lunes, 10 de abril de 2017

O tímpano románico da igrexa de San Martiño de Moaña, por Xosé B. Rodríguez Parada







                                              Tímpano románico da igrexa de San Martiño.


A igrexa románica de San Martiño foi consagrada no ano 1197, segundo consta nunha inscrición da porta lateral meridional. Máis de cinco séculos despois, no ano 1760, levouse a cabo o engadido da torre do campanario, en estilo barroco, e posteriormente das dúas capelas laterais e da capela principal do altar maior coa sacristía, que lle dan a igrexa o aspecto actual. A reforma barroca soubo gardar a proporcionalidade dos volumes en relación coa gran dimensión da nave románica, lográndose unha sorprendente harmonía do conxunto arquitectónico.

Na arquitectura románica, a portada, xunto cos capiteis, son os sitios principais reservados para a escultura e, na portada, o tímpano. A portada da igrexa de San Martiño, construída nunha época na que xa estaba rematado o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, contén un tímpano labrado que corresponde ao románico rural da provincia de Pontevedra, polo que conserva algunhas características da primeira época. Así, os roupaxes amplos, coas dobreces apenas acusadas, predominan sobre a anatomía dos corpos; os personaxes están todos de fronte e sen relacionarse entre eles; o baixorrelevo é bastante plano, e a labra algo basta, aínda tendo en conta que a dureza do granito permite pouco detalle.

Para estudar o tímpano atendemos a inscrición latina, que se vai acomodando a curvatura do arco de medio punto, e a composición escultórica.

A INSCRICIÓN

A pesar de que necesita unha boa limpeza, o gravado conservouse ben e permite facer a seguinte transcrición:

SCI : EMILIANI : SCS : MARTINVS : EPS : SCI : BRICII : EPI : ARIAS FECI

Para poder traducila hai que desenvolvela desta forma:

[IN HONORE] S[AN]C[T]I : EMILIANI : S[AN]C[TV]S : MARTINVS : EP[ISCOPV]S : [IN HONORE] S[AN]C[T]I : BRICII : EP[ISCOP]I : [EGO] ARIAS FECI, que se traduce:

A HONRA DE SAN EMILIANO : SAN MARTIÑO, BISPO : A HONRA DE SAN BRICIO, BISPO : EU, ARIAS, MANDEINA FACER.

A inscrición vai nomeando de xeito ordenado as imaxes que figuran debaixo dela. Destaca no centro pola súa maior dimensión San Martiño, e a ámbolos dous lados, en escala decrecente, están San Emiliano e San Bricio.

A inscrición é un texto comprimido que merece algunhas consideracións. Para axustarse ao espazo dispoñible, o autor utiliza abreviaturas bastante radicais (SCI, SCS = SANTO; EPS, EPI = BISPO), difíciles de entender, pero que poden ser descifradas polos atributos das imaxes correspondentes. Así, os tres primeiros son santos porque están representados nun plano superior e coas cabezas cubertas; e San Martiño e San Bricio son bispos pola mitra e, ademais, o primeiro polo símbolo máis destacado que é o báculo, e o segundo pola cruz peitoral e o incensario. A omisión da palabra EGO = EU, que tamén axuda a gañar espazo, está xustificada porque en latín non é necesario explicitalo cando o verbo, como FECI, está en primeira persoa, e ademais sabemos de quen se trata como nos especifica a palabra ARIAS.

A tipografía corresponde ao alfabeto de letras maiúsculas de procedencia romana, utilizado tamén e algo modificado na escritura visigótica. Entre outros, chéganse a ver o E, parecido ao actual símbolo de Euro, o M que semella a correspondente letra minúscula pero cos trazos laterais curvos, ou o N con trazo interior case horizontal que lembra ao H. Na palabra ARIAS o escultor pegou o I ao R para que coubera no espazo, creándose a dúbida de se dicía ARAS, ata que a disipou Manuel Uxío ao limpar meticulosamente a pedra. A execución das letras demostra bastante mestría, contribuíndo ao valor estético do conxunto. Na actualidade non se poden apreciar pola capa de sucidade que as cubre.

A inscrición é principalmente honorífica, por canto trata de honrar aos santos da consagración da igrexa, pero tamén ten un gran interese histórico, pois está a conmemorar que un persoeiro chamado ARIAS foi quen a mondou construír. Ademais de supoñerlle unha elevada fe relixiosa, debía de dispoñer de moitos recursos para mandar erguer a igrexa románica, que sorprende pola gran dimensión cando estaba aínda por configurarse a freguesía.

Na porta da travesa que da o sur, hai dúas inscricións que se lograron transcribir, mediante a técnica dixital de fotogrametría. A superior contén a data da consagración de igrexa e a inferior ten a seguinte tradución: EU MANDEINA EDIFICAR PARA MIN E PARA TODAS AS FAMILIAS. Pensamos que a inscrición ARIAS FECI do tímpano e esta outra están relacionadas, e que EU, ARIAS é a mesma persoa das dúas: na primeira Arias fai constar que el mandou facer a igrexa, e na segunda lembra para quen a mandou edificar.


A COMPOSICIÓN ESCULTÓRICA

O espazo está dividido en cinco campos, dispostos en simetría co central, remarcados por columniñas rematadas en arcos de medio punto, que se van adaptando a curvatura do tímpano. Nos fornelos resultantes, o autor coloca aos personaxes en función da importancia que lles quere dar. Destaca a centralidade da figura do patrón, San Martiño, coa man aberta sobre o peito marcando o eixe da composición, a onde se orienta o brazo da parte exterior de cada unha das figuras, excepto San Emiliano que está a soster un libro.

Se prestamos atención vemos que, na parte máis baixa do tímpano, o escultor creou un dobre plano para diferenciar o mundo celestial do terreal: un superior onde se apoian os pés dos santos e outro significativamente máis baixo, raiante co límite do lintel, onde pisan as figuras pequenas, os personaxes do mundo terreal, unha a esquerda e outra a dereita. Como ía a ser frecuente na época gótica, as figuras que acompañan ao santos nos extremos da composición representen aos doadores da obra. Se, como quedou dito, a inscrición vai nomeando ordenadamente aos personaxes, a da dereita corresponde a ARIAS, que está representado cunha man pechada sobre o peito. Esta actitude de penitente, a carón dos santos, pódenos levar a pensar que está a pregar para que, por mandar facer a igrexa, Deus lle perdoe os seus pecados. A figura da esquerda, cun cálamo ou pluma na man, debe simbolizar ao outro doador en actitude de escribir ou asinar a súa doazón. Está documentado que uns poucos anos antes da talla do tímpano, en 1184 en Coímbra, poucos días despois da vitoria sobre os almohades en Samtarem, o rei Fernando II asinou un privilexio polo que doaba unha herdade de reguengo que tiña no lugar de Sabaceda en Morrazo, a Fernando Arias por un servicio que lle fixera na loita contra os mouros. Estaba presente como testemuña o Arcebispo de Compostela. Sobre un soar desta doazón real mandou erguer Fernando Arias a igrexa e non se esqueceu do seu benfeitor cando encargou a labra do tímpano. Se comparamos as figuras pequenas, observamos que fronte a cabeza redonda de Arias, a figura da esquerda presenta unha cabeza ovada coa parte superior máis ampla, configurada para levar unha coroa, que o tempo acabou por desgastar.




A configuración da cabeza da figura da esquerda e o cálamo que leva na man, permítenos pensar que simboliza ao rei Fernando II, quen asinou unha doazón das terras que tiña en Sabaceda a Fernando Arias (dereita).

Para crear a ilusión de certo movemento, que rompera a estatismo da composición, o escultor utilizou recursos como a sucesión dos arquiños de medio punto que progresan cara arriba e ao centro, os brazos en tensión dos personaxes, pois todos están a facer algo coas mans, e incluso, na figura de San Bricio, certa inclinación da cabeza, da cruz e do incensario que non da chegado a súa posición vertical.

Pola parte interior, xa dentro da igrexa, o tímpano tamén está decorado pero con moita simplicidade, predominando as figuras xeométricas. No centro, enmarcada por un rombo alongado horizontalmente, destaca unha dobre cruz esquemática de lazos, a exterior formada por pequenos trazos anudados. Na parte superior, una soga remarca a curvatura do arco de medio punto, paralelo ao exterior. O escultor non se esqueceu da cara inferior do lintel, tamén chamada sofito, onde gravou no centro como elemento decorativo un pequeno ramo entrelazado con follas.



                                                Parte interior do tímpano e sofito. Foto de Manuel Uxío

Non todas a igrexas románicas dispoñían de tímpanos labrados, pois algunhas os tiñan lisos e outras foron construídas sen eles, sen que deixara de estar ben decorado o resto da portada. Ademais, moi poucos tímpanos están labrados polas dúas caras, polo que se poden chamar bifaces. Os dous máis coñecidos son precisamente este, que estamos a comentar, e outro da mesma igrexa, depositado actualmente no Museo Arqueolóxico de Pontevedra, que debeu coroar a porta da antiga sacristía.

Nota do autor: Este texto foi redactado para o "Libro de festas de San Martiño 2017"


Xosé B. Rodríguez Parada
Moaña







No hay comentarios:

Publicar un comentario