lunes, 23 de enero de 2017

Documentos e inscricións medievais que sitúan a fundación da freguesía de Moaña no ano 1197

No libro “Arquitectura románica en Pontevedra”, o insigne historiador ferrolán Isidro Bango Torviso, antes de efectuar unha descrición detallada da igrexa de San Martiño de Moaña, dedica uns poucos parágrafos a describir a súa orixe e a tratar de descifrar as epigrafías que contén.

No que concirne ao apartado sobre a orixe, sinala o seguinte:

Es tardía la primera mención que conozco de este templo: una donación de 1237 al monasterio de Lérez se sitúa “in ecclesia Sci. Martini de Moania”(1).



Anaco dun documento do ano 1237 onde aparece San Martiño de Moaña por primeira vez. Deste xeito escribiuse en latín: Ego Fernando Arie presbiterum de Sancti Martini de Moania.

Ao citar o propio autor que o documento de doazón atopábase no Archivo Histórico Nacional de Madrid, conseguiuse unha copia del para traducila dende o latín orixinario ao galego e, deste xeito, púidose comprobar que tal doazón fixérana o presbítero de San Martiño de Moaña Fernando Arias, irmán de Paio, no día de San Esteban do ano 1237.

A primeira das deducións a apuntar é que pola primeira vez aparece documentada a entidade de poboación “San Martiño de Moaña”, de onde era natural o crego, xunto con outros lugares pertencentes a ela como Sabaceda, Cortiña de Freixo, Sande, Lamelas, Castro e Canizada. Neles sitúa varias terras da súa propiedade que dona ao abade D. Sancho e ao mosteiro cisterciense de Armenteira. Os lugares citados aínda existen nos arredores do templo histórico moañés. A doazón faina:

... por remedio da miña alma e dos meus pais por sempre para que diso teña o convento unha comida por día do Nadal.

De seguido, o autor trata das epigrafías da igrexa do xeito seguinte: Posee el templo tres inscripciones, una en el tímpano de la puerta principal, otra junto a la puerta meridional, esta me resulta prácticamente ilegible, por lo que no hago su transcripción, la tercera en el muro septentrional…

La de la puerta principal está alrededor de la curva del tímpano, su transcripción es:

SCI EMILIANI:SCS:MARTINVS:EPS:SCI BRICII:EPI:ARAS:FECI

Cuya lectura sería: Sancti Emiliani, Sanctus Martinus episcopus, Sancti Bricii episcopi, Aras o Abas feci.

El único problema lo presenta la lectura del signo B ó R de Abas o Aras, inclusive puede que sea Arias, la altura y lo desgastado del granito hacen difícil su visión.



Epigrafía do tímpano principal da igrexa histórica de Moaña, presidido por San Martiño que ten ao seu carón a San Emiliano e San Bricio; na esquina da esquerda o mestre que a deseñou e na dereita, o personaxe que a mandou construír: Fernando Arias.

Despois de coñecer, polo antedito documento do ano 1237, que os irmáns Fernando e Paio Arias eran naturais de San Martiño de Moaña, decidiuse por medio dunha escaleira de man acceder á antedita epigrafía cun cepillo para limpala e, desta maneira, disipar as dúbidas do historiador pois, remata deste xeito:

ARIAS FECI

Entón comezaron as investigacións para coñecer ao persoeiro que mandou construír o templo, sen dúbida devanceiro de ambos os dous irmáns, e cal foron os motivos.

As referencias máis próximas sobre a liñaxe dos Arias atopámolas na igrexa do antigo mosteiro de Ermelo onde no ano 1104 era abade Arias Savariz, un dos responsables da construción da súa igrexa románica, segundo aparece nunha placa de pedra que se conserva no seu interior.

Pouco tempo despois, en 1112, a raíña Dª. Urraca outórgalle o Coto marítimo da vila de Marín ao cabaleiro Diego Arias de Deza e á súa dona Sabina Díaz co obxecto de agasallalos polos servizos que lle prestaran cando el era o seu aio e conselleiro. Neste couto estaban incluídas moitas terras do Morrazo e no intre de falecer Sabina Díaz, sen deixar herdeiros, o seu viúvo fíxose frade de santa María de Oseira no bispado de Ourense, cedéndolle a este mosteiro cisterciense o devandito couto de Marín; esta concesión foi ratificada polo rei Afonso VII na data do 12 de maio de 1151 mediante real carta asinada en Toledo.

Parece pois que os Arias pertencían a unha familia importante do Morrazo; non obstante seguíase descoñecendo a identidade da persoa que mandou erguer a igrexa de Moaña ata que, pouco tempo despois, no citado Archivo Histórico Nacional (2) clasificaron un privilexio rodado asinado en Coimbra (Portugal) o 31 de xullo do ano 1184, escrito tamén no idioma latino, baixo o seguinte título:

Fernando II dona a Fernando Arias varias heredades situadas en Sabaceda y en Morrazo con todos sus derechos.

O privilexio describe a este persoeiro residente no daquela casal, hoxe barrio, de Sabaceda dependente da parroquia do Morrazo, recibindo do rei de León e Galicia varias herdades de realengo (pertencentes á realeza). Deste xeito xustifícao o monarca no documento, despois de que o traducira D. José Benito Rodríguez Parada, catedrático moañés, dende o latín orixinal ao galego:

…  a vos Fernando Arias que é chamado Alle … fágovos esta dación e doazón que permanecerá a perpetuidade para remedio da miña alma  e de meus pais... ...nunha xuntanza de nobres da miña curia, por o bo servizo que me fixestes ... ... ... ... ... ... Quen intentar infrinxir a miña libre decisión que incorra na ira de Deus omnipotente e na indignación real e que acabe fundido no inferno con Xudas ... traidor e polo seu temerario atrevemento devolva o dobre de canto levase e pola parte real que pague unha multa de cen soldos e para que isto estea asegurado para sempre e poida ser commprobado facemos o presente escrito que  asinamos coa nosa sinatura real e dos nosos ...; feita a carta en Coimbra o 31 de xullo de 1184, reinando o rei Fernando en León, Galicia, ... Extremadura.  Eu o rei don Fernando, xunto co meu fillo o rei don Alfonso, asino isto que mandei que fora feito, coa miña propia rúbrica o confirmo.

Nesa época medieval os favores que lle facían aos reis estaban relacionados na súa meirande parte coa axuda que lle prestaban nas guerras contra os mouros.

O documento, moi estragado, denomínase privilexio rodado porque nel aparece un signo real redondo no que se pode ler: Signum Fernandi regis Hispaneis (Signo de Fernando, rei para os españois) que representa a máxima lexitimación das propiedades doadas polo monarca.

O cálculo do ano exacto en que foi asinado, 1184, obtense de restar 38 anos ao 1222 da Era Hispánica.


































 Signo do rei Fernando II que aparece no privilexio rodado concedido a Fernando Arias no ano 1184.

Ata o de agora trátase do primeiro documento en que se cita un lugar da parroquia do Morrazo, o casal de Sabaceda, integrado posteriormente na freguesía de San Martiño de Moaña. O privilexio orixinal debeu desaparecer pois o que se está a considerar procede dunha copia compulsada en Pontevedra no mes de agosto da Era 1342 que se corresponde co ano 1304; gardouse durante varios séculos no mosteiro de Armenteira ata ser depositado en dito arquivo madrileño.

Coñecendo a través deste documento que en 1184 o rei Fernando II concédelle a Fernando Arias unha grande extensión de terreo que tiña por eixo o casal de Sabaceda, cabe deducir que dentro dos seus límites atopábase un lugar denominado “Moaña” onde, a partir dese ano, mandou construír unha igrexa románica na que ordenou poñer no tímpano da súa fachada principal unha figura coa inscrición ARIAS FECI, que significa: EU, ARIAS MANDEINA FACER.

Debido ás súas características arquitectónicas a meirande parte dos historiadores sitúan a súa construción nos anos finais do século XII; afirmación que coincide co que foi sinalado no anterior parágrafo.

Os estudios filolóxicos actuais atribúenlle ao topónimo MOAÑA unha orixe indoeuropea, de significado descoñecido, aínda que algúns o relacionan con lameira o sitio cheo de lama. Se é así, a palabra en latín MOANIA, que aparece no documento de ano 1237, ten que ser unha adaptación ao latín, feita polo escribán, da palabra vernácula MOAÑA que sería empregada de sempre pola xente do lugar, segundo opinión do citado catedrático moañés.

Moi preto da igrexa existe un terreo agrícola que aparece nas escrituras anteriores ao século XIX como “Canle de Moaña”, representando o único lugar moañés coñecido que o seu nome propio compleméntase con “de Moaña” o que leva a considerar que despois da consagración do templo elixiuse dito topónimo para unha nova poboación denominada San Martiño de Moaña, rebautizándose a zona onde se construíu o templo co nome de “Aldea do Cruceiro” debido aos cruzamentos de camiños que se abriron para comunicar a igrexa coas demais aldeas e casais e lindando con ela, a aldea do “Outeiro da Igrexa”.

Queda pois situar o ano exacto da súa consagración e o motivo polo cal a mandou erguer o antedito Fernando Arias.

Con este obxectivo, sospeitando que a epigrafía da porta meridional podería ofrecer datos ao respecto, aínda que Bango Torviso e outros historiadores que o intentaron non foron quen a transcribila, analizouse a cruz patada do tímpano románico de transición ao gótico que a coroaba, observando que era similar a cada unha das 5 cruces das 12 que se incrustaron no século XII na nave interior da igrexa conventual de Ermelo para a súa consagración.



Porta meridional con tímpano e inscrición relativa á consagración da igrexa de San Martiño.

Coñecendo os datos anteriores, o arqueólogo Eloy Martínez Soto, da parroquia moañesa de Tirán, plantexou a realización dun levantamento fotogramétrico da inscrición medieval co fin de poder transcribir os caracteres que foran gravados na pedra e que agora se mostran practicamente ilexibles debido ao seu evidente deterioro. Para isto empregáronse numerosas fotografías da inscrición tomadas desde diferentes ángulos que logo servirían para a creación dun modelo fotogramétrico. Unha vez finalizado, o modelo 3D resultante foi sometido a diferentes postprocesos dixitais co obxecto de que se ollaran as letras que a compuñan coa máxima nitidez posible.

A técnica da fotogrametría resultou pois unha excelente alternativa á fotografía nocturna na análise da inscrición, xa que resta subxectividade á interpretación no eido da epigrafía. Por outra banda, resulta moi interesante en casos coma este onde a pedra presenta un evidente desgaste froito da erosión natural e da acción antrópica, especialmente evidente nas primeiras liñas do campo epigráfico.

O resultado pódese comprobar na reprodución que se achega onde se pode ler o seguinte:

[ ] MCC : XXXV HE FU DIA : VII : [ ] VI : MI : OBUS : FAMIS :



Postprocesado en Meshlab do modelo fotogramétrico da inscrición da porta meridional da igrexa de San Martiño de Moaña .

Co obxecto de transcribila e, de seguido, traducila do latín ao galego, enviouse un renderizado de dito modelo ao citado catedrático, Rodríguez Parada, quen a interpretou do xeito seguinte:

Está composta de dúas liñas de escritura en latín, a superior mais longa que a inferior, á man esquerda da porta, á altura da base do lintel. A parte inicial das dúas ringleiras está tan deteriorada que resulta difícil lela. A inscrición leva exposta ao longo de mais de oito séculos aos vendavais do sur.

PRIMEIRA LIÑA.

Como foi sinalado, o texto conservado é: [      ] M C C : X X X V HE FU DIA : VII :

Despois dun atento estudio para identificar ben as tres primeiras letras, quedaba por saber que letras había ó principio, pero polo contexto e por analoxía cos documentos coñecidos dos séculos XII e XIII que comezaban por ERA, podemos pensar que esta palabra debería figurar neste lugar. Tamén hai sombras na pedra que dan pe a configurar polo menos un E e un R. Polo que o desenvolvemento da inscrición sería:

[E R A] M C: C: X X X V HE [ECLESIA] FU[NDATA EST] : DIA VII :

Se atendemos a evolución fonética do latín tardío, HE é o resultado de HAEC= ESTA, e FU é a abreviatura de FUNDATA EST. Polo que teríamos a seguinte tradución:

NA ERA DE MIL DOUSCENTOS TRINTA E CINCO FOI FUNDADA ESTA IGREXA EN DOMINGO.

Desta inscrición podemos facer as seguintes consideracións:

1.Tendo en conta que no ano 1384 fíxose unha reforma do calendario, segundo a cal había que restarlle trinta e oito anos as datas anteriores, este ano que figura na inscrición corresponde a 1197. Como para poder labrar as letras, loxicamente o edificio tiña que estar xa erguido, esta data debe corresponder o ano da consagración da igrexa. Describíuse con anterioridade que no ano 1184 o rei de Galicia e outros territorios, Fernando II, fixo unha doazón de terras que tiña en Sabaceda, en Morrazo, ao cabaleiro Fernando Arias posiblemente por os servizos prestados na loita contra os mouros. Este é o persoeiro da inscrición ARIAS FECI que figura no tímpano da porta grande. Se o templo foi mandado erguer a partir desta doazón, podemos deducir que a igrexa románica foi construída nun tempo non superior a 13 anos.

2. Na lingua latina as palabras, ás que se lle quere dar importancia, van ao principio ou ao final da frase. Neste caso colócanse ao final as palabras DIA VII, Domingo, día do Señor, para encomendarlle a protección sobre o templo. Nos documentos de esta época aparece nas datas o nome do santo do día para que protexera o cumprimento do contrato que se estaba a facer.

SEGUNDA LIÑA.

Consta dunha ringleira de letras mais curta que a anterior, na que podemos ler: [     ]VI : MI : OBUS : FAMIS:

O autor material é distinto do autor da inscrición superior, pois as letras están mais comprimidas, son mais curtas, mais verticais e teñen certos trazos diferentes. Semella un engadido á inscrición principal.

Para aproximarnos a este texto, hai que ter en conta que os “lapicidas” ou picapedreiros, pois tampouco son escultores, abrevian as palabras para aforrar traballo, tempo e espazo, ata o punto no que poden aínda ser entendidas. Así, OBUS é a abreviatura de OMNIBUS e FAMIS de FAMILIIS. A verba :MI:, en cambio, é unha evolución fonética, vixente nesta época, de MIHI=PARA MIN. Desta maneira temos o seguinte desenvolvemento:

[          ] : MI : OMNIBUS : FAMILIIS = PARA MIN (E) PARA TODAS AS FAMILIAS.

Está claro, dende o punto de vista gramatical, que esta secuencia fai referencia aos destinatarios dunha acción verbal que estamos por descubrir. A verba anterior a :MI: está borrada é só se le: VI. Recorrendo ao léxico latino, que nesta época é a lingua oficial da Igrexa, o verbo mais axeitado ao contexto, que presenta ademais unha forma acabada en -VI na primeira persoa, é AEDIFICO>EDIFICO na forma de EDIFICAVI =EU EDIFIQUEI. Atopamos este  verbo na liturxia que tiña lugar dentro do templo, aínda que empregado en sentido metafórico,  na frase do Evanxeo (Mateo, 16: 17,18) : Tu es Petrus et super hanc petram edificabo ecclesiam meam= Ti es Pedro e sobre esta pedra edificarei a miña igrexa. Ademais parece que se pode ver na pedra o trazo dereito da A. Por suposto que o picapedreiro tiña que abreviar unha palabra tan longa, e aí entramos nas conxecturas. Pensamos que debe  ser EDICAVI, pois, ao ser as letras moi pequenas, o material granítico que quedou delimitado dentro da D e da C desprendeuse co tempo,  permanecendo un baleirado que corresponde cos trazos curvos destas letras. Ademais quedan aínda no seu sitio os trazos verticais da E e da I. De todos xeitos, non atopamos trazos de letras alternativos as pegadas que puido deixar EDICAVI.

O desenvolvemento definitivo de inscrición sería:

EDI [FI]CAVI : MI : [ET] O[MNI]BUS FAM[ILI]IS = MANDEINA EDIFICAR PARA MIN E PARA TODAS AS FAMILIAS.

Sen saber quén é a persoa suxeito da acción verbal, unha oración gramatical non ten sentido completo. Neste caso, pensamos que o lector xa o sabía, pois a inscrición do tímpano da porta principal ARIAS FECI estaba a vista de todos. Habería aquí un EGO ARIAS= EU ARIAS implícito, que non era necesario labralo na pedra. Isto lévanos a concluír que esta inscrición é unha continuación de ARIAS FECI, coa que hai que relacionar necesariamente. Nunha lese quen mandou facer a igrexa, noutra para quen a mondou facer.

Nesta inscrición observamos as seguintes características:

1. Intencionalidade. Fronte a inscrición superior que ten a finalidade principal de dar fe dunha data, esta pretende transmitir unha intención. Ordenan que se labre na pedra para deixar constancia, de cara aos presentes e futuros, de que, se ben é para todas as familias, tamén Arias ten dereitos sobre a igrexa porque é o propietario que a mandou contruir. As palabras finais OMNIBUS FAMILIIS = PARA TODAS AS FAMILIAS representan a primeira expresión, aínda que epigráfica, da que ía a ser a freguesía ( <filii ecclesiae = fillos da igrexa) de San Martiño de Moaña.

2. Singularidade.  Se ben é lóxico e normal, aínda que non sexa necesario explicitalo, que unha igrexa sexa edificada para todas as familias cristiáns, a palabra MI introduce unha singularidade nesta inscrición. Non é frecuente e posiblemente non se atope outra similar na que se faga constar que foi edificada para unha persoa perticular. Posiblemente nos estea a reflectir as dificultades que ten un particular para manter uns dereitos sobre unha ogrexa que, dende o momento da súa consagración, quedaba baixo a xurisdición da Sé de Compostela.

Como resumo de todo o que foi descrito sinalar que, un domingo do ano 1197, nun lugar chamado Moaña, situado nunha zona ampla do daquela Casal de Sabaceda, consagrouse unha igrexa que mandou construír Fernando Arias; arredor dela creouse a freguesía de San Martiño de Moaña, máis coñecida a partir da idade moderna como parroquia e, despois do ano 1874, logo da súa unión coas de Domaio, Meira e Tirán, como Concello de Moaña.

Por todo elo, grazas ao elaborado traballo do moañés, Rodríguez Parada, estase en condicións de afirmar que neste 2017 cúmprense 820 anos dende a consagración da igrexa de San Martiño e a conseguinte fundación de Moaña.

(1) Archivo Histórico Nacional, carpeta 1786, doc. 19.
(2) Archivo Histórico Nacional, carpeta 1750, doc. 14.

Manuel Uxío García Barreiro Investigador local Moaña Xaneiro 2017

COLABORADORES:

José Benito Rodríguez Parada.
Eloy Martínez Soto – Arqueólogo.
Gerardo Gayo Rodríguez – Investigador local.

No hay comentarios:

Publicar un comentario