viernes, 15 de abril de 2016

Un personaxe e unha data : o mestre Enrique Vidal de Bustamante / por Gerardo Dasairas

A medida que fomos avanzando no coñecemento do que foi a represión franquista e grazas ás investigacións e publicación de numerosos datos sobre a mesma, pudemos comprobar a existencia dunha relación entre Moaña e Verín, através de dous personaxes oriundos de cadansua destas localidades pero ambos detidos e xulgados en Vigo. Un deles foi o avogado galeguista Roberto González Pastoriza que en 1947, despois dunha anterior detención, foi xulgado por un tribunal militar e ainda que foi sobreseído da acusación principal, condenaríano ao desterro en Verín onde permanecería apenas un ano. Verín xa acollera desde o 13 de setembro do 1936, o desterro vixilado de Valentín Paz Andrade, mentor e compañeiro de partido de González Pastoriza, que nunha noite de novembro sufriu un intento de asasinato: “Unha noite moura nun Verín azul... Da cor das armas eran as camisas, salferidas co sangue das cunetas...” –escribiría Paz Andrade anos despois. Apesar de ter pasado máis de dez anos disto, González Pastoriza seguiría o mesmo camiño que este pois en Verín, xa como “paisanos victoriosos”, ainda campaban na vila os da famosa e triste centuria dos “Caballeros de la Muerte”.

Pero non é a nosa intención centrarnos na figura de González Pastoriza ao que o seu pobo natal, Moaña, lle teñen dado o seu recoñecemento público e a sua figura glosada mesmo nestas páxinas do Faro de Vigo. Nestes dias, conmemorativos do 80 aniversario da II República, queremos desde aquí deixar patente o noso recoñecemento ao mestre Enrique Vidal de Bustamente, protagonista en Moaña desta data, facendo unha breve semblanza da sua vida, a día de hoxe ignorada polos seus propios conterráneos.

Ainda non conseguimos averiguar o lugar exacto de orixe deste noso personaxe que naceu cara a 1900 e que diversas referencias sociolaborais fanno natural de Monterrei sen máis pero que no seu expedente de depuración consta como natural de Ourense. Como sexa, o noso interese por este mestre xa vén de hai anos, através das pescudas que deron pé a un traballo sobre os docentes e o ensino de antano na vila do Támega. Por estas, soubemos que no ano 1919 xa exercía en Verín como fundador e profesor da recén inaugurada academia privada de ensino secundario chamada “Liceo Politécnico” e tres anos máis tarde (1922) xa exercería de director da continuadora neste labor, “Academia Verinense”, tamén de nova creación. Esta función directiva vaina compaxinar asemade coa dirección de El Eco de Monterrey, un dos xornais locais de corte liberal-conservador. Nos meses de verán e para reforzar o plantel da academia, adoitaba achegarse a Verín o seu irmán José Vidal, coñecido xornalista deportivo que asinaba como “Olímpico” no periódico republicano “El Pueblo Gallego” de Vigo o que vén xustificar a sua empatía co Partido Republicano Radical de Lerroux.

No ano 1925, Vidal de Bustamante aprobaría as oposicións é obtería destino en Castrelo do Val, concello perto de Verín, onde vai permanecer ata 1928. Neste periodo casaría cunha moza verinense chamada Concha (a filla da “Alpargatera”) e pasaría logo a rexentar a escola de nenos de Albarellos de Monterrei tamén na contorna verinense. En marzo de 1929 accedería por concurso á escola nº 2 de Bueu da que é nomeado mestre propietario por R. O. de novembro do 1930, ainda que logo sería derivado, nesta mesma data, á escola do Casal adscrita ao Pósito Marítimo de Moaña. El e máis a sua muller fixarían a sua residencia nunha casa de aluguer perto da escola en Berducedo.

En 1931 sería elixido presidente da Asociación de Mestres de Pontevedra e coa sua colaboración, a clase política republicana da vila vai gañar en dinamismo ao intervir en mítines e accións de proselitismo societario, acompañando por veces a Emiliano Iglesias, representante provincial do lerrouxismo. Vidal de Bustamante tamén sería nestas datas, un afervoado defensor da inclusión da lingua galega no ensino.

A proclamación da República en Moaña

Desde meses antes das eleicións municipais, viña pairando xa sobre Moaña a confrontación por motivos laborais entre armadores, patróns e mariñeiros dos vapores producíndose boicots e atentados contra os aparellos que viñeron enrarecer o conflito. No medio xa dun clima electoral, o mestre José Corbacho (xunto con José Romero) viña sendo acosado por elementos conservadores organizados que promovían liortas, incluso usando armas, para amedoñar aos veciños. Este mestre xa fora multado polas suas denuncias sobre irregularidades no caciqueado Concello e acusado de provocar disturbios. Vidal de Bustamente, como presidente dos mestres pontevedreses, axiña habería sair na sua defensa para demostrar a sua inocencia ante as acusacións de axitador pero ainda así non o libraron de ser levado detido a Pontevedra.



Os mestres Vidal Bustamante, José Corbacho, A. Taboada e Aquilino Álvarez.

Desde o comezo do periodo eleitoral, Vidal de Bustamante, como militante do Partido Republicano Radical de Moaña, interviría en varios mítines co seu lider Emiliano Iglesias, destacando os que tiveron lugar en Bueu e sobretodo o de Cangas no sábado día 11, víspera das eleicións. Aquí, ante un gran xentío convocado na Casa do Pobo, compartiría mitin cos seus compañeiros mestres, Corbacho, Felipe Carnicer, Víctor Sánchez e Bernardino Graña. Xa en Moaña, ao coñecerse o luns 13 de abril, o trunfo das forzas republicanas nas eleicións, tería lugar unha manifestación que na altura do cuartel da Garda Civil foi conminada a disolverse, dirixíndose a tal fin os gardas ao mestre Corbacho. No medio do balbordo que se produciu soarían uns tiros que ía dirixidos ao mestre pero que irían a impactar na veciña Cándida Lago Veiga, causándolle a morte e converténdoa, así, na primeira mártir inocente da chegada da democracia a Moaña. Dous días despois, o mércores día15, xa oficializado o trunfo das forzas republicanas na eleccións, Vidal de Bustamante, acompañado do socialista Cunqueiro e en presenza dos concelleiros republicanos elixidos, proclamaría a República desde o balcón da Casa do Concello, ante unha numerosa veciñanza alí congregada.






































Cándida Lago


Homenaxe aos mestres e nacemento da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza (FETE-UGT)

Unha semana despois da proclamación da República vai ter lugar en Moaña, o día 19 de maio, unha gran homenaxe a catro mestres do concello, Corbacho, Vidal, Taboada e Novás, asistindo á mesma moitos compañeiros de Vigo e da provincia, así como directivos das Asociaciones de Maestros, algúns vencellados ao Partido Radical.

Houbo manifestación previa e no mitin falarían o alcalde electo José Romero, os mestres Vidal de Bustamante, José Corbacho, José López Varela, Darío Blanco, Victor Fráiz e Gonzalo Martín March, vocal da Asociación Nacional de Maestros de Pontevedra. Despois destes, tomarían a palabra o xornalista e irmán de Enrique, José Vidal de Bustamante, pechando o acto o lider e deputado lerrouxista provincial Emiliano Iglesias Ambrosio. Os oradores, ademáis de exaltar a conduta cívica dos mestres homenaxeados, atacarían duramente á monarquía e ao caciquismo de Bugallal, Casas, Boente e Carballo, louvando os valores republicanos e solicitando a intervención da xustiza no asasinato da veciña Cándida Lago. O acto remataría coa interpretación do Himno de Riego, a Marsellesa e a Internacional.



Homenxe aos mestres de Moaña

O xantar que tivo lugar a continuación, contaría tamén coa asistencia dos líderes agrarios Basilio Álvarez (deputado e coñecido crego ourensán) e Ramón Salgado, recibíndose sobre duascentas adhesións ao acto e realizándose entre os asistentes unha colecta a prol da veciña asasinada. Asemade, aproveitaríase a ocasión para que case un cento de mestres reflexionasen en asemblea sobre a organización societaria do maxisterio, considerando que as actuais Asociación Provincial e a Nacional adoecían de numerosos defectos tomándose diversos acordos. Entre os principais figuraba o ingreso individual ou colectivo na FETE-UGT e apoiar unha escola única nacional do Estado federal sen controis rexionais ou locais, mais con competencias para crear e soster centros de Segundo Ensino, de ensino especial e superiores compatibles cos do Estado. Acordarían, ademáis, establecer o castelán como lingua preferente de cultura por “ser superior a la particularmente regional”, considerando ao galego como lingua materna, un instrumento de ensino en casos precisos e para o que terán que prepararse os mestres, sendo “obxecto de estudio especial” na Secundaria e na Universidade. Solicitarían tamén a presenza dun representante na redacción do Estatuto de Galicia e a posibilidade de presentar candidatos mestres a deputados que deixen oir a sua voz no Parlamento.

En xuño deste mesmo ano constituiríasee nesta vila o Centro Republicano Radical sendo elixido Enrique Vidal de Bustamante como primeiro presidente do mesmo. Militaría na ideoloxía lerrouxista-emilianista ata 1932, ano no que desenvolvéndose en Aldán un acto das Misións Pedagóxicas, sería detido por orde do alcalde de Cangas Pancho Eiroa quen, paradoxalmnte, era do seu mesmo partido. Isto provocaría que Vidal de Bustamante pasase a militar no Partido Republicano Radical Socialista, do que o verinense Manuel Becerra era un destacado dirixente e membro do Goberno, que se integraría posteriormente en Izquierda Republicana.

Ao remate do curso de 1932, Vidal de Bustamente sería destinado a Vigo para dar clases de preparatoria no Instituto de Segundo Ensino. Durante este periodo, defendería os valores republicanos, participaría en congresos e asinaría manifestos a prol da mellora do ensino através de asociacións gremiais e organizacións sindicais afíns á UGT. Un destes sería redactado e publicado o 17 de xuño dirixido aos mestres de Izquierda Republicana para que se adherisen a Asemblea que pretendía coordinar aos mestres cos partidos de esquerdas da provincia e coas autoridades republicanas da mesma. Asinaban este manifesto, ademáis de Vidal de Bustamante, José Meis, Daniel Fragoso, Vicente Viñas Novás, Luis P. Villegas, Benedicto Crespo Rodríguez, Antonio Goldar Rivas, Telesforo López de Guereñu, Gonzalo Martín March e José Corbacho. Tras do periplo histórico e de compromiso republicano deste mestre, sucederíase outro menos ilusionante e terrorífico, marcado pola represión franquista sobre os mestres aos que acusaban de coadxuvar no cambio de mentalidade do país. Contodo, Vidal de Bustamante, ao contrario que moitos dos seus colegas, salvaríase da execución e tras o seu paso polo cárcere de Vigo, sería sancionado en maio de 1940 coa separación do servizo educativo e inhabilitado para cargos públicos ata 1958. Despois desta data, no ano seguinte, e cando xa tiña máis de 60 anos, acolleríase ao Decreto de Rehabilitación dos mestres republicanos, reintegrándose ao maxisterio pero cunha sanción de cinco anos de traslado fóra da provincia. Así, don Enrique acabaría exercendo na escola de nenos da Notaría - Desteríz (Padrenda - Ourense) e morrería dous anos despois, en 1962, nesta mesma parroquia.

MESTRES E MESTRAS DEPURADOS NO MORRAZO

No BOP de Pontevedra (1-9- 1936) e asinada polo gobernador civil, Ricardo Macarrón Piudo, publícase para coñecemento dos interesados, unha relación de 420 mestres e mestras, que “se suspenden de sus cargos”. Na relación, figura en primeiro lugar Gonzalo Martín March, Gobernador civil de Ourense, que fora mestre de Preparatoria no Instituto de Pontevedra e que foi fusilado. Quedaban así provisoriamente suspensos dos seus cargos, “teniendo en cuenta los informes de la Guardia Civil, autoridades locales e Inspección de Primera Enseñanza”, 330 mestres e 90 mestras de 63 concellos provincia de Pontevedra, agás Mondariz Balneario e Portas.

O BOP do 17 de decembro de 1936 volvería a inserir unha Circular da Comisión de Cultura y Enseñanza, dirixida aos Vocais das Comisións Depuradoras de Instrucción Pública, asinada por Pemán (BOE,10/12), onde se facía fincapé no carácter non só punitivo, senón preventivo das medidas tomadas: “No se volverá a tolerar ni menos a proteger y subvencionar a los envenenadores del alma popular, primeros y mayores responsables de todos los crímenes y destrucciones que sobrecogen al mundo y han sembrado de duelo la mayoría de los hogares honrados de España”.

Separación do servizo e baixa no escalafón. 1937-1942

Bernárdez Gómez, Telmo. Pósito Bueu 17-01-1942

Bernárdez Gómez, Jesús. Pósito Cangas 17-01-1942

Couto Mallén, Agustín. San Xulián - Marín 17-01-1942

Gastiasoro Ruiz, Gumersindo. Darbo Cangas 11-05-1940

Piñeiro Camiña, José. Hío Cangas 11-05-1940

Vidal Bustamante, Enrique. Moaña / Instituto Vigo 11-05-1940



Mortos, fusilados ou paseados:

+Sánchez Martil, Víctor. Coiro-Cangas

+Sáez Ruiz, Vicente. Coiro - Cangas 11-05-1940

+Meis Martínez, José. Seixo - Marín 11-05-1940

Publicado en Faro de Vigo 14/02/2016 e 15/04/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario