lunes, 14 de marzo de 2016

Mulleres da Casa e Granxa de Paxarín / por Manuel Uxío García Barreiro

A Casa e Ganxa de Paxarín, no actual barrio moañés de Ameixoada, foi escriturada como vínculo e morgado no ano 1.613 por D. Antón Costa e a súa muller, Dª. Maior de la Iglesia; seus herdeiros levaron o primeiro apelido Costa ata que foi interrompido pouco mais dun século despois. Ao contrario que no Rosal, no que era sempre o fillo maior quen lle sucedía ao pai, o Sr. de Paxarín podía elixir ao fillo que consideraba mais axeitado para herdar o patrimonio vinculado na súa integridade.


Pazo de Paxarín. Reconstruído en 1757


Tamén, a semellanza do Rosal, os demais vástagos estudaban a carreira eclesiástica para poder vivir de rendas e ao non dispor do dereito de presentación de párrocos na igrexa de San Martiño, como acontecía no Rosal, tres deles en diferentes épocas chegaron a ser vicecuras de Moaña e outro, cura propio de Meira.

En Paxarín foron señoras consortes, ao longo dos séculos, dúas mulleres moañeses de crases inferiores. Unha delas, tamén de Ameixoada, foi a criada da Casa Dª. Antonia dos Santos que casou con D. Juan Costas Aballe Acuña en 1.713 logo que este enviuvara da primeira esposa coa que tivera varios fillos. Pola causa deste novo casamento, o desgusto do único que quedou vivo, Francisco Costas, foi moi grande, chegando a denunciar en algunhas ocasións ao seu pai por disipar o patrimonio conxuntamente coa segunda muller.

As razóns que expuxera D. Juan Costas para casarse de segundas nupcias, segundo subliña no seu testamento, feito en 1.735, foron as seguintes:

…= Item declaro que la dha. Antonia dos Santos, antes de casarme con ella me ha criado tres hijos a su pecho, del primer matrimonio, Y me ha servido después de la criacion de dichos niños, ocho años,

O casamento coa criada deu lugar a que o fillo se trasladara a vivir ao pazo de Balea en Cangas coa súa dona, Dª. Magdalena Mariño de Lobera e, despois de ter unha parella de cativos con ela, emigrar rumbo a América onde morreu antes do ano 1735 en que seu pai fixo testamento e, deseguido tivo lugar o seu pasamento

Pouco despois da morte do sogro Dª. Magdalena, xunto cos dous fillos do matrimonio e o pai, mudáronse a Paxarín onde o varón, D. Pedro Benito Aballe Mariño, sucedera ao seu avó como vinculeiro de Paxarin

Mentres o sucesor era menor de idade, esta fidalga de Balea puxo en orden a Casa de Paxarín e custeoulle a carreira eclesiástica para, despois de ordenarse crego, chegara a ser vicecura de Moaña. Neste cargo, asinou o contrato de alongamento da igrexa de San Martiño en 1.763, despois de botar a baixo, en 1757 a antiga Casa Grande e, no seu lugar, erguer o esvelto pazo que se olla na actualidade. Cando se restaurou o retablo da capela do Rosario apareceu o nome deste cura gravado na súa zona alta.

No testamento de D. Pedro Benito Avalle, feito en 1.781, nomea por herdeiro do vínculo de Paxarín a outro vicecura de Moaña, seu sobriño D. Simón Rubiños Mariño, fillo da súa irmán Baltasara e do seu marido o notario de Poulo D. Antonio Rubiños, que con el habitaron no pazo.

Do crego D. Simón Rubiños conservase un documento moi singular; tratase da denuncia que fai contra unha muller, chamada Rosa Paz e o seu marido, na data do 28 de xullo de 1.785, por inxurialo deste xeito:

... le tiene agraviado e infamado públicamente con común escándalo, y grave deshonor, imputándole mal modo e vivir con Maria Antonia Gonzalez, hija de los sobredichos hasta el extremo de asegurar se hallaba encinta de el compareciente y sin embargo de ser cabalmente notoria, constante y publica su honestidad, buena fama y opinión,… vindicando al mismo tiempo su honor con respecto a su carácter y estado…

Polo que da a entender dito documento, o cura querelouse contra a nai dunha moza pobre por ir pregoando que a súa filla estaba embarazada del, cando cando consideraba que se trataba dunha muller honesta.

Este crego e, ao mesmo tempo, señor de Paxarín morreu en 1.791 con 34 anos de idade, herdando o pazo seu irmán, tamén cura, malia que de menores ordes, D. Pedro Benito Rubiños quen, deseguido colgou os hábitos eclesiásticos para converterse no primeiro industrial moañés ao construír en terreos que mercara no Con, da freguesía de Tirán, unha fábrica de salgadura de peixe; exemplo de señor paceño que non se resignou a vivir das moitas rendas que producían as terras da súa propiedade.

Rompeu tamén moldes ao casar en 1.818 cunha muller pobre de Rialdarca que tivera con el dous fillos os cales, na data do casamento, tiñan 11 e 13 anos; a nova familia instalouse no pazo onde, pouco despois naceu unha nova rapaza, Serafina, que se converteu, anos máis tarde, na primeira empresaria de Moaña por ser a herdeira da antedita fabrica de salgadura.

No ano 1.830 morre D. Pedro Benito, sen dúbida un dos persoeiros mais importantes da historia de Moaña, deixando como sucesor no vínculo ao seu fillo D. José Benito Rubiños, casado con Dª. María Josefa Costas, irmán da señora consorte do Rosal; deste xeito os señores dos dous pazos moañeses chegaron a ser cuñados.

O mesmo que acontecía no Rosal, o Sr. de Paxarín tivo que cumprir coa normativa de 1.841 que prohibía os vínculos e morgados; por esa causa, en 1.874 fai testamento para dividir a facenda de Paxarín entre as tres fillas do matrimonio pois, o seu único fillo morrera solteiro aos 22 anos de bronco- larinxites.

A mais favorecida no reparto da herdanza foi Dª Concepción, casada cun médico de Cangas por suceder á súa tía Serafina na propiedade da industria do Con, dúas casas que estaban ao seu carón e moitas terras; a outra filla, Socorro, na súa madurez casou en Coruxo finando sen descendentes e a seguinte, Rosalía, foi casar e residir a Bouzas cun médico nomeado D. Clemente Fandiño Carballido co que tivo descendencia.

Diferentes circunstancias estiveron na orixe de que a única filla de Dª Concepción e do médico, D. Victoriano García Mariño, nacida en Paxarín en 1.860 e bautizada na igrexa de San Martiño co nome de Eduarda Elvira García Rubiños, convertérase nunha riquísima herdeira.


Dª Elvira García Rubiños, derradeira señora da liñaxe histórica de Paxarín. Naceu e morreu no pazo. Foto de Jaime Taboada


A pesares de estar namorada de Juan Vázquez, fillo do fomentador de Marín que tiña en aluguer a fábrica do Con, a esta dona, que pasou a nenez e adolescencia nunha das casas do Con onde seu pai exercía a medicina e súa nai rexentaba a fábrica de salgadura, casárona cun home da súa idade, D. Victoriano Domínguez, boticario procedente dunha familia acomodada de Ribadavia que tiña farmacia na rúa Gamboa de Vigo.

Na cidade viguesa tiveron dous fillos, Victoriano e Concepción; cando estes aínda eran cativos, despois da morte dos pais, o marido denunciou á muller porque o citado Juan, xunto co seu proxenitor, administrábanlle moi mal o patrimonio familiar que debían herdar os fillos; deste xeito, pediu por vía xudicial o traspaso a el de todos os bens de Elvira. A sentenza foi favorable a ela, aínda que o xuíz obrigouna a prescindir dos dous administradores.

Este e outros feitos están na orixe de que Dª. Elvira cruzase con frecuencia a ría para recibir a Juan na súa casa do Con, deixando aos dous rapaces en Vigo co pai. Un cancro, diagnosticado cando ía cumprir 37 anos polo seu médico de Cangas D. Severino Figueirido, complicoulle aínda máis a existencia desta muller quen, na data do 19 de xuño de 1897, estando embarazada doutro neno froito dos amores adúlteros con Juan, fixo testamento hológrafo na súa casa do Con que, deseguido, entregou nun sobre pechado e lacrado ao notario de Cangas D. Julián Alonso Sánchez; tiña daquela, 37 anos.

Segundo unha partida de bautismo da igrexa de San Xoán de Tirán, o 9 de setembro de 1897, o cura párroco bautizou un neno que:

...dicen ser hijo de Dª Elvira García Rubiños, esposa de Dn. Adolfo Domínguez Gómez, Farmacéutico en la Ciudad de Vigo y natural de Rivadavia, la que se halla en esta parroquia temporalmente, el tal niño nació el veintinueve de Julio pasado, en el lugar del Con, y le puse nombre Severino Juan = …


Casas achegadas a antiga salgadeira do Con onde viviu Dª Elvira Gª Rubiños


Nesta partida destácase que o crego non describe ao rapaz como fillo de Elvira e do marido, senón unicamente dela que, ao mesmo tempo, era esposa de Adolfo. O padriño foi o médico de Cangas que a atendía e do que tomou o bautizado seu primeiro nome, Severino, poñéndolle como segundo o do pai biolóxico, Juan.

Cando pasara pouco máis dun ano dende o nacemento do seu terceiro fillo, na data do 9 de outubro de 1898, Dª. Elvira foi atopada morta polo caseiro de Paxarín no interior do propio pazo onde a encerraran na máis completa soidade cando ía a cumprir 38 anos de idade. Os tres fillos vivían en Vigo co marido. A tradición verbal salienta que o seu amante, Juan Vázquez, saltaba muros da granxa para poder estar con ela en segredo.

Un ano antes do falecemento da derradeira persoa da estirpe histórica de Paxarín, que naceu e morreu no pazo cando o cancro que padecía estaba a xeneralizarse, outorgara testamento pechado co obxecto de que ninguén, en vida dela, soubese que íalle deixar a Juan unha terceira parte do seu patrimonio, na que se incluían todas as propiedades do Con, fábrica, casas e terreos, ademais de terras próximas; as outras dúas terceiras partes cedíallas aos tres fillos.

O mais novo dos fillos de Dª. Elvira, Severino Juan, froito dos amores que tivera con Juan, finou en Torroso, concello de Mos, na data do 14 de abril de 1899 cando contaba 21 meses de idade, polo que os bens que herdara da nai repartíronse, a partes iguais, entre os seus irmáns, Victoriano e Concepción.

Victoriano estudou a carreira de farmacia, como o pai, e montou botica en Moaña no baixo da casa de Quintela que herdara da nai. No seu primeiro andar viviu casado con Dª. Sofía, procedente de Bueu, coa que non tivo descendencia.


Casa de Quintela onde viviu e puxo botica D. Victoriano Domínguez. Foi botada abaixo na primeira década do século XXI


Segundo relata un dos seus familiares, a única filla do matrimonio, Concepción, viviu condicionada pola vida adúltera da súa finada nai; así, cando chegou á mocidade tivo dificultades dabondo para ter relacións con homes da súa idade polo que casou co tío paterno, Juan Domínguez, e con el foi vivir cara a Tucumán, en Arxentina, onde rexentou un establecemento agrícola. En terras americanas tiveron unha única filla, Gumersinda Digna, nacida no ano 1914, coa que regresaron a Vigo para que estudase no colexio de Cluny.

Concepción morreu en dita cidade no ano 1927 e a súa única filla, que permaneceu toda a vida solteira, conviviu durante largo tempo coa súa tía e prima, Emilia Domínguez, na rúa viguesa Pi y Margall onde faleceu a finais do século XX, con máis de 80 anos, segundo describe o neto de Emilia, Jaime Taboada


Dª Concepción Domínugez, filla de Dª Elvira, co seu marido e única herdeira, Gumersinda Digna (Dina). Foto de Jaime Taboada


Obsérvase pois como a liñaxe histórica de Paxarín unicamente se perpetuou a través de Dª. Rosalía Rubiños da que se coñece que tivo a lo menos un fillo en Bouzas, co seu marido, o médico D. Clemente Fandiño, quen nos comezos dos anos 40 interveu na venda do pazo e granxa, na súa totalidade, a unha familia de Lalín encabezada por Raúl Choren e a súa dona os cales, xunto cos fillos, pasaron a residir nel con toda a súa extensa familia.

Nesta historia das mulleres do vínculo e morgado de Paxarín pódese comprobar que, ao contrario do acontecido no Rosal, neste pazo de Ameixoada houbo moito interese en adaptarse aos novos tempos, mesturándose crases sociais diferentes e sendo pioneiros na industrialización do actual concello moañés, malia que a morte prematura dun fillo varón quixo que do apelido Rubiños non quedase ningunha pegada nos descendentes da estirpe histórica paceña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario