os alemáns estaban desenrolando nese periodo de entreguerras a súa industria aeronáutica que tiveran prohibida polo Tratado de Versalles e despois deste fracaso volvéronno intentar con outro aparato maior, o JUNKER D-1230, que tamén se averiou nas Azores.

Cinco anos máis tarde, o 10 de agosto de 1932, polo serán unha avioneta civil procedente de Getafe e tripulada por Alfonso Casas e un cabo de suplemento aterran en Moaña. Nada máis descender son mandados deter polo alcalde Romero e enviados a Pontevedra ante o gobernador civil ata que se aclare a súa filiación porque pensaban que podían estar relacionados co movemento monárquico (intento de golpe de estado contra a República) que ese mesmo día protagonizara o general José Sanjurjo e que se dera en chamar a “Sanjurjada”. Unha vez demostrado que nada tiñan que ver co suceso foron postos en liberdade.

Estes dous casos tiveron ampla repercusión nos medios de comunicación da capital de España especialmente nos periódicos ABC, El Sol e La Libertad e nas revistas especializadas como Aérea e Alas.

Memoria de Moaña

Asociación Cultural Nós.

domingo, 11 de octubre de 2015

Os campos de fútbol en Moaña / por Xesús Cancelas Franco



Equipo do Moaña Foot Ball Club, 1925. Foto PACHECO Arquivo da A.C. Nós


O día de San Martiño de 1914 faise público que en Moaña se constituira a sociedade Moaña Foot Ball Club, uns días antes, o día 8, varios xogadores do Vigo desprazáranse a Moaña convidados pola nova sociedade para facer unha demostración na Xunqueira. O 30 de maio de 1915 o Deportivo de Vigo vén a Moaña para xogar un partido amistoso co Morrazo F.C. da nosa localidade con motivo da inauguración do campo da Xunqueira. A partir desa data o que os cronistas daban en chamar “deporte vigoroso e distracción moderna” practicaríase no campo dos areeiros de Moaña.

O primeiro de agosto dese mesmo ano iníciase un campionato, coa disputa dunha copa doada pola empresa de Vapores de Vigo a Moaña, no que participan once equipos de Vigo, Pontevedra, Redondela, Marín, Lavadores, etc. que, despois de enfrontarse entre eles, disputarán a final co equipo local Morrazo F.C. O campionato estivo cheo de incidencias entre a que podemos citar a do segundo partido entre o Lérez e o Smoll Club Náutico de Vigo que se suspendería porque ese día había touros en Pontevedra e hípica en Vigo. Os demais partidos seguirían a mesma tónica: incomparecencias, accidentes de tráfico, inundación do campo, etc.

No ano 1928 inaugúranse dous campos, un na Sobreira, o 15 de xullo, no que se disputaba a copa Manuel Mariño que ganou o Alondras ao equipo local do Moaña, e o día 12 de agosto o Stadium do Cocho do Meira F.C. coa celebración do partido entre dous clubs de Vigo o Comercial e o Español. Esta inauguración tivo gran trascendencia mediática, as fotos de Pacheco saíron publicadas non só en periódicos da provincia senón tamén en "Vida Gallega" e no Mundo Gráfico, de tirada en toda España.

O día 3 de marzo de 1946 os veciños de Domaio asistiron masivamente á inauguración do campo da Granxa cun partido entre o Domaio F.C e o Minguela de Vigo (selección formada con xogadores de Vigo por un famoso perruqueiro da cidade). Os promotores do campo eran os irmáns Ferradás que xunto con moitos veciños da parroquia fixeron un gran traballo de desmonte.

O domingo 5 de febreiro de 1961 inaugurouse o campo San Martín, na Moca, cun partido da liga comarcal de Pontevedra (Modestos) entre o C.F. Meira e Domaio F.C. co resultado de 2-1. O Meira iniciara unha nova andadura dous anos antes e tivo que alugar os terreos á familia Sampedro para ter campo propio.

No 1977 refúndase o C.D. Moaña, presidido por Antonio Verde, remodelando o campo da Xunqueira. O partido inaugural foi un amistoso entre o C.D. Moaña e o Alondras.

O goberno municipal, presidido por Xosé Manuel Millán entre os anos 2007 e 2011, fai unha gran aposta pola mellora dos campos de deportes. Con fondos propios e do Plan E conseguise facer un campo municipal novo de herba artificial, de 100x62 m,. no Casal. Este campo, no que xogará o C.D. Moaña, inaugurouse o 10 de setembro de 2009. O 10 de abril do 2011 inaugúrase o remodelado campo da Granxa, de 98x53 m., tamén de herba artificial e igualmente feito con fondos propios e do Plan E, do que terá disposición absoluta o Domaio C.F. durante vinte e cinco anos. Neste mesmo mandato municipal tamén se farían dous novos campos de fútbol 7 e de herba sintética nos colexios de Reibón e Seara.

A retirada do campo da Xunqueira e a posterior construción dunhas pistas de atletismo abertas foi unha gran mellora para a nosa vila.

Memoria de Moaña

Asociación Cultural Nós

viernes, 2 de octubre de 2015

O marisqueo en Moaña / por Xosé Carlos Villaverde Román



Marisqueo en Moaña nos anos 80. Foto MÉNDEZ

A práctica do marisqueo témola constatada en Moaña dende a Prehistoria pola aparición de cuncheiros nos castros de Os Remedios en Tirán, Montealegre en Domaio ou na Devesa do Mouro na Seara, por exemplo. Moito máis tarde, no s. XVII, o frade Martín Sarmiento dicía que no Morrazo, por poucos cartos, podíanse mercar ameixas, ostras, caramuxos e berberechiños por centos. Non obstante isto contrasta un pouco coa información que nos deu a mariscadora María Pérez (María de Almas) en 1992 cando tiña 79 anos e dicía que antigamente non había croques na praia da Xunqueira, e fora sobre o ano 1928 cando os dorneiros de Rianxo chegaban ata a Praia de Moaña e tocaban o corno para vender o peixe recén pescado e á vez os croques que lle sobraban do cebo para a robaliza. Enseguida foron cultivados nas praias moañesas reproducíndose con moita facilidade. Despois naceu o costume de levalos a vender ás feiras de San Xosé en Abelendo, de gran estima para acompañar os viños do país.

Ata 1963 o marisqueo era libre e cando se abría a veda, de outubro a xaneiro, milleiros de persoas, incluídas familias enteiras, poboaban as praias dende Domaio ata Tirán -tal como se reflicte na foto de Méndez- para apañar toda clase de bivalvos, sobre todo, as diferentes castes de ameixas e croques que mercaban os intermediarios das fábricas ao prezo que eles impoñían. En poucos días as praias eran arrasadas e as ganancias exiguas para paliar as necesidades domésticas. Despois dese ímpetu inicial quedaban unhas poucas mariscadoras que chegaban a traballar incluso noutros areeiros como os de Samil, Alcabre, Bouzas, Cangas, Aldán ou o de Portomaior en Bueu.

En abril de 1963 impúxose o carnet do mariscador, ao que ninguén lle fixo caso, e a partir dos anos 70 apróbase o Plan de Explotación Marisqueira con cursos de extracción. En 1975 fórmase xa a Asociación de Mariscadoras de a pé ligada á Confraría de Pescadores de Moaña e en 1992 a Consellería de Pesca da Xunta regula esta tradición co Plan Xeral de Explotación Marisqueira de Galicia, ampliado co Plan Galicia de 1997, que permitiría a profesionalización do sector dando a oportunidade de mariscar todo o ano. En 1994 utilízase por vez primeira o Permiso de Explotación Marisqueira (Permex) que en principio obtiveron 1200 productoras, despois, en poucos anos, quedaron reducidas a 600. Sobre o ano 2004 eran unhas 300 e na actualidade entre 60 e 70, aproximadamente, que o ano pasado chegaron a superar o medio millón de euros nas vendas para unha extracción de 63 toneladas de bivalvos, segundo a bióloga María Ortega.

Atrás quedaron alternativas de futuro non exentas de batallas e discusións como: De que se a praia é de todos ou para quen a traballa, de estudos biolóxicos, de cultivos en pochóns, de repoboacións con sementes, de espallamento das crías, de porlle fin aos intermediarios, de control nas vendas e prezos, de vixiancia e dun longo etc., tendo como colofón o pasado día 19 de xuño, cando os reis de España Felipe VI e Dª Letizia condecoraron a Alicia Rodríguez Pérez coa Orde do Mérito Civil en recoñecemento ao seu labor no mundo do marisqueo a pé. Alicia representa pois a todo un sector, tanto en Moaña como en Galicia, na loita por evolucionar un sistema tradicional e obsoleto, que convertía a apertura da veda -alá por principios de outubro- nunha salvaxe extracción e esquilmación en tan só catro ou cinco días, por un proceso de autoxestión capaz de estabilizar a profesión de mariscadora durante todo o ano.

Memoria de Moaña

Asociación Nós