lunes, 30 de noviembre de 2015

Orixe da igrexa e freguesía de San Martiño de Moaña : catro documentos dos séculos XII e XIII / por Manuel Uxío García Barreiro



I. O tímpano da igrexa



II. Privilexio do rei Fernando II

Privilexio rodado do rei de León e Galicia, Fernando II, concedido a Fernando Arias, de Sabaceda, en 1184 co seu signo redondo. No Archivo Histórico Nacional resúmeno da maneira seguinte: Fernando II dona a Fernando Arias varias heredades situadas en Sabaceda y en Morrazo con todos sus derechos.
Nese ano aínda non existía Moaña, soamente varias aldeas e casais como Sabaceda
Fernando Arias, convertido nun home moi rico e poderoso, mandou construír a igrexa de San Martiño poucos anos despois de recibir as herdades de Sabaceda e dos seus arredores.



Transcrición do documento asinado polo rei Fernando II en Coimbra no ano 1184 e copiado fielmente por un notario de Pontevedra en 1304. Estaba destinado a dar fe do orixinal no idioma común da época, o galego.




 
… … Señor, amen … … … … … … … … … … … … … … … … (poñamos) por escrito aquelas cousas que facemos <para que> non sexan encomendadas a memoria … … … … … … … … … … … … …… … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … mediante una carta de doazón que ha de ter validez para sempre … … e … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … vilas … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … … no lugar sinalado en Sabaceda, de cincuenta mil douscentos … … , na parroquia de San … … … … <en Morrazo> … … … … … (dispoñemos que esta herdade) con <todos> os seus <dereitos> e pertenzas, de dereito hereditario, e <por decisión> rexia, debe ser tida e posuída libremente por vos e para a vosa posteridade… … … (manifestamos que), con esta herdade que vos doamos e outorgamos exenta de cargas, queremos facer todo voso, da mesma maneira que outras herdades vosas que mellor tendes e máis libremente posuídes, e dende este día, pola total lexitimidade do rei e … … …, (ordenamos que) permaneza sempre libre e exenta para vos e para a vosa lexítima propiedade, de maneira que no futuro ninguén se atreva contra vos a entrar nela ou, máis aínda, intentar apoderarse de algo, allear … … , e a vos, Fernando Arias, que é chamado Alle, fágovos <esta> dación e doazón que permanecerá a perpetuidade para remedio da alma miña e <da miña familia> … , <nunha xuntanza> de nobres da miña curia, polo bo <servi>cio que <me> fixestes … … … … … … … … … … … … … … … <Quen> intentar infrinxir a miña libre decisión, que incorra na ira de Deus omnipotente e na indignación real, e pereza fundido no inferno con Xudas … traidor e polo seu temerario atrevemento devolva o dobre de canto levase e pola parte real que pague una multa de cen soldos, e para que isto sexa firme e para que quede demostrado facemos o presente escrito que <corrobora>mos coa nosa sinatura real e dos nosos <sucesores>. Feita a carta en Coímbra o 31 de Xullo de 1222, reinando o rei don Fernando en León, Galicia, … , Extremadura. Eu, o rei don Fernando, xunto co meu fillo rei don Alfonso <quen> asina isto que ordenei que fora feito, coa miña propia sinatura o confirmo.
1ª columna: Pedro, arcebispo da sede Compostelá, como testemuña, asina. P<edro>, … , bispo, como testemuña, asina. <Fernando>,…, bispo, como testemuña, asina… (Hai dúas liñas máis na lista cos nomes ilexibles, pero todas rematan en: episcopus, testes, confirmat). Bertrán, bispo de Tuy, como testemuña, asina. Pedro de Vella, chanceler do señor rei, asina. O Prior, que ofrece a hospitalidade, como testemuña, asina.
Signo: Selo de Fernando rei para os españois.
2ª columna: Fernando de Rodrigo, castelán, como testemuña, asina. Pedro de Rodrigo … … … … como testemuña, asina. Pelayo de Rodrigo … … … como testemuña, asina. Rodrigo de Fernando … … … como testemuña, asina. Pedro de Pelayo, chamado “signifer” (porta-estandarte), como testemuña, asina. Martiño Lúppiz, como testemuña, asina. Miguel de Sesmiro, como testemuña, asina. Pedro de Salvador, rei de Portugal, como testemuña, asina. Xoan Galego … …, como testemuña, asina.
Eu, Bernardo, notario do señor rei, pola man do chanceler do rei, Pedro de Vella, escribín e presente asina.
 
++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++
... ... domine amen ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ...mea que facimus scripti memorie non comedam-‹tur› ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ...per cartam donationis senper valituram .. et ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ...... ... loco designato in Sauazeda ·L· mi.ll. in parrochia sancti ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... suis et pertinentijs, jure hereditario et ca......regio habenda et posidenda liberun ... sit uobis et uestram? pos‹teritatem› ..... .... ista hereditate quam uobis damus et incautamus omne uelle vestrum facere sicut et de alijs hereditatibus uestris quas melius habetis et liberius posidetis et hab hac die ab omni uoce rege et ... ... libera senper (sic) uobis et uoci uestre permaneat et quieta ut deinceps nemo in eam contra uos audeat intrare seu inde aliquid ‹incurrere› alienare .. da. ac donationem facio uobis Fernando Arie qui Alle? uocatur jn perpetuum duraturam ad remedio anime mee a........... ... de dein.entu noblium curie mee pro bono ‹prec›io quod ‹mii fecistis› ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ... ........................................... ... ‹factum meum› spontaneum jnfringere temptauerit iram Dei omnipotentis ao regiam indignationem incurrat et cum Juda d.....proditore (sic) in inferno pereat fusus (sic) et pro ausu suo temerario quantum inuaserit reddat in duplum ac regia parte çentum solidorum? persoluat in penam et ut hoc semper sit firmum et in.....um presente scriptum facimus quod regie robore nostro et nostrorum suscesorum?
.........us , facta carta apud Colimbriam pridie kalendas augusti, era Mª·CC·XXIJ· regnante rege domino Fernando Legione, Gallecia ....... Extrematura. Ego rex don Fernado una cum filio meo rege domino Adefonsus hoc confirmat quod fieri rusy (sic) propio robore confirmo.
1ª columna: Petrus sede Compostellane archiepiscopus, testes, confirmat. P‹etrus› ......... episcopus, testes, confirmat. Fernandus ‹Asturicensis›, episcopus, ‹testes, confirmat›. Bertrandus, Auriensis ‹episcopus, tetes, confirmat›. Petrus Velle domini regis cancellarius confirmat. Prior hospitalis, testes confirmat.
Signo: Signum Fernandi regis Hispaneis.
2ª columna: Fernandus Roderici, castellanus, testes, confirmat. Petrus Rodericj ... ... ... ...‹testes, confirmat›. Pelagius Rodericj ..... ......., ‹testes, confirmat›. Rodericus Fernandj.... ....... , ‹testes, confirmat›. Petrus Pelagij si‹g›nifer uocatur, testes, confirmat. Martinus Luppiz, testes, confirmat. Michaele Sesmiri, testes, confirmat.
Petrus Saluatorj rege portugalis, testes, confirmat. Johannes Gallecus ......., testes, confirmat.
Ego Bernardus domini regi notarius per manum Petrus Uelle regis cancellarij scripsj et presens confirmat.
Eu Lariel Peres notario de Ponteuedra jurado vy o sobredito privilegio segundo sobredito he de rey don Fernando e seu fillo rey don Afonso sao et deueruo a ueruo fielmente o trasladey por minna mao, et estauan y presentes Pero Eanes, natural de Salzeda, et Domingo Eanes dito Pertigeyro, Johan Martines dito castelläo, et Domingo Eanes, escriuán, et outros muytos et en este traslado meu nume et meu sinal ponno, que a tal este en testemoyo de uerdade. Era de mill e ·CCC· quarenta e dous annos, et quot .. UIIJ dias andados de julio. Et o qual priuilegio fora feyto por Bernardo, notario do sennor Rey sobredito e seu chanceler con ‹......› y seu nume con seu sinal segundo de suso ‹dito he›.

III. Escritura de doazón ao mosteiro de Armenteira



Transcrición do latín da escritura de doazón feita no ano 1232 onde se cita, pola primeira vez, que a familia Arias tiña dereitos na igrexa.

Era ·Mª·CCª·LXI· et quod IIIº kalendas maij. Notum sit omnibus quod ego Fernandus Arie de Sauu‹zeda›, uobis domno Dominico abbatj Armentarie et conuentuj eiusdem Locj, facio p‹actum› et placitum firmum in solidis ·D· roboratum ita quod do uobis et. eiusdem mon‹asterii› mediam partem de quanta hereditate et directura ego et Pelagius
A‹rie› frater meus, et conuersus uester habemus in quodam casale nostro de Sauuzeda, cum ‹omnibus su›is directuris de quanto ibi habemus tam de auolencia quam de ganan- ‹cia etiam do› uobis et concedo medietatem cum tota directura nostra de ecclesia ..... ..... ..... ..a mia que facit de quarta ipsium ecclesie una ·VIIIª· et .edia ..... ..... ..... totum quinionem patris nostri et matris nostre tali modo quod ego ‹habeam totum› in uita mea tantum et dem annuatim abbati eiusdem mona‹sterii› ..na collectam? pro cognocencia ad uero mortem meam media pars su...... ... ... ‹casalis ‹cum› suis directuris et tota pars nostre supra dicte ecclesie in t...... ... ‹predi›cto monasterio quito de me et de parte mea scilicet qui nos ‹avemos› ... ... ... meam p‹oterit› ab implere (sic) qui alter teneat eam ant.... ... ... ... ... ... ‹to›tam partem nostram de ecclesia de Lorees que nobis pertinet ex par‹t›e ... ... ... contra hoc uenerit alteri parti pectet penam superius dictam. Pla‹citu› ‹istum in suo robore› permanente.
Huius rey ‹sunt testes Ar›ias Ouequiz, miles. Fernandus de Coruelon, miles. Suerius Gordo. Petrus Ih‹oannis› de Meyra. Petrus Martini Trepelo. Johannis Moogous (sic), filius Iohanniis de Faual, Rodericus Fernandi de A...de Rio Miron, Petrus Petri de Canpanoo. Ego Durantius Iohannis notarius de Loparia et ... juratus inter fuj et escripsi et confirmo.
Hec est tranlatum (sic).



IV. Cinco anos despois, na data do 26 de decembro do ano 1237 o mesmo Fernando Arias e seu irmán Paio, entrega 400 soldos ao mosteiro: por remedio da miña alma e dos meus pais por sempre para que diso teña o convento unha comida o día de Nadal. Cédenlle tamén os dereitos que tiñan na igrexa de San Martiño.



Tradución ao galego do documento de 1237 no que aparece documentada pola primeira vez a freguesía de San Martiño de Moaña onde nacera o crego Fernando Arias, herdeiro do que mandou construír o templo: Prbr. Sci. Martini de Moania reza, en latín, nos comezos da escritura de doazón.

No nome de Deus Fernando Arias presbítero de San Martiño de Moaña [a vós abade D. Sancho] e ao convento de Santa María de Armenteira dou catrocentos soldos que prestei sobre as herdades que de elas teño a saber de Alfonso Martínez en Canizada e de Xohán Martínez cabaleiro dito (1) servicial en Cortiña de Freixo e en Lamelas e en castro e de Sancha Núnez muller de Nuno Pérez dito lobato en Casal de Sande. Dóuvolo na miña vida sano de mente e de corpo, todo canto teño sobre estas herdades por remedio da miña alma e dos meus pais por sempre para que diso teña o convento unha comida o día de Navidad. E douvos dúas (...). Feita esta carta de donación na era mil douscentos setenta e cinco no día de San Esteban. Os que foron presentes.
Dou tamén na igrexa de San Martiño de Moaña de unha cuarta unha sétima integra. E noutra cuarta da mesma iglesia a cuarta dunha sétima e todo o que me pertence na mesma iglesia entre meus irmaos da nos herencia. Dou tamén a casa de Gómez Gudín sobre a cal dei sesenta e catro soldos e sobre os fiadores Pedro Martínez dito telleiro (¿) e seu irmán Xohán Martínez cabaleiro . Dou tamén unha leira en Sande sobre a cal dei cincuenta soldos e sete diñeiros a Xohan Nunes dito picavea (2) e é fiador Fernando Arteigo clérigo. Todas esas cousas dou polos meus vestimentos e por remedio da miña alma. Dou ó convento un mollo de pan e un cuarteiro de castañas e seis tegas de trigo , a metade de toda a herdade que teño en Sabaceda e de toda a posesión dou a meu irmán Paio Arias (3). O resto da miña herdade dou (...) (4)

Como foi sen descendencia o mosteiro de Armenteira teña inmediatamente a herdade del.

(1) Chamado
(2) Pica vena: Se supón que era un sangrador
(3) Esta frase subliñada aparece tachada no documento
(4) A frase completa coa liña seguinte do documento non foi posible descifrala dadas as condicións do documento.



V. Posible localización de Moaña antes de construirse a igrexa de San Martiño




Moaña, 25 de novembro de 2015

Igrexa románica de San Martiño, berce Moaña / Manuel Uxío García Barreiro



A inscrición que bordea o tímpano da fachada principal da igrexa histórica de Moaña, despois de sinalar en latín que se consagrara baixo o padroado de San Martiño, San Emiliano e San Bricio, remata coa seguinte frase: ARIAS FECI, co significado de que un home apelidado Arias, esculpido na pedra do propio tímpano, foi quen a mandou facer. Pasados varios séculos sen coñecerse nada del, un privilexio real asinado en Coimbra (Portugal) o 31 de xullo do ano 1184, escrito tamén no idioma latino e clasificado recentemente no Archivo Histórico Nacional de Madrid, da conta que:

Fernando II dona a Fernando Arias varias heredades situadas en Sabaceda y en Morrazo con todos sus derechos.

O privilexio describe a este personaxe residente no daquela casal, hoxe barrio, de Sabaceda dependente do Morrazo, porque Moaña aínda non existía como entidade poboacional, recibindo do rei de León e Galicia varias herdades nese mesmo lugar e nos seus arredores; malia que non especifica a extensión nin as lindes porque moitos dos seus datos están borrados, de seguro trátase de amplas superficies de terreos dos chamados de realengo (pertencentes á realeza). O documento, moi estragado, denomínase privilexio rodado porque nel aparece un signo real redondo no que se pode ler: Signum Fernandi regis Hispaneis (Signo de Fernando, rei dos españois) que representa a máxima autenticación das propiedades doadas polo monarca.


Tímpano da igrexa de San Martiño co apelido e a figura do persoeiro que a mandou facer. Foto de Xosé Carlos Villaverde Román

Signo redondo do rei de León, Fernando II

Dedúcese deste importante documento que Fernando Arias gozaba dun amplo patrimonio que lle deu para mandar construír a igrexa de San Martiño poucos anos despois de tomar posesión das propiedades reais pois, os expertos en arquitectura sitúan o remate do templo na década final do século XII. A contrapartida que obtivo Arias do arcebispado compostelán foi a de ostentar en vida, e despois de morto transmitirllo aos sucesores, o dereito de padroado e presentación dos seus abades, seguindo a norma dos pasados séculos: Abadaba quen fundaba.

Non se atoparon máis testemuñas escritas do século XII polo que se descoñece o ano exacto en que foi rematada a igrexa e quen foi elixido como seu primeiro párroco; por tal motivo hai que recorrer a un documento do XIII, depositado tamén no Archivo Histórico Nacional para decatarse que un familiar do personaxe, chamado tamén Fernando Arias, xuntamente co seu irmán Paio asina o 2 de abril de 1232, cando pasaran 48 anos dende o privilexio, unha escritura de doazón ao mosteiro de Armenteira. O Archivo Histórico Nacional resúmena así:

Fernando Arias dona al monasterio de Sta. María de Armenteira la mitad de la heredad y derechos que poseía junto a su hermano Pelayo en el casal de Sabaceda así como los derechos de las iglesias de San Martín de Moaña y de Lores.

O documento, escrito en latín, non se pode ler completo debido ao rompemento dalgúns anacos do pergamiño que o contén; por elo, aínda que menciona dúas veces á igrexa na que teñen dereitos os Arias, non se cita a San Martiño nin a Moaña; nunha anotación posterior feita polos frades de Armenteira xa a contemplan ambos no idioma galego o que demostra que en 1232 estaba o templo aberto ao culto, dirixido por un abade presentado pola familia Arias que ademais ostentaba o cargo de reitor da recentemente creada Freguesía de San Martiño de Moaña, asimilada aos fillos da igrexa moañesa que vivían no casal de Sabaceda e noutros casais e aldeas do Morrazo próximos ao templo.

Cinco anos despois, no día 26 de decembro de 1237, os dous irmáns asinan unha nova escritura que comeza deste xeito, logo de traducila do latín ao galego:

No nome de Deus Fernando Arias presbítero de San Martiño de Moaña (en latín Moania), a vos abade D. Sancho e ao convento de Santa María de Armenteira dou catrocentos soldos que prestei sobre as herdades que delas teño....

Este cura, aínda que procedía de Sabaceda, como o resto da familia, era párroco de Gargantáns preto de Moraña e, nese cargo, cede tamén a dito mosteiro.

... todo o que me pertence na mesma igrexa [a de San Martiño] entre meus irmáns da nosa herdanza.
... por remedio da miña alma e dos meus pais por sempre para que diso teña o convento unha comida o día de Nadal...

A importancia deste segundo documento do século XIII radica en que nel constátase documentalmente, sen ningunha dúbida, a existencia da igrexa de San Martiño de Moaña e da súa freguesía a cal, dende o ano 1964, dividiuse en dúas parroquias eclesiásticas, a matriz de San Martiño e a da Virxe do Carme.

Ata o de agora, non apareceron máis documentos sobre a familia moañesa dos Arias pois, no século seguinte eran os Eans, devanceiros dos Sres. do castelo de Soutomaior, os que posuían o padroado e presentación de abades no templo histórico moañés.

Moaña, 25 de novembro de 2015

O transporte marítimo de ría (I) / por Xesús Cancelas Franco


Postal de Moaña nos anos 20 do pasado século co vapor Gamo e o embarcadoiro.

En setembro de 1745 un ilustre visitante Frei Martín Sarmiento percorreu O Morrazo e na súa viaxe pola beira norte da Ría de Vigo despois de pasar por Coiro, Ameixoada e Moaña, escribe: “Con é o embarcadoiro de Morrazo para Vigo. A Punta do Con. Logo segue a súa viaxe polo Rosal, Meira, Domaio e San Adrián e ao chegar a Santa Cristina de Cobres escribe: Ulló, embarcadoiro para Vigo, Redondela e Baiona. Referíase ao porto das salinas de Paredes”.

Sete anos máis tarde no Catastro do Marqués da Ensenada quedan constatados estes datos tanto no que se refire a Ulló como ao porto do Con. Mentres en Cangas só figuraba un barquiño de pasaxe, en Domaio tres barcos pequenos de pasaxe, en Meira dous barcos de transporte, en Tirán había tres barcos, un barquiño e una dorna de pasaxe.

Durante moitos anos a navegación a través da ría era a vela e a remos e as embarcacións eran moi febles, o que provocaba naufraxios tal como o ocorrido o 13 de novembro de 1838 en que una embarcación propiedade de Fernando Núñez que facía habitualmente a travesía entre Vigo e Moaña afundiuse co resultado de quince mortos. A familia dun dos afogados, José Ramón González quixo perpetuar a memoria do naufraxio construíndo un cruceiro no Con que aínda hoxe permanece en pé.

Na mesma zona, na praia do Real en 1910 outra pequena embarcación a vela que se dedicaba ao transporte de peixe entre varios puntos da costa tamén se afunde debido ao temporal despois de saír do porto do Berbés para Moaña. Faleceron o patrón e a súa muller que segundo a prensa da época fora advertida para que voltase a Moaña nun barco de vapor.

En 1902 houbo unha folga dos patróns das embarcacións de pasaxe entre Vigo e Moaña e en previsión de desordes o goberno civil envía varias parellas da garda civil de Vigo a Moaña. Ao ano seguinte o 4 de outubro de 1903 inaugúrase unha liña de pasaxe de Vigo a Moaña con servizo a diario de mercadorías e pasaxeiros no vaporciño Eulalia que saía do molle da Pedra de Vigo e facía catro viaxes de ida e volta ao día. Unha semana máis tarde tamén foi contratado para o mesmo servizo o vapor A. Urzáiz de Benigno Barreras que saía da dársena do Berbés en Vigo.

No ano 1904 un grupo de moañeses encabezados por Balbino R. Pombo e Emilio Barros, piden permiso para facer un embarcadoiro particular para montar una liña de vapores de pasaxe entre Vigo e A Praia de Moaña. A autorización definitiva chegaría no BOE do 1 de xuño de 1909 a nome de José Sobral Cidrás, outro dos solicitantes. Na fotografía pódese observar o vapor Gamo e o embarcadoiro ao que facemos referencia. En maio de 1907 xa estaban en servizo dous vapores o Delirio e o Senén que efectuaban trece desprazamentos diarios en cada sentido.

Non sería ata 1912 en que comeza a funcionar “Vapores de Pasaje y Turismo” cando se estabilizan as rutas entre Vigo e os portos de Domaio, Meira, Moaña, O Con e Tirán, ademais doutros puntos da ría e diversas excursións.

viernes, 27 de noviembre de 2015

Gaiteiros, danzantes e músicos nas catro parroquias históricas de Moaña : dende o século XII ata comezos do século XX / Manuel Uxío García Barreiro coa colaboración documental de Gerardo Gayo Rodríguez



Para tratar sobre a historia dos instrumentos musicais que dende o século XII ata finais do XIX acompañaron as xuntanzas dos veciños das catro antigas freguesías que na actualidade forman o concello de Moaña, cumpre, nun primeiro lugar, botar unha ollada aos canzorriños románicos da igrexa de San Martiño e logo analizar varios documentos depositados nos arquivos históricos e os que se gardaron nas catro rectorais que, na actualidade, custódianse no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela.

Destes, os que máis información achegan son os libros de contas das confrarías de Moaña, Meira e Tirán, pois os de Domaio encóntranse desaparecidos; nos conservados, descríbense polo miúdo os ingresos obtidos dos confrades, ano tras ano dende finais do século XVI ata a primeira década do XX, e as partidas de gastos que os mordomos das mesmas descargaban para honrar aos seus santos patróns con oficios de vésperas, misas solemnes, procesións, foguetes, contratación de gaiteiros, danzantes e, a partir de mediados do século XIX, bandas de música; sen esquecer os oficios de defuntos polas almas dos confrades finados durante o ano das celebracións.

Os primeiros vestixios musicais coñecidos ata o de agora encóntranse nos canzorriños do século XII esculpidos no exterior da igrexa de San Martiño, que está na orixe da freguesía de Moaña. Nos que están baixo o tornachoivas da portada aparece un home tocando unha especie de laúde á dereita dun contorsionista, e nos situados na cornixa, cara ao sur, outro músico resga un instrumento parello a carón de outros tres acróbatas máis; case todos eles atópanse moi desgastados polos preto de nove séculos que os contemplan. Segundo describen algúns estudiosos na arte románica, con este tipo de esculturas incrustadas no exterior do templo a xerarquía eclesiástica pretendía mostrarlle aos moañeses daquela época os perigos que para a moral representaban os xograres medievais, especialistas en actuacións acrobáticas e musicais que incitaban aos pecados de luxuria que debían ser purificados no seu interior.


Catro contorsionista e dous músicos nos canzorriños románicos da igrexa de San Martiño.

No que atinxe ao máis popular dos instrumentos galegos, a gaita, algúns autores afirman que foron os suevos quen a introduciron en Galicia, tocándoa na época medieval, entre outros, monxes e cregos rurais, co obxecto de acompañar os seus cánticos litúrxicos nos coros das igrexas monásticas e parroquiais. Deste xeito, é de supoñer que no mosteiro bieito de Ermelo, erguido no século X, fose empregada a gaita polos seus frades.

O cenobio ermelense tivo moito que ver coa fundación da freguesía de Moaña que, no século XII, púxose baixo a protección de tres santos de devoción bieita cluniacense: San Martiño, bispo de Tours, San Emilano ou Millán de la Cogolla, que da nome a dous mosteiros desa orde na Rioxa, e San Bricio, sucesor de San Martiño na citada diocese francesa.


Representación dunha muller tocando a gaita, nun capitel medieval do mosteiro cisterciense de Santes Creus en Aiguamurcia – Tarragona.

Ao fronte de cada confraría, segundo describen os libros de contas citados máis arriba, atopábase un mordomo que, unha vez por ano, tiña a obriga de render contas ao seu párroco e aos fregueses nunha xuntanza que se organizaba no adro de cada unha das igrexas. Alí tamén se celebraban eleccións para que os confrades nomeasen aos que se lle remataba o mandato.

Aínda que a confraría da Virxe dos Remedios, da freguesía de Tirán, e a máis antiga, pois o seu libro comeza en 1589, os custes das actuacións musicais aparecen por primeira vez noutro libro de Tirán, o da confraría de San Xoán do ano 1634. Nel descríbese o seguinte apuntamento:

Mas dos reales del gaiteyro.

A partir dese ano son abondosas as citas sobre os gaiteiros que actuaban nas festividades programadas por todas as confrarías; así, nas ordenanzas e constitucións da do Santísimo Sacramento de Moaña, refeitas no 1.712, aparece unha mención a ese músico deste xeito:

Ytem que el mayordomo sea obligado a buscar gaitero que toque el día de Resurrección = Corpus Christi = y Natividad y por cada una destas festividades aia de dar a dho. gaitero doce reales.

Outro documento interesante en relación coas actuacións musicais dos días de cada santo e nas súas vésperas, atópase no primeiro libro da confraría de San Antonio, de Moaña, onde tamén están inseridas súas ordenanzas e constitucións. Nun anaco dese manuscrito, do ano 1754, salientase o seguinte:

Así mismo es Constituzión que el Gaytero, o músico que tocare en la función del santo S. Antonio de Padua, se le ayan de pagar ocho reales de vellón; Con la Calídad y Condizión y no sin ella de que aya de tocar en el Atrio de dcha Iglesia desde la víspera de dcho. Santo incluyendose fenezer cumplida, hasta fenezer el día propio, puesto el sol, los quales ocho reales tenga obligazión el Mayordomo que fuere de pagárselos por quenta de dcha. Cofradía, sin otra obligazión dcho. día del Santo, sol puesto y que se fenezida la función.

Outros datos moi curiosos aparecen reflectidos nas liquidacións do libro de contas da confraría de San Martiño de Moaña de 1.770 e 1.771; neses dous anos ao gaiteiro que actuaba na procesión e foliada do adro durante as vésperas e data do patrón, noméano do xeito seguinte:

Por la gaita de aldea, cinco reales (ano 1.770)

Músico gaitero de aldea, cinco rs. (ano 1.771)

Tendo en conta o sinalado con anterioridade, pódese afirmar que ata a segunda metade do século XIX, un só gaiteiro era responsable de actuar nas procesións e nos adros das catro igrexas históricas, co obxecto de que se divertiran homes e mulleres durante as honras dos titulares das confrarías e doutros seres sagrados aos que se lle tiña devoción.

Ademais do antedito gaiteiro, no que atinxe á freguesía de Moaña, no século XVII e comezos do XVIII, hai mencións a danzantes que bailaban nas procesións da Virxe do Rosario, cada 8 de setembro, do mesmo xeito que na actualidade o fan en Darbo nesa mesma data.

Por poñer un exemplo, nos apuntamentos de gastos da súa confraría, que se corresponden co ano 1676, aparecen os dous apartados seguintes:

Mas trece reales que gastaron los danzantes cuando fueron a buscar a Nuestra Señora al Castro.
Mas veinte reales del gaitero del día de la fiesta.


Anaco da folla de gastos da confraría do Rosario de Moaña, que se corresponde co ano 1676; nela aparecen os cartos que pagaron a un gaiteiro e aos danzantes.

Neses dous séculos, XVII e XVIII, as parroquias labregas do Morrazo tiveron un importante incremento poboacional, debido á introdución do millo, procedente de América, que mellorou considerablemente a alimentación dos seus poboadores pola causa do seu maior rendemento en relación co trigo, centeo e outros cereais recollidos con anterioridade. A situación preferente da freguesía de Moaña, dentro da xurisdición morracense, saliéntase con detalle no catastro do Marqués de la Ensenada de 1752; nel aparecen contabilizados máis veciños que na propia capital, Cangas, ata o daquela, a súa entidade mais poboada.

Esta situación vantaxosa, deu lugar a que dispuxera dun gaiteiro profesional que debía vivir bastante ben do que lle pagaban polas súas actuacións pois, de acordo co citado catastro, a Francisco Piñeiro, que así se chamaba, considerábanlle unha utilidade pola súa profesión de 400 reais por ano, moi por enriba de labregos, mariñeiros, xastres e ata do único mestre de rapaces que exercía na parroquia; aínda que, un pouco por debaixo dun dos escribáns ou notarios ao que lle anotaron 600 e por suposto, do Sr. do Rosal, do párroco e do Sr. de Paxarín que eran as persoas máis podentes de Moaña neses dous séculos.

Este gaiteiro, natural de Santomé de Piñeiro e veciño de Verducedo, tocaba en Moaña e nas outras freguesías lindeiras, onde non aparecen censados músicos; tendo en conta que as igrexas e algunhas capelas, xunto cos seus adros, eran os únicos lugares comúns das moitas aldeas, barrios na actualidade, que compoñían as parroquias e que estas encontrábanse moi espalladas, os mozos e mozas que as poboaban agardaban ao remate das festas para seguir a troula polos longos camiños que os levaban as súas casas, incluso na compaña do gaiteiro actuante. Tamén era común que cuadrillas de xente nova, atravesaran os montes para acudir as festas de Ermelo e Cela.

As abondosas manifestacións relixiosas e festeiras que tiñan lugar nas contornas das igrexas, producíanse sen impedimentos dos cregos, gardiáns da moralidade; esta tolerancia non se daba noutras xuntanzas de homes e mulleres; tales como: fiadas, muiñadas e esfolladas. Isto compróbase na acta da visita pastoral que se fixo á igrexa de San Martiño en 1757; nela o visitador ordenaba aos cregos que prohibiran as fiadas polo seguinte:

Hallandose S.I. informado de el mucho desorden que hay en varias puertas y casas de esta feligresía, de juntarse en ellas de noche hombres y mujeres con el pretexto y nombre de Hiladas, durando dichas juntas la mayor parte de la noche, de que se sigue muy notables inconvenientes al servicio de Dios: Manda y prohíbe las referidas Juntas, pena de excomunión mayor y apercibimiento de que si prosiguen o alguna de ellas, se tomara rigurosa providencia: y a mayor abundamiento da y concede Jurisdicción al cura de esta parroquia y a Don Jerónimo Sanchez que la rige y sirve en su nombre; y a cada uno de ellos para que sabiendo que algún hombre y mujer, casados o solteros contravienen en lo que va mandado, por la primera vez los multe a cada uno en dos cuartillos de aceite para la lampara del Santísimo Sacramento, y si en todo eso fueran contumaces, darán cuenta a S.I. de ello con inserción de este auto para castigarlos con el rigor que merecen.

Tamén desautorizaba as muiñadas, onde nacera o noso baile mais popular, a muiñeira; que nesa mesma visita tamén manda perseguilas. Así quedou escrito:

Otra misma facultad y jurisdicción les concede S.I. contra los que concurren y van de noche a los molinos a tiempo de que estén en ellos mujeres por el escándalo que se sigue, alborozos que resultan y muchas ofensas entre Dios Nuestro Señor y su Santa Ley; y si conocieran o supieran que algunos casados o solteros lo continúan, darán cuenta a S.I. para que provea de remedio con la seriedad correspondiente.

Aínda que non é doado encontrar nos arquivos documentos sobre as esfolladas, moi comúns na Moaña agraria, consérvanse bastantes cantigas vencelladas a elas. Unha das mais enxebres é a seguinte:

As esfolladas de noite Non dan proveito a ninguén. Mandei a miña muller a elas E esfolláronma tamén.


Esfollada en Verducedo – Anos 60 do séc. XX. Foto doada pola A.C. Nós de Moaña

Tódalas xuntanzas salientadas remataban con cantos e bailes, onde a gaita e outros instrumentos tradicionais facían de acompañamento; o riquísimo folclore moañés ten as súas orixes nestas manifestacións e tamén nos banquetes das vodas, onde eran frecuentes as regueifas entre homes e mulleres.

Nos comezos do século XIX, a poboación estancouse pola causa das moitas necesidades que se pasaron a partir de 1814, ano en que remata a guerra da Independencia e logo, vanse perdendo as colonias americanas de onde procedían bastantes cartos da emigración; por dito motivo, en 1821, o arcebispo compostelán deu orde as confrarías de que deixaran de contratar gaiteiros, pasando o protagonismo festeiro á feira de Abelendo, inaugurada o 3 de outubro do 1839; nese espazo, un día por mes, e un par de décadas mais tarde, dous, ademais de intercambios comerciais, cantábase nas tabernas de arredor, actuaban os cegos cos seus lazariños, etc., dando paso a diversos tipos de instrumentos musicais, estudados por expertos, como o moañés Xavier Blanco.

A esta feira debeu acudir, en varias ocasións, o famoso Cego de Padrenda, pois tense constancia que tocaba na maior parte das feiras do sur de Galicia, no derradeiro cuarto do século XIX.


O cego de Padrenda, cun neto seu. Baixorrelevo de Eugenio R. Padín, instalado na Casa de Cultura de Padrenda - Meaño.

A pesares da prohibición eclesiástica, salientada con anterioridade, no cumio do Castro de Tirán os ermitaños, que daquela encargábanse de recadar cartos para darlle honra á Virxe dos Remedios, continuaron, a partir do ano1823, coa contratación dun gaiteiro que en 1827 cobraba 30 reais e actuaba na compaña de músicos cegos aos que lle pagaron a mesma cantidade. Un músico gaiteiro continuou tocando ano tras ano nos Remedios, ata 1854, ano en que aparece o seguinte apuntamento:

Item setenta y ocho reales que llevaron los músicos que tocaron a los tres días de función.

É de supoñer que os cegos tocarían violíns e zanfonas e que a mención dos músicos representaría unha inicial actuación de membros dun conxunto pequeno que, posiblemente, empregaría algún clarinete e outros instrumentos de vento e percusión; en 1856, xa lle pagan aos músicos 100 reais por dúas funcións.

No ano 1859, o libro da antedita confraría reflicte os dous apuntamentos seguintes:

Item, noventa reales de los músicos que tocaron a las dos funciones de Ntra. Sra. Y San Mauro. Item, ocho reales del barcaje de ir a buscar el fuego y los músicos. Item, cuarenta reales del gaitero que tocó a las dos funciones.

Da antedita relación parece deducirse que, nese ano, actuaron tres ou catro músicos procedentes da outra banda da ría e un gaiteiro da bisbarra. En 1862 xa lle pagan 109 reais a músicos e gaiteiro para que tocasen en dúas funcións, polo que o número de músicos debía ir en aumento; aínda que continúan sen especificar os instrumentos que tocaban; no 1868, aumentou a cantidade de diñeiro que pagaban aos músicos, 140 reais, e diminuíu a do gaiteiro, 16 reais.

Anos despois, en 1874, músicos e gaiteiro tocaron nos dous días da festa dos Remedios por 160 reais; na de San Xoán de Tirán, pagaron 170 reais por músicos e foguetes; na de San Bartolomeu de Meira, 60 reais, e nas confrarías de Moaña, sete nese ano, aparecen as primeiras contratacións de músicos, comezando na festividade de Corpus, en que a do Santísimo Sacramento pagoulles 270 reais por tres funcións; a de San Martiño 170 no día e vésperas; as de San Antonio e San Roque, 140 cada unha e ata contrataron músicos para a procesión dos fieis defuntos, o dous de novembro.

Cumpre salientar que nese mesmo ano, tamén pola primeira vez, noméanse instrumentos diferentes ás gaitas; así, nas contas da confraría do Santísimo Sacramento de Meira aparece a seguinte mención:

Gaita y clarinetes ....... 60 reales

A partir de 1874, xeneralízanse as contratacións de músicos os cales, polo diñeiro que se lle pagaban, non debían chegar a 10, aínda que nas festas da Virxe dos Remedios continuaron na compaña dun gaiteiro que, no ano 1883, formaba un trío con clarinetista e pratilleiro, aos que lle pagaron 60 reais e aos músicos, 210.

Como a finais da década dos 70 do século XIX, deixáronse de apuntar as contas das sete confrarías de Moaña, hai que recorrer aos Remedios para comprobar que en 1886, seu mordomo aboa 500 reais a unha banda completa de músicos, posiblemente de Moaña; continuou pagando cantidades parellas ata o ano 1912 que remata o seu libro de contas. Como excepción, en 1888 e 1893 contrataron por 280 e 440 reais a Banda de Música de Arcade.

Os libros de contas da confraría de San Xoán de Tirán rematan en 1912 co abono de 260 reais aos músicos.

No que atinxe á de San Bartolomeu, o salto dáse en 1889, ano en que contrataron músicos por 500 reais, posiblemente da citada banda de Moaña continuando, con cantidades parellas, ata 1895 en que aparecen os seguintes gastos:

Refresco a músicos de Moaña, 160 reales
Cantor de Cangas, 20 reales
Música de Puentesampayo, 380 reales
Idem de Moaña, 160 reales

No último estado de contas que aparece, sen data, nunha folla solta do libro, rexístranse os seguintes gastos:

Música, 980 reales
Al Carmen para la función, 60 reales
Gaitero , 35 reales
Parva a los músicos, 30

Como na antedita folla de contas, atópase unha letra do mesmo tipo que a do ano 1895, é de supoñer que se refire a 1896, ano en se describe, pola primeira vez, os custes dunha función dedicada á Virxe do Carme, que está na orixe das festas actuais do 25 de agosto, na illa de San Bartolomeu; data na que continúa honrándose á patroa dos mariñeiros.

O salto na confraría do Stmo. Sacramento de Meira dáse en 1889, ano en que contrataron músicos por 220 reais, continuando con cantidades semellantes ata 1895 no que rematan os libros de contas. Na da Virxe da Purificación, tamén de Meira, é no 1891 cando lle pagaron aos músicos 280 reais, pasando a 160 no ano seguinte en que lle deron fin ao libro.

No que concirne ás celebracións da patroa de Meira, Sta. Olaia; as contas rexístranse nos libros da fábrica que rematan en 1968; neles aparece un gaiteiro ano tras ano, dende o 1679 e 1680 en que reflictan un descargo de 26 reais en conxunto; continúan con algunhas lagoas ata 1880, ano en que o acompaña un clarinetista; seguen con músicos aos que lle pagaban unicamente de 56 a 70 reais, ata que deixaron de aparecer actuacións musicais a partir das contas de 1890. Do salientado con anterioridade, dedúcese que ata 1854 era un só gaiteiro quen actuaba nas procesións e nos adros das catro igrexas históricas durante as datas festivas de cada patrón das confrarías e nas súas vésperas; a partires dese ano, xa aparecen clarinetistas e outros instrumentistas acompañándoos, ata o ano 1874 que comezan a tocar grupos completos de músicos que en 1880 forman a primeira banda de música moañesa, segundo aparece no libro Bandas de música de Galicia de Enrique Iglesias Albarellos.

Dita banda, fundouna e dirixiuna Fernando Costa Paredes, nacido o 18 de xaneiro de 1853 nunha casa de Ameixoada chamada Casa dos Bichucos; fillo do labrador e mariñeiro, Francisco da Costa, e da súa dona, María Benita Paredes, Fernando tiña só cinco anos cando lle morreu o pai quen, segundo apuntou o párroco daquela, D. Gregorio Benito Saavedra Román:

…se enterró el uno de mayo de mil ochocientos cincuenta y ocho a los cincuenta y cuatro años, de fiebre cerebral. No hizo testamento por no tener de que y de caridad han asistido a su función de entierro los cinco Sres. Sacerdotes de la Parroquia, incluso en dicho número el Sr. Párroco.

Ata sete fillos tivera o finado os cales, deberon pasar necesidades dabondo para saír adiante, tendo en conta que o maior nacera en 1840 e o máis pequeno en 1855, tres anos antes do pasamento de seu pai.

Na súa xuventude, Fernando, debeu ser un home de boa planta, pois coñecíase co alcume de “O Ghopito ; este feito, xunto con outras calidades persoais, deu lugar a que casara en 1877, á idade de 24 anos, cunha moza do Cruceiro chamada Mª. Francisca Jaúregui Portela, dous anos máis nova ca el e dunha extracción social diferente, pois era filla de labradores con abundante facenda; por tal circunstancia, tratábase dunha voda pouco común na época.

Segundo se describe no antedito libro, Bandas de música de Galicia, Fernando tocaba o bombardino antes de fundar a banda, coñecida como a dos Bichucos, polos moitos compoñentes da familia que estaban nela; entre eles, atopábanse lo menos dous dos cinco fillos varóns que tivo o fundador: Fernando, que a dirixiu nos inicios do século XX con máis de 30 músicos e Ricardo, o máis novo. Tamén foi membro da banda seu sobriño, Ismael Zuñiga, O Bandullo, que ao desfacerse a primitiva, organizou unha nova con músicos de Moaña e Sárdoma, facendo de ponte entre a primeira dos Bichucos e a do antedito director, Fernando Costa Jaúregui.

Os ensaios da Banda de Música dos Bichucos, dirixidos por Fernando Costa Paredes, executábanse na parte baixa da súa casa; por ese motivo levou o nome de “Casa dos Músicos”. A vivenda herdouna súa filla Teresa, que casou con Francisco Martínez; ao morrer Teresa sucedeuna seu fillo, o lembrado Cándido Martínez Costa, funcionario municipal que a vendeu despois de trasladarse, xunto coa súa familia, á zona do Rosal.

Na actualidade, encóntrase moi ben rehabilitada, representando un fermoso exemplar de casa labrega dun andar, típica do século XIX, con engadidos axeitados do XXI.


Vivenda centenaria do Cruceiro onde ensaiaban os músicos da primeira banda de Moaña

Outro sobriño do fundador, de nome Angel Eugenio Rodríguez Costa, fillo da súa irmá María del Pilar, vivía nunha casa contigua, que tamén se conserva en moi bo estado, onde nacera e traballaba como zapateiro; compatibilizaba este oficio co de músico da banda, na que tocaba o clarinete. Coñécese que asistía aos ensaios e actuaba en Moaña e nas parroquias veciñas, incluíndo Darbo, a onde ía andando para tocar na procesión da Virxe e ao rematar o concerto de mediodía, retornaba, tamén á pé, ao Cruceiro para comer; facía o mesmo traxecto de ida e volta para tocar pola tarde – noite.

Ángel Eugenio finou o 19 de maio de 1907, á temperá idade de 22 anos, poucos días despois de desprazarse cara aos estudos vigueses de F. Llanos onde foi fotografado; a fotografía, encadrada, atópase actualmente pendurada nunha parede da sala da antedita casa. Ata o de agora, é a primeira que se conserva dun compoñente moañés da Banda dos Bichucos.

O fillo máis novo do director, o antedito Ricardo Costa Jaúregui, faleceu no Cruceiro en 1828, á idade de 35 anos, en estado de soltería. Del tamén se conserva unha foto de estudo, feita no ano 1915 na compaña doutro membro da banda.




Tres compoñentes das primeiras bandas de música moañesas: Angel E. Rodríguez, fotografado por Llanos en 1907 máis Emilio Fdez. e Ricardo Costa Jauregui, fotografados por Sarabia en 1915. A 2ª foto foi cedida pola A. C. Nós de Moaña.

Despois dunha longa vida, Sr. Fernando “O Ghopito”, como aínda o lembran algunhas persoas maiores, finou na data do 10 de xuño do ano 1933 con 80 anos de idade, sendo enterrado ao día seguinte no cemiterio municipal, na actualidade totalmente lousado; enriba das lousas, a actual banda de música moañesa Airiños do Morrazo e outras, actúan en concerto durante as festas de San Martiño.

Completado o percorrido musical que ao longo da historia executaron os nosos devanceiros, dende o século XII ata comezos do XX, faise doado sinalar que nos adros das igrexas das catro parroquias investigadas, eran abondosas as actuacións musicais que se ofrecían, porque honrábanse a moitos santos, nas súas datas e nas vésperas. Para esa misión, en Moaña existiron as oito confrarías seguintes: San Martiño, Virxe do Rosario, Santísimo Sacramento, Virxe da Soidade, San Guillermo, Ánimas do Purgatorio, San Antonio e San Roque; en Tirán: San Xoán, Virxe dos Remedios, Ánimas do Purgatorio e Santísimo Sacramento; en Meira: San Bartolomeu, Virxe da Purificación e do Rosario, máis a do Santísimo Sacramento; no que atinxe a Domaio, ao perderse os libros de contas, só se pode deducir que existirían as de: San Pedro, San Bieito e, posiblemente as do Santísimo Sacramento e Ánimas.


Encabezamento do libro de contas da confraría de San Roque de Moaña

Ademais da honra aos citados santos, consta que co diñeiro que se recadaba para as fábricas desas igrexas e a través de devocións, honrábase a San Fernando, Sta. Lucía, Virxe do Carme, San Amaro, San Vicente e quizais algúns máis en Moaña; lo menos a Santa Olaia, en Meira, e outros en Domaio.

O ensino da música no actual século XXI execútase, de novo, noutra casa do barrio do Cruceiro; esta de moita máis relevancia histórica e artística que a primeira, pois trátase da antiga Reitoral, que se comezou a construír no século XVI e logo de ampliarse no XVII e XVIII, foi rehabilitada no XXI, despois de quedar abandoada a finais XX; nela, as novas xeracións de moañeses, das catro parroquias históricas, aprenden a tocar diversos instrumentos que fornecen, en boa medida, a actual banda de música, Airiños do Morrazo, que tanto prestixio musical lle da ao actual concello moañés.

viernes, 20 de noviembre de 2015

A Moaña rural / por Xosé Carlos Villaverde Román



José Mª dos Piñeiros nos anos 50 do pasado século.

Das varias fotografías sobre o rural moañés que posúe a Agrupación C. Nós, decantámonos por esta imaxe dos anos 50 do pasado século, con José María dos Piñeiros, co carro de bois a rebosar de achas feitas dos troncos de madeira. E decidímonos por esta extraordinaria foto porque transfire perfectamente o paso da dura vida do campo, traballando con machados e serras de aire, que en poucas décadas serían substituídas polas motoserras, tractores con grúas, etc.

Insistimos no de rural porque o actual concello de Moaña, o próximo día 30 de novembro, cumprirá 179 de existencia e foi formado, con capital en Meira ata 1874, polo axuntamento das catro actuais parroquias que mantiñan ese tipo de estruturas campestres. Quere dicir isto que o núcleo urbano que forman o Con-Praia-Seara-Quintela é practicamente recente, pois a finais do s. XIX apenas contaba con vivendas; de feito no censo de 1860 non aparece o barrio da Praia, si o da Martinga con 18 casas e a A Seara con 24. A chegada da arte da traíña a partir de 1898 e a aposta dos pequenos armadores moañeses por esta innovación provocou un desenvolvento lento pero crecente da beiramar. Por iso non é de estrañar que Moaña careza de casco histórico pois, ata entón, os pequenos núcleos poboacionais estaban afastados da costa, como Verducedo, Couso, Verdeal, Abelendo ou Vilela.

Ata a chegada da traíña, como dicíamos, a economía doméstica nas parroquias moañesas estaba baseada no traballo agropecuario en tanto que a pesca era un complemento a esa economía de subsistencia. Do resultante dos pagos en especie dos foros, subforos, rendas ou décimos, apenas quedaban froitos do campo e gando para manter a casa labrega. Pero coa proliferación das fábricas de conserva na Ría de Vigo a finais do s. XIX a pesca transformou considerablemente o hábitat dos pobos ribeireños e trouxo consigo un aumento de mariñeiros asalariados.

Boa proba do comentado anteriormente atopámolo no censo de 1904. Tomamos este ano como referencia porque é onde mellor quedou consolidado o asentamento das traiñeiras nas praias moañesas. Antes de barallar os números convén aclarar que neses censos antigos predominaba o cabeza de familia, xeralmentes eran homes que tiñan ao seu cargo o resto da familia como fillos, xenros e noras sen emancipar e tamén afillados orfos e criados. Estes dirixentes familiares en Moaña coñecíanse co sobrenome de petrucios, aos que tamén pertencían as viúvas con mando sobre o resto da familia.

O total de cabezas de cabezas de familia censadas en Moaña en 1904 era de 1.476 (equivale a 6.368 habitantes). Deses 1.476, andaban ao mar 405, en tanto que no campo traballaban 883 donos das casas, sen contar os cónxuxes e fillos que axudaban nas faenas agropecuarias. Se desglosamos por parroquias estas cifras, temos en Domaio 188 labregos por 43 mariñeiros, en Meira 175 e 60, en Moaña 471 e 207 e en Tirán 49 e 95 de cabezas de familia respectivamente de labregos e mariñeiros. Vemos, pois, como as parroquias de Moaña e Tirán eran as que máis mariñeiros tiñan por aquel entón.

Memoria de Moaña

Agrupación Cultural Nós

viernes, 13 de noviembre de 2015

A despedida de Domaio do mestre Eleuterio Quinteiro / por Manuel Anxo Méndez



Alumnado masculino do Grupo Escolar de Domaio con don Eleuterio, 1935. Foto LLANOS.


A corporación presidida polo alcalde Manuel Pereira Molanes en sesión plenaria do 7 de xuño de 1927 acorda construír polo municipio co auxilio do Estado un edificio destinado a escolas unitarias de nenos e nenas na parroquia de Domaio por ser absolutamente necesario para o servizo do ensino público pero non ten resposta afirmativa do Estado polo que no ano seguinte, acordan aportar o 25 % do custo das obras, a ver se así teñen máis sorte e aproban a construción (...). E, por fin, no ano 1929 comezan as obras.

Coincidindo coa celebración da chegada da República inaugúrase o Grupo Escolar de Domaio, hoxe Centro Cultural Rosalía de Castro. O 24 de maio de 1931 o pleno da corporación dáse por enterado dun oficio do Inspector de 1ª Ensinanza autorizando o traslado das escolas de Domaio para o novo edificio e acórdase comisionar ao concelleiro Sr. Fernández para que dispoña a reparación do material que teñen ditas escolas.

A fotografía que comentamos hoxe foi realizada na parte baixa do adro da capela de san Bieito en Domaio, onde estaban aínda os restos dos pozos do liño a carón do río, segundo escribe Pepe Ríos un alumno dos que están sentados na parte inferior da foto. Relataba nun folio cunha magnífica caligrafía a historia da fotografía relacionando os nomes de case todos os compañeiros e indicando que o mestre don Eleuterio Quinteiro Malvar celebraba algo especial naquel día: non sei se era o sen cumpreanos ou o seu santo. O que lembro é que nos levou á súa casa e nos deu galletas e algo de beber, fixo unhas rifas e de todo aquelo a min tocáronme dous lápices. Palabras textuais en galego recollidas desa pequena narrativa de Pepe Ríos que recollín grazas á colaboración da súa filla Sesé Ríos que tivo a xentileza de achegarnos o orixinal despois de ver publicada a fotografía no libro A ESCOLA PÚBLICA DE MOAÑA (1786-1970) editado pola Agrupación cultural Nós no ano 2012.

Polas investigacións realizadas sabemos que a celebración á que se refería o alumno foi a súa despedida da escola dado que ese mesmo ano de 1935 foise para Triana, un pobo de Santa Cruz de Tenerife, illa canaria na que xa estivera anos antes e na que aprobara as oposicións de maxisterio no ano 1920.

Memoria de Moaña

Agrupación Cultural Nós

lunes, 9 de noviembre de 2015

Parroquia de S. Martiño / por Xosé Carlos Villaverde Román


Igrexa de San Martiño de Moaña, 1914. Foto PACHECO.

Preciosa instantánea que nos deixou o gran fotógrafo vigués Pacheco da igrexa parroquial de San Martiño, tirada para unha exposición turística celebrada no ano 1914 en Londres. Esta imaxe frontal apenas difire da remodelación que tivo 255 anos atrás, cando a nova construción barroca do campanario mesturouse coa portada románica do s. XII onde aparecen esculpidos os protectores do templo: San Emiliano (de la Cogolla), san Martiño (de Tours) e san Bricio (de Tours).

Esta xoia arquitectónica do Morrazo que vai dende o románico ata o barroco con transicións góticas, está dabondo estudiada por Manuel Uxío García Barreiro, investigador do barrio de O Cruceiro, en tódolos aspectos como poden os arquitectónicos, iconográficos, históricos ou sociais; incluso da súa orixe que a remonta á liñaxe dos Arias, familia que vivía no Morrazo e tamén entre os abades do mosteiro de Ermelo (Bueu).

O mencionado investigador local atopou un documento do ano 1306 onde figura a freguesía de Moaña coma unha unidade poboacional político e relixiosa. Unidade que se mantivo ata mediados do s. XVI, cando o arcebispado compostelán decidiu construir a colexiata de Cangas para designala cabeza xurisdicional do Morrazo. A partir de entón os alcaldes pedáneos ou mordomos que facían o labor político, social e de recadadores de impostos eran controlados polos párrocos ou abades. En San Martiño, as reunións ou asembleas facíanse antes ou despois da misas populares (os domingos e festivos entre as 10 e 12 da mañán) no adro de abaixo. Logo publicábanse os acordos nas misas e máis tarde, por diversos procedementos, transmitíanse á cabeza xurisdicional de Cangas.

Dos máis de oitocentos e pico de anos que poida ter este fermoso templo rexindo os designios da parroquia de Moaña, merece destacar, entre outros, a importancia que deberon ter dous feitos históricos como foron as asembleas do día 12 de febreiro de 1809 e da de principios de decembro de 1836. A primeira aconteceu durante a guerra da Independencia cando o mordomo pedáneo (alcalde) Lorenzo Pereira leu un comunicado da Xustiza de Cangas para que os vasalos desta xurisdición recoñecesen e xurasen fidelidade ao francés Josef Napoleón, cousa que non callou, pois os fregueses organizáronse en alertas ou alarmas para combater aos franceses ata súa total expulsión.

A segunda na que as campás soaran zafarrancheiras, tivo lugar en decembro de 1836, logo de que a recén creada Deputación de Pontevedra se pronunciara a favor de Meira como cabeza do distrito ou axuntamento das actuais catro parroquias. A reivindicación da freguesía de S. Martiño encabezada polos veciños moañeses Jacobo Mouriño, Juan de Pazos e Benito Jáuregui, tiveron como consecuencia que en novembro de 1874 se trasladase a capital dende Meira á Moaña.

Chama a atención que durante os oito séculos de influencia deste templo na parroquia máis numerosa do Morrazo, non se desenvolvera un gran núcleo poboacional como pasou na maioría dos pobos. Posiblemente fora porque os terreos da contorna eran privados, en gran parte pertencentes á casa-pazo de O Rosal que conservaron os dominios ata finais do s. XIX

Memoria de Moaña

Asociación Nós

O mosteiro de Ermelo na orixe e desenvolvemento da freguesía de Moaña / por Manuel Uxío García Barreiro




No século VI, durante o reino dos suevos, fíxose unha división administrativa de Galicia nomeada xenericamente Parrochiali Suevum, parroquia dos suevos; nela aparece pola primeira vez a verba “Morracium” para nomear a unha extensa parroquia que ía depender do bispado de Iria Flavia, descoñecéndose aínda hoxe a situación da súa igrexa matriz, malia que algúns historiadores consideran que puidera estar aquí, en Ermelo.

Entre os anos 1595 e 1607 o historiador e frade bieito, Fr. Antonio de Yepes escribiu varios tomos dun voluminoso traballo que titulou "Crónica general de la orden de San Benito", nel dedicou un capítulo ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde describe que:

San Jacobo de Ermelo fue también monasterio edificado por Pedro, abad de esta casa, que fue después obispo de Iria…

Os historiadores actuais Miguel Romaní e Pablo Otero, autores dun libro sobre este cenobio, deducen dunha relación de mosteiros dependentes de Sobrado que o de Ermelo puidera ser fundado a finais do século X.

Ata o de agora non se coñecen máis novas arredor del ata 1104, ano en que foi rematada unha importante restauración, segundo mostran as inscricións dalgunhas lousas do interior da súa igrexa investigadas por ditos historiadores. Nelas están gravados os nomes dos abades, Fernando e Arias Sabarís, que exerceron durante a restauración; aparece tamén o nome do bispo compostelán, Diego Xelmirez, que puido ser o causante de poñelo baixo a advocación de Santiago.

Como era normal na época o mosteiro recibiu varias doazóns reais de terras por toda a parroquia sueva do Morrazo, estas, a súa vez, eran alugadas aos labregos en réxime de aforamento polas que percibían rendas en especie. Atendían tamén as súas necesidades espirituais pois, neses dous séculos, descoñecese que existiran outros centros relixiosos distintos á igrexa morracense, da que tampouco se sabe a época en que desapareceu.

Para poder comunicar o centro monástico de Ermelo coas terras da súa propiedade, tecéronse unha ampla rede de camiños; na zona sur, aínda se conserva o que chega ao Pouso das Cruces, chamado así por pousarse alí as procesións monásticas.

Os tramos empedrados a semellanza das antigas calzadas romanas, o desgaste das rodeiras nos penedos desbastados, as fonduras de varios metros nalgúns lugares e os valados de cachotes de pedra, dan idea da antigüidade do camiño que alí se bifurca nun ramal cara a Coiro, Cangas, etc.; outro para comunicalo co monte do Xestoso, onde se cruza cun ramal de Ermelo e continúa cara a zona oeste de Moaña, pasando polo mítico monte da Paralaia, ata chegar á desaparecida aldea moañesa de Cimadevila, na parte alta do actual barrio dos Piñeiros; alí, a través doutro antigo camiño que se conservaba practicamente intacto nun tramo algo maior dun km, segue ata o Outeiro de Sabaceda e Fondodavila ata desembocar na ribeira do mar por terras do Rosal que pertenceron ao mosteiro.

Este tramo de camiño, chamado “Camiño das Chans”, a beira do cal aínda se atopa o pardiñeiro dunha casa centenaria, quedou en desuso porque, en paralelo, construíuse a estrada dos Piñeiros; non obstante, malia que a súa estrutura continúa, o pasado ano esnaquizaron a maior parte do seu chan para soterrar mangueiras dunha traída de auga particular.

Outro ramal que partía do Pouso das Cruces, dirixíase tamén á ribeira do mar de Moaña pasando pola igrexa de San Martiño. Nos comezos do século XX, un penedo desprendeuse do monte e apousentouse neste camiño que coñecíamos como camiño vello, referenciado en varias escrituras na súa versión de “Camino del Priorato de Hermelo”.

É digno de loanza que vaia crecendo a preocupación de poñer en valor tales camiños; algúns deles, sobre todo ao seu paso polos montes de Moaña e Bueu, aínda conservan a súa estrutura medieval, deteriorada polo paso do tempo.

Un dos dous abades impulsores das reformas do mosteiro foi Arias Savariz, da mesma liñaxe que D. Diego Arias de Deza, cabaleiro servidor da raíña, Dª. Urraca que en premio aos seus servizos recibiu dela, tamén no século XII, o couto de Marín, traspasado logo ao mosteiro de Oseira onde ingresou como frade.

Outro membro da familia foi o persoeiro que mandou erguer a igrexa de San Martiño de Moaña, segundo aparece ao remate dunha inscrición do seu tímpano principal instalado no citado século XII, Arias feci, reza en latín que significa, Arias fíxoa; aínda que non hai constancia documental de que o mosteiro de Ermelo interviñese na construción do templo, si que debeu estar presente na súa consagración, o mesmo que na de Bueu pois, o patrón das dúas freguesías, San Martiño de Tours, era santo moi venerado polos monxes bieitos de Cluny que predicaron a súa devoción a través do camiño de Santiago. Os copatróns de Moaña, San Bricio e San Emiliano, tamén estaban relacionados con San Martiño e con dita orde.

Coa construción das igrexas románicas do Morrazo nos séculos XII e XIII comezan a crearse as freguesías co significado de filius eclesiae, fillos da igrexa. Así naceron as do Morrazo baixo a xuntanza das aldeas que estaban máis próximas a elas pertencentes, ata o daquela á desaparecida parroquia do Morrazo da que, dalgún xeito, debeu formar parte, desde o século X, o mosteiro de Ermelo.

A maioría desas igrexas foron reconstruídas nos séculos posteriores, excepto as de Moaña, Hío, Sta. María do Campo, Santomé de Piñeiro e Tirán que continúan en pé, aínda que con reformas.

As primeiras novas coñecidas sobre a fundación das freguesías do Morrazo, atópanse precisamente nunha escritura de troque entre o arcebispo de Santiago e o abade de Ermelo, feita no ano 1224 onde aparecen as de San Martiño de Bueu e San Salvador de Coiro. En Moaña, aínda que o nome de San Martiño atópase no tímpano do século XII, un documento de 1237 descríbea como Ecclesia Sancti Martini de Moania e, outro do ano 1306 como Fliiguesía de San Martiño de Moaña.

No citado libro sobre o mosteiro ermelense, reprodúcense varios documentos relacionados con el; comezan en 1227 e dan remate no 1485, ano en que baixo a rexencia do seu último abade, Dom frei Juan de Mandayo, contratouse un foro no couto monacal de Meiro.

Isto ocorría nos comezos das reformas administrativas que os Reis Católicos estaban a emprender para poñer o territorio galego baixo o poder centralizador da súa Coroa castelá. Mesmo viaxaron a Santiago en 1486 co obxecto de ver como se estaban a cumprir.

Entre elas, destaca o nomeamento de gobernadores, bispos, abades, etc., dende instancias reais. Por dito motivo, a maioría deles estaban moi afastados da realidade de Galicia e, aínda que algúns naceran na terra, non posuían vínculos coas liñaxes tradicionais autóctonas.

Unha das principais reformas dos Reis Católicos foi a de dividir Galicia en sete provincias facultando ao arcebispo compostelán para gobernar a de Santiago; deste xeito, naceu a xurisdición do Morrazo con capital na vila de Cangas, cun xuíz, equivalente a alcalde nomeado polo citado arcebispo. Os coutos de Meiro, Beluso e Moaña, dependentes do mosteiro de Ermelo, segundo describe o freire, Serxio Vázquez Rouco, nun libro sobre San Xoán de Poio, despois de converterse en freguesías, pasaron a depender de Cangas na compaña doutras que tamén estaban baixo a súa influencia.

Neste contexto, morto o último abade de Ermelo en 1488, o arcebispo compostelán Alonso de Fonseca, procedente de Salamanca, fíxose cargo dunha parte importante dos bens deste mosteiro que no ano 1491 xa estaba anexionado ao de San Xoán de Poio. A anexión debe atribuírse ao propio arcebispo posto que é el quen, ao entregarlle varios beneficios eclesiásticos ao seu fillo, daquela estudante en Salamanca, di que os recibira do administrador perpetuo do mosteiro de Poio, e do seu anexo de Santiago de Ermelo, Martín d´Aspetia. Tratábase dunha parte dos décimos eclesiásticos das freguesías de Moaña, Sta. Cristina de Cobres, Lorenzana, Tomeza, Domaio e Meira.

Cos cartos que recibía delas, D. Alfonso de Fonseca, sucesor do pai no arcebispado compostelán, fundou e mantivo un colexio eclesiástico, convertido logo na universidade de Santiago. O que da a entender que, cos dereitos obtidos de mala maneira do pequeno e moi rico mosteiro de Ermelo, os labregos das citadas freguesías, estiveron financiando ata o ano 1841 en que deixaron de pagar décimos e primicias, unha universidade na que unicamente estudaban os fillos das familias de clases alta.

Cando foi consagrada a igrexa colexial de Cangas, ano 1545, o prior de Ermelo representando ao abade de Poio, elixiu ao párroco de Moaña, D. Gregorio Soliño para que ocupara o cargo de prior dela. Sobre esta facultade de elección, nunha memoria de presentación de párrocos do ano 1660, o mosteiro de Poio subliña o seguinte:

… Iglesia parroquial de la Villa de Cangas que con licencia de esta casa se hizo colegial de prior y seis racioneros y se pasó a la Iglesia nueva de Santiago de la misma villa de Cangas con permiso y licencia de esta Casa…

No que atinxe a Bueu, salientan en dita memoria que:

San Martiño de Bueu en tierra de Morrazo, es de esta Casa la tercera parte de la presentación, paga yantar el día del patrón a 11 de noviembre y 20 maravedíes viejos de padronazgo.

Doutros documentos investigados, dedúcese que un frade de Ermelo predicaba cada ano na misa solemne de San Martiño; logo comía por conta do párroco e levaba os 20 marabedís para o convento. O mesmo sucedía en Meira no día da súa patroa, Santa Baia, aínda que, neste caso eran 6 marabedís o que lle pagaban.

Ao tratar dos dereitos que posuían na freguesía de Coiro, na memoria subliñan que se trataba dunha:

Donación Real del Sr. Conde D. Ramón e infanta Dª. Urraca era in solidum de esta Casa, Y pagaba yantar y muy grande patronazgo de pan y vino. Apoderáronse los Mondragones de este beneficio y están en posesión sin reconocer cosa alguna. Y fue la causa que esta Casa presentó este beneficio en un Juan de Mondragón, canónigo de la Sta. Iglesia de Santiago que, como era antes del Concilio (de Trento) se permitía todo. Este canónigo como era poderoso y la Iglesia de Coiro era vieja y se caía, reedificola a fundamentis y puso su (escudo) de armas: Levantose de pagar el patronazgo; los abades se descuidaron y así quedaron apoderados con posesión casi inmemorial.

Trátase dunha, das moitas doazóns reais feitas ao mosteiro de Ermelo polos reis; neste caso, Dª.Urraca e o seu primeiro marido o conde D. Ramón de Borgoña, da que se apoderou a familia Mondragón.

Do descrito na citada memoria, dedúcese o extraordinario poder que tivera o mosteiro de Ermelo sobre unha parte importante das igrexas do Morrazo.

No intre de escriturar sobre as propiedades do mosteiro, o abade de Poio achegábase a Ermelo para asinalas. Así o demostran cinco escrituras que tratan de aforamento de terreos no propio priorado, Meiro, Cela e Beluso, legalizadas no mesmo día polo escribán público de Moaña, Agustín José del Monte. Todas elas teñen o seguinte encabezamento:

En la frª. y Priorato de Santiago de Hermelo, Jurisdicción de la Villa de Cangas a Veinte y Un dias del mes de nobiembre año de mil setecientos treinta y seis, ante mi escribano y testigos parecieron presentes el Rmo. Padre maestro dn. Fray Joseph Colmenares predicador general de la Religión de nuestro padre san Benito, Abad del Real monasterio de san Juan de Poyo y su anejo Santiago de Hermelo, Dueño y Señor del Coto y Jurisdicción de Simis y de la Ysla del Tambo …

Aínda quedan vestixios da sinalización das lindes do priorado de Ermelo feita no ano 1795; o marco máis coñecido atópase na extrema con Cela e Moaña, no cruzamento de camiños da Cruz de Cela; en todos eles gravaron as siglas HLO, que significa Hermelo.

Por esa época xa ían prendendo os ideais da democracia que se impuxo en Estados Unidos, logo de independizarse en 1776 e os de liberdade, igualdade e fraternidade da Revolución Francesa de 1789 a 1799. En tal contexto, cando no ano 1809 estábanse a facer xuntanzas co obxectivo de organizar a defensa contra os invasores franceses que se atopaban na outra banda da ría, nunha delas, acaecida no barrio moañés de Verducedo, acordouse rexistrar o mosteiro de Ermelo e baixo o pretexto de ir na procura de traidores, quitarlle ao prior as escrituras de propiedade, para que os labregos de Moaña deixaran de pagar foros e, deste xeito, converterse en donos plenos dos terreos que cultivaban; tal expropiación non se chegou a producir pola oposición da meirande parte deles, segundo consta nun documento sobre a Guerra da Independencia.

A primeira constitución española, promulgada en Cádiz no ano 1812 trouxo consigo a separación de Cangas das freguesías que compuñan a xurisdición do Morrazo. Deste xeito, van aparecendo os primeiros alcaldes constitucionais nelas e, vanse impoñendo reformas liberizadoras botadas a baixo polo mal rei, Fernando VII no ano 1814; non obstante, en 1820, unha parte do exército baixo o mando do xeneral asturiano Riego impúxolle ao monarca que gobernase baixo as normas constitucionais de 1812; esta situación durou soamente tres anos; tratábase do trienio liberal, a cuxo termino, en 1923, de novo gobernou con poderes absolutos ata o ano 1833 en que morreu.

A súa viúva Dª. Mª. Cristina, foi dando tímidos pasos para suavizar o absolutismo do seu finado marido, aceptando varias reformas propostas polos políticos de entonces. En tales circunstancias, ergueuse ao poder en 1836 o político liberal progresista Mendizabal que, deseguido, logrou que a raíña rexente promulgase de novo a constitución de 1812.

No curto tempo en que gobernou Mendizabal, sacou adiante unha forte desamortización dos bens da Igrexa que, nese tempo, representaban as 2/3 partes das propiedades galegas. Para elo, presentoulle á rexente un real decreto co obxecto de que se confiscasen a maior parte dos mosteiros, xunto coas terras da súa pertenza, deixando unicamente as igrexas conventuais para culto da veciñanza.

A idea de Mendizabal era que as terras expropiadas fosen vendidas en lotes ás mesmas familias labregas que as cultivaron durante séculos; non obstante, a raíña rexente tiña outros plans, polo que, procedeu a cesalo, deixando o camiño baleiro para que se alleasen os bens de conxunto. Desta maneira, pasaron a facerse donos dese inxente patrimonio aristócratas, fidalgos e burgueses os cales, nalgún caso, botaron fóra das súas propiedades aos labregos que vivían de traballar nelas. Por tal motivo, a desamortización non foi boa para bastante campesiños galegos.

A través de dita desamortización o mosteiro de Ermelo e os moitos terreos que tiña repartidos por todo o Morrazo, pasaron a ser propiedade do Estado que os vendeu pouco despois en lotes grandes ao mellor ofertante, excepto algúns que puideron ceder os frades antes de promulgarse o real decreto, segundo se constata no libro, La Iglesia Sanjuanista de Cela, onde tamén describen que puideran ser excomungados.

Un documento moi representativo sobre a desamortización dos bens deste mosteiro trata da redención dun foro chamado Miranda, na parroquia de Moaña, que abarcaba elevadas extensións de terras, nesa aldea, Verducedo, Fonte Bieita, Rosal, etc.; por el pagaron os aforados, cando dependían de Ermelo, unha renda conxunta anual de 120 ferrados de pan mediado (millo e centeo) e unha porca na data de San Martiño. Esta redención fora promovida o 30 de outubro de 1903 polo se único propietario, un membro da burguesía.

Para darse unha idea aproximada da súa enorme extensión, é doado sinalar que os terreos redimidos foron adquiridos por algo máis de 300 novos propietarios; entre eles, atopábase o daquela Sr. do Rosal, D. Manuel Saavedra Costas, que pasou a ser dono pleno da devesa na que se atopaba o pazo.

O lugar de Fontebieita que formaba parte do foro, ten que ver cunha fonte que aínda existe, cuxo nome procede dos frades bieitos de Ermelo o mesmo que a capela de San Bieito de Domaio onde existía unha arca na que se gardaban os documentos relacionados co foro que tiña como eixo a ermida.

Para poder abrila dispuña de tres chaves gardadas por tres persoas diferentes. En todo o Morrazo quedan aínda outros topónimos que dan conta da súa relación con Ermelo.

Segundo o citado libro sobre a igrexa de Cela, o derradeiro frade prior de Ermelo foi Frei Xoaquín Suárez, sucedéndolle a partir do ano 1852 diferentes ecónomos de Beluso ata o ano 1868 en que pasou a depender da parroquia de Sta. María de Cela.

No entanto, o mosteiro coas súas dependencias foron derrubados polos novos propietarios que deixaron en pé, segundo parece, un muro de pedra que o separa da igrexa. Algunhas casas dos arredores do mosteiro erguéronse, ou foron reconstruídas, nos anos 20 e 30 do pasado século por un canteiro de Xeve, casado no barrio moañés do Cruceiro, a carón da igrexa de San Martiño; chamábase José Barreiro Solla e todos os días subía de mañanciña polo antigo camiño de Moaña a Ermelo, algunhas veces na compaña do seu único fillo varón que lle facía de axudante. Este mozo namorouse nesta aldea e, durante os comezos da guerra civil desafiaba o toque de queda, poñendo en perigo a súa vida, para subir e baixar de noite a Ermelo, co agravante de que era xordo e non podía oír disparos. Logo chamárono a filas e interrompeuse o noivado. O canteiro avó materno do autor deste traballo.

Nos comezos da guerra civil, prohibíronse festas e bailes en Moaña; por tal motivo, segundo comentou unha moañesa de 95 anos, finada recentemente, cada domingo os mozos e mozas dos barrios dos arredores da igrexa de San Martiño, xuntaban diñeiro para contratar ao acordeonista, Sr. Pepe Capelláns e, na súa compaña subían cantando polo monte ao son do seu acordeón e, cando chegaban a Ermelo, dedicábanse a bailar nalgunha das carballeiras; cando escurecía, baixaban todos xuntos cara a Moaña.

Non quero dar remate a este traballo sen agradecerlle a Gerardo Gayo as súas achegas documentais e, sen felicitar aos investigadores de Bueu, especialmente ao premiado Arturo Sánchez Cidrás, que tanto se preocuparon por dar a coñecer este antigo mosteiro que, desde a súa fundación no século X ata finais do XV en que o arcebispado compostelán creou a xurisdición do Morrazo foi o principal nexo de unión desta bisbarra morracense, continuando a súa influencia a través do padroado dalgunhas das súas igrexas e, nas moitas terras que aforaron ata a súa desamortización no ano 1836

Tamén quero felicitar aos promotores que están impulsando os pertinentes estudos para que a aldea de Ermelo recobre parte do aspecto medieval co que naceu.



Manuel Uxío García Barreiro, Veciño de Moaña Charla en Ermelo – 24 xullo 2015.

Os catro escudos da igrexa de San Martiño de Moaña / por Manuel Uxío García Barreiro



Era costume de aristócratas, fidalgos, mosteiros e da alta xerarquía eclesiástica construír igrexas, capelas, retablos, etc., pola súa conta, deixando neles os seus escudos para perpetuar a súa liñaxe neles; tamén os poñían en certos edificios relixiosos como as capelas dalgúns pazos, cuxa propiedade sustentaron. Na actualidade todos están xestionados pola xerarquía eclesiástica.

Son moitos os exemplos de escudos que se engadían nos muros de catedrais, capelas e templos históricos, resultando moi representativo o da familia Mondragón que se encontra na igrexa de Coiro. Deste xeito sublíñase a súa orixe nun documento do século XVIII, procedente do mosteiro de Poio ao que, nese tempo, pertencía o desaparecido cenobio de Ermelo: Donación Real del Sr. Conde D. Ramón e infanta Dª. Urraca era in solidum de esta Casa, Y pagaba yantar y muy grande patronazgo de pan y vino. Apoderáronse los Mondragones de este beneficio y están en posesión sin reconocer cosa alguna. Y fue la causa que esta Casa presentó este beneficio en un Juan de Mondragón, canónigo de la Sta. Iglesia de Santiago que, como era antes del Concilio (de Trento) se permitía todo. Este canónigo como era poderoso y la Iglesia de Coiro era vieja y se caía, reedificola a fundamentis y puso su (escudo) de armas: Levantose de pagar el patronazgo; los abades se descuidaron y así quedaron apoderados con posesión casi inmemorial. Trátase dunha das moitas doazóns reais feitas no século XII ao mosteiro de Ermelo por monarcas; neste caso, pola raíña Dª.Urraca e o seu primeiro marido, o conde D. Ramón de Borgoña que pasou, do xeito sinalado á familia Mondragón, responsable da reconstrución do templo de San Salvador

No caso da igrexa de San Martiño de Moaña, mandada construír a finais do século XII por un membro da familia Arias, unha das máis importantes do Morrazo naquela época, non hai constancia de que puxeran ningún escudo, a non ser que estivera na ábsida románica que se botou abaixo en 1763 para alongar o templo.

Non obstante, en 1760 as tres entidades perceptoras dos décimos e primicias procedentes dos labregos moañeses: Párroco de San Martiño, Cardeal Besi de Santiago e Universidade Compostelán, quixeron transmitirlle ao pobo, por medio de catro escudos, que foran eles quen correran cos gastos do novo campanario que, nun principio o arcebispo daquela, Gil Taboada pretendía que fose pagado conxuntamente pola igrexa moañesa e os seus fregueses, opoñéndose a elo o párroco, D. Francisco Antonio Tabares Saavedra, da familia fidalga do Rosal.

Da investigación dos anteriores datos na documentación parroquial depositada no Arquivo Diocesano de Santiago, dedúcese que cada escudo ten o seguinte significado: O da cara noroeste contén un báculo e, o que lle sigue na suroeste, unha mitra; ambos os dous símbolos da sé compostelán da que dependía o cardeal e a universidade de Santiago. Os outros dous conteñen cadansúas cruces do modelo TAU as cales, segundo describe Tommaso da Celano, biógrafo de San Francisco de Asís, (3 Cel 3):

“La señal de la TAU era la preferida sobre toda otra señal, con ella sellaba Francisco las cartas y pintaba las paredes de las pequeñas celdas”.

Trátase pois do terceiro pagador do campanario, o cura propio de Moaña, D. Francisco Antonio, devoto dos dous santos con cuxos nomes o bautizaron: San Francisco de Asís, fundador da orde franciscana e San Antonio de Pádua, que chegou a ser abade de dita orde; de ambos proceden as citadas cruces tipo Tau.