viernes, 15 de abril de 2016

Un personaxe e unha data : o mestre Enrique Vidal de Bustamante / por Gerardo Dasairas

A medida que fomos avanzando no coñecemento do que foi a represión franquista e grazas ás investigacións e publicación de numerosos datos sobre a mesma, pudemos comprobar a existencia dunha relación entre Moaña e Verín, através de dous personaxes oriundos de cadansua destas localidades pero ambos detidos e xulgados en Vigo. Un deles foi o avogado galeguista Roberto González Pastoriza que en 1947, despois dunha anterior detención, foi xulgado por un tribunal militar e ainda que foi sobreseído da acusación principal, condenaríano ao desterro en Verín onde permanecería apenas un ano. Verín xa acollera desde o 13 de setembro do 1936, o desterro vixilado de Valentín Paz Andrade, mentor e compañeiro de partido de González Pastoriza, que nunha noite de novembro sufriu un intento de asasinato: “Unha noite moura nun Verín azul... Da cor das armas eran as camisas, salferidas co sangue das cunetas...” –escribiría Paz Andrade anos despois. Apesar de ter pasado máis de dez anos disto, González Pastoriza seguiría o mesmo camiño que este pois en Verín, xa como “paisanos victoriosos”, ainda campaban na vila os da famosa e triste centuria dos “Caballeros de la Muerte”.

Pero non é a nosa intención centrarnos na figura de González Pastoriza ao que o seu pobo natal, Moaña, lle teñen dado o seu recoñecemento público e a sua figura glosada mesmo nestas páxinas do Faro de Vigo. Nestes dias, conmemorativos do 80 aniversario da II República, queremos desde aquí deixar patente o noso recoñecemento ao mestre Enrique Vidal de Bustamente, protagonista en Moaña desta data, facendo unha breve semblanza da sua vida, a día de hoxe ignorada polos seus propios conterráneos.

Ainda non conseguimos averiguar o lugar exacto de orixe deste noso personaxe que naceu cara a 1900 e que diversas referencias sociolaborais fanno natural de Monterrei sen máis pero que no seu expedente de depuración consta como natural de Ourense. Como sexa, o noso interese por este mestre xa vén de hai anos, através das pescudas que deron pé a un traballo sobre os docentes e o ensino de antano na vila do Támega. Por estas, soubemos que no ano 1919 xa exercía en Verín como fundador e profesor da recén inaugurada academia privada de ensino secundario chamada “Liceo Politécnico” e tres anos máis tarde (1922) xa exercería de director da continuadora neste labor, “Academia Verinense”, tamén de nova creación. Esta función directiva vaina compaxinar asemade coa dirección de El Eco de Monterrey, un dos xornais locais de corte liberal-conservador. Nos meses de verán e para reforzar o plantel da academia, adoitaba achegarse a Verín o seu irmán José Vidal, coñecido xornalista deportivo que asinaba como “Olímpico” no periódico republicano “El Pueblo Gallego” de Vigo o que vén xustificar a sua empatía co Partido Republicano Radical de Lerroux.

No ano 1925, Vidal de Bustamante aprobaría as oposicións é obtería destino en Castrelo do Val, concello perto de Verín, onde vai permanecer ata 1928. Neste periodo casaría cunha moza verinense chamada Concha (a filla da “Alpargatera”) e pasaría logo a rexentar a escola de nenos de Albarellos de Monterrei tamén na contorna verinense. En marzo de 1929 accedería por concurso á escola nº 2 de Bueu da que é nomeado mestre propietario por R. O. de novembro do 1930, ainda que logo sería derivado, nesta mesma data, á escola do Casal adscrita ao Pósito Marítimo de Moaña. El e máis a sua muller fixarían a sua residencia nunha casa de aluguer perto da escola en Berducedo.

En 1931 sería elixido presidente da Asociación de Mestres de Pontevedra e coa sua colaboración, a clase política republicana da vila vai gañar en dinamismo ao intervir en mítines e accións de proselitismo societario, acompañando por veces a Emiliano Iglesias, representante provincial do lerrouxismo. Vidal de Bustamante tamén sería nestas datas, un afervoado defensor da inclusión da lingua galega no ensino.

A proclamación da República en Moaña

Desde meses antes das eleicións municipais, viña pairando xa sobre Moaña a confrontación por motivos laborais entre armadores, patróns e mariñeiros dos vapores producíndose boicots e atentados contra os aparellos que viñeron enrarecer o conflito. No medio xa dun clima electoral, o mestre José Corbacho (xunto con José Romero) viña sendo acosado por elementos conservadores organizados que promovían liortas, incluso usando armas, para amedoñar aos veciños. Este mestre xa fora multado polas suas denuncias sobre irregularidades no caciqueado Concello e acusado de provocar disturbios. Vidal de Bustamente, como presidente dos mestres pontevedreses, axiña habería sair na sua defensa para demostrar a sua inocencia ante as acusacións de axitador pero ainda así non o libraron de ser levado detido a Pontevedra.



Os mestres Vidal Bustamante, José Corbacho, A. Taboada e Aquilino Álvarez.

Desde o comezo do periodo eleitoral, Vidal de Bustamante, como militante do Partido Republicano Radical de Moaña, interviría en varios mítines co seu lider Emiliano Iglesias, destacando os que tiveron lugar en Bueu e sobretodo o de Cangas no sábado día 11, víspera das eleicións. Aquí, ante un gran xentío convocado na Casa do Pobo, compartiría mitin cos seus compañeiros mestres, Corbacho, Felipe Carnicer, Víctor Sánchez e Bernardino Graña. Xa en Moaña, ao coñecerse o luns 13 de abril, o trunfo das forzas republicanas nas eleicións, tería lugar unha manifestación que na altura do cuartel da Garda Civil foi conminada a disolverse, dirixíndose a tal fin os gardas ao mestre Corbacho. No medio do balbordo que se produciu soarían uns tiros que ía dirixidos ao mestre pero que irían a impactar na veciña Cándida Lago Veiga, causándolle a morte e converténdoa, así, na primeira mártir inocente da chegada da democracia a Moaña. Dous días despois, o mércores día15, xa oficializado o trunfo das forzas republicanas na eleccións, Vidal de Bustamante, acompañado do socialista Cunqueiro e en presenza dos concelleiros republicanos elixidos, proclamaría a República desde o balcón da Casa do Concello, ante unha numerosa veciñanza alí congregada.






































Cándida Lago


Homenaxe aos mestres e nacemento da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza (FETE-UGT)

Unha semana despois da proclamación da República vai ter lugar en Moaña, o día 19 de maio, unha gran homenaxe a catro mestres do concello, Corbacho, Vidal, Taboada e Novás, asistindo á mesma moitos compañeiros de Vigo e da provincia, así como directivos das Asociaciones de Maestros, algúns vencellados ao Partido Radical.

Houbo manifestación previa e no mitin falarían o alcalde electo José Romero, os mestres Vidal de Bustamante, José Corbacho, José López Varela, Darío Blanco, Victor Fráiz e Gonzalo Martín March, vocal da Asociación Nacional de Maestros de Pontevedra. Despois destes, tomarían a palabra o xornalista e irmán de Enrique, José Vidal de Bustamante, pechando o acto o lider e deputado lerrouxista provincial Emiliano Iglesias Ambrosio. Os oradores, ademáis de exaltar a conduta cívica dos mestres homenaxeados, atacarían duramente á monarquía e ao caciquismo de Bugallal, Casas, Boente e Carballo, louvando os valores republicanos e solicitando a intervención da xustiza no asasinato da veciña Cándida Lago. O acto remataría coa interpretación do Himno de Riego, a Marsellesa e a Internacional.



Homenxe aos mestres de Moaña

O xantar que tivo lugar a continuación, contaría tamén coa asistencia dos líderes agrarios Basilio Álvarez (deputado e coñecido crego ourensán) e Ramón Salgado, recibíndose sobre duascentas adhesións ao acto e realizándose entre os asistentes unha colecta a prol da veciña asasinada. Asemade, aproveitaríase a ocasión para que case un cento de mestres reflexionasen en asemblea sobre a organización societaria do maxisterio, considerando que as actuais Asociación Provincial e a Nacional adoecían de numerosos defectos tomándose diversos acordos. Entre os principais figuraba o ingreso individual ou colectivo na FETE-UGT e apoiar unha escola única nacional do Estado federal sen controis rexionais ou locais, mais con competencias para crear e soster centros de Segundo Ensino, de ensino especial e superiores compatibles cos do Estado. Acordarían, ademáis, establecer o castelán como lingua preferente de cultura por “ser superior a la particularmente regional”, considerando ao galego como lingua materna, un instrumento de ensino en casos precisos e para o que terán que prepararse os mestres, sendo “obxecto de estudio especial” na Secundaria e na Universidade. Solicitarían tamén a presenza dun representante na redacción do Estatuto de Galicia e a posibilidade de presentar candidatos mestres a deputados que deixen oir a sua voz no Parlamento.

En xuño deste mesmo ano constituiríasee nesta vila o Centro Republicano Radical sendo elixido Enrique Vidal de Bustamante como primeiro presidente do mesmo. Militaría na ideoloxía lerrouxista-emilianista ata 1932, ano no que desenvolvéndose en Aldán un acto das Misións Pedagóxicas, sería detido por orde do alcalde de Cangas Pancho Eiroa quen, paradoxalmnte, era do seu mesmo partido. Isto provocaría que Vidal de Bustamante pasase a militar no Partido Republicano Radical Socialista, do que o verinense Manuel Becerra era un destacado dirixente e membro do Goberno, que se integraría posteriormente en Izquierda Republicana.

Ao remate do curso de 1932, Vidal de Bustamente sería destinado a Vigo para dar clases de preparatoria no Instituto de Segundo Ensino. Durante este periodo, defendería os valores republicanos, participaría en congresos e asinaría manifestos a prol da mellora do ensino através de asociacións gremiais e organizacións sindicais afíns á UGT. Un destes sería redactado e publicado o 17 de xuño dirixido aos mestres de Izquierda Republicana para que se adherisen a Asemblea que pretendía coordinar aos mestres cos partidos de esquerdas da provincia e coas autoridades republicanas da mesma. Asinaban este manifesto, ademáis de Vidal de Bustamante, José Meis, Daniel Fragoso, Vicente Viñas Novás, Luis P. Villegas, Benedicto Crespo Rodríguez, Antonio Goldar Rivas, Telesforo López de Guereñu, Gonzalo Martín March e José Corbacho. Tras do periplo histórico e de compromiso republicano deste mestre, sucederíase outro menos ilusionante e terrorífico, marcado pola represión franquista sobre os mestres aos que acusaban de coadxuvar no cambio de mentalidade do país. Contodo, Vidal de Bustamante, ao contrario que moitos dos seus colegas, salvaríase da execución e tras o seu paso polo cárcere de Vigo, sería sancionado en maio de 1940 coa separación do servizo educativo e inhabilitado para cargos públicos ata 1958. Despois desta data, no ano seguinte, e cando xa tiña máis de 60 anos, acolleríase ao Decreto de Rehabilitación dos mestres republicanos, reintegrándose ao maxisterio pero cunha sanción de cinco anos de traslado fóra da provincia. Así, don Enrique acabaría exercendo na escola de nenos da Notaría - Desteríz (Padrenda - Ourense) e morrería dous anos despois, en 1962, nesta mesma parroquia.

MESTRES E MESTRAS DEPURADOS NO MORRAZO

No BOP de Pontevedra (1-9- 1936) e asinada polo gobernador civil, Ricardo Macarrón Piudo, publícase para coñecemento dos interesados, unha relación de 420 mestres e mestras, que “se suspenden de sus cargos”. Na relación, figura en primeiro lugar Gonzalo Martín March, Gobernador civil de Ourense, que fora mestre de Preparatoria no Instituto de Pontevedra e que foi fusilado. Quedaban así provisoriamente suspensos dos seus cargos, “teniendo en cuenta los informes de la Guardia Civil, autoridades locales e Inspección de Primera Enseñanza”, 330 mestres e 90 mestras de 63 concellos provincia de Pontevedra, agás Mondariz Balneario e Portas.

O BOP do 17 de decembro de 1936 volvería a inserir unha Circular da Comisión de Cultura y Enseñanza, dirixida aos Vocais das Comisións Depuradoras de Instrucción Pública, asinada por Pemán (BOE,10/12), onde se facía fincapé no carácter non só punitivo, senón preventivo das medidas tomadas: “No se volverá a tolerar ni menos a proteger y subvencionar a los envenenadores del alma popular, primeros y mayores responsables de todos los crímenes y destrucciones que sobrecogen al mundo y han sembrado de duelo la mayoría de los hogares honrados de España”.

Separación do servizo e baixa no escalafón. 1937-1942

Bernárdez Gómez, Telmo. Pósito Bueu 17-01-1942

Bernárdez Gómez, Jesús. Pósito Cangas 17-01-1942

Couto Mallén, Agustín. San Xulián - Marín 17-01-1942

Gastiasoro Ruiz, Gumersindo. Darbo Cangas 11-05-1940

Piñeiro Camiña, José. Hío Cangas 11-05-1940

Vidal Bustamante, Enrique. Moaña / Instituto Vigo 11-05-1940



Mortos, fusilados ou paseados:

+Sánchez Martil, Víctor. Coiro-Cangas

+Sáez Ruiz, Vicente. Coiro - Cangas 11-05-1940

+Meis Martínez, José. Seixo - Marín 11-05-1940

Publicado en Faro de Vigo 14/02/2016 e 15/04/2016

martes, 15 de marzo de 2016

Algunhas consideracións sobre os alcumes en Moaña / por Soledad Ríos Santomé

Un tema tan aparentemente inocente coma o elixido, os alcumes da poboación de Moaña, resultou ser alta mente controvertido e incómodo para moitos dos participantes. A elección deste tiña un motivo moi concreto que non era máis que a recuperación léxica daquelas palabras comúns hai varias xeracións atrás pero que na actualidade xa están perdidas ou a piques de desaparecer. O feito dos alcumes transmitírense a través de xeracións e xeracións atrás traeríanos ata o presente vestixios léxicos da nosa propia lingua que se me antollaban preciosos. Incluso podería servir para identificar dialectalismos propios da nosa zona.

Pero, para conseguir este obxectivo había que delimitar un campo de recollida básico: o alcume debía ser familiar, non individual. É dicir, non debía denominar unha persoa senón unha familia e ser común inescusablemente a cada membro desa familia. Por outra parte, para evitarmos no posible interferencias indese- xadas de alcumes doutras zonas, era necesario que a familia en cuestión tivese un asentamento na nosa vila de, polo menos, tres xeracións atrás, tomando como referencia primeira a dos adultos. É dicir, no peor dos casos a referencia era a da xeración dos vinte e cinco ou trinta anos (normalmente bastante maior –cincuenta ou sesenta anos) e esta debía acordar o asentamento en Moaña dos seus avós. Estariamos, así, a falar dunha presenza entre nós de alcumes cunha antigüidade de máis de setenta anos no peor dos casos, xa que a maioría deles se transmitiron de ascendentes xa mortos hai ben anos.

Débese incidir, por outra parte, no sistema de recollida efectuado. É dicir, recolleuse o alcume tal e como se pronunciaba, de xeito que non hai unha grafía sistemática (singular/plural, feminino/masculino) senón que existe unha gran variación, desde a recollida en plural (Ferroles), en feminino (Carroucha) ou masculino (Fanico). Lembremos que estamos a falar de alcumes vixentes, de familias con membros vivos de xeito que esa é a forma que se rexistra neste momento e considerei interesante recollela na súa variante popular (sen establecer ningún tipo de regularización allea) para ter unha visión real da variación existente.
Ben, pois delimitado o campo de actuación, o traballo de campo que deu pé ao presente artivo levouse a cabo ao longo de 1998 no termo municipal de Moaña, municipio obxecto da nosa investigación.


CONSIDERACIÓNS XERAIS

Pero, antes ca nada, ¿de que estamos a falar cando nomeamos a palabra alcume? Pois de todos aqueles sobrenomes que se lle adscriben a calquera familia do noso contorno. Non existe colectivo familiar que non o posúa, ao seu pesar moitas veces. As razóns deste ás veces son ben estrañas: unha característica física, unha chata, vicio, procedencia, residencia, inclinacións... e tantos outros que en moitos casos non se poden identificar. O paso do tempo escureceu a razón destes ou transformou tanto o vocábulo que a estas alturas resulta irrecoñecible. O feito de transmitírense só a través da fala fai que padeza todos os fenómenos fonéticos atribuíbles a esta e, ás veces, altera a palabra orixinaria e agora funcionamos con hipóteses. Por outra parte, a imposibilidade en moitos casos de indagar na propia familia a orixe do alcume polas suspicacias das que falaba impide verificar cuestións que, doutro xeito, serían doadas de resolver.

En definitiva, sabemos que os alcumes identifican a unha familia ou grupo familiar. Este queda fixado entre os seus individuos de tal modo que cada un deles é recoñecido na comunidade como membro dese clan. Á vez, cada elemento familiar é portador deste alcuño que o transmitirá inescusablemente á súa descendencia, con independencia da súa disposición ao respecto. Nalgunhas ocasións, este proceso vese momentaneamente interrompido pero deseguida se reanuda.

Pero, se tentamos indagar nas causas deste fenómeno, podemos chegar a algunhas conclusións:

Primeiramente, observamos un exercicio colectivo de poder. A comunidade autooutórgase a facultade de subtraerlle a identidade a un individuo e nomealo unicamente en canto membro dunha familia. Prodúcese unha redución da singularidade a prol dunha marca familiar. É o triunfo da colectividade sobre o suxeito. Non obstante, este proceso ás veces, como dicía, semella truncarse. Algún elemento sae do anonimato e destaca pola súa personalidade, características ou circunstancias. Entón, suspéndese momentaneamente o procedemento, porque o pobo novamente exercerá a súa autoridade acuñando un novo alcume que espallará coma o antigo. Trátase só dunha suspensión circunstancial que non modifica o proceso mesmo senón que o renova con novas incorporacións.

Por outra parte, con este mecanismo de acuñación ponse a proba o enxeño popular e a súa capacidade para identificar un individuo a través dunha única característica que o vai definir na colectividade. Sabemos que había persoas concretas que habitualmente propuñan alcumes (o que supón unha sorte de poder sobre os contemporáneos) pero, cando son varias as que teñen este cometido, será un dos alcumes propostos o que triunfe para o que deberá ser o suficientemente específico e sintético para que teña aceptación social. De que sexa aceptado ou non dependerá o seu espallamento e integración na sociedade. Moitas veces, neste exercicio pérdense as mostras máis elementais de respecto ás persoas ás que se lle adscribe e connota unha desmesurada carraxe, sobre todo tendo presente que se van perpetuar durante décadas. Alcumes coma Papadefuntos, Marrana, Malasangre, Mexón, Porca, Cagasangriño ou Rabioso son suficientemente ilustrativos por si mesmos para non merecer máis comentarios.

Mais, neste proceso advírtese unha asunción por parte do colectivo dun certo vestixio feudal: o estatismo social. Os individuos, con independencia do seu carácter, profesión, economía, cultura, etc., posúen unha marca social que os sitúa nun lugar dentro da comunidade. O seu valor dentro dela vén dado polo valor dado á súa orixe. Este mecanismo convértese nunha lembranza permanente da súa procedencia e da estima desta. Independentemente da traxectoria vital de cada individuo o pobo lembrará constantemente de “quen vén sendo” de maneira que non só se determina de onde vén senón ata onde pode chegar na consideración dentro desa sociedade.

E a consideración da sociedade é diferente segundo o grupo social que nomee. É dicir, non existe un comportamento homoxéneo na acuñación de alcumes xa que existe maior respecto cando é unha boa familia ca cando non é así. Advírtese un especial ensañamento nos colectivos máis desfavorecidos socialmente ós que se alcuma sen compaixón: Fedella, Milhomes, Mexanacopa, Pingandiño, Bosteiro, Cagaestacas, Enchedouro, Failumes... Non é así en todas as ocasións pero en liñas xerais un Matacristos ou Colludo (de familias con “boa” considera- ción social) son a excepción e non a regra.

Por outra parte, existe un continxente importante de alcumes que alude a características sexuais. Todas elas están connotadas negativamente, sobre todo aquelas que se refiren ás mulleres. Neste caso nomean maiormente os órganos sexuais femininos pero de xeito despectivo: Conanegra, Rascanaaña, Rañanaaña, Naicona, Seteconas, Conaseca, Conanegra, Collona... Nos homes, en cambio, fan referencia á actividade sexual: Fodas, Machaca... ou ao seu sexo: Pixote, Pixas, Cortapixas... En xeral, pódese apreciar na comunidade unha especie de castigo, sobre todo feminino, que sanciona certas características ou comportamentos destacados neste aspecto por parte de individualidades.

Por outra banda, xa se advertiu que este proceso se ve interrompido nalgunhas ocasións por diferentes circunstancias de xeito que o alcume anterior queda inhibido e acúñase un novo. Unha desas ocasións é o casamento. Este feito produce unha alteración da transmisión na que, maiormente, un dos elementos recibe o alcume da súa parella quedando o propio inhibido a prol do novo. Por exemplo, unha Casanova casa cun Mozote e desde entón, a Casanova (como se lle coñece por ascendencia familiar) perde o seu alcume e é identificada como Mozota, que é o alcume que triunfa. Os fillos de ambos xa serán Mozotes e Casanova quedará esquecido nesa nova saga. Outro procedemento de renovación vén dado pola personalidade destacada dun individuo que anula a súa adscrición anterior creando unha nova: os Ventura, os Amaro, os de Roque, da Rufina, de Soledá... fálannos dunha persoa que deixou impronta na sociedade na que se inseriu e que a deixou para a posteridade. Finalmente, noutras ocasións, é un suceso concreto acontecido a un individuo o que crea o novo alcume: Caganaverdura, Rillacopas, Cambiamarcos, Arrancapinos...

Este mecanismo de renovación incorpora novidades sociais, culturais ou históricas do momento no que se producen. Recibe este continxente, daquela, novidades como castelanismos alleos á lingua patrimonial ignorados ata hai poucas décadas: Diostelopague, Banquetas, Japonesa, Gitanos, Campanero, Fogonero, Gallegas, Guardián, Marujos, Rojito, Torni- llos, Toreros... Outras incorporacións curiosas son aquelas que fan referencia á aparición do cine, música ou personaxes políticos na nosa cultura: Chaplín, Cantinflas, Pistolas, Vaquero, Machín, Chúrchil...

E, para rematar, este fenómeno da acuñación está na actualidade en franca decadencia. Nas xeracións máis novas prodúcese unha desvinculación total do individuo co grupo de orixe, á vez que se valora máis por si mesmo. Esta mudanza de actitude prodúcese non só por un cambio de mentalidade social senón tamén pola modificación dos condicionantes que deron lugar ao perpetuamento dos sobrenomes. A saber:

Primeiramente, o número de habitantes da vila. Se ben hai varias xeracións atrás toda a comunidade se coñecía, o medre importante da natalidade desde hai varias décadas así como a elección de Moaña por parte de xente allea repercutiu nun crecemento nada desprezable que dificulta a identificación de todos os seus membros con base na súa filiación familiar.

Por outra parte, o constante cambio de espazos por parte das novas xeracións. A escasa mobilidade xeográfica dos nosos ascendentes viña dada porque a maioría residía permanentemente na mesma aldea ou vila. Isto producía que a súa identificación estivese activa e fose referencia permanente. Pero, na actualidade a vida do momento favorece uns fluxos persoais continuos que anulan a dita identificación grupal e, polo tanto, a nula incidencia da súa orixe nos diferentes espazos nos que se move e unha maior valoración do individuo polas súas propias cualidades.

Non se debe esquecer, por outra banda, que hai varias décadas a presenza da escola ou Administración na vida das persoas era moi reducida. Non era preciso identificarse normalmente polo nome ou apelidos. Ademais, a escaseza documental (escrituras e pouco máis) no cotián era a norma e, daquela, a cada elemento abondá- balle con identificarse como membro dunha colectividade e non como persoa individual. Esta situación modificouse substancialmente na actualidade.

Outro condicionante alterado vén dado pola diferente percepción das relacións familiares. As profundas modificacións sociais destas décadas nas que a distancia, as rupturas matrimoniais ou unha unión familiar máis feble forman parte do habitual, repercute (esvaíndoo) no sentimento de pertenza a un mesmo clan que existía noutro tempo.


CONSIDERACIÓNS GRUPAIS

Como dixemos, a orixe do alcuño é diverso e non sempre identificable. Na maioría dos casos o nacemento producius tan atrás que se descoñece a razón que o motivou. Noutros, o nomeamento do propio alcume indícanos a natureza (que non a razón) da súa procedencia (chatas físicas, profesións, toponimia...) e con base nesta pódese establecer unha clasificación. Hai que ter en conta que algúns dos alcumes son susceptibles de aparecer en máis dun grupo (ex. Canario, é unha procedencia ou un paxaro?). Aquí adscribirase ao que se considere máis probable

Animais Destacan, entre todos, os paxaros, os peixes e os animais domésticos. O referente a unha vila moi vinculada ao mar aparece necesariamente nos alcumes da súa poboación: Chincho, Xurelo, Peixi- ños, Faneca, Bacalaus, Carioca, Lorcha, Pescadilla, Xouba, Caramuxo, Choquiños, Caranguexo, Sabenlla... Entre os paxaros temos Colibrí, Merlo, Paloma, Carrizo, Canario, Corvonegro, Calandria... Noutro grupo máis heteroxéneo Abellón, Araña, Bacaloura, Becha, Bichiño, Cascudo, Coello, Curricho, Grilo, Ladilla, Lagarto, Loba, Miñoca, Gatos, Quica, Rato, Touriño...

Profesións
Atopamos aquí tanto profesións presentes como algunhas ás que se dedicaban os novos devanceiros, en moitos casos, xa perdidas: Afiladora, Becerreiro, Campanero, Campeiro, Canastriños, Capador, Capellán, Capona, Cazador, Claveteiro, Chatarreros, Churrera, Feirón, Ferreiro, Fogoneiro, Gaiteiro, Legionario/Lexionario, Muiñeiro, Palangreira, Paletas, Panadeiro, Patateira, Patelas, Peixeiro, Platillero, Poceiro, Polbeiro, Rapapor- cos, Santeiro, Serrador, Trapeiro, Verdulera, Xastre, Xoubeira, Zapateiro, Zoqueiro...

Características físicas e psíquicas
É outra das posibilidades amplamente desenvolta. Falamos tanto das características físicas, psíquicas ou chatas aínda que tamén algunhas afeccións ou defectos. Entre elas, encontramos: Aventurei- ra, Cadreso, Cadrilleiro, Canmaligno, Caraprestada, Chato, Cego, Coxo, Feituco, Mentireira, Malvarroxa, Maneto, Manote, Mediaorella, Rompemesas, Torto, Tranquilo, Gallardo, Gatarroxa, Cotela, Tumbalobos, Roxo, Roturas, Tatexa...

Toponimia
A referencia á toponimia é, así mesmo, un elemento recorrente nos alcuños recollidos. Aparece tanto o lugar de orixe coma o de residencia. A maioría das veces estase a referir a un microtopónimo do muni- cipio; noutras, o lugar de procedencia da súa familia (de fóra de Moaña) e incluso advertimos unha terceira posibilidade: a de que figure un nome común que ilustre de ónde é. Cando se refire á microtoponimia algunha aparece precedido da prepo- sición “de” cunha particularidade digna de mención. Se o microtopónimo leva artigo, este irá incorporado de xeito natural á preposición: do Loural, do Caeiro, de Caia- gua, da Canle, da Fanequeira, da Pontella, de Samil...; co nome común esta preposición aparece sempre: do Alto, do Forno, do Muíño, da Fonte... De procedencia allea recollemos: Madrileño, Malagueño, Valencia, Viscaio, Germana, Gaucho, Pibe, Andaluz, Castilla, Cordobés, Cubana, Chantada, China, Japonesa, Ferroles, Porriña, Portuguesa, Quillo, Xeveira, Xeve... E finalmente, o conxunto dos microtopónimos ilustran os diferentes lugares da nosa xeografía municipal: Couso, Carrasqueira, Carballeira, Carballida, Casaíñas, Casanova, Currás, Chozo, Lourido, Marrúa, Meiriña, Meirán, Miranda, Paralonga, Piñeiro, Real, Refoxos, Salvante, Torre, Vilela, Verdeal...

Personalidades
Nalgunha ocasión é a personalidade dun individuo a que figura como alcume dunha familia. Xa falamos neste caso da forte personalidade e/ou respecto que esta persoa debía espertar na comunidade para merecer un lugar tan destacado. Neste sentido, atopamos referencias tanto a homes coma a mulleres. Por outra parte, son un interesante repertorio da antroponimia dos nosos devanceiros, nomes que, maiormente, están en desuso. Algúns destes figuran aínda en gale- go, o que nos dá indicios da súa antigüidade por ser anteriores á castelanización antroponímica (Martiño, Estre- la, Xoquín, Xacobo, Virxilio...). O alcume pode referirse tanto ao propio nome coma ao seu apelido, incluso este último con derivacións (de García> Garciana). Ademais, a recollida da fonética popular pode producir que algún deses nomes apareza cunha variante vulgar (vocalizacións de grupos consonánticos –Perfeuto-, aparicións de –r- epentéticos –Celestrino- ou incluso apócope de terminacións cultas –Soledá-). Noutros casos, o alcume refírese a un hipocorís- tico (Chuco, Mucha) ou variante familiar e/ou afectiva (Josesiño, Pepucho). Algúns outros exemplos de nomes propios: Adelaida, Alfredas, Alonso, Andrés, Avelino, Avilio, Baldomero, Belisarios, Benitaantonia, Benito, Camilo, Casimiro, Cosme, Curro, Elías, Félix, Franco, Hermelinda, Hermindo, José, Leopoldo, Lisardo, Marcelo, Marcos, Marugos, Nabor, Otilia, Périto, Primitivo, Rogelia, Rufina, Sarita, Secundina, Simón, Ventura, Virgilia. En canto ás referencias aos apelidos: Ballesteros, Boubeta, Castaño, Corbacho, Cordeiro, Entenza, Estévez, Fandiño, Machado, Magalláns, Pazó, Paz, Sampedriño, Varela, Zorrilla...

Cargos
Este apartado refírese a aqueles cargos que se lle adscribiron a un individuo (que quedaron como alcume familiar) e que adoitaba aplicarse de xeito satírico: Almirante, Rei, Reina, Marqués, Conde, Gobernador, Conselleiro... Tamén uns moi simpáticos e curiosísimos Donquince e Misterbimbia que semellan querer dotar ao individuo dunha satirizada consideración social.

Léxico común
É o grupo máis numeroso dos alcumes recollidos. Probablemente debería ser moito máis amplo do que resulta neste traballo pero a transmisión xeneracional ao longo de varias décadas e reducida unicamente á fala produciu por unha parte que vocabulario que quizais no seu día tivese plena vixencia na actualidade estea perdido e non sexa posible recuperar (se acaso unha investigación máis exhaustiva da levada a cabo ofrecese mellores resultados). Aínda así, apreciamos uns patrimoniais: Baralla, Martelo, Parella... Por outra, como este tipo de vocábulos están reducidos unicamente á transmisión oral e carecen de fixación escrita, están sometidos a todo tipo de fenómenos fonéticos (como apreciamos) propios da fala (asimilación, disimilación, epéntese, paragoxe, rotacismo...) e os propios desta zona (seseo e gheada). Todo este tipo de fenómenos puideron actuar de tal xeito sobre a palabra orixinal que, co decorrer do tempo, se nos presente moi desfigurada polo que a súa identificación resulta máis complicada (por exemplo, Balborro, vén de Balbordo?). En conxunto, atopamos: Bagullo, Banda, Bandeira, Barandas, Barrera, Barrena, Barullo, Bocho, Bola, Boliña, Bomba, Bote, Botellas, Bugallo, Cabanas, Cabanelas, Cabo, Cacharela, Cache- lo, Cadreso, Cagallón, Cagarría, Camarón, Cambón, Canal, Cancela, Canelas, Canizas, Canle, Cañón, Cañoteira, Caralladas, Caranvel, Carballo, Carreta, Cartucho, Cereixa, Cincuenta, Corenta, Chouzo, Chulo, Dios, Eira, Fames, Figueiras, Fosa, Furia, Gadellas, Gala, Galán, Galiñán, Gamelo, Garabuxo, Gicha, Gomas, Grolo, Inverno, Jue- ves, Lengüíñas, Lomba, Luceira, Machada, Maniquí, Manises, Marabilla, Menudo, Modas, Moncosa, Namorado, Ochenta, Pachanga, Paisana, Palma, Pallaso, Panzote, Paparota, Patachán, Patolas, Patrona, Peto, Pilla, Pinche, Pinga, Piñeiro, Pisca, Pistolas, Pita, Poalla, Poda, Pola, Portela, Pota, Pote, Rabe- lo, Racha, Rala, Raxeira, Recia, Repola, Roca, Rosales, Roxo, Rúa, Rucha, Sapo, Secas, Seixa, Sereno, Taboeiro, Taramallo, Tirria, Tixeiras, Talón, Tornillos, Torre, Tren, Vilas, Viñas e Zocos.

Indeterminados
Este apartado constitúese como produto directo do dito con anterioridade. As per- das de vocabulario, as transformacións fonéticas e o descoñecemento da orixe do alcume conforman un grupo de vocábulos sen identificar moi numeroso. Algúns deles son moi semellantes a palabras rexistradas ou coñecidas; doutros descoñécese totalmente a súa procedencia. Algúns exemplos son: Asuero, Babús, Barral, Barrasco, Barride, Benvaré, Bora, Borello, Brenca, Butraco, Buxaca, Cachago, Cachila, Caní, Capañoles, Capengo, Cará, Caringa, Carpizo, Carquías, Carraocha, Carrulia, Caxica, Cochés, Cosulo, Chana, Chaniosa, Cherra, Chindo, Chirles, Chiscorio, Chun- guiño, Donacha, Fuchinín, Funicho, Gaís, Gatula, Ginio, Gilete, Jusí, Lambranca, Landina, Lastroa, Lavicha, Lelos, Liñaseira, Loño, Maleva, Masancheira, Manguinotes, Mantoña, Maris- tán, Medraña, Merco, Náxara, Nícharo, Padula, Pandiana, Panduca, Parruco, Pautrusque, Penicha, Perricote, Pici, Pichenchas, Pilo, Pinicha, Piote, Piouchos, Piribí, Pistana, Ponuna, Puches, Puchi, Puqui, Ramboia, Rarucacha, Revericho, Richía, Saiñeira, Sanaseu, Sirín, Taitai, Tapuchi, Tenoura, Tixano, Uicha, Xeniño, Xursuro...


CONSIDERACIÓNS GRAMATICAIS
Consideracións morfolóxicas

Unha cuestión que se debe ter en conta é o comportamento morfemático dos alcumes. En todos eles atopamos variación de xénero e número de xeito que se recollen todas as variacións posibles. Esta diversidade morfemática, en xeral, realízase coa aplicación dos morfemas –o/-e para o masculino singular, -a para o feminino singular, -os/-es para o masculino plural e –as para o feminino plural. Así, teriamos o Piote (masculino singular), a Piota (feminino singular), os Piotes (masculino plural) e as Piotas (feminino plural). Esta variación pode ser unha fonte de confusionismo á hora de identificar a palabra que denomina o propio alcume. Por exemplo, atopamos un Parrando que pode, en realidade, nomear unha parranda, pero como é asignado ao elemento masculino, aplica o morfema –o final polo que o vocábulo orixinal queda parcialmente desfigurado. Exemplos disto atopamos abondos: Cadeta (de cadete?), Caneco/Caneca (segundo sexa en orixe un ou outro varía o significado), Canexo (canexa?), Casqueiro/Casqueira (cambio de significado segundo sexa un ou outro), Pito/Pita (idem.), Rasquiza (rasquizo?), Troules (troula?), Vilelo (Vilela?).

Consideracións fonéticas

Non podemos deixar de resaltar neste apartado que a oralidade foi a única transmisora dos alcumes, polo que o vocábulo orixinal sufriu o desgaste constante da fala, á vez que padeceu, como xa se dixo, os fenómenos fonéticos propios da área dialectal á que están circunscritos. De aí que, entre estes, destaquemos como fenómenos máis importantes a incorporación do seseo e a gheada a todos eles, tal como acontece na fala habitual. En detalle:
- Seseo. Realízase a través dunha pronuncia predorsal, tanto implosivo (Paz, Chucofernández...) como explo- sivo (Bouziñas, Cancelas, Lapuzas...) en todos os vocábulos susceptibles de padecelo. Esta alteración das marxes entre as diferentes sibilantes acaba producindo alteracións nas demais, de xeito que tamén podemos apreciar outro fenómeno

- Despalatalización do x Encontramos tamén esta característica propia da nosa zona de maneira moi acusada. A fricativa palatal x despalatízase, tanto en posición implosiva (Félix) como explosiva (Queixodepau, Cereixo, Penduruxas, Pexego...) quedando a medio camiño entre unha apical e unha palatal. Este fenómeno reaxusta todo o cadro de sibilantes e das súas realizacións de maneira que acaba afectando ao resto.

- Pronuncia perdorsal do s. É unha consecuencia directa do reaxuste do que falaba. Suponse que o seseo debía afectar só a aquelas palabras co fonema /z/ pero non sempre é así de xeito que, en moitas ocasións, a sibilante apical s tende a realizarse como predorsal (típica do seseo) na nosa pronuncia cando non debería estar activa (Cadreso, Curraso, Liñaseira..

- Outros casos de sibilantes. Requiren unha mención especial os alcumes Brixo, Pixote, Pixón ou Cortapixas. En todos eles se produciu unha dobre transformación fonética xa que a pro- nuncia actual realízaos coa sibilante predorsal, predominante no seseo. É dicir, que se realizou simultaneamente unha despalatalización completa e finalmente unha transformación da sibilante apical en predorsal

- Gheada. Trátase doutro dos grandes fenómenos fonéticos que nos afectan. A realización é cunha fricativa velar na maioría dos alcuños (Bugallo, Cachagos, Grela, Grilo, Grisa...) aínda que existe unha excepción amplamente verificada: o alcume Manigüas non padece o seseo en ningún dos informantes consultados. Por outra parte, o grupo –ng- na fala cotiá normalmente non presenta gheada a non ser nalgúns vocábulos. Pois ben, nos alcumes, consonte o que acontece na toponimia, non a presenta nunca. Rexístranse sempre sen gheada (Caringa, Capengo, Chunguiña, Chunguitos, Mingos, Manguinote, Pachanga, Pinga, Taranga, Tarangallas...)

Consideracións ortográficas
Falamos desta vez da vacilación vocálica entre vogais dun mesmo grupo. É fre- cuente, deste xeito, o intercambio entre as palatais i/e (Abellón/Abillón, Bechuco/Bichuco, Becho/Bicho...) como entre as velares u/o (Bocareu/Bucareu, Cachela/Cachila...).

Consideracións léxico-semánticas
Agrupamos aquí un conxunto heteroxéneo de posibilidades:

Vulgarismos. Como xa se mencionou o feito de que o alcume se reproduza só na fala fai que rexistre todos os fenómenos da oralidade. Atopamos algúns exemplos: Caranvel (incorpora un –n- epentético), Perfeuto (vocaliza o grupo –ct-), Taramallo (polo normativo trasmallo), Celestrino (incorpora un –r- epentético), Dolfina (disimilación e por o).
Tampouco queremos deixar de comentar os casos de Chamarrías e Balborro. As procedencias semellan ser Etchevarría e Balbordo pero o desgaste fonético puido levar os correspondentes vocábulos:

Dialectalismos. Agrupamos aquí tantoas diferentes variantes para unha mesma palabra (Cagallón / Cagalla / Cagallo, Coello / Coenllo) coma os vocábulos propios da zona ou que se confrontan coa solución actual maioritaria: Carracho, Carracheira, Garabuxo (curiosamente aquí a palabra é garabizo ou garabullo –menos popular-), Cerdeira (aquí tamén é maioritaria a forma cereixeira), Moncosa (na fala tamén se recolle este –n- epentético) ou Gadellas (tamén deste xeito na fala).

Castelanismos. Como xa se ten comentado, a transmisión no tempo do alcuño é un indicador moi revelador da evolución da propia fala e das influencias que esta padece. Un indicativo disto é a incorporación de castelanismos ou palabras da nosa historia máis recente. Atopamos, por outro lado, unha serie de denominacións que na actualidade están perdidas da fala ou con moi pouca presencia nela. Á vez, atopamos algúns exemplos onde o termo patrimonial foi substituído polo castelán e agora mesmo é a única forma que coñecemos. Algúns exemplos: Peral, Jucís, Menudo, Nietos, Taconera, Tixeiras, Veleros, Judíos, Guardián, Obrero, Ochenta..

Cuestións léxicas. Este, ó noso entender, é un apartado especialmente interesante por retrotraernos vocabulario de varias xeracións atrás. Sobre todo se se ten en conta que a castelanización léxica máis intensa se produce desde a última metade de século para adiante. Deste xeito, a través dos alcuños podemos achegarnos a un estadio léxico anterior ó despegue castelanizador. Entre estes, atopamos uns preciosos Parrumeiro, Brizo, Sabenlla, Canle, Xoquín, Barallas, Caíño, Campeiro, Cambón, Cabanelas, Bocho, Bechoco, Balouqueira, Cacharela, Caneca, Canela, Canizada, Caniza, Capona, Cardama, Carniza, Carola, Carracheira, Carroucha, Cascudo, Casqueira, Cotela, Covacha, Capona, Cunico, Chicha, Chicho, Chisca, Chouso, Eira, Folón, Galla, Garuleiro, Grolo, Laverco, Lomba, Lorcha, Lorón, Loural, Luceira, Maneto, Mico, Mucho, Orxo, Paparote, Peto, Pinche, Perica, Pisca, Pita, Piteira, Rabela, Rapeira, Rapona, Rasquiza, Raxeira, Rechio, Requichas, Santeiro, Sarriera, Secas, Teixeira, Trapeiro,T roules, Uveiras, Tuta, Varela, Viradeira, Vixío, Xurreira, Rañó ... Todos eles nos falan dunha normalidade que xa non existe. Por outra parte, é posible que exista un continxente importante de patrimonio léxico que hoxe en día temos sen identificar. Dalgúns alcumes sabemos aínda o significado aínda que na actualidade se perderon da fala. Outros, en cambio, están en proceso de desaparición. Algúns outros só teñen significado para as xeracións máis vellas. Aos máis novos xa non lles di nada.

E con este repaso aos alcumes de Moaña agardo ter dado unha visión global do que é este fenómeno tan característico da nosa cultura ata hai ben poucos anos. Escolléronse uns cantos para ilustrar o comentado. Hai moitos, moitísimos máis dos que aquí aparecen quizais tan ou máis interesantes cós seleccionados. Agardo con isto ter contribuído a aclarar o panorama deste aspecto da antroponimia tan interesante.

lunes, 14 de marzo de 2016

Mulleres da Casa e Granxa de Paxarín / por Manuel Uxío García Barreiro

A Casa e Ganxa de Paxarín, no actual barrio moañés de Ameixoada, foi escriturada como vínculo e morgado no ano 1.613 por D. Antón Costa e a súa muller, Dª. Maior de la Iglesia; seus herdeiros levaron o primeiro apelido Costa ata que foi interrompido pouco mais dun século despois. Ao contrario que no Rosal, no que era sempre o fillo maior quen lle sucedía ao pai, o Sr. de Paxarín podía elixir ao fillo que consideraba mais axeitado para herdar o patrimonio vinculado na súa integridade.


Pazo de Paxarín. Reconstruído en 1757


Tamén, a semellanza do Rosal, os demais vástagos estudaban a carreira eclesiástica para poder vivir de rendas e ao non dispor do dereito de presentación de párrocos na igrexa de San Martiño, como acontecía no Rosal, tres deles en diferentes épocas chegaron a ser vicecuras de Moaña e outro, cura propio de Meira.

En Paxarín foron señoras consortes, ao longo dos séculos, dúas mulleres moañeses de crases inferiores. Unha delas, tamén de Ameixoada, foi a criada da Casa Dª. Antonia dos Santos que casou con D. Juan Costas Aballe Acuña en 1.713 logo que este enviuvara da primeira esposa coa que tivera varios fillos. Pola causa deste novo casamento, o desgusto do único que quedou vivo, Francisco Costas, foi moi grande, chegando a denunciar en algunhas ocasións ao seu pai por disipar o patrimonio conxuntamente coa segunda muller.

As razóns que expuxera D. Juan Costas para casarse de segundas nupcias, segundo subliña no seu testamento, feito en 1.735, foron as seguintes:

…= Item declaro que la dha. Antonia dos Santos, antes de casarme con ella me ha criado tres hijos a su pecho, del primer matrimonio, Y me ha servido después de la criacion de dichos niños, ocho años,

O casamento coa criada deu lugar a que o fillo se trasladara a vivir ao pazo de Balea en Cangas coa súa dona, Dª. Magdalena Mariño de Lobera e, despois de ter unha parella de cativos con ela, emigrar rumbo a América onde morreu antes do ano 1735 en que seu pai fixo testamento e, deseguido tivo lugar o seu pasamento

Pouco despois da morte do sogro Dª. Magdalena, xunto cos dous fillos do matrimonio e o pai, mudáronse a Paxarín onde o varón, D. Pedro Benito Aballe Mariño, sucedera ao seu avó como vinculeiro de Paxarin

Mentres o sucesor era menor de idade, esta fidalga de Balea puxo en orden a Casa de Paxarín e custeoulle a carreira eclesiástica para, despois de ordenarse crego, chegara a ser vicecura de Moaña. Neste cargo, asinou o contrato de alongamento da igrexa de San Martiño en 1.763, despois de botar a baixo, en 1757 a antiga Casa Grande e, no seu lugar, erguer o esvelto pazo que se olla na actualidade. Cando se restaurou o retablo da capela do Rosario apareceu o nome deste cura gravado na súa zona alta.

No testamento de D. Pedro Benito Avalle, feito en 1.781, nomea por herdeiro do vínculo de Paxarín a outro vicecura de Moaña, seu sobriño D. Simón Rubiños Mariño, fillo da súa irmán Baltasara e do seu marido o notario de Poulo D. Antonio Rubiños, que con el habitaron no pazo.

Do crego D. Simón Rubiños conservase un documento moi singular; tratase da denuncia que fai contra unha muller, chamada Rosa Paz e o seu marido, na data do 28 de xullo de 1.785, por inxurialo deste xeito:

... le tiene agraviado e infamado públicamente con común escándalo, y grave deshonor, imputándole mal modo e vivir con Maria Antonia Gonzalez, hija de los sobredichos hasta el extremo de asegurar se hallaba encinta de el compareciente y sin embargo de ser cabalmente notoria, constante y publica su honestidad, buena fama y opinión,… vindicando al mismo tiempo su honor con respecto a su carácter y estado…

Polo que da a entender dito documento, o cura querelouse contra a nai dunha moza pobre por ir pregoando que a súa filla estaba embarazada del, cando cando consideraba que se trataba dunha muller honesta.

Este crego e, ao mesmo tempo, señor de Paxarín morreu en 1.791 con 34 anos de idade, herdando o pazo seu irmán, tamén cura, malia que de menores ordes, D. Pedro Benito Rubiños quen, deseguido colgou os hábitos eclesiásticos para converterse no primeiro industrial moañés ao construír en terreos que mercara no Con, da freguesía de Tirán, unha fábrica de salgadura de peixe; exemplo de señor paceño que non se resignou a vivir das moitas rendas que producían as terras da súa propiedade.

Rompeu tamén moldes ao casar en 1.818 cunha muller pobre de Rialdarca que tivera con el dous fillos os cales, na data do casamento, tiñan 11 e 13 anos; a nova familia instalouse no pazo onde, pouco despois naceu unha nova rapaza, Serafina, que se converteu, anos máis tarde, na primeira empresaria de Moaña por ser a herdeira da antedita fabrica de salgadura.

No ano 1.830 morre D. Pedro Benito, sen dúbida un dos persoeiros mais importantes da historia de Moaña, deixando como sucesor no vínculo ao seu fillo D. José Benito Rubiños, casado con Dª. María Josefa Costas, irmán da señora consorte do Rosal; deste xeito os señores dos dous pazos moañeses chegaron a ser cuñados.

O mesmo que acontecía no Rosal, o Sr. de Paxarín tivo que cumprir coa normativa de 1.841 que prohibía os vínculos e morgados; por esa causa, en 1.874 fai testamento para dividir a facenda de Paxarín entre as tres fillas do matrimonio pois, o seu único fillo morrera solteiro aos 22 anos de bronco- larinxites.

A mais favorecida no reparto da herdanza foi Dª Concepción, casada cun médico de Cangas por suceder á súa tía Serafina na propiedade da industria do Con, dúas casas que estaban ao seu carón e moitas terras; a outra filla, Socorro, na súa madurez casou en Coruxo finando sen descendentes e a seguinte, Rosalía, foi casar e residir a Bouzas cun médico nomeado D. Clemente Fandiño Carballido co que tivo descendencia.

Diferentes circunstancias estiveron na orixe de que a única filla de Dª Concepción e do médico, D. Victoriano García Mariño, nacida en Paxarín en 1.860 e bautizada na igrexa de San Martiño co nome de Eduarda Elvira García Rubiños, convertérase nunha riquísima herdeira.


Dª Elvira García Rubiños, derradeira señora da liñaxe histórica de Paxarín. Naceu e morreu no pazo. Foto de Jaime Taboada


A pesares de estar namorada de Juan Vázquez, fillo do fomentador de Marín que tiña en aluguer a fábrica do Con, a esta dona, que pasou a nenez e adolescencia nunha das casas do Con onde seu pai exercía a medicina e súa nai rexentaba a fábrica de salgadura, casárona cun home da súa idade, D. Victoriano Domínguez, boticario procedente dunha familia acomodada de Ribadavia que tiña farmacia na rúa Gamboa de Vigo.

Na cidade viguesa tiveron dous fillos, Victoriano e Concepción; cando estes aínda eran cativos, despois da morte dos pais, o marido denunciou á muller porque o citado Juan, xunto co seu proxenitor, administrábanlle moi mal o patrimonio familiar que debían herdar os fillos; deste xeito, pediu por vía xudicial o traspaso a el de todos os bens de Elvira. A sentenza foi favorable a ela, aínda que o xuíz obrigouna a prescindir dos dous administradores.

Este e outros feitos están na orixe de que Dª. Elvira cruzase con frecuencia a ría para recibir a Juan na súa casa do Con, deixando aos dous rapaces en Vigo co pai. Un cancro, diagnosticado cando ía cumprir 37 anos polo seu médico de Cangas D. Severino Figueirido, complicoulle aínda máis a existencia desta muller quen, na data do 19 de xuño de 1897, estando embarazada doutro neno froito dos amores adúlteros con Juan, fixo testamento hológrafo na súa casa do Con que, deseguido, entregou nun sobre pechado e lacrado ao notario de Cangas D. Julián Alonso Sánchez; tiña daquela, 37 anos.

Segundo unha partida de bautismo da igrexa de San Xoán de Tirán, o 9 de setembro de 1897, o cura párroco bautizou un neno que:

...dicen ser hijo de Dª Elvira García Rubiños, esposa de Dn. Adolfo Domínguez Gómez, Farmacéutico en la Ciudad de Vigo y natural de Rivadavia, la que se halla en esta parroquia temporalmente, el tal niño nació el veintinueve de Julio pasado, en el lugar del Con, y le puse nombre Severino Juan = …


Casas achegadas a antiga salgadeira do Con onde viviu Dª Elvira Gª Rubiños


Nesta partida destácase que o crego non describe ao rapaz como fillo de Elvira e do marido, senón unicamente dela que, ao mesmo tempo, era esposa de Adolfo. O padriño foi o médico de Cangas que a atendía e do que tomou o bautizado seu primeiro nome, Severino, poñéndolle como segundo o do pai biolóxico, Juan.

Cando pasara pouco máis dun ano dende o nacemento do seu terceiro fillo, na data do 9 de outubro de 1898, Dª. Elvira foi atopada morta polo caseiro de Paxarín no interior do propio pazo onde a encerraran na máis completa soidade cando ía a cumprir 38 anos de idade. Os tres fillos vivían en Vigo co marido. A tradición verbal salienta que o seu amante, Juan Vázquez, saltaba muros da granxa para poder estar con ela en segredo.

Un ano antes do falecemento da derradeira persoa da estirpe histórica de Paxarín, que naceu e morreu no pazo cando o cancro que padecía estaba a xeneralizarse, outorgara testamento pechado co obxecto de que ninguén, en vida dela, soubese que íalle deixar a Juan unha terceira parte do seu patrimonio, na que se incluían todas as propiedades do Con, fábrica, casas e terreos, ademais de terras próximas; as outras dúas terceiras partes cedíallas aos tres fillos.

O mais novo dos fillos de Dª. Elvira, Severino Juan, froito dos amores que tivera con Juan, finou en Torroso, concello de Mos, na data do 14 de abril de 1899 cando contaba 21 meses de idade, polo que os bens que herdara da nai repartíronse, a partes iguais, entre os seus irmáns, Victoriano e Concepción.

Victoriano estudou a carreira de farmacia, como o pai, e montou botica en Moaña no baixo da casa de Quintela que herdara da nai. No seu primeiro andar viviu casado con Dª. Sofía, procedente de Bueu, coa que non tivo descendencia.


Casa de Quintela onde viviu e puxo botica D. Victoriano Domínguez. Foi botada abaixo na primeira década do século XXI


Segundo relata un dos seus familiares, a única filla do matrimonio, Concepción, viviu condicionada pola vida adúltera da súa finada nai; así, cando chegou á mocidade tivo dificultades dabondo para ter relacións con homes da súa idade polo que casou co tío paterno, Juan Domínguez, e con el foi vivir cara a Tucumán, en Arxentina, onde rexentou un establecemento agrícola. En terras americanas tiveron unha única filla, Gumersinda Digna, nacida no ano 1914, coa que regresaron a Vigo para que estudase no colexio de Cluny.

Concepción morreu en dita cidade no ano 1927 e a súa única filla, que permaneceu toda a vida solteira, conviviu durante largo tempo coa súa tía e prima, Emilia Domínguez, na rúa viguesa Pi y Margall onde faleceu a finais do século XX, con máis de 80 anos, segundo describe o neto de Emilia, Jaime Taboada


Dª Concepción Domínugez, filla de Dª Elvira, co seu marido e única herdeira, Gumersinda Digna (Dina). Foto de Jaime Taboada


Obsérvase pois como a liñaxe histórica de Paxarín unicamente se perpetuou a través de Dª. Rosalía Rubiños da que se coñece que tivo a lo menos un fillo en Bouzas, co seu marido, o médico D. Clemente Fandiño, quen nos comezos dos anos 40 interveu na venda do pazo e granxa, na súa totalidade, a unha familia de Lalín encabezada por Raúl Choren e a súa dona os cales, xunto cos fillos, pasaron a residir nel con toda a súa extensa familia.

Nesta historia das mulleres do vínculo e morgado de Paxarín pódese comprobar que, ao contrario do acontecido no Rosal, neste pazo de Ameixoada houbo moito interese en adaptarse aos novos tempos, mesturándose crases sociais diferentes e sendo pioneiros na industrialización do actual concello moañés, malia que a morte prematura dun fillo varón quixo que do apelido Rubiños non quedase ningunha pegada nos descendentes da estirpe histórica paceña.

lunes, 7 de marzo de 2016

Campesiñas de Meira que sobresaíron no século XVIII / por Manuel Uxío García Barrerio
















Mulleres traballando en Conservas La Guía. Anos 60; A.C. Nós


Para honrar ás mulleres no seu día internacional, deseguido vanse sacar á luz, dende a escuridade dos arquivos históricos, a algunhas donas da parroquia moañesa de Meira que ao longo do século XVIII erguéronse, con resultados desiguais, contra costumes discriminatorias e asoballamentos de institucións eclesiásticas e civís, dominadas polos homes.




























Mulleres traballando nas cordoerías de Meira. A. C. Nós


Nun primeiro lugar, saliéntase un convenio de apartamento entre Pedro do Paso e Dominga de Meira datado o 14 de setembro de 1714 diante do escribán de Teis, González de Otero, e depositado no Arquivo Histórico de Pontevedra; a causa foi:
… que ellos han tenido cópula carnal el uno con el otro de cuyo ayuntamiento se hizo preñada la otorgante y parió una niña que le pusieron por nombre Adriana por cuyo motivo pretendía que dicho Pedro do Paso se casase con ella sobre que pretendían tener pleito y litigio. Y considerando dichos otorgantes que los tales pleitos son muy costosos y sus fines dudosos, se convinieron y ajustaron entre ambos otorgantes de que dicho Pedro do Paso haya de dar y da a dicha Dominga de Meira así por razón de su honor y virginidad, como por la de criar a dicha su hija, por tiempo y espacio de un año, que ha de empezar a correr y contarse desde hoy, día de la fecha, hasta ser fenecido, trescientas y cincuenta reales de moneda de vellón …

Con este singular convenio, dos que eran escasos no antigo réxime, Dominga obtivo do pai da nena, por unha soia vez, a cantidade de diñeiro descrita, equivalente ao salario anual dun traballador da época; por tal motivo, comprométese baixo xuramento:
… a Dios Nuestro Señor y a una Señal de la Cruz que formó con su mano derecha… en ningún tiempo ni en ningún tribunal le pedirá ni reclamará cosa alguna, ni impedirá que dicho Pedro do Paso se case con quien le pareciere, sin hacer en razón de ello ni de repetir otra cosa alguna contra el sobredicho por la razón de haberle desflorado, haber parido de ello y criazón de dicha su hija durante dicho tiempo…

Pasando a unha acta da visita pastoral que no ano 1724 fixo a Meira o arcebispo compostelán, D. Miguel Herrero Esgueva, custodiada no Arquivo Diocesano de Santiago, pódese ler nela o seguinte:
Que ninguna persona trabaje los días de fiesta, ni de noche tenga en su casa hiladas ni otro motivo de concurrir hombres y mujeres, ni los molineros consientan de noche en los molinos a hombres y mujeres si no que a unos y otros los despidan al anochecer, pena de un ducado por la primera vez y de dos por la segunda, para la lámpara del Santísimo; y la tercera, dé el cura aviso para enviar ministro y tomar más severo castigo.

Polo que se constata no libro de contas da confraría do Santísimo Sacramento, o párroco de Meira cumpriu máis dunha vez co mandato arcebispal de perseguir ás fiadas; deste xeito, no ano 1726 cargou a seguinte condenación no libro de contas da Igrexa de Sta. Baia:
Más se le hace cargo de treinta y dos reales en que condenó el cura a una mujer que ha hecho una hilada, y a los padres de las mozas que asistieron a ella; y a la que la hizo en un ducado, y a las mozas que hilaron y vinieron a ella, a cada una en un real, que fueron veintiuna mozas.

Saíulle caro á pobre muller que deixou a bodega da súa casa para que fiaran as 21 mozas de Meira; o curioso é que non multaron a ningún mozo pois, o normal era que a esas xuntanzas acudiran varios homes para cantar e bailar con elas, contar contos, etc.

Un terceiro caso aparece nun protocolo notarial depositado no Arquivo Histórico de Pontevedra; por medio del, 42 homes cabezas de familia de Meira, decidiron o 30 de agosto do ano 1725, na presenza do escribán de Teis D. Jacinto González Otero, darlle poder a dous deles para que, representándoos a todos, comparezan diante dos:

… Gobernadores y oidores de la Real Audiencia de este Reino o ante otro cualquier Juez y Tribunal y den queja contra María Meira, Pascua Piñeiro, María de Verdeal, Ángela Álvarez, Dominga de Meira, María Piñeiro, Juana Piñeiro y otras personas que tienen el oficio de panaderas y son vecinas de esta dicha villa y coto sin que en él quieran vender ningún pan del que cuecen y lo transportan a vender a la Villa de Vigo y a otras partes, dejando a los naturales sin abasto y además de ello compraren el maíz a los vecinos que lo venden y a otras personas, todo en grave daño y perjuicio de los pobres naturales que compran el pan como son los otorgantes y otros muchos, dándole subido precio, para que pidan que dichas Panaderas no pasen a vender dicho pan a la dicha Villa de Vigo, ni a otra parte sino que lo vendan en esta dicha villa y coto …

Esta escritura mostra como sete mulleres emprendedoras de Meira, nunha época dominada polos homes, foron capaces de xuntarse para sacar o maior rendemento posible do seu traballo; deste xeito, non tiñan que depender economicamente dos pais, irmáns ou maridos.

Tres exemplos históricos do longo camiño percorrido polas mulleres, neste caso da parroquia moañesa de Meira, para conseguir os mesmos dereitos que os homes.

Manuel Uxío García Barreiro
Para Faro de Vigo, marzo 2016

martes, 5 de enero de 2016

As escolas do Pósito de Pescadores / Manuel Anxo Méndez


O mestre Pedro Fondevila Abeledo na escola de Orientación Marítimo Pesqueira do Casal no curso 1957-58.

Nas memorias de José Costa Alonso faise referencia á inauguración da primeira escola creada por esta asociación: O día 15 de xuño de 1922, lograda a concesión da subvención para o sostemento do ensino, celebrouse un acto importante no Pósito. Inauguráronse as ensinanzas para os fillos dos asociados, coincidindo co primeiro aniversario da constitución da sociedade. Asistiu o señor Axudante de Cangas quen dirixiu a palabra aos concorrentes e tamén aos futuros alumnos da escola que ía comezar o seu funcionamento no lugar da Praia de Moaña. Foi nomeado mestre en propiedade da escola do Pósito Manuel Jesús Juncal Paredes, substituído pouco tempo despois polo seu pai Francisco Juncal Currás e logo por Manuel Sueiro da Riva.

En setembro de 1925 inaugurouse a escola de Tirán que estaba situada no lugar de Vilela, nun local amplo que tiña unhas boas coleccións de láminas murais de xeografía, pesca, pesas e medidas. Nomeouse profesor a Ramiro Moure Moure. Despois dos discursos, os alumnos do Pósito de Cangas, dirixidos polo seu mestre, cantaron o himno dos Pósitos e tamén o galego. A continuación servíronse pastas e refrescos para os nenos e demais asistentes, tocouse a gaita e organizouse un baile en plena estrada que durou ata as nove da noite.

Estas escolas serán nacionalizadas e pasarán a depender do Estado en decembro de 1928. Pasarán a denominarse Escolas de Orientación Marítima y Pesquera e seguirán funcionando bastantes anos máis na Praia de Moaña e no Casal. Teñen mestres especializados que preparan ao alumnado masculino para continuar cos estudos relacionados coa pesca que se impartían en Vigo.

As escolas de Orientación Marítima e Pesqueira pertencerán despois ao Padroado do Instituto Social da Mariña e dependerían do Ministerio de Traballo. Para solicitar esas prazas os mestres debían ter a oposición aprobada e presentarse a un concurso de méritos a nivel nacional solicitando as vacantes existentes e para iso tiñan moita importancia os informes dos Pósitos e das Confrarías de Pescadores. Una vez que o mestre tiña o nomeamento debía facer un cursiño que organizaba o Instituto Social da Mariña e que se impartía na universidade hispanoamericana de verán Santa María de la Rábida en Huelva.

Os últimos mestres destas escolas de Orientación Marítima e Pesqueira foron Manuel Chouciño Villar, Pedro Fondevila Abeledo, José Vilas Simal e Abel Rodríguez Pérez.

Memoria de Moaña

Agrupación Cultural Nós