martes, 5 de enero de 2016

As escolas do Pósito de Pescadores / Manuel Anxo Méndez


O mestre Pedro Fondevila Abeledo na escola de Orientación Marítimo Pesqueira do Casal no curso 1957-58.

Nas memorias de José Costa Alonso faise referencia á inauguración da primeira escola creada por esta asociación: O día 15 de xuño de 1922, lograda a concesión da subvención para o sostemento do ensino, celebrouse un acto importante no Pósito. Inauguráronse as ensinanzas para os fillos dos asociados, coincidindo co primeiro aniversario da constitución da sociedade. Asistiu o señor Axudante de Cangas quen dirixiu a palabra aos concorrentes e tamén aos futuros alumnos da escola que ía comezar o seu funcionamento no lugar da Praia de Moaña. Foi nomeado mestre en propiedade da escola do Pósito Manuel Jesús Juncal Paredes, substituído pouco tempo despois polo seu pai Francisco Juncal Currás e logo por Manuel Sueiro da Riva.

En setembro de 1925 inaugurouse a escola de Tirán que estaba situada no lugar de Vilela, nun local amplo que tiña unhas boas coleccións de láminas murais de xeografía, pesca, pesas e medidas. Nomeouse profesor a Ramiro Moure Moure. Despois dos discursos, os alumnos do Pósito de Cangas, dirixidos polo seu mestre, cantaron o himno dos Pósitos e tamén o galego. A continuación servíronse pastas e refrescos para os nenos e demais asistentes, tocouse a gaita e organizouse un baile en plena estrada que durou ata as nove da noite.

Estas escolas serán nacionalizadas e pasarán a depender do Estado en decembro de 1928. Pasarán a denominarse Escolas de Orientación Marítima y Pesquera e seguirán funcionando bastantes anos máis na Praia de Moaña e no Casal. Teñen mestres especializados que preparan ao alumnado masculino para continuar cos estudos relacionados coa pesca que se impartían en Vigo.

As escolas de Orientación Marítima e Pesqueira pertencerán despois ao Padroado do Instituto Social da Mariña e dependerían do Ministerio de Traballo. Para solicitar esas prazas os mestres debían ter a oposición aprobada e presentarse a un concurso de méritos a nivel nacional solicitando as vacantes existentes e para iso tiñan moita importancia os informes dos Pósitos e das Confrarías de Pescadores. Una vez que o mestre tiña o nomeamento debía facer un cursiño que organizaba o Instituto Social da Mariña e que se impartía na universidade hispanoamericana de verán Santa María de la Rábida en Huelva.

Os últimos mestres destas escolas de Orientación Marítima e Pesqueira foron Manuel Chouciño Villar, Pedro Fondevila Abeledo, José Vilas Simal e Abel Rodríguez Pérez.

Memoria de Moaña

Agrupación Cultural Nós